Unha Constitución caducada

O extremismo das propostas dos ministros Wert e Ruiz Gallardón ilustran os sinais dos tempos neste 34 aniversario da aprobación da vixente Constitución. As conmemoracións desta efeméride foron quen a reflectir a caducidade do modelo constitucional actual: ausencias de case todos os partidos alleos ao bipartidismo de quenda, declaracións enfáticas sen lle admitir á prensa preguntas… Un cadro verdadeiramente decadente, cualificación da que tampouco zafa algún dos ausentes como Cayo Lara (IU), a quen non lle valeu o Senado para o evento, mais si para aproveitar a presenza dos xornalistas e contar a súa historia.
O modelo constitucional (que a grande maioría non puidemos votar por mor da nosa idade) xa non serve. Hai que inserir nun novo texto o recoñecemento das regras e competencias da UE e máis as categorías xurídico-políticas do século XXI, entre elas a constitucionalización (hoxendía son só principios informadores das políticas social e económica) da protección da saúde e do acceso á vivenda como dereitos.
E hai que enfrontar a organización plurinacional do Estado. Precisamos dun Estado en rede, moderno, onde non exista un plantexamento radial do territorio nin un cerebro hipertrofiado que todo o pense e nos diga en que lingua falar ou onde gastarmos os cartos. Un Estado a construirmos dende o recoñecemento da plena soberanía das nacións como Galicia a respecto das cuestións vencelladas á lingua, á cultura, ao Dereito Civil e á organización territorial e réxime local. Materias todas onde o Estado plurinacional constituiríase como confederal, recoñecendo o dereito de veto das distintas nacións nese ámbito. Para adoptar, canto ao financiamento, política económica e réxime fiscal, un federalismo non exento de doses estimulantes de competición, que poida testar o suceso ou fracaso das distintas propostas de fomento ou fiscais, como adoitan facer nos USA.
Cada ano que demore esta remuda de modelo constitucional medrará o número de separadores. E, xa que logo, de separatistas. Até dificultar verdadeiramente a continuidade da convivencia nesta nosa España plurinacional.