Luísa Villalta, a nosa estrela

Ben sei que non é este o espazo para recensións ou críticas literarias, musicais ou culturais, para as que, ademais, nin teño cualificación nin oficio. Mais si cómpre achegármonos, rematada a súa homenaxe nacional deste 17-M, á obra de Luísa Villalta (poética, dramatúrxica, narrativa e ensaística, entre outras) desde a perspectiva cidadá, humanista e patriótica.
Luísa Villalta é unha intelectual depurada desde unha fonda vocación pedagóxica. Estudou e traballou con rigor, xeito e esforzo desde moi nena para estruturar unha amplísima cultura literaria, musical, artística e en ciencias sociais e humanas. Xerou unha metodoloxía crítica -tamén fondamente autocrítica- na definición analítica e sintética do seu pensamento e, aínda máis, na súa tradución á acción: política e social.
A súa intelectualidade reflíctese no grao de elaboración da súa obra e no seu compromiso coa calidade técnica e artística. Mais Luísa Villalta, sen concesións comerciais, quere ser intelixíbel para o común da cidadanía. Agroma aquí a súa vocación docente, que enfrontou con espírito de cidadanía, para sementar nas persoas discentes ese sentido crítico e autocrítico co que ela ollaba á súa obra, á súa contorna e ao mundo.
Luísa Villalta é unha humanista. Na súa obra ensaística e en moitas pegadas da súa obra literaria pregúntase pola vixencia permanente e temporal das decisións do noso día a día e da liberdade, entendida como liberdade individual, mais tamén alicerzada na posibilidade das liberdades colectivas. O seu espírito crítico afasta o seu pensamento dos lugares comúns.
Luísa Villalta é galeguista comprometida desde a súa vocación coruñesa. Afastada de dogmatismos construíu un discurso alicerzado na lingua, cultura e nación galegas, integrador e acolledor, mais abondo definido nos seus marcos. Apela a toda a cidadanía, sen exclusións, mais desde inequívocas referencias de identidade, pertenza e proxecto colectivos.
Luísa constrúe o seu galeguismo político, social e vital desde a súa identidade coruñesa inequívoca, sendo quen a conectar coa tradición galeguista, cidadá, liberal e demócrata das coruñesas de orixe ou adopción de antes da represión de 1936: Maruxa Miramontes, Elvira Bao ou Amparo López Jean.
Luísa Villalta é feminista e apela a mulleres e homes nos valores da igualdade. Foi moi consciente da limitación que sufría como muller, como artista, literata e pensadora. E reivindicou a igualdade, desde o traballo colectivo de todos e todas, chamando tamén a atención da necesidade de que os homes partillemos desta tarefa.
Cousa que semella que ás veces -todas e todos- esquecemos.
Intelectual, humanista, feminista, galeguista, artista, poeta, dramaturga, narradora, música, cidadá, patriota… muller, persoa. Luísa Villalta, a nosa estrela.

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.