NCG Banco: accionistas e preferentes

Para NCG Banco o ano remata co anuncio da súa reestruturación de capital a medio dunha “operación acordeón”, pola que se vai reducir o capital a cero (perdendo todo o seu valor cadansúas cotas de Novacaixagalicia e dun grupo de investidores galegos que mercaran do FROB un 2,7 por cento do capital do banco) para despois achegar, só polo FROB, algo máis de 5.000 M€ .
Os investidores galegos (propietarios de Gadis, Jealsa ou Estrella Galicia, entre outras empresas) non perderon o valor das súas accións polas perdas xeradas desde que mercaron (fins de 2011) até agora, senón por mor de que as accións que lles vendeu o seu propietario (o FROB, controlado polo Ministro De Guindos) e polas que pagaron un 2,7 por cento de 181 M€ non tiñan valor ningún neses intres.
Xa que logo, anúnciase unha batalla legal que probabelmente gañen os investidores (malia que teñan que xogala nese enxendro xurisdicional chamado Audiencia Nacional) e que mancará aínda máis o prestixio internacional do proceso de reestruturación financeira española. Ao tempo anunciouse que ao comezo do 2013 o FROB comunicará as condicións para o troco aos titulares de preferentes, sobre a base dunha perda parcial e da restitución do valor restante a xeito de accións do Banco.
Mais o Ministerio de Economía non está a dar a información ao xeito, pois que hai que advertir -e non se fai- que estas condicións só serán aplicábeis para aqueles clientes que non demanden xudicialmente a nulidade contractual da súa compra de preferentes. Até agora van xa case 12.000 consumidores galegos que obtiveron da arbitraxe a declaración de nulidade de cadanseu contrato. Mais esta vía estase a esgotar, desactivada de feito pola Xunta dende as eleccións autonómicas. Agora só remanece a vía xudicial, quer pola vía máis rápida das demandas individuais (gravadas xa co pagamento de taxas), quer adheríndose a algunha das demandas colectivas interpostas.
Só adoptando unha ou outra decisión hai probabilidades reais de recuperar os aforros agora indispoñíbeis.