Precisa Galicia dun imposto turístico?

O turismo constitúe xa unha das principais actividades económicas na Galicia, achegando 5M de visitantes (case dous visitantes por residente) que inxectan na nosa economía uns 6.400 M€, o 11% do noso PIB. Cómpre asumirmos esta realidade. Mais por mor das nosas deficiencias á hora de captarmos turismo de fóra da península ibérica (pola falla de marca-país de noso e polas deficiencias do noso sistema aeroportuario) obtemos só unha media de 2,4 pernoctas fronte ás 3,5 á 4 doutros destinos no Estado e na Europa. O repto é o de acadarmos a sostibilidade turística, medrando máis o gasto por visitante.
Porque o problema é que estamos diante dunha saturación parcial. Velaí as medidas restritivas das visitas ás illas Cíes, á praia ribadense das Catedrais ou ao Pórtico da Gloria. O turismo de peregrinación a Compostela é un modelo de éxito canto á dinamización dos Camiños Francés ou de Fisterra-Muxía. Mais presenta un grave problema de saturación en determinadas áreas do casco histórico compostelán, evidente entre a fin de semana anterior á Semana Santa e mediados de novembro. Tamén en Fisterra. E, fóra da dinámica do turismo de peregrinación, Sanxenxo ten xa problemas de masificación moi importantes.
Constituiría un imposto turístico unha solución a esta saturación parcial? Imposto, si, pois que unha taxa non é posíbel. Estas só poden gravar o uso dos bens de dominio público ou actividades de Dereito Público como os estudos universitarios ou as fotocopias dun expediente administrativo. Este imposto só podería ser creado polo Parlamento de Galicia. Os concellos non poden crear tributos.
O inconveniente é que estaríamos a gravar a pernocta, no canto do uso das infraestruturas ou facilities públicas. Mais é difícil facelo doutro xeito, medir a entrada doutra maneira. Conviría tamén gravar, agora si con taxas, algúns servizos puntuais como os de uso de WC e duchas nas praias.
A chave é aplicarmos este imposto de xeito que sexa abondo moderado para non botar fóra o turismo que interese, que penalice máis os apartamentos turísticos e que se coordine cunha continuada acción inspectora de detección e legalización dos aloxamentos turísticos non declarados.
O corolario, como opina o experto Rubén C. Lois, catedrático da USC e director xeral de Turismo do bipartito (2005-09) é destinar neutralmente a recadación a fins exclusivamente de reposición e mellora das infraestruturas ambientais ou viarias afectadas pola enxurrada turística, de xeito que os concellos poidan investir ou chequear o efectivo investimento dos recursos recadados polas pernoctas en cadanseu concello.

Advertisements

Pedro Sánchez insulta a nosa intelixencia

Co balbordo este da fracasada ou -seica- interrupta investidura comentouse ben pouco a proposta enunciada no seu programa como candidato parlamentario polo Presidente en funcións do Goberno do Estado, de reforma do artigo 99 da Constitución para investir directamente o candidato máis votado nas estatais.
A tal reforma sería unha mutación constitucional fulcral que atentaría contra a liña medular da gobernanza do Estado na Constitución actual, baseada na proporcionalidade entre número de votos e de deputados (bastante deturpada, porén, pola Lei D´Hondt) e máis a soberanía parlamentaria. Neste sistema non collen barbaridades como a da lei electoral grega, que, primando con 50 escanos ao partido gañador, permitiu que os conservadores da Nova Democracia acadasen maioría absoluta con só o 38% dos votos, como tamén permitiu a mesma sobrerrepresentación nas pasadas eleccións de Syriza.
A proposta foi precedida pola partidista consulta do CIS de xullo de 2019, que seica lle preguntou ás enquisadas se sería bo non precisar de maioría absoluta para obter o Goberno, aproveitando os problemas da actual investidura. E velaí a consulta-trampa e o insulto mundial á nosa intelixencia, pago vergoñentamente polos nosos impostos que manteñen ese CIS. Porque, como moi ben vén de observar o profesor de Ciencia Política e da Administración da Universidade de Vigo, Álvaro López Mira, este argumento é falso, pois que a investidura do Presidente do Goberno do Estado non require de maioría absoluta, senón de maioría simple na súa segunda votación. O que quería preparar o CIS con esta consulta era o camiño para unha democracia aínda de menor calidade, permitindo que un partido cun 26 ou 27 % dos votos e menos do 20% do electorado obteña a Presidencia dun Goberno estatal ou, mañá, nacional galego. “Que goberne a candidatura máis votada. Nada de coalicións que deturpan o voto popular” é a letra desta andrómena, que non só partilla o PSOE senón o seu vello compañeiro do bipartidismo dinástico, o PP.
Nun sistema de representación política baseado no parlamentarismo e na proporcionalidade goberna quen obtén maioría abondo, normalmente a medio de acordos multipartidistas quer de coalición de goberno, quer de pacto de lexislatura. A sociedade é plural, vota plural e, xa que logo, o normal é que só sexa posíbel gobernar a medio de amplos acordos.
Na capacidade de obter consensos cos que non pensan como nós está a chave da gobernanza democrática. Porque os pactos son o cerne da democracia europea.

Soberanismo é benestar

Artigo publicado na revista Luzes o 6 de agosto de 2019. A versión orixinal pode verse aquí.

Escribía eu esta última primavera electoral que se bota faltar no galeguismo político un proxecto de país que, ao tempo, constitúa un proxecto para as maiorías sociais, como si existía no Partido Galeguista do 1932-1936 e no BNG nos 1997-2009. Como, hoxe en día, existe no PNV, no escocés SNP ou no galés Plaid Cymru. Porque PNV, SNP e Plaid Cymru propoñen arestora proxectos claramente nacionais e soberanistas, mais fondamente inclusivos (tanto para migrantes de calquera etnia como para nacionais retornados), ben alicerzados nos valores do desenvolvemento sostíbel e na igualdade. Propoñen proxectos sociais onde o precariado e as persoas máis vulnerábeis están no foco dos servizos sociais sen deixar de apoiar sobranceiramente o emprendemento empresarial e o incremento da prosperidade. Países autocentrados economicamente e socialmente xustos.
É evidente que da dupla volta electoral desta primavera emerxe un BNG afortalado fronte aos curtos resultados en ambos os procesos de En Marea e CXG. Para máis o discurso hoxe en día do BNG, reflectido na mensaxe aperturista de Ana Pontón este último 25-X, non é o de 2010 e 2011 nin o das asembleas comarcais preparatorias de Amio 2012 nin o posterior da curta vitoria oficialista naquel domingo de Amio.
Porén, o BNG aínda non ten aquelada a mensaxe a respecto das maiorías sociais. Non ten ese relato transversal, ese proxecto de país que si teñen PNV, Plaid Cymru ou SNP e si tivera entre 1993 e 2009, malia que estea agora máis preto que no 2016 ou no 2013. Despois de dez anos de queda e implosión galeguista o reto de construír un proxecto gañador é complexo. Cómpre integrar moitas sensibilidades e moitos sectores e está por ver que que sexa quen a facelo o BNG actual, polo menos sen axudas dende fóra da organización.

Os alicerces dun soberanismo gañador
Este proxecto de País e de maiorías, gañador, transversal e interclasista, este relato para as maiorías sociais, habería alicerzarse en seis vectores esenciais:
Un Soberanismo cívico. O concepto “soberanismo” ten toda a virtualidade de integrar a independentistas, federalistas, confederalistas e autonomistas e ser máis proxectivo e amplo que o concepto máis identitario de nacionalismo. É a verba aquelada para os máis: se defendemos a soberanía das organización, a autoorganización, a conclusión, case ontolóxica, é que acreditamos en Galicia como medida das cousas, en Galicia como titular do dereito a decidir o seu futuro, mesmo a definir o grao de integración nas estruturas comúns estatais e europeas consonte coas reformas e mesmo transformacións do marco xurídico-político que se poidan acadar no futuro.
Un soberanismo transversal desta caste ha salientar a vontade de sermos nación, integrando no proxecto común tamén ás persoas inmigrantes, quer vencelladas familiarmente a Galicia, quer sen eses vencellos. Será, pois moito máis cívico a identitario, malia afirmarse tamén nuns sinais de identidade asumidos pola maioría da pluralidade social.
Republicanismo. Conéctase claramente co vector do soberanismo cívico, representando o alicerzamento deste proxecto común de País no principio democrático e na legalidade baseada nos dereitos fundamentais e liberdades públicas. E tamén leva inserida a superación do actual réxime monárquico como principal chata do Deep State na evolución do Estado cara un Estado plurinacional e cara ao pleno recoñecemento dun autogoberno galego que poida garantir, polas súas competencias e financiamento, o noso benestar.
Galicia achega só pouco máis do 5% da poboación e PIB estatais. Somos o País de Europa que máis precisa o autogoberno, porque as grandes cuestión económicas da axenda galega son prescindíbeis para o Estado. Só dende o autogoberno, dende o exercicio (preferibelmente pactado) da soberanía é posíbel o benestar.
Europeísmo. Galicia é un pequeno país europeo. O seu mercado sobranceiro é Europa. A súa pluralidade social é europea. Os seus problemas e potencialidades son os da vella Europa. Transformar a actual UE nunha Europa dos pobos e cidadáns é tan preciso como complexo, mais fóra da UE non hai futuro.
Desenvolvemento económico desde a sostibilidade. Este proxecto de País habería apostar por decididas políticas de promoción empresarial, reindustrialización e posta en valor do medio rural baseadas no I+D+i, sempre enchoupadas nos valores ecolóxicos da sostibilidade. Cómpre agasallar o emprendemento empresarial que xogue na normativa ambiental, social e fiscal propia dun país europeo avanzado. Sen emprendedores empresariais non hai nin Nación nin emprego de calidade. Crecemento sostíbel é benestar.
Igualdade. O compromiso coa igualdade de xénero ha ser transversal, servindo de avaliación de todas as políticas sectoriais. Os valores feministas han de se incorporar ao cerne deste proxecto de País.
Un proxecto social, un país de coidados. O desenvolvemento sostíbel xera benestar, mais non soluciona por si a desigualdade. Os coidados son o elemento esencial da política de benestar e alicérzanse nos valores de cidadanía común. A política de coidados habería arrombar coa pobreza e co precariado, ademais de constituír unha importante panca para o progreso económico, creando emprego tanto vencellado aos mesmos coidados como fomentando a empregabilidade nos colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión.
Os vimbios e os métodos. Este país xógase moito nas eleccións nacionais de 2020. Non só a moi precisa e urxente substitución do PP no Goberno, senón mesmo a composición interna e o equilibrio de forzas desa hipotética maioría plural. Con Unidas Podemos (Galicia en Común na súa franquía galega) en claro devalo é fulcral que o PSdeG teña que se alicerzar nun potente Grupo soberanista. O BNG vai mellorar os resultados de 2016 mais semella que con isto non chega.
Os vimbios orgánicos para alicerzar este proxecto non son hoxe socialmente relevantes, mais achegan unha parte organizada coa que sería importante contar. Falo de En Marea e de CXG, mais tamén das forzas nomeadamente municipais que gobernan ou gobernaron até hai meses en Narón, Cambados, Pobra do Caramiñal, Outes, Salceda de Caselas, Arzúa, Melide, Vimianzo, ou Mondariz. Mais con ser estes vimbios importantes, moito máis o son as persoas hoxe en día independentes, moitos con experiencia política, que non sinten –aínda– ter espazo no BNG nin na esquerda estatal, con presenza cualitativa en moitas ocasións no mundo cultural, deportivo, sindical, empresarial ou social deste País.
Canto á fórmula organizativa acaída para vertebrar este espazo, o pouco tempo que fica para as eleccións aconsella a ferramenta da plataforma, onde poidan concorrer grupos municipalistas, sectores de opinión, partidos e milleiros de persoas individuais sen prexulgar unha estruturación máis estábel que dependerá sobranceiramente e en primeiro termo, dos resultados electorais do ano vindeiro.
E fica a pregunta máis conflitiva: como se pode ir ás eleccións nacionais de 2020? Teoricamente semella que hai dúas opcións acaídas á finalidade de construír proxecto: co soberanismo do BNG ou como novidade electoral. A primeira pode ser inviábel se o BNG non avalía a xeito a achega cualitativa deste paso para construír País. A segunda debilitaría o soberanismo, con moita probabilidade. Os valores da intelixencia e da cooperación xenerosa só levan a un camiño practicábel.
Un ano por diante, quizais menos. Unha responsabilidade histórica. Non será desde logo a derradeira oportunidade, mais a este País non lle quedan moitas.

Si. Son presos políticos

Se calquera xurista espelido e neutral lle bota unha ollada ao Código Penal vixente (CP) e analisa os termos das acusacións perante o Tribunal Supremo (TS) contra os presos soberanistas cataláns e demais acusados no seu proceso, só albiscará pegadas do delicto de desobediencia ao Tribunal Constitucional (556.1 CP; multa ou cárcere de tres meses a sete meses e medio se non hai agravantes) nos membros do Govern e na presidenta do Parlament, Carme Forcadell. Canto aos Jordis, non se albisca delicto ningún. Como moito podería existir algunha pegada non moi concluínte do tipo penal das desordes públicas (557 CP no seu tipo básico: 6 a 18 meses de cárcere se non houber agravantes).
Non se albisca malversación ningunha, non só por desbotala o ministro español Montoro, que daquela (setembro-outubro 2017) foi quen máis puido coñecer da súa existencia, senón porque o referéndum foi organizado rigorosamente de xeito que non se investise nel nin un euro público, precisamente para lle evitar aos cargos e funcionarios públicos eventuais responsabilidades por este delicto. Velaí o apaixonante e cinematográfico relato sobre quen trouxo as urnas, como e de que xeito.
Canto á rebelión do 472.5 CP que lles vou dicir! Todo o que cumpría xa o dixo o Tribunal Superior de Schleswig Hollstein ao rexeitar a extradición por este delicto do president Puigdemont. Non existiu elemento ningún de violencia física nin tampouco de ameaza de violencia (intimidación). Cómpre aplicar esta conclusión, tamén, ao delicto de sedición para determinarmos a súa inexistencia, por precisar o mesmo elemento violento ou intimidatorio.
A conclusión, pois, é nidia: a prisión preventiva acordada, que se alonga xa case dous anos, non ten alicerzamento legal ningún. E dirán vostedes… como puido ser isto posíbel?
A chave do ocorrido está na querela criminal presentada o 30.10.2017 pola Fiscalía Xeral do Estado e a súa inmediata admisión para trámite polo TS, que manifestou axiña que vía indicios de rebelión, polo menos no grao de conspiración. Deste xeito, o TS arrincoulle a competencia ao Superior de Catalunya, ao que lle cumpriría dacordo co Estatut e coa Lei Orgánica do Poder Xudicial, e puido instruir logo ao seu xeito.
Despois, a Fiscalía Xeral e o TS (nas súas interlocutorias, sen prexulgar o que se poida dicir na sentenza) foron construíndo un relato político de rebelión e malversación aplicábel a supostos rebeldes perigosos, inserido na liña do peor Dereito Penal do Inimigo.
E velaí onde estamos hoxe. Teñen vostedes aínda dúbidas sobre se Junqueras, Rull, Turull, Forn, Romeva, Forcadell, Bassa, Sánchez ou Cuixart son presos políticos? Eu, nesta altura, ningunha.

O silencio internacional de Galicia

Os países como Galicia teñen necesidade dunha política exterior. É verdade que no contexto internacional de hoxe en día o acaído é que só exista unha única diplomacia europea. Mais a política exterior é outra cousa e precisamos unha de noso.
Galicia é sinónimo de calidade internacional nunha boa cantidade de produtos e servizos. Tamén temos lingua e cultura de noso que nos abeira ao mundo lusófono e unha posición xeopolítica envexábel para o noso desenvolvemento como hub portuario entre Panamá e Europa. Mais só achegamos pouco máis do 5% do PIB e da poboación do Estado. Xa que logo, as nosas necesidades de promoción exterior, tanto no empresarial canto no cultural, son irrelevantes para España. O servizo exterior español non traballa para nós e temos que facer ese choio pola nosa conta.
No eido empresarial precisamos actuar eficientemente na atracción de investimentos exteriores e máis na apertura das exportacións galegas. No 2017 só atraímos o 0,96% dos investimentos exteriores no Estado, fronte ao 5,5% do noso PIB. Por outra banda, o 75% das exportacións galegas (moi concentradas en Inditex e PSA Peugeot-Citroën) fóra do ámbito do Estado véndense no Reino Unido, Franza, Alemaña, Portugal e Italia. Neste último ano fomos o territorio do Estado que máis baixou nas exportacións, pola nosa extrema exposición a ese ámbito restrinxido da Europa do Oeste.
Dende a súa chegada ao goberno Núñez Feijóo desenvolveu un proceso de demolición da acción exterior galega condenando á minguante acción exterior galega á fragmentariedade, descoordinación e absoluta sumisión ás directrices da diplomacia española. Mais logo de perder o Goberno do Estado o PP e diante da irrelevancia de Feijóo e do PPdeG no contexto estatal, seica este propón agora un anteproxecto de lei de acción exterior de Galicia que implicitamente recoñece os dez anos perdidos pola súa xestión medoñenta e retrógrada.
Galicia está calada, está silente no mundo, malia termos unha mesta rede de Centros galegos, tamén desatendidos polo Goberno galego nesta longa estadía popular que acada xa dez anos. Non son as provincias, senón os países, os que venden as súas exportacións e os seus produtos culturais, os que atraen o bo turismo e máis os que acadan investimentos exteriores. Velaí que sermos país, sermos nación, sexa a vía galega para o benestar. Polo menos a máis directa e quizais a única practicábel.

Disaster Johnson

Boris Johnson, antigo alcalde de Londres (2008-2016), acadou a xefatura dos conservadores británicos logo dunhas primarias nas que xuntou a maioría do grupo parlamentario e máis dous terzos dos votos dos 160.000 afiliados, nun 75% homes en un 97% da raza caucásica. De contado foi nomeado prime minister pola raíña Elisabeth e formou un goberno dos seus seareiros, de brexiters radicais, enchendo os principais ocos do Consello de Ministros, baleirados pola demisión dos colaboradores de Theresa May e David Cameron, que non querían aturar o previsíbel extremismo antieuropeísta do Johnson.
O Brexit está previsto para o vindeiro 31-Ou. Johnson anuncia que vai tentar un mellor amaño que o preasinado pola May. A Unión Europea é unánime en non lle achantar o camiño. A súa maioría parlamentaria arestora xa non existe, porque ten xa unha minoritaria fracción europeísta dos seus compañeiros tories en contra.
Son fulcrais dúas cuestións: a backstop irlandesa e a desafección escocesa. A primeira significa que nin a República de Irlanda nin a maioría norirlandesa (votaron case un 56% contra o Brexit) aturarán unha fronteira real (hard border) entre as dúas Irlandas. A segunda vén de ser expresada pola first minister escocesa, Nicola Stugeon, quen vén de lle pedir ao novo prime minister Johnson as competencias para convocar un novo referéndum de independencia. Porque o 62% dos escoceses votaron en xuño de 2016 para ficaren na UE e porque xa entre un 53 e 55% de escoceses semellan estar por votar yes a un segundo referéndum de independencia. Ben podería ser Johnson o derradeiro dos prime minister con xurisdición ao norte do Tweed, cando mesmo o 40% dos electores laboristas en todo o Reino Unido aceptarían a independencia escocesa. Que grande lección para o centroesquerda español.
Mais Johnson tamén terá problemas con Gales, onde os soberanistas do Plaid Cymru seica deron coa mensaxe para se converter nun partido de maiorías, dirixido por Adam Price, un líder moderno e representativo da transversalidade galesa. E moitos terá na Inglaterra. Os lib dem veñen de acadar o segundo posto nas eleccións europeas de maio e elixiron tamén unha nova leader, Jo Swinson. Lib dem e verdes queren un novo referéndum do Brexit e o líder laborista Corbyn, haberá pactar con eles e cos soberanistas galeses e escoceses, quer para iso, quer para derrubar Johnson cunha moción de censura antes da previsíbel xogada do loiro da canceira disolvendo o Parlamento de Westminster.
O futuro do Reino Unido está cheo de treboadas e doutras adversas meteoroloxías. Para máis, o dano na inflación e no PIB no curto prazo pode ser catastrófico. A experiencia da gobernanza do antigo major londinense pode ser un desastriño.

Pedro e Pablo

Non falarei da catedral de San Petersbourg, nin tampouco dos santos apóstolos do 29 de xuño. Falaremos do que cómpre, da irresponsabilidade da esquerda española.
O 28-A a cidadanía do Estado deulles un 28,7 de votos ao PSOE e a metade -14,3%- A UP. Sólidos alicerces para unha maioría parlamentaria pactando cos soberanistas cataláns, vascos e valencianos. Porque isto foi o que quixo a xente: nada de extremismos de dereitas, non aos neocentralismos e recentralizacións, non abusardes dos sectores medios e traballadores da sociedade.
Estes dous, os Thompson Twins (vostedes desculpen, o Pedro e o Pablo), demostraron outravolta que o español de esquerdas é un suxeito con pouca semellanza a respecto das persoas europeas que traballan contra as inxustizas e os extremismos. A Pedro só lle preocupaba amolar a Pablo e á xente deste, comelos polos pés, humillalos… Querían recuperar aquela presenza do PSOE doutrora que mancou de vez a Grande Depresión. Vaites, Pedro…
Canto ao Pablo tería unha grande oportunidade de evitar eleccións en novembro (que seica refuga coma o gato á auga quente) se lle outorgase a investidura ao Pedro, ocupando deste xeito, de vez, o castelo da oposición de esquerdas, coa chave que abriría as reformas legais e orzamentos. Por que non quixo tal? Porque é consciente que IU e grande parte de Podemos o culpa do devalo daquela alternativa que seica ía tomar ao asalto o Pazo de Inverno (vaites casualidade, ben perto da catedral de Pedro e Pablo) e agora precisa de Ministerios para mesmo sobrevivir como líder orgánico.
Un e outro amosaron porque os españois de dereita e esquerda son tan semellantes no seu centralismo testán fronte ao recoñecemento das outras realidades nacionais que habitamos canda eles na Península Ibérica. Velaí, por exemplo, a oferta das dez de últimas do Pablo: “Ok, renuncio ao Ministerio de Traballo; chégame coas políticas activas de emprego”. Vaia oh!, os de Podemos descoñecen que as políticas activas de emprego están transferidas. El logo non eran estes os que apoiaban o dereito a decidir dos galegos?
Esta irresponsabilidade explica a súa incompetencia do 2015-2019 cando non foron quen de derrogar a lei “mordaza” nin as reformas local e educativa impostas pola maioría absoluta do PP. Velaí que sexa ben chocante que teñan que ser os soberanistas do PNV, JxC, ERC ou Compromís os que defendan os intereses da cidadanía española.
Os partidos unionistas, quer da esquerda, quer da dereita españolas, son incompetentes e irresponsábeis.