O Reino de Galicia

A historiografía española desenvolveu, dende mediados do século XIX, unha liña de relato motivado en razóns políticas que minusvaloraba a importancia da historia de Galicia, considerada mero apéndice, primeiro de Asturias e León, despois de Castela.
No século III os romanos crearon a provincia de Gallaecia, que integraba o actual norte de Portugal, Asturias, Cantabria, León e parte de Castela, chegando a dicir Paulo Orosio a principios do século V que “cántabros e astures son parte da provincia de Gallaecia”. A primeiros do século V os suevos pactaron cos galego-romanos para fundaren o primeiro reino da historia da Europa occidental, con capital en Braga, que durou dous séculos onde se chantaron os alicerces da división parroquial do País e de moitos outros caracteres como pobo de noso.
Os árabes invadiron a Península no 711, mais nunca ocuparon Galicia, polo que a nosa historia descoñece os termos “reconquista” e “repoboación” que definiron a historia castelá. Os cronistas árabes non coñeceron un Reino de astures nin leoneses, senón o Reino de Galicia. Un Reino afortalado coa invención do corpo do apóstolo Santiago e onde os propios reis buscaron sedes na estrema oriental pouco poboada do Reino (Oviedo, León), na percura de coutar a influencia da Mitra compostelá e dos restantes bispos e condes galegos.
Fulcrais para Galicia foron os seus reis Afonso VII Raimúndez, Fernando II e Afonso VIII. Estes últimos dous reconciliaron Galicia co mar, recoñecendo as vilas de Viveiro, Baiona, Noia e A Coruña. Portugal independizouse de Galicia no 1128 e o Reino pasou ao rei castelán Fernando III no 1230. Malia que esta era unha simple unión persoal, Galicia foi xogando menos na Península e perdeu nas súas escollas contra os Trastámara no século XIV e contra a raíña Isabel a fins do século XV. Velaí a dureza da represión da Católica sobre os galegos partidarios da “excelentísima dona Xoana”. Represión que marcou a fin da semiindependencia do Reino de Galicia.
Verdade que non lles contaron sempre esta historia? Pois, con máis ou menos matices, é real e cómpre coñecela para saber de onde vimos, malia que o ministro Wert vaia arrincala outravolta nos plans de estudo que quere comúns para toda España. Unha España que foi, é e será plurinacional ou non será.