O capitalismo castizo

O modelo económico da dereita española non foi nunca, nomeadamente, o do emprendemento, a eficiencia e a libre concorrencia. Máis ben o que o distinguiu ten sido a confusión entre Poder político e oligarquía económica. O que un bo amigo de meu chama “o capitalismo castizo de BOE”. Exemplos na historia témolos a eito, entre eles o monopolio de petróleos de Calvo Sotelo, ou a privatización das empresas públicas do binomio Aznar-Rato nos anos 90 do século pasado. É ese capitalismo ineficiente que prioriza Rexistradores da Propiedade, basculeiros e listeiros a respecto dos investigadores, científicos e creativos. A mesma que historicamente cargaba as facturas co 13% de gastos xerais e 6% de beneficio industrial como se o BOE houbese definilos e na economía eficiente o prezo non fose produto dunha decisión de mercado e, dende logo, comprensivo dunha parte de custo e outra de beneficio.
O primeiro ano de Goberno Rajoy afondou nesta liña de distorsións á competencia e restricións á economía do coñecemento e da investigación. 34 Premios Nóbel veñen de lle dicir a Rajoy que os recortes á ciencia e á investigación botarán fóra á economía española dos círculos de progreso tecnolóxico e calidade. E que dicir do tarifazo do Ministro Soria? No canto de gravar o consumo excesivo de electricidade chega gravar a produción cargando os galegos cos custos fiscais á enerxía producida no noso país. Cando, en realidade, a nosa calidade de país produtor e os custos ecolóxicos que sufrimos xustificaría unha enerxía moito máis barata que a de Madrid, que non produce nin o 10% da enerxía que consume.
Mentres, o Ministro Soria segue coa súa política suicida, que teima tamén no illamento do sistema enerxético español a respecto do europeo, ao Ministerio de Industria veñen de lle retirar dende a UE as competencias sobre emisións de CO2, como ao Ministerio de Economía lle retiraron no verán as súas competencias de control sobre o Banco de España. Agora ben, diminuíu o orzamento e o persoal destes Ministerios? Non, o problema seica son os gastos da Generalitat ou da Xunta de Galicia.

A ARRINCADEIRA: Rouco Varela pontifica
O exemplo de Cáritas e doutras ONG cristiás na loita contra a exclusión social nestes tempos contrasta co discurso de Rouco Varela, a quen semella só preocuparlle o ensino en castelán ou a unidade de España. Cuestións estas que non sei que conexión teñen coa mensaxe de Xesús de Nazaret.

NCG Banco: accionistas e preferentes

Para NCG Banco o ano remata co anuncio da súa reestruturación de capital a medio dunha “operación acordeón”, pola que se vai reducir o capital a cero (perdendo todo o seu valor cadansúas cotas de Novacaixagalicia e dun grupo de investidores galegos que mercaran do FROB un 2,7 por cento do capital do banco) para despois achegar, só polo FROB, algo máis de 5.000 M€ .
Os investidores galegos (propietarios de Gadis, Jealsa ou Estrella Galicia, entre outras empresas) non perderon o valor das súas accións polas perdas xeradas desde que mercaron (fins de 2011) até agora, senón por mor de que as accións que lles vendeu o seu propietario (o FROB, controlado polo Ministro De Guindos) e polas que pagaron un 2,7 por cento de 181 M€ non tiñan valor ningún neses intres.
Xa que logo, anúnciase unha batalla legal que probabelmente gañen os investidores (malia que teñan que xogala nese enxendro xurisdicional chamado Audiencia Nacional) e que mancará aínda máis o prestixio internacional do proceso de reestruturación financeira española. Ao tempo anunciouse que ao comezo do 2013 o FROB comunicará as condicións para o troco aos titulares de preferentes, sobre a base dunha perda parcial e da restitución do valor restante a xeito de accións do Banco.
Mais o Ministerio de Economía non está a dar a información ao xeito, pois que hai que advertir -e non se fai- que estas condicións só serán aplicábeis para aqueles clientes que non demanden xudicialmente a nulidade contractual da súa compra de preferentes. Até agora van xa case 12.000 consumidores galegos que obtiveron da arbitraxe a declaración de nulidade de cadanseu contrato. Mais esta vía estase a esgotar, desactivada de feito pola Xunta dende as eleccións autonómicas. Agora só remanece a vía xudicial, quer pola vía máis rápida das demandas individuais (gravadas xa co pagamento de taxas), quer adheríndose a algunha das demandas colectivas interpostas.
Só adoptando unha ou outra decisión hai probabilidades reais de recuperar os aforros agora indispoñíbeis.

Carta a El-Rei

Señor: Cando vostede lea isto ficará pouco para a súa mensaxe de Nadal. Descoide, non paga a pena que a rectifique vostede. 37 anos de discursos inzados de lugares comúns non remudan dun día para outro.
Non sei se hoxe, entón, seguirá vostede a liña destes 37 anos e ignorará, outravolta, á miña lingua e as restantes linguas do Estado distintas do castelán. Porque, Señor, nas súas mensaxes de Nadal nunca se lle escoitou un zorionak, bo nadal ou bon nadal nin ningunha atención á realidade plurinacional e plurilingüistica do Estado.
A Constitución fala da súa función arbitral e moderadora. Mais, Señor, vostede nunca entendeu esta realidade plural española e non tivo reparos para defender en público a Patxi López a respecto de Ibarretxe como lehendakari, a manifestar a súa adhesión á guerra de Irak, “como militar” ou a censurar duramente, na páxina web da súa Casa, as propostas electorais de CiU, ERC ou ICV a respecto do dereito da cidadanía catalá a decidiren o seu futuro. Porque leva vostede máis de 30 anos pechado tras a adulación cortesá da burocracia bipartidista PP-PSOE (máis cortesáns os socialistas ca os populares) e carece de referentes sociais que lle fagan percebir a remuda da sociedade. Doutro xeito non tería ido vostede cazar elefantes a Botswana. Nin osos a Romanía.
Señor, o seu compromiso coa transparencia ten sido moi cativo. Distribución libre dos recursos orzamentarios asignados á súa Casa, uso non regulado pola súa Familia dos medios do Patrimonio do Estado, agasallos carísimos de amigos pouco convenientes… E non o lembro nunca adoptando iniciativas a prol da mellor información ou transparencia, nin tampouco cara a unha meirande contención nun gasto que non é compatíbel coa realidade española de hoxendía.
Seica sexa tarde de máis para mudar un estilo e unha visión do mundo. Mais teña Vostede por certo que o juancarlismo sairá moi mancado desta crise tan fonda e global.
Bo Nadal e os meus mellores desexos no persoal.

A ARRINCADEIRA: P. S. ao Príncipe
Señor, as persoas que pertencemos á súa mesma xeración sabemos que tivo vostede unha formación moito máis democrática que a do seu pai. Velaí que pense que o día que acade a Xefatura do Estado saberá da conveniencia de que a cidadanía decida sobre a continuidade da Monarquía, sen presas, mais tamén sen condicionamento ningún.

Galego na escola

No extremismo dos ministros Wert e Gallardón amósase unha faciana do PP intolerante, centralista e autoritaria. No caso das taxas, Gallardón introduciunas contra o criterio de avogados, xuices e demais operadores xurídicos. No caso da educación o PP só ofrece unha reforma educativa sen diálogo, sinalada polos recortes no autogoberno das nacións españolas (entre elas Galicia) e por apelar, outravolta, á idea da España única ao determinar que só será troncal o castelán, deixando ás outras linguas oficiais nun status secundarizante de materia de especialidade.
O proxecto Wert, asemade, entende a educación como a adquisición dun feixe de contidos, sen dúbida convenientes, mais subordina a esta adquisición o máis importante, que é sementar nos discentes actitudes, aptitudes e técnicas. Velaí ese absurdo enguedellamento en se Madrid define determinada porcentaxe de contidos e Compostela outros.
Mais a reforma vai máis aló. Todos recoñecemos a vantaxe de que os distintos sistemas educativos españois (e europeos) coordinen os seus programas, para garantir unhas titulacións compatíbeis. Pero que o Estado se reserve a facultade de impor a avaliación dos estudantes a medio de probas que só pode facer o Ministerio (e non a Consellaría) atenta contra o espirito do pacto normativo contido no Estatuto de Autonomía de Galicia, que lle recoñece competencia exclusiva á Xunta en todos os graos e níveis do sistema educativo. As probas de avaliación despois dos ciclos haberían ser de estrita competencia da Administración educativa galega.
Na cuestión lingüística, o proxecto Wert sobarda tamén todas as liñas vermellas. Porque o galego é a lingua minorizada no seu propio País e para obter competencia abonda para lelo, escribilo e falalo as crianzas precisan non só galego na escola, senón a escola en galego, sen prexuízo do ensino a xeito do castelán, do inglés e do portugués, para rematar tamén o ensino obrigatorio con plena competencia nestas linguas.
En calquera caso, correspóndelle a Galicia a definición da lingua vehicular no seu ensino, dacordo coas competencias exclusivas do Estatuto.

A Xunta contra o galego

O Presidente Feijóo e o conselleiro Vázquez veñen de desaproveitar unha excelente oportunidade para restaurar o consenso lingüístico optando polo continuismo na súa política de exclusión do galego no ensino infantil e de minorización nas demáis fases do ensino obrigatorio.
Máis aínda, ao recorrer perante o Tribunal Supremo as sentenzas do TSXG que declararon ilegais a consulta sobre a lingua de preferencia aos país e nais do ensino infantil e máis o dereito dos alunos a usar da lingua da súa escolla nas materias que se han impartir en galego, a Xunta minusvalora o Tribunal Superior de Xustiza como última instancia xudicial na aplicación do Dereito galego e convida ao Tribunal Supremo para que interprete de xeito restritivo o “status” que á lingua galega lle recoñecen o noso Estatuto e a Lei de Normalización Lingüística.
Deste xeito, o Goberno galego, que deriva a súa lexitimidade da cualidade nacional que emana do noso Estatuto de Autonomía (e que reside nos caracteres da nosa diferenza, entre eles a lingua) recorre de xeito insólito perante o Tribunal Supremo para tentar acadar unha sentenza que limite esa mesma cualidade nacional, ao limitar o rol do galego como lingua oficial no ensino. E, no mesmo lote, cuestiona o papel do TSXG como instancia que esgota os recursos nas cuestións de Dereito galego, entre elas o estatuto da nosa lingua. O mundo do revés.
O peor é que esta actitude, ao principiar a segunda lexislatura do PP con maioría absoluta, remata por voar todas as pontes posíbeis para restablecermos o pacto social en materia lingüística. Porque sitúa ao PP, de xeito permanente e dificilmente revogábel, fronte aos sectores da cidadanía galega que aspiran á plena igualdade real do galego e o castelán e que tentan que os mozos e mozas galegos non rematen o ensino obrigatorio funcionalmente analfabetos na súa lingua nacional.

A ARRINCADEIRA: Constitúese formalmente CxG.
No seu Congreso Constituínte Compromiso por Galicia (CXG) definiuse ante todo como partido nacional e galeguista e ubicouse no amplo espectro do centro-esquerda, integrando as sensibilidades socialdemócrata, liberal progresista e ecosocialista e refugando reducionismos á dereita e á esquerda. Agora ven para esta forza en construción o máis difícil: demostrar a súa capacidade de ser un instrumento útil para a economía e benestar da cidadanía galega.

Proxecto de país

Galicia está a vivir un momento histórico marcado pola gravísima recesión económica, pola remuda do paradigma social e institucional e por unha fonda crise moral e de confianza nas propias capacidades. Xa que logo, nunca tan preciso foi pensarmos o País. E actuar, dende parámetros de responsabilidade, apertura social e un pragmatismo non exento de sólidos alicerces éticos. Nunca tan precisa foi a política, para estruturarmos as angueiras da maioría social galega nun sólido proxecto de País. Proxecto que habería basearse en catro piares.
O primeiro destes piares é salvarmos e consolidarmos o Estado do Benestar. E para isto hai que frear este proceso salvaxe que está a deconstruílo e a destruír as nosas amplas clases medias de onte. Garantir (a medio das reformas na fiscalidade e financiamento autonómico que sexan precisas) a calidade e universalidade da educación, sanidade, xustiza e servizos sociais constitúe unha condición esencial para convivirmos baixo os parámetros da inclusión e cohesión social. O outro é barbarie.
O segundo sería o de consolidarmos o autogoberno e ampliármolo substancialmente, para converter a Xunta e os concellos nas únicas administracións canto a execución e para deseñar España como Estado plurinacional e en rede, no marco dunha Europa unida, federal e democrática. Máis Galicia, máis e mellor Europa e menos España.
O terceiro piar é a renovación democrática, para implementar reformas electorais e políticas que garantan a participación cidadá, a proporcionalidade electoral, as candidaturas abertas, unha meirande independencia xudicial e a fin da actual burocracia bipartidista que degradou deste xeito a democracia.
E o cuarto grande alicerce sería o da promoción da iniciativa empresarial e da creación, para facer de Galicia un País aberto, no que sexa viábel investir e crear, no marco do respecto á legalidade fiscal, ambiental, laboral e urbanística vixente. Un País para o emprendemento, no que as Administracións galegas non controlen nin suplanten a iniciativa, senón sexan quen de alentala e acompañala.

Non hai política turística

Os dados de ocupación desta ponte festiva na Galicia foron arrepiantes, con só un 30-35%. Porque a queda do turismo peninsular (pola gravísima recesión portuguesa e española) amosounos que o emperador ía espido. Galicia, a pesares dos seus evidente atractivos e do grande coñecemento acadado polo camiño xacobeo, vai sendo excluída dos grandes circuitos turísticos. E semella que todo o traballo desenvolvido dende comezos da autonomía estase a esfarelar dende 2010.
É evidente que a alternativa é captar turismo europeo e transoceánico. Mais o principal problema para traelos é a nosa incomunicación aérea. O ineficiente centralismo de AENA potenciou Madrid como grande “hub” subordinando os aeroportos galegos a pasar en moitas ocasións por aí. E, independentemente que todo o que non sexan conexións directas con Galicia son moi pouco úteis, están a desaparecer tamén as conexións indirectas vía Madrid e Barcelona. Hoxe en día non é posíbel viaxar dende Barajas cara Alvedro ou Lavacolla dende as 15:45 h.
Xa que logo, semella que a política turística ha de se integrar coa política aeroportuaria. Só coa transferencia dos aeroportos á Xunta poderanse coordinar e especializar os tres aeroportos no marco dun sistema aeroportuario galego de noso. Nese marco, poderemos ter conexións que garantan un fluxo turístico continuado. De feito, arestora é o aeroporto Sá Carneiro do Porto quen está a cumprir como porta de Galicia, como ben sabe a Asociacián de Empresarios de Hostalería compostelá.
Mais tamén resulta claro que Galicia fracasa pola inexistencia de promoción real desque Carmen Pardo está á fronte do turismo galego. Fracasou a campaña de gárdame o segredo e fracasa, en xeral, unha política que nin aproveita o tirón xacobeo nin salienta os nosos caracteres nacionais diferenciais. As provincias e os territorios sen personalidade de seu non atraen aos visitantes.

A ARRINCADEIRA: ConsumoGustos etiquetados en galego.
A crise tamén esta a mancar os sectores galegos da produción alimentaria. Velaí a importancia de mercarmos produtos galegos. O Foro Peinador, incansábel axente de galeguización no ámbito da empresa galega, presenta este luns en Vigo unha campaña a prol do consumo neste Nadal de produtos galegos etiquetados en galego. Sen dúbida, un exercicio de consumo responsábel contribuirá ao tempo, a prol da nosa actividade empresarial e da vitalidade da nosa lingua nacional.

Unha Constitución caducada

O extremismo das propostas dos ministros Wert e Ruiz Gallardón ilustran os sinais dos tempos neste 34 aniversario da aprobación da vixente Constitución. As conmemoracións desta efeméride foron quen a reflectir a caducidade do modelo constitucional actual: ausencias de case todos os partidos alleos ao bipartidismo de quenda, declaracións enfáticas sen lle admitir á prensa preguntas… Un cadro verdadeiramente decadente, cualificación da que tampouco zafa algún dos ausentes como Cayo Lara (IU), a quen non lle valeu o Senado para o evento, mais si para aproveitar a presenza dos xornalistas e contar a súa historia.
O modelo constitucional (que a grande maioría non puidemos votar por mor da nosa idade) xa non serve. Hai que inserir nun novo texto o recoñecemento das regras e competencias da UE e máis as categorías xurídico-políticas do século XXI, entre elas a constitucionalización (hoxendía son só principios informadores das políticas social e económica) da protección da saúde e do acceso á vivenda como dereitos.
E hai que enfrontar a organización plurinacional do Estado. Precisamos dun Estado en rede, moderno, onde non exista un plantexamento radial do territorio nin un cerebro hipertrofiado que todo o pense e nos diga en que lingua falar ou onde gastarmos os cartos. Un Estado a construirmos dende o recoñecemento da plena soberanía das nacións como Galicia a respecto das cuestións vencelladas á lingua, á cultura, ao Dereito Civil e á organización territorial e réxime local. Materias todas onde o Estado plurinacional constituiríase como confederal, recoñecendo o dereito de veto das distintas nacións nese ámbito. Para adoptar, canto ao financiamento, política económica e réxime fiscal, un federalismo non exento de doses estimulantes de competición, que poida testar o suceso ou fracaso das distintas propostas de fomento ou fiscais, como adoitan facer nos USA.
Cada ano que demore esta remuda de modelo constitucional medrará o número de separadores. E, xa que logo, de separatistas. Até dificultar verdadeiramente a continuidade da convivencia nesta nosa España plurinacional.

A mala administración

Un dos programas de maior audiencia na TV estatal puxo este día o foco nas duplicidades administrativas e destrago de recursos que xeraba o mantemento dunha Administración do Estado ineficiente e hipertrofiada. Por mor da desconfianza histórica de Felipe González, Aznar, ZP e Rajoy aos gobernos autonómicos mantéñense Ministerios como Sanidade, Educación ou Cultura e Deporte, que teñen case todas as súas competencias transferidas.
Canda a unha AENA que é a axencia aeroportuaria máis centralizada e ineficiente do mundo occidental, no canto de transferir os aeroportos galegos á Xunta e garantir a súa xestión autónoma e aberta á participación da sociedade civil da súa contorna territorial.
Hoxe en día, na época de Internet e das novas teconoxías, os Delegados, Subdelegados do Goberno e toda a Administración periférica estatal sobran. Como as Deputacións na Galicia, que constitúen un esquema centralista e decimonónico que se mantivo só a xeito de contrapoder. Ou as grandes axencias estatais, que amorean 32.000 millóns de euros de débeda agachada e que non teñen papel nun Estado autonómico de fasquía federal.
España é plurinacional e, xa que logo, só se pode organizar en rede, por medio dun conxunto de técnicas federais (nomeadamente no eido fiscal e financeiro) e confederais (nos asuntos de lingua, cultura, Dereito civil e réxime local, onde Galicia habería ter dereito de veto, canda os restantes países con lingua e Dereito civil propios). Neste contexto, suprimir o actual Senado que gasta 55 millóns de euros para irmos a unha segunda Cámara territorial elixida polos Parlamentos autonómicos (cun só senador por Comunidade Autónoma e outro máis, por exemplo, por millón de habitantes) e que custase a quinta parte sería acaido para artellar este esquema plurinacional en rede.
Coas duplicidades actuais non podemos seguir. E son o Estado e as Deputacións os que han sufrir os meirandes recortes, porque os Gobernos autonómicos  xestionan os servizos públicos esenciais.

A ARRINCADEIRA: FEIJOO REPITE GOBERNO
O feito de que Feijoo  reproduza case na súa totalidade o seu Goberno amosa un grao de suficiencia moi preocupante. Nomeadamente o mantemento de Jesús Vázquez, que agravou a guerra lingüística, é un mal síntoma de que Feijoo instalouse no peor continuísmo.