O castelán non precisa defensa ningunha

Cando Núñez Feijóo acadou outra maioría absoluta este verán, moitas das análises de fóra da Galicia, mesmo non poucas de medios cataláns e vascos, sinalaban como unha das chaves a suposta priorización do país sobre a sinaléctica PP (“Galicia, Galicia, Galicia”) e máis unha mensaxe aparentemente afastada do mainstream españolista do PP madrileño, de Vox e de Cs, verbalizando sen maiores compromisos reais un esvaído discurso de aceptación do galego como parte do patrimonio da galeguidade. Velaí que estrañase, desde esa caste de enfoques, a chocante agresividade do presidente galego fronte á solución lexislativa pactada no Congreso que permite a cada Administración autonómica a escolla da súa lingua vehicular, suprimindo a obriga do castelán para todo o Estado que impuxera a Lei Wert, aprobada só cos votos do PP na lexislatura 2012-2016.
Analisada no contexto político actual, a actitude de Feijóo é chocante. A emenda aprobada no Congreso non lle impón á Administración galega ningunha solución. O que lle da é máis marxe de manobra. Pode ir cara a un sistema de inmersión lingüística, mais tamén pode seguir co fracasado modelo actual. Por outra banda, o castelán é omnipresente e non precisa de protección ningunha, fronte ao galego, que se atopa nunha grave situación de minorización, xerada en boa parte polas restricións normativas estatais e autonómicas ao seu pleno status de oficialidade. De feito, o Consello de Europa ten denunciado o incumprimento da legalidade europea (“Carta Europea das Linguas”) por parte da Xunta, que veta na práctica o galego no ensino infantil e prohíbe dar aulas de matemáticas, física e química en galego.
Xa que logo, neste contexto, a actitude de Núñez Feijóo afástao dos políticos moderados e útiles, que tentan xerar inclusión e cohesión social, como Urkullu ou os mesmos populares Pedro Puy e Xesús Palmou, e achégao aos políticos dos excesos verbais, que xeran división social e non achegan solucións, como Abascal, Rosa Díaz ou Toni Cantó.
A actitude contra o galego de Feijóo enténdese, porén, en clave de distraer a atención da xestión sanitaria que está a desenvolver a Xunta. Porque nesta segunda ondada da pandemia, Galicia ten ampla autonomía para desenvolver as súas solucións e botarlle as culpas ao Goberno do Estado xa non é a solución válida para todas as situacións. A evolución epidemiolóxica de Galicia non evolúe ben e soubemos esta semana que a Xunta faltara á verdade cando proclamara contar con 6.000 persoas rastrexadoras; só eran 700. O resto é persoal de atención primaria do SERGAS, totalmente ultrapasado na súa capacidade de resposta. Núñez Feijóo sabe que arestora é el quen está á fronte e que a resposta preventiva ten moitas eivas, nomeadamente nos centros de ensino e nas residencias da terceira idade.
O máis grave desta desaquelada opinión presidencial é que achega o PPdeG ao extremismo lingüístico de Vox, Cs e do PP de Madrid. E envían a clara mensaxe de que o Goberno galego non está nin polo uso nin pola promoción da única lingua que require de políticas de defensa e promoción neste país.

A resposta galega

Analisábamos hai poucos días a absoluta irresponsabilidade e falla de utilidade da esquerda española. Velaí a maioría progresista dende decembro de 2015 que non foi quen nin de derrogar a lei “mordaza”, nin a grave restrición da autonomía local da Lei de modernización dos gobernos locais nin a recentralizacion e xentrificación da educación da Lei Wert.
Arestora ficou claro dabondo. Como cantaban os nosos veciños asturianos Los Berrones, a esquerda española (PSOE e UP, que na Galicia se presenta baixo a bifronte fórmula Tone Gómez-Reino/Yolanda Díaz como Galicia en Común) nin sabe, nin vale, nin quere. Como vén de escribir o noso notábel economista e literato Marcelino Fernández Mallo, a inoperante esquerda española emite a mensaxe da súa incapacidade de acordo para gobernar, amosando que esta función no Estado só a pode desenvolver o bloque da dereita tripartita. Unha dereita tripartita hoxe en día minoritaria na contaxe dos votos estatais por mor da súa relativa derrota na Galicia, Euskadi, Nafarroa, Catalunya, País Valencià, Illes Balears ou Canarias, mais que podería gañar en novembro no conxunto do Estado dacabalo da previsíbel desmobilización do electorado progresista e da xa evidente desaceleración económica.
No contexto moi probábel da volta ás urnas, a inutilidade e irresponsabilidade da esquerda española e máis a desmobilización do seu electorado abriríanlle unha pequena fiestra de oportunidade ao galeguismo para se presentar como a alternativa útil e recuperar a súa presenza no Congreso estatal. Para iso precisa de unidade, de intelixencia e de xenerosidade. Os resultados electorais do 28-A definiron neste eido unha nidia hexemonía do BNG e, ao mellor, deixaron fóra de xogo aquela coalición nacional á corsa que constituía a solución acaída para gañar a representación na última primavera. Mais, de calquera xeito, a fronte soberanista habería de se decatar que precisa da achega dos milleiros de soberanistas que habitan alén dos seus muros. E eses milleiros nos que, polo menos para concorrer ás eleccións estatais, o BNG ha xogar un rol central, malia que non exclusivo nin excluínte.
Para poder acadar os votos precisos, ilusionando onde a esquerda española desilusionou, o soberanismo habería definir unha mensaxe clara e sinxela, que fose quen de sumar e seducir ducias de milleiros. Mensaxe alicerzada na defensa dos intereses económicos galegos e das políticas sociais a prol das maiorías, na restauración das liberdades e mellora da calidade democrática e institucional e na reversión da recentralización para acadarmos máis autogoberno, máis e mellor financiamento autonómico e, xa que logo, máis benestar.

Galicia, mellor sen Rajoy

A maioría absoluta do PP no Estado (decembro 2011-decembro 2015) supuxo unha concentración de poder inédita na historia da imperfecta e limitada democracia española. Porque ao control do Executivo estatal e á maioría absoluta no Congreso e Senado sumábanse a meirande parte dos gobernos autonómicos e Poder local. Alén diso, Rajoy subrogábase nunha composición do Tribunal Constitucional e do Consello Xeral do Poder Xudicial aínda subsidiaría do aznarato, maioría xudicial que afortalou no uso da súa maoría absoluta. Na democracia española non houbo unha persoa que desfrutase de semellante concentración de poder.
Rajoy aproveitou esta case omnímoda capacidade para desenvolver políticas de deconstrución dos dereitos sociais e das liberdades públicas, de recentralización territorial e de afondamento nas desigualdades, demostrando unha vez máis que a recentralización camiña sempre na compaña da limitación das liberdades e do autoritarismo. Deste xeito, os galegos sofrimos a limitación da liberdade da chamada “lei mordaza”, o recorte á autonomía local e á extensión e calidade dos servizos públicos dos concellos da lei de modernización dos gobernos locais, a limitación das bolsas e da liberdade da Xunta para fixar os contidos no ensino da lei Wert ou a imposición dunha política de horarios comerciais moi prexudicial para o noso comercio de proximidade.
Nesta lexislatura Rajoy, sen maioría absoluta, continuou usando do filibusterismo parlamentario (dende a súa maioría canda Cs na Mesa do Congreso e dende a capacidade parcial de veto do Executivo) para manter esas políticas. No caso do noso País abonda para exemplo a aldraxe do bloqueo da transferencia da AP-9, coa inestimábel colaboración dun Feijóo convertido dende a súa maioría absoluta de setembro do 2016 moito máis nun Gobernador provincial ca no Presidente dun país que o Estatuto lle encarga ser.
Velaí que a mera remuda a un Goberno suxeito a controis e contrapoderes (só 84 deputados dos 180 sobre 350 da maioría que o investiu) e obrigado a pactar para lle dar pulo a unha axenda política de amplo espectro sexa unha oportunidade -malia que probabelmente limitada- para Galicia e para a súa maioría social. Para recuperar liberdades, pór o acento nos intereses das maiorías, frear e mesmo reverter a recentralización e mellorar o autogoberno e, deste xeito, o benestar.

O Reino de Galicia

A historiografía española desenvolveu, dende mediados do século XIX, unha liña de relato motivado en razóns políticas que minusvaloraba a importancia da historia de Galicia, considerada mero apéndice, primeiro de Asturias e León, despois de Castela.
No século III os romanos crearon a provincia de Gallaecia, que integraba o actual norte de Portugal, Asturias, Cantabria, León e parte de Castela, chegando a dicir Paulo Orosio a principios do século V que “cántabros e astures son parte da provincia de Gallaecia”. A primeiros do século V os suevos pactaron cos galego-romanos para fundaren o primeiro reino da historia da Europa occidental, con capital en Braga, que durou dous séculos onde se chantaron os alicerces da división parroquial do País e de moitos outros caracteres como pobo de noso.
Os árabes invadiron a Península no 711, mais nunca ocuparon Galicia, polo que a nosa historia descoñece os termos “reconquista” e “repoboación” que definiron a historia castelá. Os cronistas árabes non coñeceron un Reino de astures nin leoneses, senón o Reino de Galicia. Un Reino afortalado coa invención do corpo do apóstolo Santiago e onde os propios reis buscaron sedes na estrema oriental pouco poboada do Reino (Oviedo, León), na percura de coutar a influencia da Mitra compostelá e dos restantes bispos e condes galegos.
Fulcrais para Galicia foron os seus reis Afonso VII Raimúndez, Fernando II e Afonso VIII. Estes últimos dous reconciliaron Galicia co mar, recoñecendo as vilas de Viveiro, Baiona, Noia e A Coruña. Portugal independizouse de Galicia no 1128 e o Reino pasou ao rei castelán Fernando III no 1230. Malia que esta era unha simple unión persoal, Galicia foi xogando menos na Península e perdeu nas súas escollas contra os Trastámara no século XIV e contra a raíña Isabel a fins do século XV. Velaí a dureza da represión da Católica sobre os galegos partidarios da “excelentísima dona Xoana”. Represión que marcou a fin da semiindependencia do Reino de Galicia.
Verdade que non lles contaron sempre esta historia? Pois, con máis ou menos matices, é real e cómpre coñecela para saber de onde vimos, malia que o ministro Wert vaia arrincala outravolta nos plans de estudo que quere comúns para toda España. Unha España que foi, é e será plurinacional ou non será.

Unha educación para ricos

A educación universal e de calidade é condición necesaria para garantirmos unha relativa igualdade de oportunidades que faga inclusiva e aturábel a convivencia social. Dende a Lei de Educación de 1970 e, nomeadamente, dende a xeralización do sistema de bolsas, medrou substancialmente a achega de alunos das clases medias e traballadoras ao ensino superior e, canda ela, a mobilidade social.
O proxecto Wert tenta revertir este proceso de mobilidade e inclusión, voltando a un ensino superior reservado ás clases privilexiadas, con certas concesións ao estudo de persoas moi brillantes a medio de bolsas. Velaí que no futuro sistema do PP poidamos aprobar cun 5, mais teñamos que acadar un 6,5 para obter ou anovar a bolsa, estruturada como unha excepción para “rapaces pobres con aproveitamento”.
Non existe un dereito absoluto a desfrutar indefinidamente de bolsas sen aproveitamento nin a accedermos ao ensino superior. Do que se trata é de garantirmos que os menos privilexiados vexan removidas as chatas habitacionais, culturais e mesmo alimentares para o seu acceso aos níveis educativos, sen que esas chatas sexan unha barreira infranqueábel. E de propiciarmos esa mobilidade social inseparábel da democracia.
O proxecto Wert limita moi substancialmente as bolsas e tenta desincentivar o acceso dos estudantes menos privilexiados ao ensino superior, agás os máis dotados intelectualmente. Na Galicia haberá reválidas nas que empresas contratadas polo Ministerio van corrixir …os resultados educativos da Xunta de Galicia! Unha caste de señores de negro que cumprirán o plan de converter o ensino máis nun instrumento de adoutrinamento ca de cohesión social e preparación intelectual.

A ARRINCADEIRA: Galicia Bilingüe na Academia de Belas Artes
Galicia Bilingüe ven de presentar a súa revista na sede da Academia Galega de Belas Artes, nun acto partillado polas Presidentas de cadansúas entidades. Esquecen a Presidenta Goicoa e demáis colaboradores de quenda que, no eido lingüístico, a autoridade é a Real Academia Galega. Unha Corporación de Dereito Público, que lle debe a súa sede e financiamento ás Administracións Públicas, non pode secundar teses de parte e menos as dun grupo que disinte de xeito radical dos valores de consenso lingúistico do Estatuto de Galicia.

Ensino centralista e elitista

Patente a súa falla de ideas e incapacidade no eido da economía, o Goberno do Estado tenta substituílas contentando no político os sectores máis extremistas do seu electorado. Velaí as súas iniciativas sobre Poder Xudicial, aborto, réxime local e, agora, o proxecto de lei de modernización da calidade educativa (Lomce) do ministro José Ignacio Wert.
A proposta, máis ca modernizar ou incrementar a calidade do ensino, está pensada para elitizalo, investindo moitos menos recursos. Establecendo avaliacións (na primaria, fin da educación secundaria obrigatoria e remate do bacharelato) estrañas ás Administracións educativas autonómicas e afondando nos recortes orzamentarios ás bolsas e ao ensino en xeral, elitizará progresivamente o ensino superior, derivando os estudantes dos segmentos populares e das clases medias a outros itinerarios que impedirán toda promoción social.
Neste senso, o proxecto é moito menos incluínte e cohesionante socialmente cá Lei Villar Palasí do ano 1970 e, xa que logo, lembra a normativa do franquismo, reflectida tamén no cómputo da relixión para efectos de avaliación do aproveitamento na concesión das bolsas.
O outro vector que nos retrotrae ás épocas predemocráticas é a recentralización do ensino ou “españolización”, como dixeron explícitamente Wert e implícitamente María Dolores de Cospedal.
Seica o Estado non ten para bolsas nin para reformar a Formación Profesional (FP), mais terá para lle pagar os colexios privados aos que queiran estudar en castelán (fará o mesmo coas familias que queren unha praza de ensino infantil en galego?). E definirá contidos comúns nas materias troncais (50 por cento do horario lectivo), reducindo a marxe da Xunta para estruturar os seus contidos educativos.
A educación ten que garantir curricula compatíbeis no espazo europeo. Mais no pacto constitucional e estatutario de 1978-1981, definiuse como materia basicamente de competencia galega, catalá e vasca sen prexuízo da garantía dos dereitos fundamentais e do seu financiamento público.
Velaí o acerto da definición da consellera catalá de Ensino, Irene Rigau (CiU): “o proxecto é predemocrático e inexecutábel”.

A caída do bipartidismo dinástico

Os últimos inquéritos reflicten o estado de ánimo electoral que tamen se percebe na rúa. Nunca na historia demoscópica coñecida existiu un Goberno do Estado que xerase máis desconfianza cara o seu Presidente e máis rexeitamento cara a xestión de todos e cada un dos seus Departamentos. O que non é chocante, non só polo absoluto fracaso gubernamental na xeración de emprego e crecemento e polo seu grave incumprimento do seu contrato electoral, senón pola actitude asocial, anticidadá e mesmo “freaky” de ministr@s como Gallardón, Wert, Ana Mato, Margallo, Montoro ou Fernández Díez. Este Gabinete é a proba definitiva de que os marcianos existen e habitan entre nós.
Rechamante tamén é o destrago das expectativas electorais do PSOE, moi comprensíbel se atendemos ao xiro a prol das politicas de recurte social e económico de ZP en maio do 2010 e ao pacto de Rajoy e Rubalcaba en setembro do 2011 para unha reforma constitucional “express”, case clandestina, que priorizou en diante o pagamento dos xuros e amortizacións da débeda sobre calquera outro gasto público. Tamén sobre o sanitario, social ou educativo.
PP e PSOE procederon hai máis de trinta anos á ocupación e partidización de institucións como o Consello Xeral do Poder Xudicial, o Tribunal Constitucional ou o Tribunal de Contas, ao tempo que tentaban converter a democracia española nunha alternancia bipartidista afastada dos parámetros de transparencia, participación e renovación que esixe o propio sistema democrático.
Velaí a fondura da actual crise institucional, que abrangue tamen ao propio Xefe de Estado. Quen sempre ollou cara outro lado diante da praxe cotiá deste bipartidismo dinástico. Porque só dende eses valores de participación e transparencia, xunto cos de inclusión e cohesión tamén esquecidos, é posíbel rexenerar a convivencia democrática dende dentro e evitar a sua traumática liquidación.

A ARRINCADEIRA: É de xustiza
A Irmandade Xurídica Galega, integrada por centos de avogados, maxistrados, xuíces, fiscais e funcionarios, celebrou a súa Asemblea anual. Dixo no acto o profesor Gómez Segade: “tanta xente comprometida co galego ten que se notar xa na galeguización da xustiza”.
Usar a nosa lingua na Xustiza non pode xerar nin atrasos, nin ningunha caste de prexuízo, mesmo indirecto, para o cliente ou para o profesional.

Galego na escola

No extremismo dos ministros Wert e Gallardón amósase unha faciana do PP intolerante, centralista e autoritaria. No caso das taxas, Gallardón introduciunas contra o criterio de avogados, xuices e demais operadores xurídicos. No caso da educación o PP só ofrece unha reforma educativa sen diálogo, sinalada polos recortes no autogoberno das nacións españolas (entre elas Galicia) e por apelar, outravolta, á idea da España única ao determinar que só será troncal o castelán, deixando ás outras linguas oficiais nun status secundarizante de materia de especialidade.
O proxecto Wert, asemade, entende a educación como a adquisición dun feixe de contidos, sen dúbida convenientes, mais subordina a esta adquisición o máis importante, que é sementar nos discentes actitudes, aptitudes e técnicas. Velaí ese absurdo enguedellamento en se Madrid define determinada porcentaxe de contidos e Compostela outros.
Mais a reforma vai máis aló. Todos recoñecemos a vantaxe de que os distintos sistemas educativos españois (e europeos) coordinen os seus programas, para garantir unhas titulacións compatíbeis. Pero que o Estado se reserve a facultade de impor a avaliación dos estudantes a medio de probas que só pode facer o Ministerio (e non a Consellaría) atenta contra o espirito do pacto normativo contido no Estatuto de Autonomía de Galicia, que lle recoñece competencia exclusiva á Xunta en todos os graos e níveis do sistema educativo. As probas de avaliación despois dos ciclos haberían ser de estrita competencia da Administración educativa galega.
Na cuestión lingüística, o proxecto Wert sobarda tamén todas as liñas vermellas. Porque o galego é a lingua minorizada no seu propio País e para obter competencia abonda para lelo, escribilo e falalo as crianzas precisan non só galego na escola, senón a escola en galego, sen prexuízo do ensino a xeito do castelán, do inglés e do portugués, para rematar tamén o ensino obrigatorio con plena competencia nestas linguas.
En calquera caso, correspóndelle a Galicia a definición da lingua vehicular no seu ensino, dacordo coas competencias exclusivas do Estatuto.

Unha Constitución caducada

O extremismo das propostas dos ministros Wert e Ruiz Gallardón ilustran os sinais dos tempos neste 34 aniversario da aprobación da vixente Constitución. As conmemoracións desta efeméride foron quen a reflectir a caducidade do modelo constitucional actual: ausencias de case todos os partidos alleos ao bipartidismo de quenda, declaracións enfáticas sen lle admitir á prensa preguntas… Un cadro verdadeiramente decadente, cualificación da que tampouco zafa algún dos ausentes como Cayo Lara (IU), a quen non lle valeu o Senado para o evento, mais si para aproveitar a presenza dos xornalistas e contar a súa historia.
O modelo constitucional (que a grande maioría non puidemos votar por mor da nosa idade) xa non serve. Hai que inserir nun novo texto o recoñecemento das regras e competencias da UE e máis as categorías xurídico-políticas do século XXI, entre elas a constitucionalización (hoxendía son só principios informadores das políticas social e económica) da protección da saúde e do acceso á vivenda como dereitos.
E hai que enfrontar a organización plurinacional do Estado. Precisamos dun Estado en rede, moderno, onde non exista un plantexamento radial do territorio nin un cerebro hipertrofiado que todo o pense e nos diga en que lingua falar ou onde gastarmos os cartos. Un Estado a construirmos dende o recoñecemento da plena soberanía das nacións como Galicia a respecto das cuestións vencelladas á lingua, á cultura, ao Dereito Civil e á organización territorial e réxime local. Materias todas onde o Estado plurinacional constituiríase como confederal, recoñecendo o dereito de veto das distintas nacións nese ámbito. Para adoptar, canto ao financiamento, política económica e réxime fiscal, un federalismo non exento de doses estimulantes de competición, que poida testar o suceso ou fracaso das distintas propostas de fomento ou fiscais, como adoitan facer nos USA.
Cada ano que demore esta remuda de modelo constitucional medrará o número de separadores. E, xa que logo, de separatistas. Até dificultar verdadeiramente a continuidade da convivencia nesta nosa España plurinacional.

Adiantarmos o IVE

Autónomos e pemes sufrimos o chamado “criterio do devengo” no IVE: pagamos o imposto repercutido canda a facturación e non canda o seu efectivo aboamento.
Este criterio do devengo agrava ate extremos inaturábeis a situación financeira das nosas pemes e autónomos, nun contexto recesivo onde medran a morosidade e os prazos de pagamento e mingua o crédito bancario. Xa que logo, autónomos e pemes pagamos o IVE de importantes contías facturadas e aínda non percibidas sen que poidamos financialo bancariamente e só, en determinadas circunstancias, botando man dos aprazamentos que conceden as propias Administracións Tributarias, a tipos medios de xuro do 5%.
O Dereito europeo permite xa que os Estados membros poidan aplicarlles aos autónomos e pemes o chamado “criterio de caixa” (pagaremos o IVE cando cobremos a factura) no canto do criterio do devengo. E, de feito, esta remuda era unha das propostas electorais incumpridas polo PP, que ven hai poucas semanas de rexeitar no Congreso unha proposta de CiU para introducir este criterio fiscal. Porque a única prioridade de Rajoy, como xa teño dito, é cadrar as contas do mes que ven, custe o que custe en termos de desemprego, desindustrialización ou exclusión social.
Autónomos e pemes obterían un moi importante balón de osixeno da introdución deste sistema, o que redundaría, sen dúbida, nun mantemento do emprego que xeraría unha inducida recadación fiscal adicional. E o custo administrativo e informático para as Administracións Tributarias seria moi asumíbel. Mais para situar este tema fulcral na axenda política cumpre que autónomos e pemes poidan facerse ouvir, superando unhas organizacións patronais sempre pendentes dos intereses da grande empresa e uns sindicatos refractarios historicamente á peme.

SUBVENCIONAR A EDUCACIÓN SEPARADA É INCONSTITUCIONAL
O Ministro Wert ven de amosar o  seu extremismo ao propor unha nova lei que permita subvencionar os colexios que separan as persoas dun e doutro sexo. Mais o certo é que a norma legal que prohibe os concertos con centros de ensino separado xorde do propio artigo 27 da Constitución. O sistema de educación separada pode xerar resultas moi perversas. Velaí algúns que opinan, xa, que hai que lles ensinar máis ciencias aos rapaces e máis humanidades as rapazas.