Pagar impostos onde se produce

A liberdade de empresa inclúe a decisión, no marco da legalidade vixente, de onde se quere radicar o investimento empresarial. Mais de xeito ningún existe un dereito das empresas a elixir libremente os seus domicílios social e/ou fiscal. O domicilio social ha estar onde se dirixa a empresa de xeito efectivo ou onde estea a súa principal explotación económica. O domicilio social determina sempre o domicilio fiscal, agás que no mesmo non se dirixa efectivamente a empresa. Nese caso o domicilio fiscal será ese lugar de dirección e administración efectiva da mesma.
Xa que logo, a definición dos domicilios social e fiscal non lle pertence ás empresas, senón que está regulada legalmente. Velaí que unha simple reforma das Leis Xeral Tributaria e de Sociedades de Capital poida vencellar necesariamente os domicilios fiscal e social co territorio onde desenvolva a empresa a súa actividade económica principal. O que obrigaría ENCE, Stellantis España ou Alcoa España (entre bastantes outras) fixar os seus domicilios social e fiscal na Galicia, computándose no noso País as cotas tributarias dos Impostos de Sociedades que se recaden (desde 2027 acadarán polo menos un 15% do resultado de explotación). Un Imposto que podería ser cedido parcialmente a Galicia e outras Administracións autonómicas, como xa foron cedidos o IRPF e o IVE (nun 50%) e máis os Impostos indirectos especiais (nun 58%).
No 2022 foron 185 as empresas galegas que mudaron o seu domicilio social a outros territorios do Estado, mentres que no 2021 foron 91. 4441 empresas con actividade económica neste País pagan os impostos en Madrid. A isto contribúe unha agresiva política fiscal da Comunidade madrileña, que lle permite deducir aos seus residentes o 20% dos seus investimentos no capital de sociedades que accedan ao antigo mercado alternativo bursátil (hoxe em día BME Growth) até un máximo de 50.000 €, sempre que o domicilio social da nova cotizada se fixe na rexión madrileña. É dicir, que se unha residente madrileña inviste 250.000 € nunha destas empresas de nova cotización, deducirá na súa base impoñíbel 50.000 €. Escuso contarlles as presións cotiás dos fondos e outros operadores para trasladar a Madrid os domicilios sociais das empresas que queiran acceder á cotización bursátil do BME Growth.
Velaí as oportunidades que xurden para remudas do marco xurídico-político que benefician tanto o autogoberno como o desenvolvemento económico galegos cando non existen maiorías absolutas unionistas (quer unipartidistas, quer dos bloques estatais de dereita e de esquerda).
E, falando deste mesmo contexto fiscal, cumpriría coñecermos de vez as balanzas fiscais, canda tamén as balanzas ambientais e de intercambios comerciais entre as distintas nacións e territorios do Estado. Máis que nada para irmos coñecendo se Galicia vive da solidariedade estatal ou, máis ben segundo as fontes máis autorizadas, se somos por nós propios un País de futuro.

A axenda galega: o financiamento

A febleza relativa tanto do bloque das esquerdas españolas (PSOE+Sumar=152/350 deputados) como do bloque das dereitas (PP+Vox+UPN=171/350 deputados) abriu unha fenda de oportunidade para que os soberanismos galego, catalán e vasco poidan introducir na axenda estatal importantes cuestións referidas á organización estrutural do Estado. Cada voto é fulcral, non só cara á investidura senón cara todas e cada unha das votacións da lexislatura. É, logo, o tempo da reivindicación da axenda galega. Neste senso, a negociación de JxCat co PSOE pola presidencia do Congreso apréndenos da importancia das ferramentas de convalidamento a respecto do cumprimento dos acordos acadados. Porque é de coñecemento xeral que o PSOE asina acordos moi rápido e para cumprilos incorre nunha preguiceira e fachendosa lentitude.
O financiamento autonómico é unha destas cuestións fundamentais, cun sistema caducado desde 2014 que non é quen de fornecer Galicia (nin territorio ningún común fóra de Ceuta e Melilla) dos recursos precisos para financiar a xeito os nosos servizos públicos, malia achegar no 2021 5.082 M€ máis dos que recibimos do Estado (recadamos 13.974 e só percibimos 8.892). Porque a centralización do ingreso nos territorios autonómicos de réxime común (todos agás Euskadi e Nafarroa) determina que o Estado conte cun excedente financeiro para os servizos da súa competencia, mentres que os principais servizos públicos (sanidade, educación, servizos sociais e cofinanciamento da dependencia), de prestación autonómica, son condenados a un delongado infrafinanciamento, que fana gravisimamente tanto unha gobernanza acaída canto un autogoberno real.
Certo é que, nestas circunstancias, Galicia precisaría reivindicar o sistema de cota (“cupo” no castelán) proposto, hoxe polo BNG, onte polo BNPG, EG e polo vicepresidente Carlos Mella no 1984 (Goberno Albor de AP-Independentes) seguindo a nidia e infalíbel lóxica de “primeiro recado e, se cómpre, despois pregunto”. Porque a centralización do ingreso é a chave do xogo de caloteiros que, no prexuízo da prestación dos servizos públicos galegos, adoita desenvolver o Goberno do Estado.
Malia esta verdade verdadeira é probábel que cumpra contar cun plan B neste eido, que só pode transitar polo afondamento na nosa autonomía financeira, incrementando substancialmente o 50% de cesión da recadación do IRPF e IVE e o 58% dos impostos especiais. E, nomeadamente, engadindo ao conxunto dos impostos cedidos o Imposto (directo) de Sociedades (IS), de xeito que o domicilio social (adoito madrileño) sexa substituído canto ao criterio para a imputación do beneficio fiscal polo do lugar de xeración do mesmo. De certo determinarmos o tal non ha ser automático, mais axiña contaremos con modelos matemáticos acaídos para saber que parte (90%, 94%…) do beneficio fiscal liquidábel no IS de ENCE, REPSOL e STELLANTIS se devindica no noso País.

O lobby eólico presiona a Xustiza galega

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) é o máximo órgano xudicial do noso País e mesmo a súa derradeira instancia en casación no eido do Dereito Civil e Administrativo galegos. Lembremos que a lexislación que regula a produción eólica e, substancialmente, lexislación galega.
Nos últimos anos o TSXG declarou ilegais s parques de Sasdónigas, Sasdónigas 1 (os dous en Mondoñedo), Campelo e Bustelo en Bergantiños e a repotenciación de Corme na Costa de Morte. E tamén acordou suspender cautelarmente as autorizacións dos parques da Lagoa en Zas e de Monte Corbal en Bergantiños, pois que doutro xeito a construción dos devanditos parques podería xerar moi graves prexuízos ao ambiente, actividades económicas e poboación da contorna atinxida.
Foron decisións xudiciais todas adoptadas consonte claras regras xurídicas. Mais o lobby eólico (CEG, a patronal eólica galega e o sindicato CC. OO) vén de dirixir unha desaquelada e ilexítima ofensiva contra o máis alto Tribunal do noso País pretextando… falla de seguranza xurídica!! Mais son precisamente os Tribunais os que interpretan e aplican a Lei nos Estados de Dereito. Velaí a ferreña e inédita reacción da propia Sala de Goberno do TSXG rexeitando estas indignas presións.
Cómpre lembrarmos as causas polas que se están a recorrer as autorizacións da Xunta (e moi axiña do Goberno central): prexuízo aos acuíferos, á flora, fauna e patrimonio ambiental, dano ao patrimonio cultural, incompatibilidade dos parques proxectados coas actividades empresariais (gandería, agricultura, turismo rural…) da contorna atinxida, prexuízo aos residentes (ruído, exceso de luminosidade…).
Europa precisa xerar electricidade de fontes renovábeis. Máis a nosa Galicia xa sobardou no 2021 en máis dun 57% os obxectivos da UE para o 2030. Non se nos poden pedir máis sacrificios ambientais, demográficos e económicos, agás que se dea unha reviravolta na lexislación e xestión desta clase de instalacións enerxéticas, de xeito que se nos compense abondo, tanto ao País en xeral como as comunidades que sofren esta enxurrada. Senón mellor vai ser que leven os muíños para a serra madrileña, onde non hai nin un por elementais razóns de protección ambiental.
Cómpre lembrarmos, tamén, que ningún programa electoral dos partidos unionistas (PSOE, PP, Sumar) achega solución ningunha para esta enxurrada eólica nin tampouco para o control da eólica mariña no prexuízo da nosa pesca e do noso sector mar-industria. De certo que só o BNG recolle no programa electoral a defensa dos nosos intereses fronte a este lobby. O mesmo lobby que integra arestora ás mesmas CC.OO., que seguen a apoiar a exacción colonialista de ENCE na ría de Pontevedra.

Supremacistas

Desde o aznarato (1996-2004) abrollou no Madrid político e mediático un fenómeno supremacista de amplas e plurais manifestacións repenicadas en menor medida nas nacións e territorios do Estado. Fenómeno supremacista que conecta coa ideoloxía dominante da España franquista e, máis atrás na historia, conecta co mainstream españolista de raigame castelá que estruturou dende a chegada dos Borbóns e aínda máis dende a xeralización da educación (Lei Moyano, 1851) a linguaxe dominante na identificación e comprensión da España como Estado e tentou definir desde aquela o que tiñamos que pensar e sentir.
Segundo esta corrente que arestora dá a batalla cultural non debe haber máis lingua española de uso xeral na Galicia que o castelán. O galego, como moito, ha ser unha curiosidade etnográfica ou folklórica que non pode ser esixido para os aspirantes á docencia e emprego público. A galeguidade non constituiría identidade nin cidadanía de seu, senón simple adxectivación xeográfica. A liberdade e igualdade das persoas no Estado español seica dependería de sermos unha única nación española cunha única lingua e unha única cultura. Velaí o seu xorne iliberal, ao xeito dos fundamentalismos chauvinistas ruso, polaco ou húngaro arestora gobernantes.
Este supremacismo tenta dominar os contidos da historiografía e educación, no ronsel dunha España supostamente existente como nación de seu desde hai 500, cando non desde hai 2000 anos.Velaí o ferreño rexeitamento á realidade histórica do Reino de Galicia como “regnum” máis antigo da Europa (século V), teimando en salientar un reino astur e despois asturleonés que non existiu senón como periferia do grande reino de Galicia dos reis Afonso VII, Afonso VIII e Fernando que explica o camiño de Santiago, as vilas marítimas de Baiona, Noia, Betanzos, A Coruña ou Viveiro e a Catedral compostelá co seu marabilloso Pórtico da Gloria.
Mais as arelas deste supremacismo son, sobre todo, económicas. Porque a negación de Galicia como país de noso permítelles impornos roles subsidiarios -cando non coloniais- no que atinxe a actividades empresariais que outros non queren por xerar custos ambientais e prexudicar actividades empresariais ben máis rendíbeis para as veciñanzas afectadas. Velaí a actual enxurrada de autorizacións de parques eólicos e a eucaliptización do País da man dunha ENCE ancorada polo deep state na ría de Pontevedra. Porque desde a perspectiva dunha España única na que Galicia non ten existencia política nin autogoberno real somos só un 5,5% do PIB e un 5,1% da poboación, polo que son prescindíbeis para esa España alicerces da nosa economía como a construción naval, sector mar-industria ou agrogandería, mentres infraestruturas para nós fulcrais como o AVE a Portugal ou o corredor europeo de mercadorías non encaixan na radialidade das comunicacións que deriva desta ideoloxía supremacista.
O supremacismo non só ameaza a nosa identidade. Ameaza o noso benestar.

Eólica mariña si. Mais non así

O 4-M publicouse no BOE o Plan de Ordenamento de Espazos Marítimos (POEM), aprobado polo Goberno do Estado e que reserva para o mar galego o 47% do total do Estado para a produción de electricidade vía eólica mariña.
Esta reserva atenta contra as zonas históricas de pesca da frota galega que desenvolve nesas áreas sistemas de pesca sostíbel. Presenta, tamén, uns documentados riscos ambientais a respecto das especies mariñas e aéreas. E non define compensación ningunha a xeito de vantaxes tarifarias para os consumidores e empresas galegos nin de recadación para a Administración autonómica galega. Pola contra, semella definir espazos para a concesión de grandes parques só explotábeis por grandes empresas multinacionais, sen que a Galicia que os padece poida recibir achega ningunha da súa ubicación e eventual operatividade, o que constitúe, en aqueladas verbas do profesor de Dereito Administrativo da UDC Carlos Aymerich, un nidio exemplo de colonialismo enerxético.
É evidente a necesidade da transición enerxética europea cara a un balance enerxético cun nidio predominio das fontes renovábeis. Mais Galicia xa fixo a súa parte, cun 57% de superávit canto á produción enerxética (actual!!) vía fontes renovábeis a respecto dos obxectivos da UE para o 2030. Asemade, o proprio Parlamento Europeo aprobou, o 03.05.2022, unha resolución na que, contrariamente ao lexislado polo Estado, determinaba que os caladoiros históricos e tradicionais específicos dos pescadores haberían ficar libres de enerxías renovábeis mariñas sen que puidesen construírse parques eólicos sen se producir consecuencias económicas, sociais e socioculturais negativas para pescadores e produtores acuícolas. Nestes mesmos termos definiuse a maioría parlamentaria estatal no Congreso o 07.06.2022.
Nesta andaina é chocante a desaquelada opinión de Greenpeace, fronte ao ecoloxismo galego mais coñecedor do ecosistema humano e social das nosas comunidades pesqueiras, ao apoiar esta barbaridade e mesmo pedir a ampliación dos espazos destinados á eólica mariña. Os que tanto fixeron a nível global e mesmo galego, coa súa determinación fronte á planta de ENCE na ría de Pontevedra, non son quen de distinguir entre as artes de arrastre fixo sostíbeis da nosa frota (palangre, nasa ou volanta) a respecto das artes de arrastre móbiles, que son as artes da desfeita ecolóxica, como ten recoñecido a eito a autoridade científico-marítima internacional do ICES.
A transición enerxética non se pode facer sacrificando un sector económico fulcral da Galicia nin facéndolle asumir os custos ambientais, sociais e económicos da mesma. Dar sen recebir, perder sen gañar é, simplesmente, un xeito de explotación neocolonial.

Somos cidadanía de segunda?

España es Madrid y Madrid es España”, Díaz Ayuso dixit. A chave territorial do supremacismo castelán, hoxe en día convertido no supremacismo dun Madrid que xa papou Castela enteira e vai camiño de papar a península ibérica toda, estrutura a propia fasquía dos valores imperantes nunha política e nunha sociedade, afastándoos dos propios da democracia liberal. Polonia e Hungría, cando non Rusia ou China, non están tan lonxe.
A comezar polos dereitos fundamentais da persoa como é o voto. Son -somos- neste País e no Estado todo millóns os que votan por forzas non estatais. BNG, PNV, Junts, ERC, EH Bildu, CUP e Compromís quitan o 11% dos votos e 38 sobre os 350 deputados no Congreso estatal. E seica todas estas son opcións ilexítimas, que non poden sumar para constituír unha maioría, quer de investidura, quer de lexislatura, quer de goberno. Semella que só 312 das 350 contan para investir, lexislar e gobernar. Seica as persoas que os votan non teñen dereito a formar maiorías de goberno.
A seguir pola lingua. Sabido é que vivir en galego é imposíbel na Galicia, mais tamén vivir en euskera ou catalán noutros lugares do Estado. Semella que todo o que non sexa castelán omnipresente e obrigatorio (o noso sempre é voluntario e subordinado) é de xente revolta ou de mal vivir. Ou, polo menos, de rariños e repunantiños.
Mentres, deféndese desde o Deep State a ilegal infiltración de policías en organizacións sociais e cidadás e a espionaxe Pegasus a respecto de avogados e políticos. Continúa a implacábel aplicación do Dereito penal do inimigo aos soberanistas cataláns, co Supremo interpretando que existe unha malversación agravada, cando non existiu ese arrequecemento persoal ou a prol de terceiro que o Dereito Internacional e o anovado Código Penal español esixen para esa malversación agravada. Desde o outono de 2018 é continua a interpretación retorta dos Dereitos Penal e Procesual para perseguir persoas qu con máis ou menos acerto só fixeron política allea a todo acto de violencia ou intimidación.
Na Galicia, mentres, sofrimos nidias manifestacións de tratamento colonial (hai e houbo colonias europeas, lembren a Irlanda británica do século XIX, arestora independente e primeiro país europeo en crecemento económico) no mantemento de estruturas extractivas como a fábrica de ENCE, a enxurrada eólica ou unha peaxe obrigatoria na nosa fulcral vía de conexión intraterritorial do País, a AP-9, cando as cidades castelás e andaluzas están unidas entre si por autovías de balde.
Cando o democrático sería o illamento social e político da extrema dereita de Vox (clara ameaza para os nosos dereitos políticos, culturais e sociais) as grandes media madrileñas, o Deep State e as forzas políticas estatais normalizan e branquean a devandita extrema dereita e deslexitiman os que son diferentes na súa referencia nacional. Como se fosen -fósemos- cidadanía de segunda.

A prórroga de ENCE contra o Dereito europeo

A Comisión Europea vén de requirir ao Estado español explicacións xurídicas a respecto da adxudicación de concesións (e/ou as súas prórrogas) para uso privativo do dominio público marítimo terrestre sen facer un procedemento selectivo aberto e transparente. Considera o órgano de cogoberno da UE que a posibilidade de ampliar a duración desta clase de concesión até 75 anos (como prevé a Lei de 2013 que modificou a Lei de Costas de 1988, abeirando deste xeito que o Goberno do Estado ampliase a concesión de ENCE até 2073) vulnera a Directiva de Servizos da Unión Europea de 2006, vixente desde a fin de 2009.
Esta Directiva abriu tamén outro procedemento de infracción contra o Estado español por ter prorrogado até 2048 a concesión da autoestrada AP-9 (Ferrol-Tui) sen ningunha clase de procedemento de selección aberto e transparente, alicerzándoo na mesma clase de razonamentos. Mais é a primeira vez que esta Directiva quérese aplicar ás concesións administrativas que permiten un uso privativo do dominio público e non só ás concesións de servizos públicos, como até agora.
Nun e noutro caso se a Comisión Europea e o Estado español non acadan un consenso e continúan a súa diverxencia xurídica a respecto do alcance da Directiva resolverá o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) que adoita acoller na meirande parte dos casos os argumentos das institucións da UE fronte aos expostos polos Estados Membros. Unha eventual sentenza do TXUE contraria ao Estado español sería definitiva e podería alicerzar unha revisión das prórrogas posteriores ao 29 de decembro de 2009 que incumprisen a Directiva europea de servizos de 2006, abríndose un escenario ben máis dubidoso do que se amosaba hai só dez días, cando o Supremo estimou os recursos de casación de ENCE.
En calquera caso, a apertura deste procedemento de infracción grave constitúe unha emenda á totalidade á enxurrada de manifestacións verbais do presidente Rueda, o candidato do PP á alcaldía pontevedresa Domínguez, de ENCE e determinados voceiros sindicais e mesmo dalgúns dirixentes do PSdeG que chamaban á rendición incondicional do alcalde Lores (BNG) e do goberno local de Pontevedra, de Greenpeace e da Asociación para a Defensa da Ría. A UE, canda a chamada “Audiencia Nacional” xustifica a actuación procesual destes recorrentes e máis as súas finalidades políticas, sociais e ambientais, sendo a sentenza do Supremo (insolitamente descoñecida despois de dez días de se publicitar o fallo) o verdadeiramente rechamante, o que sae da boa orde das cousas.

ENCE e o Estado de Dereito

O Tribunal Supremo (TS) non é unha segunda ou terceira instancia, senón o órgano xudicial que, na orde contencioso-administrativa, unifica a interpretación xurisprudencial do Dereito Administrativo estatal. Xa que logo, só admite para trámite os recursos que teñan un interese casacional, é decir, os que requiran unificar esa xurisprudencia para acadarmos a seguranza xurídica que esixe o Estado de Dereito. Neste sentido, é moi reiterada a doutrina do TS limitando a admisión da casación só para resolver problemas xerais vencellados con esa seguranza xurídica e non pretensións particulares, por máis que estas sexan lexítimas e poidan atinxir a moitas persoas.
Non coñecemos aínda nin o texto da sentenza que estimou determinados recursos de casación contra as sentenzas da chamada “Audiencia Nacional” que anularon a prórroga que o Goberno Rajoy outorgara a ENCE estando en funcións para seguir a ocupar dominio público marítimo-terrestre na ría pontevedresa nin o do voto particular que anunciou contra dela a maxistrada Ángeles Huet de Sande. Mais si podemos criticar xa algúns elementos da mesma.
Para comezarmos pola propia admisión para trámite, acordada en febreiro de 2022, onde se xustifica esta admisión na trascendencia económica e social da prórroga da concesión obxecto de recurso que “genera empleos directos e indirectos a más de cinco mil personas…”. Mais o TS tennos dito ducias de veces que a afectación de intereses persoais non determina un interese casacional que só se atopa na necesidade de unificar por mor da seguranza xurídica a aplicación da lei. Como na Animal Farm de George Orwell, todos somos iguais, mais algúns sonlles más iguais ca outros. Os empregos directos na factoría de Lourizán non chegan a 200. Canto ao emprego nas oficinas xerais terían que se manter onde queira que se translade a actividade industrial, por se desenvolver a respecto da xestión da cadea produtiva o mesmo que o emprego indirecto (transporte, explotación forestal, etc.).
Por outra banda, o artigo 32.1 da Lei de Costas só autoriza a ocupación do dominio público marítimo-terrestre para actividades que, pola súa natureza, non poidan ter outra ubicación. E resulta que a de Lourizán é a única celulosa no Estado ubicada nesta clase de dominio público, polo que non require desa ubicación por natureza e pode ser transladada a calquera lugar con auga dispoñíbel abonda e dotado de liñas de alta tensión.
Velaí que a confianza no Estado de Dereito sufra con esta clase de decisións. Seguiremos, pois, debullando esta análise nas vindeiras semanas.

Clarexarmos o da Lei do Litoral

As tirapuxas entre o Goberno galego do PPdeG e o Goberno do Estado do PSOE e Unidas Podemos constitúen xa un clásico. Velaí o proxecto de lei da Xunta de ordenamento do litoral, que tenta agachar o veto de Núñez Feijóo ao novo Estatuto (2007) e os case catorce anos de goberno da dereita non só sen novas competencias, senón sen traspaso ningún de medios e servizos, malia lle deixar encarreirado o vicepresidente Anxo Quintana (BNG) naquela primavera de 2009 a transferencia das bolsas e axudas ao estudo, inspección de traballo, museos, arquivos e bibliotecas. Fronte a este proxecto o Goberno do Estado, sempre ciumento das súas competencias, alcuma a proposta popular de inconstitucional. Outravolta as forzas políticas españolas amosando a súa incapacidade de resolver problemas, nomeadamente, de resolver os problemas de Galicia.
A cuestión competencial é nidia abondo e mesmo é recoñecido deste xeito polo proprio PSdeG. O Estatuto de Galicia atribúelle ao Poder Galego a competencia exclusiva no ordenamento do territorio e do litoral e esta ten sido recoñecida en varias sentenzas do Tribunal Constitucional (TC). Neste sentido, a atribución competencial do noso Estatuto é tan nidia como a catalá do Nou Estatut (2006) ou do vixente Estatuto andaluz (2007). Xa que logo, cumpriríanlle á Xunta as potestades todas da xestión do dominio público marítimo-terrestre, agás a definición do proprio réxime desa clase de dominio público, que lle cómpre ao Goberno do Estado. É dicir, as decisións sobre concesións no dominio público e de autorizacións no ámbito das servidumes de acceso ao mar haberíanlle pertencer ao Goberno galego.
Xa que logo, como vén de manifestar Luis Bará (BNG), o primeiro que cómpre é acadar na Comisión Mixta de Transferencias entre a Xunta e o Goberno do Estado o acordo para o traspaso dos medios e servizos estatais de xestión do litoral.
Canto aos propios termos do ordenamento do litoral proposto polo PPdeG, tempo haberá para debullárllelo, malia que adiantemos que amosa un modelo de sobreexplotación hostaleira que prioriza sobre as actividades vencelladas ao complexo mar-industria, ao tempo que tenta vencellar a planta de Lourizán de ENCE á idea dunha actividade económica só desenvolvíbel na costa, cando este feito foi proba concluínte avaliada na sentenza da Audiencia Nacional pendente de casación polo Tribunal Supremo para o vindeiro 7 de febreiro. Fronte a este modelo tan discutíbel e pouco consensuado do PP a esquerda española, quer do PSOE, quer da IU ou Podemos, exporta un modelo centralista que quere expulsar da costa toda actividade económica vencellada tradicionalmente á mesma e que, ademais e pola súa natureza, non se pode desenvolver en ningún outro lugar.

ENCE e a fraude de lei

O Dereito quítalle todo efecto aos actos feitos a medio de fraude de lei, é dicir, que usen dunha norma aparente de cobertura para acadar un resultado prohibido polo Dereito. Por outra banda, o Dereito Administrativo coida nulos de pleno Dereito os actos administrativos que incorran en desviación de poder, é dicir, que unha Administración Pública empregue as súas facultades para finalidades distintas das previstas pola lei que llelas outorga.
A lexislación de portos prevé a posibilidade de ampliar o dominio público portuario (é dicir, os terreos públicos a carón do mar destinados ás fins propias da actividade portuaria) a terreos de costa que poidan servIr para os usos complementarios do porto, malia que non teñan continuidade cos previamente afectados. Máis aínda, poderán engadírselle ao dominio público portuario os terreos dedicados ás actividades industriais ou comerciais conectadas de xeito relevante coa actividade cotiá do propio porto.
Neste senso, a posibilidade teórica reflectida no moi recente informe do Consello Consultivo de Galicia a respecto da adscrición ao Porto de Marín dos terreos de dominio público marítimo-terrestre que ocupa arestora ENCE, sob a apariencia de cumprimento dos requisitos formais da Lei de Portos, incorre nunha clara fraude de lei, ao tentar resolver a caducidade declarada xudicialmente a respecto dos terreos que ocupa ENCE na Ría de Pontevedra, a medio dunha ampliación do dominio público portuario, que a Autoridade Portuaria de Marín até agora nin requiriu de xeito formal nin anunciou fose precisa para o cumprimento das súas finalidades portuarias.
Unha eventual adscrición dos terreos de ENCE ao dominio público portuario de Marín sería, pois, nula por fraude de lei. Mais tamén por desviación de poder, pois a Xunta aproveita o control que ten a respecto do libre nomeamento e cesamento do Presidente e máis da metade do Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Marín e demais portos de interese xeral de Galicia para suxerir un camiño ilegal, usando da facultade da Autoridade Portuaria para lle propor ao Ministerio de Fomento a ampliación dos seus terreos de uso portuario para lle resolver o problema a ENCE. Para lle resolver o problema ao amigo.
Velaí a grave cuestión, xa non só ambiental, senón institucional e de convivencia democrática. Que o Goberno Feijóo, que defendeu até 2012 o traslado de ENCE fóra da Ría de Pontevedra, estea disposto mesmo á fraude de lei e á desviación de poder para beneficiar os seus concretos intereses.