Utilidade do autogoberno

É preciso influírmos en Madrid e Bruxelas cunha representación parlamentaria de noso e máis facendo lobby. Aló adóptanse decisións fulcrais para a nosa economía e benestar e máis asígnanse moitísimos recursos económicos. Galicia ten que estar aló onde se adopten esas decisións para defender os intereses da nosa xente. Uns intereses que non adoitan ser relevantes para o Estado nin para a UE. Velaí o problema da industria electrointensiva (Alcoa, Ferroatlántica ou Megasa) ou as recorrentes crises dos sectores leiteiro ou naval.
Mais con ser tan importante a presenza galega neses foros, máis importante é o autogoberno como instrumento para facermos xestión transformadora e construírmos unha economía solvente e sostíbel que sexa quen a xerar emprego de calidade e eficientes servizos públicos que garantan o noso benestar.
O marco xurídico-político español impón as provincias, interfire na gobernanza e autonomía dos nosos concellos e nos asigna só o 3% dos recursos estatais para as Administracións locais, cando representamos máis do 5% da poboación do Estado (perdemos así 600 M€/ano). Acadarmos competencias exclusivas e excluíntes na organización territorial e réxime local permitiría suprimirmos as provincias, liquidando unha onerosa estrutura de Plenos, Presidentes e Subdelegacións do Goberno do Estado. Permitiría artellarmos un mapa territorial baseado nas áreas urbanas e na comarcalización funcional que consorciase os principais servizos entre os concellos da área próxima. Un mapa territorial que acompañase unha mellor asignación de recursos e servizos para xerar benestar. Cos 600 M€/ano máis que nos cómpren por poboación.
Que dicir dos cinco portos de interese xeral galegos! Tan privilexiados no eixo Canle de Panamá-USA-Europa e tan vencellados á desaquelada xestión centralista de Madrid. Coa transferencia destes portos pode ser revertida a magoante situación actual, na que o porto de Leixões duplica o tránsito de contedores dos cinco portos galegos de xestión centralista. E os tres aeroportos! Un sistema aeroportuario galego mellorará o turismo extracontinental e mesmo europeo arredor da Labacolla e aquelará as necesidades de mobilidade de Inditex, PSA e moitas outras empresas arredor de Peinador e Alvedro.
Cumpriría seguirmos coas competencias en política de promoción industrial, Banca Pública, política tarifaria enerxética, salvamento marítimo ou orde e seguranza públicas e tantas outras. Mais a conclusión é ben nidia: só con máis autogoberno Galicia xerará no futuro máis benestar e unha economía abastada e sostíbel.

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.