Gobernarmos nós o noso

O Ministerio de Economía vén de recoñecer, respostando unha pregunta parlamentaria, que adiantou catro anos a poxa de NCG Banco (agora Abanca) por mor dun informe dunha consultora internacional que lle advertía da posibilidade dunha grave deterioración dos activos do banco público. Das resultas dese informe, o Goberno do Estado vendeulle o banco a Banesco en 1003 M€, un 10% do diñeiro gastado no seu saneamento, perdendo 9000 M€ (nove veces o orzamento galego en Educación). No seu primeiro ano integrado en Banesco Abanca gañou xa máis do que custara.
Cómpre lembrar que o memorándum aprobado pola UE lle daba ao Estado español tempo ate a fin de 2017 para vender NCG. O adianto da súa poxa e, xa que logo, os 9000 M€ de perdas, son decisións proprias de Guindos e Rajoy. A eventual deterioración do valor dos activos de Novagalicia Banco era tan probábel como a de Bankia ou calquera outra entidade. NCG Banco enfrontaba o dano reputacional da débeda subordinada, mais mantiña a principal rede de Galicia, o mellor cadro de persoal, unha cota próxima ao 35-40% en préstamos e depósitos en Galicia e un presidente executivo, José María Castellano, cun proxecto claro para manter a singularidade e galeguidade da marca. Un presidente continuamente cuestionado polo FROB que chegou a boicotear decisións por el adoptadas no estricto ámbito das súas competencias corporativas.
Quere isto dicir que as ruinosas resultas da poxa de NCG Banco para a Facenda pública poden ser froito da incompetencia e da trapallada. Mais cómpre non desbotar ningunha hipótese. Lembran vostedes aquelas presións para que NCG Banco fose engulido a baixo prezo por un grupo estatal, quer o Santander, quer Caixabank? Puido ser este informe unha xustificación para lle entregar a meirande parte do mercado bancario galego a un grupo estatal? Porque foron excluídos os Fondos internacionais da posibilidade de se beneficiar dos créditos fiscais do banco?
Canto á Xunta, semella que Alberto Núñez Feijóo tentou evitar esta poxa e non puido, pola falla de poder político abondo fronte a Madrid. Porque isto non vai de Gobernos amigos. Vai de poder gobernarmos nós o noso, xa que os de fóra andan sempre ao seu. E as razóns de Estado de Madrid nunca coinciden cos intereses galegos.

Poder financeiro e poder político

Abanca gañou o pasado ano 1.157 millóns de euros, dos que 601 son beneficios de explotación e 556 créditos fiscais. En medio ano Banesco amortizou de máis os 1003 M€ que lle custou NCG. Quere isto dicir que NCG era un grande negocio, como moitos xa advertimos. A capilaridade da rede, presente en toda Galicia, a calidade profesional e humana do seu persoal, a xestión da equipa de Castellano (malia que continuamente eivada dende o Ministerio de Economía) e a aposta de Escotet por manter a galeguidade da marca, subrogarse na orixe social da entidade e abrir un chisco o crédito explican estes números, case na súa metade créditos fiscais.
O Goberno Rajoy, xa que logo, malbaratou NCG, ao vendelo por un 11% do que se teña investido para sanealo. Por que? Porque Galicia non é importante dende Madrid, somos só o 5% do PIB e o 6 por cento da poboación. NCG era sistémico no noso país (30% dos depósitos e 40% dos créditos hoxendía), pero para Madrid era un Banco periférico, fronte a Bankia, que era o grande Banco sistémico. Cumpría que Bankia fose quen de recuperar forzas para ser un grande campión financeiro español. NCG non. Non era importante e podía usarse ao xeito de ensaio para “testar o apetito dos mercados”. Ademais, que Galicia perdese o seu sistema financeiro cadraba no esquema de Rajoy e Guindos. Mellor poucos bancos e con sede central en Madrid, quitando o que lle haxa que aturar a cataláns e vascos. A exclusión financeira das familias e das pemes galegas non lle preocupaba ao Goberno do Estado.
Perdéronse case 9.000 M€ públicos polas presas e polo desleixo do Goberno. E demostrouse que Galicia só pode defender as súas finanzas, a súa produción ou o seu benestar dende o exercicio dun poder político de noso. Non temos dimensión para influír no Estado por número, ao xeito catalán ou andaluz. Só podemos salvar o noso dende un ámbito blindado de autogoberno. Para os galegos NCG –agora Abanca– era sistémica, era fulcral. Para o Estado español non. Era sacrificábel.
Para chegar a estas conclusións non é preciso definirse como galeguista. Abonda con sentir este país e sumar dúas e dúas. Velaí o necesario de accións transversais que fagan de ponte entre galegos.

Banana republic

Estes días rematou o prazo para que os concorrentes por NCG Banco formulen as súas ofertas vencellantes e xusto o xoves 12 de decembro fontes próximas aos investidores internacionais (seica os Fondos USA e os venezolanos de Banesco) laiábanse da falla de transparencia e concreción a respecto da eventual compensación cos gaños futuros dos créditos fiscais diferidos e máis da cobertura de posíbeis perdas por reclamacións xudiciais futuras e pola perda de valor de determinados activos. Segundo fontes próximas aos devanditos investidores semella que a partida está xa xogada a prol da grande banca estatal. Graves sospeitas, pois, no proceso de concorrencia competitiva menos transparente da historia contemporánea da banca europea. E Guindos, ministro de Economía e Restoy, presidente do FROB, mirando cara outro lado como se este escándalo non fose con eles.
Mais non remata aquí a crónica das dúbidas, trasacordos, rectificacións e, en xeral, da inseguridade xurídica que ven caracterizando ao Reino de España dende hai anos e que acadou con este Goberno Rajoy níveis de campionato mundial. Velaí o brutal e inxustificado incremento do prezo da enerxía, que condena ás perdas a importantes industrias galegas, mentres a senrazón da tarifa eléctrica castiga ás nosas familias a pesar de ser o País que máis enerxía produce do Estado. A arbitrariedade fiscal do Goberno do Estado, que castiga ás economías dos emigrantes retornados que perceben pensións de fóra. Ou unha xestión centralizada de Navantia que pechou a vella Astano para resgatar os ineficientes estaleiros públicos cartageneros e gaditanos. Canda unha penalización á produción eólica que desfixo un sector de futuro no que Galicia era referente internacional.
Se a isto lle engadimos a asfixiante recentralización que cada vez prexudica máis os intereses produtivos galegos, explicarémonos a imparábel desertización industrial e demográfica deste noso País, silente e doente fronte un Goberno e Administración estatais que salientan pola súa ineficacia, falla de obxectivos e desprezo polas regras de xogo.

O perigo Caixabank

Hai só tres días, El Correo Gallego amosaba unha solvente representación da sociedade civil que defendía a adquisición da maioría do capital de Novagalicia Banco polo “pool” de Fondos internacionais que coordina o Guggenheim. É dicir, o chamado Plan Castellano.
Era un consenso lóxico, pois que esta opción é a máis económica en termos de mantemento do emprego, a máis rendíbel en termos de retorno parcial dos fondos públicos investidos no saneamento da entidade e a única con capacidade de manter unha marca e Banco con domicilio e dirección efectivas en Galicia para afondar nunha vocación minorista de atención ás pequenas e medianas empresas e ás familias galegas. Vocación minorista que ha constituir o seu obxecto, tanto pola folla de ruta expresada polos seus xestores como polas directrices emanadas da Unión Europea, que queren NCG lonxe de aventuras financeiras.
Fronte este consenso da sociedade civil, os partidos con representación parlamentaria non foron quén de constituir un sólido polo en defensa deste proxecto. Desexábel sería que BNG e AGE, sen deixar de defender a Banca pública, apostasen inequivocamente por esta opción distinguindo curto e longo prazo. Tamén semella que a remuda de liderado no PSdeG podería afastar aos socialistas das súas veleidades a prol de CaixaBank.
Máis preocupantes, porén, semellan certas informacións que anunciarían posíbeis diferenzas de criterio na dirección do PPdeG a respecto da súa defensa da galeguidade operacional de NCG. A man do “President” de Caixabank, Isidre Fainé, é moi longa e os seus aliados no FROB e no Ministerio de Economía moi potentes. Só faltaría que consolidase amizades no Goberno e no Parlamento galegos.
Velaí que cumpra, urxentemente, un pronunciamento inequívoco do presidente da Xunta a prol da única opción viábel para que NCG sexa un instrumento real para abeirarmos dos terríbeis efectos do oligopolio financeiro. NovaGalicia non pode caer na rede dun banco estatal.
Ogallá que a Xunta e os partidos parlamentarios estean á altura do que demandaba este día, nestas mesmas páxinas, a sociedade civil.

NCG e a exclusión financeira

The Economist vén de nos advertir da intensidade do proceso de concentración financeira na Europa periférica. Dende finais do 2009 as 53 bancos e caixas españolas ficaron reducidas a 12 entidades e Italia enfronta un proceso semellante. Os pequenos e medianos sofren graves problemas de capitalización a respecto do BBVA e Santander que, ao tempo, medran en depósitos repregándose do negocio minorista e, xa que logo, restrinxindo aínda máis o crédito ás pequenas e medianas empresas.
O oligopolio financeiro leva indefectibelmente á exclusión financeira das familias e das empresas. No 2011 o tipo de xuro medio na banca española para operacións de crédito superiores a 1M€ acadou o 2,8%, fronte ao case 6% das operacións de contías inferiores. A concentración financeira atende só os intereses da grande empresa e afoga ás pemes.
Velaí que a salvación da marca, rede e xestión autónoma de NCG sexa un asunto fulcral, tendo en conta o carácter sistémico de Nova Galicia no noso País, cun 40% dos créditos e depósitos. E, co proceso de venda encetado, só hai dúas alternativas. A primeira, que conlevaría a desaparición da entidade e a supresión de centos de empregos, é a venda ao BBVA, Santander ou “La Caixa”. A segunda, o chamado “Plan Castellano” que permitiría estabilizar a entidade como Banco minorista xestionado dende Galicia, é a venda aos Fondos internacionais dirixidos polo Guggenheim. Esta opción sería, tamén, a que achegase máis recursos, devolvendo unha parte do investido no saneamento. E a que facilitaría unha oferta de crédito centrada só nas pemes e fornecida por persoas coñecedoras do País e da súa estrutura empresarial.
Galicia non é unánime apoiando esta única opción viábel. Por mor do dano reputacional xerado pola comercialización de preferentes e subordinadas e agravado pola novidosa e insólita decisión de NCG de recorrer xudicialmente todas as sentenzas desfavorábeis, pola incapacidade da Xunta para construir un consenso neste asunto esencial, pola cativeza de miras dos socialistas e polo exceso de dogmatismo e falla de realismo de AGE e BNG.
Nun proceso transparente e obxectivo BBVA, Santander e La Caixa non terían, na altura, posibilidades reais. Mais os inimigos da subsistencia de Nova Galicia son fortes no Ministerio de Economía e no Banco de España.

NCG Banco: accionistas e preferentes

Para NCG Banco o ano remata co anuncio da súa reestruturación de capital a medio dunha “operación acordeón”, pola que se vai reducir o capital a cero (perdendo todo o seu valor cadansúas cotas de Novacaixagalicia e dun grupo de investidores galegos que mercaran do FROB un 2,7 por cento do capital do banco) para despois achegar, só polo FROB, algo máis de 5.000 M€ .
Os investidores galegos (propietarios de Gadis, Jealsa ou Estrella Galicia, entre outras empresas) non perderon o valor das súas accións polas perdas xeradas desde que mercaron (fins de 2011) até agora, senón por mor de que as accións que lles vendeu o seu propietario (o FROB, controlado polo Ministro De Guindos) e polas que pagaron un 2,7 por cento de 181 M€ non tiñan valor ningún neses intres.
Xa que logo, anúnciase unha batalla legal que probabelmente gañen os investidores (malia que teñan que xogala nese enxendro xurisdicional chamado Audiencia Nacional) e que mancará aínda máis o prestixio internacional do proceso de reestruturación financeira española. Ao tempo anunciouse que ao comezo do 2013 o FROB comunicará as condicións para o troco aos titulares de preferentes, sobre a base dunha perda parcial e da restitución do valor restante a xeito de accións do Banco.
Mais o Ministerio de Economía non está a dar a información ao xeito, pois que hai que advertir -e non se fai- que estas condicións só serán aplicábeis para aqueles clientes que non demanden xudicialmente a nulidade contractual da súa compra de preferentes. Até agora van xa case 12.000 consumidores galegos que obtiveron da arbitraxe a declaración de nulidade de cadanseu contrato. Mais esta vía estase a esgotar, desactivada de feito pola Xunta dende as eleccións autonómicas. Agora só remanece a vía xudicial, quer pola vía máis rápida das demandas individuais (gravadas xa co pagamento de taxas), quer adheríndose a algunha das demandas colectivas interpostas.
Só adoptando unha ou outra decisión hai probabilidades reais de recuperar os aforros agora indispoñíbeis.