Galicia cara á exclusión financeira

Artigo publicado na revista Art Galicia @ Madrid para el mundo en abril de 2022. Pode descargarse aquí ou lerse a continuación:


Do dereito e do revés

As antigas Caixas galegas, entes fundacionais sen ánimo de lucro, desenvolvían a primeiros deste século varias iniciativas sociais para fornecer de atención institucionalizada ás persoas da terceira idade que o precisaban. No 2003 Caixanova e a súa participada, o Banco Gallego, mercaban a empresa Geriatros.
No 2005 chegou ao goberno a coalición BNG-PSdeG. E o vicepresidente nacionalista, Anxo Quintana, consciente da inexistencia dun sistema galego público de atención aos maiores, diversificou o orzamento da Xunta para atraer o capital social -non público- das Caixas a un proxecto inédito de atracción das súas achegas neste eido social. Fundouse no 2006 a Sociedade Galega de Servizos Sociais (Sogaserso), participada nun 45% pola Xunta e en cadanseus 27,5% polas dúas Caixas. Sogaserso construíu catro importantes residencias da terceira idade: Viveiro, Vimianzo, Ourense e Monforte e mercoulle a Geriatros a de Aldán-Cangas, no comezo de 2009. O Goberno galego ampliaba exponencialmente os recursos públicos coa cooperación público-social.
Gañou o PPdeG o 1-M do 2009, e en xullo de 2010 a Xunta vendeu o seu 45% en Sogaserso ás Caixas. Estas fusionáronse en novembro de 2010, ficando desde entón Sogaserso propiedade ao 100% de NovaCaixaGalicia (hoxe en día Afundación), que mantén a propiedade das cinco residencias e, deste xeito, cumpre (só formalmente) as fins de protección da terceira idade e falla de ánimo de lucro esixidas polos concellos ourensán, vimiancés e viveirense para cadansúas cesións dos terreos onde Sogaserso construíu cadansúas Residencias.
Despois da fusión das Caixas, NovacaixaGalicia autocontratou o alugueiro e xestión das residencias de Sogaserso a Geriatros. Mais no verán de 2012, Geriatros (xestor daquela de 27 residencias) foi vendido por NCG Banco ao fondo luso Magnum, que a vendeu no 2017 ao fondo francés PAI Partners, que despois integrou o seu grupo xeriátrico Domus Vi con Geriatros e varias empresas xeriátricas no mercado estatal adquiridas do 2014 en diante. Domus Vi xestiona arestora máis de 370 residencias no Estado, Portugal e Francia.
Galicia pagou moi caro este afastamento do público e do social na xestión das necesidades da nosa terceira idade. No informe anual do Consello de Contas de 2017 xa se denunciaba que o cadro de persoal ofertado para a contratación do servizo, no caso da Residencia compostelá de Domus Vi non coincidía co efectivo. Nin se cumprían os “ratios” de persoal por residente nin as substitucións deste nas quendas de vacacións e fins de semana. Conclusións que atinxían tamén á Residencia ourensá Nosa Señora da Esperanza da Fundación San Rosendo.
Nesta crise pandémica, as Residencias Domus Vi de Cangas e Barreiro-Vigo foron intervidas polo seu descontrol diante do espallamento do virus e da súa letalidade asociada, mentres as Domus Vi de San Lázaro acada arestora dos peores níveis neses parámetros. As grandes empresas do sector, propiedade de anónimos Fondos, seica dan o peor servizo.
Urxe consensuarmos un outro modelo nos servizos asistenciais á terceira idade. A Xunta (que non pode negar coñecer, polo menos parcialmente, esta realidade) habería pescudar e sancionar os comportamentos ilegais do servizo das Residencias privadas incumpridoras e o Sogaserso de Afundación disporá sen dúbida de recursos contractuais para recuperar a xestión das Residencias que construíu a iniciativa público-social da Xunta e as Caixas e garantir, deste xeito, os criterios asistenciais esixidos pola lei e o sentido común.

Lexislar a prol da banca

A deriva pro banqueiros do Estado español vén de lonxe. Xa no 1950 a ditadura aprobaba unha Orde Ministerial redactada polo profesor Joaquín Garrigues (logo incorporada á reforma da Lei de Axuizamento Civil -LAC-) que facultaba a que os Bancos puidesen redactar unilateralmente as liquidacións das contas de crédito e de desconto bancario para reclamalas xudicialmente pola vía executiva.
Na versión reformada da vella LAC de 1984 e na actual Lei do 2000 definiuse un procedemento de execución hipotecaria que impedía, na práctica, que o debedor puidese opor razóns de fondo (como a existencia de cláusulas abusivas ou deficiencias no consentemento outorgado) para parar o procedemento xudicial. Tivo que ser o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) quen declarou a ilegalidade parcial deste proceso executivo e quen definiu a obriga dos xuíces estatais a examinar sen pedimento previo a legalidade das cláusulas dos contratos que se executan e de anular as cláusulas abusivas, indemnizando aos prestatarios.
O Goberno Rajoy aprobou un procedemento de resolución da débeda subordinada de NCG Banco, S.A. (hoxe ABANCA) que impuña parcialmente o seu resgate aos aforradores galegos, con perdas de entre o 22 e o 46% do valor nominal de cada obriga subordinada ou participación preferente. Tiveron que ser os Tribunais os que anularan a contratación destes produtos. A vía arbitral galega non incluiu máis aló dun 30% do aforro afectado, ademais de non garantirlles a devolución dos xuros legais correspondentes.
O Tribunal Supremo, máis permeábel ás presións do Executivo ca os Tribunais de primeira instancia e apelación, decidiu como doutrina legal vencellante que os efectos da nulidade das cláusulas de chan non poderían ir máis atrás desa data, por entender que doutro xeito prexudicaríase gravemente a estabilidade do sistema financeiro. Tivo que ser outravolta o TXUE, na súa recente sentenza, o que declarase que os efectos da nulidade han ser recoñecidos dende cadansúas datas de sinatura dos préstamos hipotecarios, de xeito que o prestatario ha ser reposto na situación que tería de non existir esa cláusula.
Velaí que a constante na historia recente do Estado español fose a tendencia a favorecer á Banca. Só a actuación xudicial e, nomeadamente, a da xustiza europea conseguiu restablecer parcialmente algúns dos dereitos dos consumidores.

Máis xulgados

A senteza do Tribunal Supremo de 9 de maio de 2013 declarou nulas por abusivas as cláusulas de chan dos préstamos hipotecarios dos consumidores de NCG Banco, S.A. (hoxe Abanca), BBVA e Cajamar, mais os seus efectos fixáronse dende esa data e non dende a data de sinatura dos préstamos, ao consideraren que a total retroactividade ía prexudicar gravisimamente ao sistema bancario español. Tratábase dunha teoría xurídica de patacón que tentaba protexer a Banca e que foi desbotada de todo pola Sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea de 21 de decembro de 2016. Este declarou que, no caso de que un xuíz declare nula por abusiva unha cláusula contractual, hai que repoñer ao consumidor na posición que tería se nunca se aplicase a cláusula. Ou sexa, devolverlle os cartos cobrados de máis dende a mesma data do préstamo e, ademais, pagarlle os xuros legais (3 % anual arestora) dende a data dos pagos indebidos.
Eventualmente (case) todas as cláusulas de chan impostas aos consumidores por outras entidades bancarias tamén son abusivas e, xa que logo, nulas. Velaí que o Goberno do Estado tente favorecer á Banca cun sistema de mediación sen garantías, que enfronta ao consumidor nun claro plano de desigualdade co seu banco. Pista para acordos relativamente prexudiciais (quitar a cláusula sen pagar atrasos, non pagar xuros polos atrasos, devolver en especie e non en cartos…) ou para atrasos inxustificados.
A vaga de preitos das preferentes e subordinadas (lembremos as limitacións da solución arbitral da Xunta) amosounos que só coa reclamación xudicial acadará o consumidor a reparación íntegra do seu dereito, percebindo as cantidades adebedadas dende o comezo, os seus xuros legais e, eventualmente, os gastos de avogado e procurador. O sistema de mediación bilateral do que fala o Goberno Rajoy xoga a prol da Banca, que tentará diluír os efectos da enxurrada xudicial en varios anos ou chegando a acordos propios de campaña de rebaixas.
O que cómpre é dotar de máis xulgados, con cadanseus xuíces e funcionarios, para que os consumidores acaden a satisfacción do seu dereito e obteñan unha sentenza a tempo. Cara eventuais atrasos cómpre lembrar que só o consumidor que reclame xudicialmente cobrará intereses sobre as cantidades indebidamente pagadas.

Aínda hai xuíces en Luxemburgo

Dende fins dos 90 do século pasado foi cotián por case todas as entidades bancarias concertarlle aos consumidores os préstamos con garantía hipotecaria referidos ao Euribor incrementados cunha diferenza adicional (+0,50%, +0,75%, 1%, etc.). Mais introducíase no contrato unha cláusula de chan (normalmente entre o 2,5% e o 4,5%) que actuaba como límite por abaixo. É dicir, se o Euribor máis a diferenza adicional ficaban por baixo do chan aplicábase este.
O Tribunal Supremo (TS) ditaminou que as cláusulas de chan do BBVA, NCG Banco (hoxe Abanca) e Cajamar vulneraban a precisa transparencia, procedendo a anular esas cláusulas. No noso Dereito, os efectos da nulidade consisten en que as partes devolvan o que percebiron cos seus xuros legais dende a data na que se iniciou a relación (é dicir, dende que se outorgou perante notario o préstamo hipotecario). Mais o TS, nese caso, considerou que os efectos despregaríanse só dende a data da sentenza (9 de maio do 2013), non dende a data de cadanseu préstamo, por considerar que doutro xeito poríase en perigo a estabilidade do sistema financeiro. Unha segunda sentenza do TS consolidou esta xurisprudencia, claramente política no canto de xurídica.
Mais algúns xuíces e tribunais dubidaron da compatibilidade desta “doutrina de patacón” coa lexislación europea de protección dos consumidores. E presentaron a oportuna cuestión prexudicial ao Tribunal de Xustiza da UE (TXUE), que a resolveu determinando para todos os xuíces europeos a obriga de aplicar a nulidade dunha cláusula abusiva dende a data na que naceu o contrato. É dicir, que os tribunais españois, se consideran abusiva unha cláusula de chan, haberán condenar ao banco a lle devolver ao consumidor todas as cantidades cobradas de máis dende a data de formalización do préstamo, como se a cláusula non tivese existido nunca.
Dende a Asociación de Consumidores e Usuarios de Galicia vimos xa esta oportunidade a primeiros de ano e formulamos unha demanda colectiva perante o Xulgado do Mercantil d’ A Coruña, xa admitida a trámite, para que Abanca devolva as cantidades cobradas de máis dende as datas de cadanseu préstamo até o 9 de maio do 2013. Unha conta aproximada achéganos uns 7.500-8.000 euros a devolver nun préstamo de 100.000 euros pola diferenza de xuros do periodo novembro 2008-maio 2013. Cantidades moi importantes se pensamos que existen, só no caso de Abanca, 76.000 afectados en todo o Estado.
O TXUE reconciliounos co Estado de Dereito. Parafraseando ao muiñeiro de Potsdam que preiteou co rei de Prusia: “aínda hai xuíces en Luxemburgo”.

Gobernarmos nós o noso

O Ministerio de Economía vén de recoñecer, respostando unha pregunta parlamentaria, que adiantou catro anos a poxa de NCG Banco (agora Abanca) por mor dun informe dunha consultora internacional que lle advertía da posibilidade dunha grave deterioración dos activos do banco público. Das resultas dese informe, o Goberno do Estado vendeulle o banco a Banesco en 1003 M€, un 10% do diñeiro gastado no seu saneamento, perdendo 9000 M€ (nove veces o orzamento galego en Educación). No seu primeiro ano integrado en Banesco Abanca gañou xa máis do que custara.
Cómpre lembrar que o memorándum aprobado pola UE lle daba ao Estado español tempo ate a fin de 2017 para vender NCG. O adianto da súa poxa e, xa que logo, os 9000 M€ de perdas, son decisións proprias de Guindos e Rajoy. A eventual deterioración do valor dos activos de Novagalicia Banco era tan probábel como a de Bankia ou calquera outra entidade. NCG Banco enfrontaba o dano reputacional da débeda subordinada, mais mantiña a principal rede de Galicia, o mellor cadro de persoal, unha cota próxima ao 35-40% en préstamos e depósitos en Galicia e un presidente executivo, José María Castellano, cun proxecto claro para manter a singularidade e galeguidade da marca. Un presidente continuamente cuestionado polo FROB que chegou a boicotear decisións por el adoptadas no estricto ámbito das súas competencias corporativas.
Quere isto dicir que as ruinosas resultas da poxa de NCG Banco para a Facenda pública poden ser froito da incompetencia e da trapallada. Mais cómpre non desbotar ningunha hipótese. Lembran vostedes aquelas presións para que NCG Banco fose engulido a baixo prezo por un grupo estatal, quer o Santander, quer Caixabank? Puido ser este informe unha xustificación para lle entregar a meirande parte do mercado bancario galego a un grupo estatal? Porque foron excluídos os Fondos internacionais da posibilidade de se beneficiar dos créditos fiscais do banco?
Canto á Xunta, semella que Alberto Núñez Feijóo tentou evitar esta poxa e non puido, pola falla de poder político abondo fronte a Madrid. Porque isto non vai de Gobernos amigos. Vai de poder gobernarmos nós o noso, xa que os de fóra andan sempre ao seu. E as razóns de Estado de Madrid nunca coinciden cos intereses galegos.

Carlos Varela, fiscal superior

Galicia precisa de referentes de noso. Os países pequenos, os países negados até por algúns dos seus fillos, precisamos de exemplos. Eis o do primeiro Fiscal Superior de Galicia, Carlos Varela, que agora esgota dez anos de mandato. A demostración de que o valor das institucións é directamente proporcional ao seu traballo a prol dos problemas da cidadanía. Velaí o seu intenso traballo a prol do noso patrimonio cultural, en colaboración coa conselleira galeguista Ánxela Bugallo. Ou a monumental pescuda que dirixiu a respecto dos lumes forestais, que concluiu en que a meirande parte deles eran actos voluntarios, mais sen que existisen esas organizacións criminais das que falaron no seu día Romay Beccaría e Núñez Feijóo.
Carlos Varela e o entón vicepresidente Anxo Quintana déronlle pulo no 2009 á mediación familiar no Xulgado de Familia compostelán en colaboración cos Colexios de Psicólogos de Galicia e de Avogados de Santiago. Modelo de mediación que acadou estes anos un grande suceso, xa que a metade dos asuntos xudiciais de familia da área de Compostela acadan un acordo entre as partes, fronte ao 30% no resto de Galicia. E foi Carlos Varela o que atendeu dende o primeiro momento a punxente situación de milleiros de titulares de débeda subordinada das antigas Caixas galegas, contribuíndo substancialmente á solución xudicial do problema ao pór o foco nel a medio da presentación dunha demanda colectiva. O Fiscal Superior, que fixo da defensa dos consumidores galegos un eixo da súa actuación, transmitiunos a necesidade dunha fonda modernización procesual que permita xudicializar a contratación en masa dun xeito colectivo, superando as estreiteces da actual lei procesual civil.
E todo este traballo a prol do consumidor e do cidadán desenvolveuno na lingua propria de Galicia, amosando que o galego é lingua capaz para facermos Dereito e pulando por unha linguaxe xurídica galega afastada da artificialidade e pomposidade do castelán xurídico.
Carlos Varela amosou que existe capacidade de acción institucional eficaz para quen coñece, sinte e vive o País e o Dereito e segue as regras da comunicaciòn e da intelixencia emocional.

Poder financeiro e poder político

Abanca gañou o pasado ano 1.157 millóns de euros, dos que 601 son beneficios de explotación e 556 créditos fiscais. En medio ano Banesco amortizou de máis os 1003 M€ que lle custou NCG. Quere isto dicir que NCG era un grande negocio, como moitos xa advertimos. A capilaridade da rede, presente en toda Galicia, a calidade profesional e humana do seu persoal, a xestión da equipa de Castellano (malia que continuamente eivada dende o Ministerio de Economía) e a aposta de Escotet por manter a galeguidade da marca, subrogarse na orixe social da entidade e abrir un chisco o crédito explican estes números, case na súa metade créditos fiscais.
O Goberno Rajoy, xa que logo, malbaratou NCG, ao vendelo por un 11% do que se teña investido para sanealo. Por que? Porque Galicia non é importante dende Madrid, somos só o 5% do PIB e o 6 por cento da poboación. NCG era sistémico no noso país (30% dos depósitos e 40% dos créditos hoxendía), pero para Madrid era un Banco periférico, fronte a Bankia, que era o grande Banco sistémico. Cumpría que Bankia fose quen de recuperar forzas para ser un grande campión financeiro español. NCG non. Non era importante e podía usarse ao xeito de ensaio para “testar o apetito dos mercados”. Ademais, que Galicia perdese o seu sistema financeiro cadraba no esquema de Rajoy e Guindos. Mellor poucos bancos e con sede central en Madrid, quitando o que lle haxa que aturar a cataláns e vascos. A exclusión financeira das familias e das pemes galegas non lle preocupaba ao Goberno do Estado.
Perdéronse case 9.000 M€ públicos polas presas e polo desleixo do Goberno. E demostrouse que Galicia só pode defender as súas finanzas, a súa produción ou o seu benestar dende o exercicio dun poder político de noso. Non temos dimensión para influír no Estado por número, ao xeito catalán ou andaluz. Só podemos salvar o noso dende un ámbito blindado de autogoberno. Para os galegos NCG –agora Abanca– era sistémica, era fulcral. Para o Estado español non. Era sacrificábel.
Para chegar a estas conclusións non é preciso definirse como galeguista. Abonda con sentir este país e sumar dúas e dúas. Velaí o necesario de accións transversais que fagan de ponte entre galegos.

Alcoa ou a economía produtiva

Bankia, a grande entidade sistémica na que o Estado español inxectou case 24.000 millóns de euros, estafou os investidores canda a súa saída a bolsa do 2011. Seica os seus xestores, dirixidos, quer por Rato, quer por Goirizorri, falsearon os seus dados contábeis para reducir os seus pasivos. O Goberno do Estado non reparou en cartos para que Bankia fose reflotada polo sector público e continúe acubillada nel até acadar unha venda a xeito que garanta un núcleo duro de plena españolidade e confianza. Que diferenza de trato coa poxa pública ás carreiras de NCG Banco!
Mais este Goberno Rajoy, sempre preocupado polos intereses das elites financeiras e extractivas españolas, esqueceu os intereses da empresa industrial e, en xeral, da economía produtiva. E implementou unha reforma tarifaria eléctrica que converte o insumo enerxético nun luxo que desequilibra as contas dos grandes consumidores industriais, fronte a un prezo da enerxía sensibelmente máis barato no resto da Unión Europea.
Este desleixo pola industria agrávase substancialmente na Galicia. Velaí como unha empresa esencial no noso tecido produtivo como Alcoa, con centros de traballo n’A Coruña e n’A Mariña corre serio risco de pechar o primeiro, o que suporía a supresión de 400 postos de traballo directos e uns 2000 indirectos. Triste paradoxo o de Galicia. Exportamos case a metade da electricidade que producimos e os nosos consumidores domésticos e industriais pagan facturas máis caras, xa non só a respecto da UE, senón co resto do Estado. O sistema tarifario eléctrico español oriéntase decididamente no beneficio do mercado madrileño de grande consumo.
Fronte isto a Galicia do 2014 non ten quen lle valla. Non existe aquela Fenosa galega que promoveu Aluminios de Galicia, precedente de Alcoa. Nin o Banco Pastor nin as Caixas de Aforro. Temos na teoría, si, unha autonomía política e o concello coruñés desfruta de autonomía local. Mais nin o Presidente Feijóo nin o alcalde Negreira teñen a autonomía en cadanseus miolos. Velaí que asistan, caladiños e sen mandar nada, a unha etapa máis do proceso continuo de desindustrialización de Galicia, xa advertido moi recentemente por Luis Pousa.

Abanca

NCG Banco mudou a súa marca este xoves, rematando un proceso que pasou pola efectiva adquisición por Banesco do 88% da titularidade do Banco e pola elección dun novo Consello de Administración. Deste xeito, rematou a historia das Caixas de Aforro de Galicia (fica viva, baixo a fasquía xurídica de Cooperativa de Crédito, a Caixa Rural Galega) e máis a fase provisional de nacionalización do principal Banco galego, agora de maioría venezuelana.
Vaia por diante que, no contexto decidido por Rajoy e De Guindos hai agora un ano, o –provisional– remate deste proceso non é o peor posíbel. Seica se salvou o domicilio social e fiscal e a sede operativa no noso País, canda unha marca e unha oferta financeira propias.
O emprego salvouse, tamén, en proporcións moi superiores ca os que conlevaría unha adquisición a prol do Banco Santander, BBVA ou Caixabank. Por outra banda, semella que a nova maioría do capital entende máis a xeito o valor da diferenza, da identidade e da complicidade coa cidadanía galega a respecto dos antigos xestores das Caixas, na liña tracexada pola equipa de Castellano.
Dito isto, cómpre lembrar que a Facenda de todos perdeu 9000 M€ neste proceso e que esta perda podería ter sido moito menor se o Goberno central xogase limpo co noso País, simplesmente outorgándolle a NCG o rango sistémico que lle deu a Bankia e non forzándoa a un proceso de poxa competitiva no peor dos momentos dos mercados financeiros. Galicia perdeu dúas entidades financeiras de base social, e deste feito existen sinalados responsábeis por acción e/ou omisión. As responsabilidades penais, civís e administrativas non poden ficar no xuízo da Audiencia Nacional polo asunto das pensións por cesamento dalgúns dos seus xestores e este intre histórico é o axeitado para, sen nos parar en consideracións, (re) abrir as pescudas que cumpran en Dereito. Doa a quen lle doa.
Cómpre constatar, tamén, que a nova equipa entendeu o dano reputacional que á entidade lle xeraba a crise da débeda subordinada, aínda non resolvida de todo, mais certamente en vías de amaño parcial. Pois na vinculación co aforro galego pode residir boa parte do éxito da futura saída a Bolsa da anovada ABANCA, ligando de xeito estábel o seu futuro co deste País.