Aprendermos a historia de España

Disque os pobos que descoñecen a súa historia condenados están a repetila. Velaí un bo motivo para coñecermos a historia do noso País e da nosa contorna. E, se falamos desa realidade plurinacional chamada España ou do Estado español, cómpre coñecermos de onde vimos. Porque a historiografía oficial contounos unha pauliña, deseñada por Menéndez Pelayo e outros historiadores de quenda, que insistían moito en que nin cataláns, nin vascos nin galegos tiveran nunca Reino de seu nin foran autónomos de xeito ningún.
Esta teoría descoñece que Catalunya constituiu o nervio e referente fundamental da Coroa de Aragón, integrada polo pacto federativo entre o Principat catalán e os Reinos de Aragón e Valencia. Foron os cataláns os que conquistaron Sicilia e Sardeña e os que sobrancearon na reconquista valenciá e exclusivizaron a reconquista das Illes Balears, explicándose así que estes territorios falen variantes do catalán.
Pola súa banda, o reino de Navarra (fundado no século IX polo rei vasco Eneko Aritza) perviviu independente até o 1512 e nucleouse en torno a un eixo pirenaico-euskaldun que integraba Iparralde, Gipuzkoa e a actual Navarra.
Galicia foi a potencia hexemónica do chamado pola historiografía española reino astur-leonés. E Compostela e o camiño xacobeo déronlle sentido e contido a este reino occidental, no que os reis escolleron Oviedo e, despois, León como sedes periféricas e excéntricas que tentaban substraerse da influencia da omnipotente Mitra compostelá e da nobreza galega. Os reis galegos Fernando II e Afonso VIII repoboaron os portos e cidades de Baiona e A Coruña, reconquistaron Extremadura e sinalaron o apoxeo deste reino hexemonizado por galegos, até que a súa Coroa se uniu persoalmente á castelá con Fernando III de Castela, marcando o comezo da nosa decadencia.
Esta historia española agachouse. Até o extremo de que calquera cidadán do Centro peninsular pode pensar na irrelevancia de galegos, cataláns e vascos no proceso de conformación da historia peninsular. E dos descoñecementos sempre xurden malquerencias, tirapuxas e mesmo xenreiras.