Os acertos estratéxicos de Puigdemont

É común na opinión publicada madrileña, omnipresente nos media de dereitas e ben repetida no de esquerdas, alcumar o presidente Puigdemont de “fuxido” ou “rebelde”. Mais, miren vostedes, coa lei na man non hai tal. O luns 30-Ou de 2017, 48 horas despois da súa destitución polo 155 aprobado no Senado polo PP de Rajoy e o PSOE de Pedro Sánchez, Puigdemont mantiña unha rolda de prensa en Bruxelas coa ampla maioría de consellers e conselleras do seu Govern. Na altura non había aínda acusación ningunha contra el.
Moi poucos días despois, o domingo 5-N de 2017, Puigdemont enfrontou unha euroorde do Tribunal Supremo polo delicto de rebelión que pedía o seu prendemento e extradición da xustiza belga. Antes que chegase formalmente esa euroorde a Bruxelas, Puigdemont presentouse perante o órgano xudicial competente. E foi liberado, sen ningunha clase de medidas cautelares, canda os demais conselleiros e conselleiras reclamados.
Comezaba entón a se definir o primeiro dos grandes acertos estratéxicos de Puigdemont: a aposta polo mantemento da lexitimidade da súa presidencia no exilio. Enténdaseme a xeito, aquelas persoas que decidiron ficar no seu país -ou voltar a Catalunya- tiñan motivos persoais e mesmo políticos moi potentes. Mais ninguén pode negar arestora, case seis anos e medio despois, que manter en Waterloo esa Presidencia de Catalunya revogada e removida por Rajoy foi un acerto de primeira orde, pois que: i) preso polos xuíces alemáns, Puigdemont acadou a súa liberdade por sentenza do Tribunal Superior de Schleswig-Hollstein ao consideraren que o delicto polo que era perseguido no Estado español non tiña correspondencia na República Federal alemá, ii) o president e os seus conselleiros e conselleira Clara Ponsatí obtiveron pronunciamentos análogos da xustiza belga e escocesa, iii) Puigdemont obtivo do Tribunal de Xustiza da Unión Europea unha sentenza, o 31.01.2023, que na práctica inviabilizou calquera nova euroorde contra el e calquera persoa exiliada do seu Govern, pois recoñecía que calquera xuíz europeo podía rexeitar unha euroorde se existían dúbidas racionais da existencia de deficiencias na administración da xustiza do Estado requirente a respecto das persoas afectadas pola súa pertenza a un grupo obxectivamente identificábel. Miren que casualidade que esta mesma doutrina sexa a que alicerza a proposición de lei de amnistía aprobada hai algunhas semanas no Congreso estatal. E iv) o Avogado Xeral da EU vén de dicir que tiña razón Puigdemont: non era preciso que fose por Madrid prometer a Constitución para ser legalmente eurodeputado.
Esta batalla desde o exilio mantivo viva a loita pola restitución daquel Parlament e Govern de 2017, cesados por unha autoritaria e centralista interpretación do 155.
Os outros acertos estratéxicos son moi recentes. O primeiro é botar fóra calquera consideración persoal, rexeitar a moi cómoda garantía de inmunidade como eurodeputado durante outro quinquenio (2024-29), refugando presentarse ás europeas do 9-X e, no seu canto, enfrontar a candidatura á Presidencia da Generalitat. O segundo foi amosar limpamente o seu xogo (moi conforme cos xeitos da política europea máis avanzada) e anunciar que se vai retirar da política se non é Presidente despois das eleccións do 12-M.

O efecto Puigdemont

Catalunya será a terceira nación do Estado en anticipar eleccións, convocadas para o 12 de maio, nestes primeiros meses de 2024, logo do noso País (18-F) e de Euskadi, onde se celebrarán o 21-A. No caso do país mediterráneo o president Aragonés xustificou a súa decisión no rexeitamento por parte do Parlament catalán do seu proxecto de Orzamentos para 2024. ERC só obtivo o acordo co PSC, mais rexeitou negocialos com JuntsxCat e non asumiu a esixencia incondicional dos Comúns de vetar o proxecto Hard Rock Entertainment World no Camp de Tarragona, a carón de Port Aventura. Un proxecto que xa fora aprobado pola Generalitat hai anos malia que arestora semelle pouco viábel ambientalmente tendo en conta que podería consumir a mesma auga que a cidade toda de Reus na actual conxuntura de seca na Catalunya. En calquera caso, o seu impacto non sería comparábel ao desaquelado proxecto de planta industrial de Altri en Palas de Rei e os seus moi negativos potenciais efectos a respecto da miticultura, pesca, marisqueo e industria conserveira da ría de Arousa, e da agricultura e gandería da Ulloa e das bisbarras da conca do Ulla en xeral.
Nun primeiro momento semellaba que só ERC, que adoptou a -certamente lexítima-decisión de convocar eleccións e máis o PSC-PSOE (que de vez anunciou que non presentaría proxecto de Orzamentos estatais para 2024, adiándoos ao 2025) pensaban tirar proveito da convocatoria anticipada. Mais a decisión do president Puigdemont de se postular como candidato á presidencia da Generalitat por JuntsxCat rachou de vez o marco. Sen dúbida quen convocou matinaba con razón que a amnistía non sería lei até fins de maio e que as terminais na Sala do Penal do Supremo do deep state poderían suspender a aplicación da amnistía mentres o Constitucional e/ou o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TSXUE) non resolvan as cuestións de constitucionalidade ou prexudiciais que sen dúbida o Supremo lles remesará a respecto da aplicación desta lei orgánica. Porén, a mesma lei di claramente que logo de vixente a amnistía han ser deixadas sen efecto ningún as euroordes e ordes estatais de prendemento ou calquera clase de medidas cautelares. Malia todo é posíbel e mesmo probábel a existencia dalgún risco (sempre de duración temporal) non previsto.
Mais estas forzas, canda a propia prensa madrileña nas primeiras horas despois do anuncio, non se decataron que a decisión de Puigdemont era a de asumir un reto histórico e tentar converter as eleccións nacionais catalás nun plebiscito sobre a súa xestión no exilio desde o 30 de outubro de 2017. Unha xestión baseada na lexitimidade do seu mandato, na ilexitimidade do 155 que aprobaron Rajoy e Pedro Sánchez e no éxito dunha amnistía que non deixa ninguén fora, logo dunha demostración de forza ao vetar o limitado e bastante trapalleiro texto do 30-X que aceptou ERC e que o PSOE dicía irreformábel. Tentar reactivar o desanimado e dividido soberanismo catalán e amosarse o único voto soberanista útil. Deste xeito semella que Puigdemont, como vén de escribir Pilar Rahola, pode ser o candidato que saiba ler o momentum. Un momentum que xorde da tripla circunstancia da candidatura do xironés, da aprobación da amnistía e da rendibilidade política da súa negociación co Estado a respecto da desenvolvida pola ERC. Ademais, é difícil albiscar Puigdemont xestionando a autonomía, de acadaren un acordo de coalición que permita a súa investidura, ao xeito de Aragonés. Se mobiliza o voto soberanista e non lle ofrece escenarios alén da autonomía actual perdería toda a súa credibilidade entre ese electorado.
Certo é que o PSC se amosou forte nas estatais do 23-X e vai por diante nas sondaxes feitas até de agora. Mais tamén é verdade que Illa vai ter que loitar coa enxurrada mediática a respecto da súa xestión no Ministerio de Sanidade mercando máscaras e que o PP pode captar dentro do unionismo boa parte do electorado de Ciutadans que foi ao PSC nas eleccións catalás de 2021, canda parte do que votou Vox daquela.
Velaí o efecto Puigdemont, que racha coa tendencia da evolución autonómica post procès e enfronta o electorado soberanista (e mesmo a parte do que está a prol da ampliación do autogoberno) diante do dilema de confiar ou non, outravolta, na vía de dar pasos substanciais cara ao exercicio, máis ou menos regulado, do dereito de autodeterminación nos vindeiros anos.

O Supremo banaliza o terrorismo

Cinco maxistrados da Sala do Penal do Tribunal Supremo (TS) decidiron o 29-F por unanimidade, contra do criterio da Fiscalía e seguindo o ronsel da proposta do maxistrado instrutor da chamada “Audiencia Nacional” (AN) García Castellón investigar o president Puigdemont e o deputado no Parlament R. Wagensberg (ERC) por presuntos delictos de terrorismo desenvolvidos en outubro de 2019 pola plataforma tecnolóxica Tsunami Democràtic, que convocou diversos actos de protesta pública contra a sentenza do mesmo TS que condenara a moi graves e desaqueladas penas de cárcere ao vicepresidente Oriol Junqueras, aos consellers Rull, Turull, Romeva, Forn e consellera Bassa e á presidenta do Parlament Carme Forcadell.
O TS estende de xeito excepcional o concepto legal de terrorismo vixente no Estado desde o 1 de xullo de 2015, logo da reforma do Código Penal imposta polo bipartidismo dinástico PP-PSOE. Na altura ampliouse o concepto de terrorismo ás condutas de persoas non integradas nunha organización, para abranguer aqueladamente as condutas de determinados terroristas yihadistas, na liña proposta pola UE. Mais tamén se abriu a vía para criminalizar o chamado “terrorismo de baixa intensidade” ou de rúa. Deste xeito, o TS considera agora terrorismo a protesta desenvolvida por Tsunami Democràtic ao considerar que: i) se cometeron pola devandita plataforma teconolóxica delictos de coaccións no aeroporto barcelonés de El Prat o 14 de outubro de 2019 ao dificultar determinadas saídas de voos desde o mesmo, ao tempo que se puideron cometer delictos de lesións a respecto dalguns policías neses feitos e nas protestas ulteriores e tamén delictos de falsificacións dos cartóns de embarcamento que posibilitaron que milleiros ingresasen no aeroporto sen voo contratado, ii) que eses delictos foron cometidos cunha finalidade de grave alteración da paz pública e iii) que os delictos son graves, porque coa cualificación que lles dá a condición de terroristas en todos os casos serán sancionados por penas graves, o que non pasaría sen esa cualificación.
Mais non remata aí a desaquelada expansión xurisprudencial que do terrorismo fai o TS. Porque, recoñecendo a ausencia de acción ningunha de Puigdemont en relación cos feitos obxecto de pescudas, considera que pode ser puníbel a omisión de dar a orde de evitar estes feitos… tendo en conta o liderado que -consideran- supostamente exercía sobre a suposta organización!
A doutrina do TS banaliza o fenómeno do terrorismo, que tantas mortes e dor causou en Euskadi, na Galicia, no conxunto do Estado e na Europa democrática e ofende ás vítimas dos delictos violentos da ETA, GRAPO e do terrorismo yihadista e de extrema dereita. Vítimas que, por desgraza, saben moi ben o que é e non é terrorismo.
Mais o risco desta doutrina non remata en Puigdemont e no soberanismo catalán. Ao abeiro desta doutrina poderían alcumarse de terrorismo as recentes protestas dos agricultores en Bruxelas, París ou Zaragoza, os actos de desobediencia civil de Gandhi na India ou do arcebispo Tutu na Sudáfrica, Occupy Central en Hong Kong, Occupy Wall St. en New York ou mesmo as protestas desenvolvidas na praza do Obradoiro compostelán no decurso da visita da chanceleira alemá Angela Merkel ao entón primeiro ministro do Estado M. Rajoy (agosto 2014). É dicir, é unha doutrina susceptíbel de limitar moi gravemente, criminalizándoo, o dereito da cidadanía á protesta.

Son unhas eleccións galegas. E non hai multipartito

Gosto de camiñar e, por circunstancias da miña vida profesional e persoal, camiño todas as semanas dúas ou tres das nosas sete principais cidades e algunhas das súas vilas. Tamén por circunstancias falo con moita xente de fasquía e orixe ben plural. Pois, malia todo o que nos di Núñez Feijóo, ninguén me fala da amnistía, da unidade do Estado, de ETA nin de Catalunya ou de Puigdemont.
Non. Malia que son dos que penso que o CIS de Tezanos errou un lote de veces ao longo dos case seis anos do seu mandato, desta volta acredito nalgúns dos dados reflectidos no recente inquérito do CIS. As preocupacións da cidadanía galega son a economía, o emprego, a vivenda, o ambiente, a viabilidade económico-social futura da nosa sociedade e outras realidades ben parellas e conectadas ás devanditas. E case o 70% das persoas obxecto da enquisa non só prefiren que o debate electoral transite polos regos da axenda galega, senón que mesmo semellan esixilo. Diante desta realidade se for Rueda estaría bastante preocupado pola “xira da amnistía” que comezou onte Feijóo e que disque vai rematar na finde vindeira.
Velaí como as dúas caravanas do PP nesta próxima campaña (a de Rueda e a de Feijóo) teñan diante de si o alto risco de confrontar se prefiren unha campaña sobre a nosa axenda galega ou unha tournée arredor dos problemas da axenda madrileña, que a cidadanía galega semella ollar cun interese entre nulo e moi reducido.
A menos de tres días do comezo -oficial- desta campaña das nosas nacionais, semellan acaídos dous apuntamentos a respecto dese suposto risco de “multipartito” do que falan o PP e o seu candidato Rueda. Todos os inquéritos coinciden na imposibilidade de Podemos-Alianza Verde de quitar representación parlamentaria e na extrema dificultade de que Sumar Galicia poida quitala. A dinámica de mobilización e concentración do voto, que semella vai ser potenciada pola dinámica da vindeira campaña, afasta esa ladaíña multipartita na que terma en argumentar o PP. Semella ben máis probábel que o PP dependa do freakismo de determinadas opcións ourensás que de que BNG e PSdeG dependan de terceiros.
A opción alternativa ao PP no goberno da Xunta é, nomeadamente, dual (cunha moi definida vantaxe para o BNG). Mais de ningún xeito é unha alternativa de goberno fragmentada, dispersa ou incompatíbel entre os seus elementos nucleares, como o acreditan e teñen acreditado ducias de gobernos locais e territoriais e mesmo a importante, malia que certamente mellorábel, experiencia galega de 2005-2009.

Acreditarmos na liberdade de expresión

A conduta destes días de centos de extremistas de dereita diante da sede federal do PSOE mallando no boneco de Pedro Sánchez constitúe un acto de odio, inmoral, rexeitábel, propio deses millóns de cidadáns españois de extrema dereita que non son quen a vivir nun réxime de democracia e liberdades, mais non constitúe nin delito de odio nin agravante doutros delitos de inxurias, ameazas, coaccións, lesións, etc. por causa de odio.
Os delitos de odio e esta clase de agravantes por causa de odio requiren dunha conduta que sinala, despersonalizándoa, a persoa agredida pola súa pertenza a un colectivo historicamente discriminado e vulnerábel. Neste caso existe esa agresión despersonalizante, deshumanizante, na persoa de Pedro Sánchez, mais non existe ese elemento de pertenza a un colectivo historicamente discriminado, polo que non existe esa clase de delicto nas condutas de Ferraz (Madrid).
Delictos de odio son as condutas racistas, antisemitas, antiinmigrantes, contrarias aos colectivos LGTBI ou outras semellantes, mais non as denunciadas polo PSOE, como tampouco existían a respecto da Garda Civil no caso da famosa liorta de Lizarra (Nafarroa). Porque nin PSOE, nin Garda Civil, nin funcionarios, nin PP, nin Vox constitúen colectivos historicamente vulnerábeis ou discriminados. En calquera caso é rechamante a denuncia penal do PSOE arestora e o seu absoluto silencio cando o boneco publicamente mallado, fusilado e aforcado foi o do president Puigdemont (Coripe-Andalucía, 2019).
Cómpre acreditarmos na liberdade de expresión. Mais o certo é que o PSOE de Sánchez (nestes case seis anos efectivos no Goberno do Estado) incumpriu neste eido tanto as súas sucesivas promesas electorais como os requirimentos que lle fixeron e fan as forzas políticas das maiorías da investidura de 2020 e 2023.
Velaí o mantemento do delicto de inxurias e aldraxes á Coroa (artigos 490 e 491 do Código Penal), abertamente contrario á xurisprudencia do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (máximo intérprete constitucional no que atinxe aos dereitos fundamentais e liberdades públicas), da chamada “lei mordaza” que sanciona administrativamente o libre exercicio dos dereitos constitucionais de pública manifestación e xuntoiro ou da pena de prisión permanente revisábel, nidiamente incompatíbel cos valores de reinserción e resocialización propios dos valores constitucionais das democracias liberais europeas.
As persoas que nos temos por demócratas, liberais e progresistas haberíamos ser as primeiras en acreditarmos na liberdade de expresión e en refugar os atallos normativos propios dos extremismos supremacistas.

A reacción do Deep State

As demostracións convocadas polo PP o domingo último insírense no lexítimo exercicio das liberdades constitucionais, mentres que os actos de violencia exercida ao remate dalgunha das mesmas -e toda a semana pasada en Madrid- constitúen feitos suxeitos ao Dereito Penal que han ser sancionados coa proporcionalidade que sempre demanda a aplicación da Lei.
Outro xuízo ha merecer a ofensiva do chamado deep state contra os lexítimos pactos acadados polo PSOE coas distintas forzas soberanistas que na vindeira cuarta, 16 de novembro, apoiarán co voto dos seus representantes no Congreso a investidura de Sánchez. No pacto con JuntsxCat non se anuncia ningún procedemento de impugnación de sentenzas ou resolucións anteriores nin moito menos a revisión das mesmas polo Congreso. Só se sinala que a amnistía haberá abranguer tamén condutas vencelladas co chamado procès de xeito indirecto nas que existise evidente desproporcionalidade na reacción xudicial. Velaí a imputación por terrorismo do president Puigdemont e da secretaria xeral de ERC, Marta Rovira, ou a acusación por malversación do ex director de gabinete de Puigdemont, J. L. Alay por viaxar na representación da Generalitat ao referendum de autodeterminación da Nova Caledonia. Non se cuestiona a independencia do Poder Xudicial que, en troques, si sofre por ter caducado o mandato dos membros do seu goberno hai xa cinco anos.
Polo mesmo, que os Inspectores de Facenda, Traballo e Seguridade Social asuman unha actitude insubmisa contra decisións legais do Poder constituído como a transferencia a Catalunya ou, eventualmente, Galicia, das competencias de recadación fiscal e/ou dos servizos da inspección de traballo ou a Euskadi da xestión da Seguridade Social (sen afectar á caixa única), fican fóra do ámbito de actuación das súas asociacións profesionais para se inserir de cheo na política partidista.
Por outra banda, calquera apelación a unha actuación política concreta que bloquee o exercicio democrático da investidura dirixida ao xefe do estado ou ás forzas armadas ha de se considerar como unha apelación á subversión da orde constitucional impedindo o normal funcionamento do Congreso para decidir a súa función esencial de expresar ou non a confianza para investir ao Presidente do Goberno do Estado.
Canto a Galicia, a moi discreta presenza cidadá nas demostracións deste domingo (sobre todo en comparanza coas de Madrid e outras cidades) amosa que este País non gosta dos rebumbios nin da polarización extremista. Ningún dos acordos asinados vai prexudicar o autogoberno e o benestar da cidadanía galega. A redución da débeda da Xunta e das peaxes das AP-9 e AP-53, a equiparación nacional co autogoberno de Catalunya ou Euskadi, as melloras ferroviarias ou a creación do tren de proximidade nas áreas da Coruña-Ferrol e Vigo-Pontevedra son avances substanciais obtidos polo BNG que nunca antes acadara o PPdeG.
E Rueda sábeo.

A lexitimidade do conflito independentista catalán

O verdadeiramente novidoso e rupturista do pacto de investidura entre os soberanistas transversais de JuntsxCat e o PSOE é a linguaxe. Como ten escrito o xornalista catalán Vicent Partal, o documento asinado semella moito máis un acordo marco de paz que un pacto de investidura. Porque constata as grandes diverxencias entre uns e outros (desenvolvemento autonómico vs independencia) e, porén, deseña uns acordos desde esa discrepancia sen que ninguén renuncie aos seus obxectivos últimos nin próximos.
Neste senso, é moi salientábel o axuizamento negativo, a xeito de orixes remota e inmediata do conflito catalán dos Decretos de Nova Planta de 1707-1716 que derrogaron as liberdades catalás (e tamén as dos Reinos de Aragón, Valencia e Mallorca) e da Sentenza do Tribunal Constitucional de xuño de 2010 que declarou parcialmente a inconstitucionalidade do Nou Estatut de 2006, malia ter sido aprobado maioritariamente en referendum pola cidadanía.
Tamén é moi potente a decisión de promover unha amnistía cun perímetro abondo para coller todos os feitos de intencionalidade política conectados coa convocatoria, desenvolvemento e resultas da consulta cidadá do president Mas (9-N 2014) e do referendum de Puigdemont (1-Ou 2017). Entre eles accións indirectamente vencelladas co procès que teñen o denominador común do lawfare. É dicir, dunha actuación desproporcionada na aplicación da lei penal ou contábel por parte do Tribunal Supremo, do Tribunal de Contas, dalgúns outros órganos xudiciais e da Fiscalía. Actuación desaquelada que precisamente xustifica unha medida tan excepcional como a amnistía para a restauración democrática.
Certo é que o acordo é de execución complexa. JuntsxCat terá que cumprir coa súa parte esta semana e case todo o resto depende da vontade do PSOE. Velaí o acerto dos juntaires de Puigdemont ao esixiren unha ferramenta mediadora de relato, verificación e control, composta por unha equipa internacional de catro persoas, entre elas un coordenador, que haberá de dar conta unha vez ao mes do grao de progreso na execución do acordo.
Tanto neste acordo como no pacto asinado co PNV hai un recoñecemento formal do carácter nacional de Catalunya e Euskadi, o que alicerza o compromiso de lle ceder a Catalunya a recadación de todos os tributos e abre a vía para unha mutación substancial da estrutura do Estado. E, neste contexto, albíscase o acerto do pacto de investidura BNG-PSOE ao lle estender a Galicia as resultas xurídico-políticas do eventual recoñecemento nacional de Catalunya e Euskadi, mesmo a do traspaso das competencias de recadación e liquidación de todos os tributos que agora se lle prometen a Catalunya.
Cómpre unha remuda do paradigma político para que morran xa as solucións esgotadas e caducas e medre o novo. Para que agromen as solucións que piden os tempos.

O sentido político da amnistía

Sen dúbida este último venres o PSOE percebiu de vez que a negociación co president Puigdemont e con JuntsxCat ten pouco a ver coas negociacións de fasquía autonomista que adoitan enfrontar coa ERC. Porque, como ten escrito Pilar Rahola, Puigdemont pescuda un acordo histórico, de país a país, que recoñeza os excesos do Estado español na persecución represiva das condutas dos soberanistas do procès e que amose que a amnistía non é un acto de perdón, mesmo nin de reconciliación strictu sensu, senón de recoñecemento de que as condutas posteriores ao comezo de 2013 que pescudaban que a cidadanía catalá puidese decidir o seu futuro, así como aquelas que refugaban da grave represión sofrida por moitos patriotas cataláns, entre eles os condenados a penas gravísimas no chamado xuízo do procès no Tribunal Supremo, non habían ser consideradas como delictos.
Neste censo, cómpre lembrar que o delicto de convocatoria ilegal dun referéndum, inserido no Código Penal pola maioría absoluta do PP no aznarato foi derrogado sendo Presidente do Goberno do Estado R. Zapatero (PSOE) no 2005, e que até setembro de 2015, introducido pola maioría absoluta de M. Rajoy (PP), non existiu o delicto de desobediencia ás resolucións do Tribunal Constitucional.
Ten razón quen diga que a amnistía, malia ser formal e materialmente constitucional, é moi excepcional nas democracias. En realidade, a promulgación dunha amnistía constitúe unha emenda substancial, cando non á totalidade, ao funcionamento dun sistema democrático. A amnistía require na democracia dunha causa excepcional que amose unha deficiencia estrutural no funcionamento dese sistema que requira da amnistía como solución de normalización e restauración democrática.
E velaí os requerimentos de Puigdemont e de JuntsxCat. A amnistía, desde a súa ollada, non pode ser un acto de graza que esixa un pacto de renuncia ao ideario soberanista, senón esa solución de compromiso democrático que, ademais, dá fe da existencia dun conflito político e desa deficiencia estrutural que lexitima a amnistía: a desproporcionada actuación de sectores do Poder Xudicial e do Ministerio Fiscal no proceso de represión, principiado co prendemento de Jordi Cuixart e Jordi Sánchez polos sucesos da Consellería de Economía do 20-S de 2017, e que seguiu coa violencia policial do 1-Ou e o desaquelado discurso do Xefe do Estado do 3-Ou, e que chega hoxe en día á cualificación como terrorismo polo xuíz da chamada Audiencia Nacional García Castellón dos feitos supostamente organizados polo Tsunami Democràtic..
Como di Rahola, se Pedro Sánchez e o PSOE dan entendido este sentido político, excepcional e normalizador, da amnistía haberá investidura e se non, non a haberá.

Unha amnistía precisa e constitucional

Os distintos Tribunais penais operantes na Catalunya, canda a chamada “Audiencia Nacional” e o Tribunal Supremo, coñecen de procedementos en curso por feitos conectados co chamado procès que atinxen 4.000 persoas acusadas, condenadas ou investigadas. Dende o president Puigdemont a ducias de alcaldes que colaboraron ao desenvolvemento do plebiscito do 1-OU ou activistas do chamado Tsunami Demócratico que organizou as demostracións cívicas contra a sentenza do Tribunal Supremo de 2019 que condenou Junqueras, Forcadell e outros dirixentes políticos e sociais soberanistas.
Esta enxurrada de procesos penais xurdiu dunha ondada represiva exercida dende a Fiscalía e determinados Tribunais de xeito que se vulneraron (como o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos rematará por decidir se non hai amnistía) normas procesuais e substantivas esenciais, definindo unha clase de Dereito Penal do Inimigo dirixido contra un colectivo concretamente identificábel, mesmo chegando a acusar de delictos como rebelión ou terrorismo a persoas que non exerceron violencia ningunha. Velaí a esixencia de Puigdemont e do seu partido (JxCat) dunha amnistía que arquive libremente todos os procesos e extinga as penas todas borrando todos os seus efectos. Unha amnistía social e politicamente necesaria se se quere restaurar a convivencia social e democrática na Catalunya.
Hai xuristas e políticos que desde o unionismo negan a constitucionalidade dunha eventual amnistía. Alicérzanse nomeadamente: i) na prohibición dos indultos xerais do artigo 62 da Constitución, e ii) na competencia exclusiva dos Tribunais para xulgar e executar o xulgado do seu artigo 117.3.
A prohibición constitucional dos indultos xerais non é aplicábel á amnistía. Os indultos son actos administrativos competencia do Goberno do Estado adoptados, si, con ampla discrecionalidade, mais dacordo cun procedemento regrado. Os seus efectos non acadan os antecedentes delictivos nin a responsabilidade civil derivada do delicto. Pola contra, a amnistía é un acto lexislativo competencia das Cortes Xerais do Estado que elimina todo efecto do delicto, sobresé libremente os procedementos en trámite e evita a incoación doutros novos polos delictos aministiados. A amnistía non atopa prohibición ningunha na Constitución e só require dunha lei orgánica que, tamén, habería reformar puntualmente o Código Penal para precisar que a amnistía extingue a responsabilidade criminal.
Tampouco se pode dicir que unha lei de amnistía vulnere a competencia exclusiva dos Tribunais para xulgar e executar o xulgado. O que fai a amnistía, como o Código Penal, é delimitar os feitos de transcendencia penal que poden ser axuizados, mais non interfire nos procesos xudiciais. Por outra banda, tamén os indultos afectan -regulándoa- á competencia de execución do xulgado, en canto non se poderán facer cumprir as penas impostas obxecto do indulto.
Estamos, pois, diante dunha medida lexislativa conveniente, mesmo moi precisa e nidiamente constitucional.

Respectar Junts, respectar Puigdemont

Seica a investidura de Pedro Sánchez dependerá non só da abstención de JxCat (Junts), senón do seu proprio voto positivo, se o escrutinio xeral lle da ao PP o deputado 137 no canto do 122 do PSOE na rexión de Madrid. O grao de incerteza a respecto desta investidura é moi importante. Cómpre, logo, non darmos nada por feito.
En calquera caso ha ser un proceso bastante demorado polo que sería bo aproveitar o tempo para crear as condicións dese pacto de investidura entre as esquerdas españolas (PSOE e Sumar) e os soberanismos galego, catalán e vasco que constitúe o único xeito de evitarmos novas eleccións estatais cara fin de ano. No que atinxe á relación entre o PSOE e Sumar (Comúns na Catalunya) e Junts hai moito por amañar, moitas desconfianzas por superar. Velaí a fachenda reincidente de Pedro Sánchez prometendo acadar a extradición do president Puigdemont para ser prendido e xulgado, a última vez este 5 de xullo. Ou a operación deseñada en Madrid para que os comúns de Ada Colau, canda o PP e o PSC, fixesen alcalde de Barcelona o 17 de xuño a Collboní, no canto do candidato máis votado Xavier Trías (JuntsxCat).
A ecuación require agora que as esquerdas españolas respecten o que representa Junts o que significa Puigdemont. Junts é o único partido catalán posterior ao procès e definido como unha forza transversal, que integra sensibilidades de esquerdas, socialdemócratas e social-liberais, que quere xuntar a experiencia institucional e de goberno local de moitos cadros que pasaron pola antiga CDC canda vocacións políticas nadas da sociedade civil catalá vencellada á reivindicación nacional, social e cultural.
Pola súa banda Carles Puigdemont non é un prófugo da xustiza, senón un lexítimo president cesado polo PP e PSOE no 2017 que xa recibiu resolucións xudiciais belgas, europeas e alemás favorábeis á súa tese de que nin cometeu delito ningún homologábel aos delitos europeos nin tivo unha instrución nin terá un xuízo xustos. Fico ao seu dispor para ampliar e xustificar máis a xeito este razoamento cando vostedes dispoñan.
Seica temos un problema. Mais podería ser unha oportunidade se as esquerdas españolas dialogan con Junts e coas forzas todas dos soberanismos galego, catalán e vasco de xeito leal. Sen “colegueos”, mais desde a convicción de que non hai democracia e liberdade no Estado español se non hai liberdade, democracia e dereito a decidirmos o futuro na Catalunya, Euskadi e Galicia. O president Mas vén de recoñecelo nunha moi recente entrevista, salientando o carácter fulcral de Junts neste diálogo e promovendo o GALEUSCAT canto menos na plataforma negociadora.
O Estado español constitúe un problema complexo. E os problemas complexos requiren de solucións consensuadas e intelixentes. As esquerdas españolas non haberían seguer alicerzar as súas propostas nas antigas e caducas, antidemocráticas e iliberais solucións unionistas da España unitarizada á forza das dereitas españolas.