Utilidade do autogoberno

É preciso influírmos en Madrid e Bruxelas cunha representación parlamentaria de noso e máis facendo lobby. Aló adóptanse decisións fulcrais para a nosa economía e benestar e máis asígnanse moitísimos recursos económicos. Galicia ten que estar aló onde se adopten esas decisións para defender os intereses da nosa xente. Uns intereses que non adoitan ser relevantes para o Estado nin para a UE. Velaí o problema da industria electrointensiva (Alcoa, Ferroatlántica ou Megasa) ou as recorrentes crises dos sectores leiteiro ou naval.
Mais con ser tan importante a presenza galega neses foros, máis importante é o autogoberno como instrumento para facermos xestión transformadora e construírmos unha economía solvente e sostíbel que sexa quen a xerar emprego de calidade e eficientes servizos públicos que garantan o noso benestar.
O marco xurídico-político español impón as provincias, interfire na gobernanza e autonomía dos nosos concellos e nos asigna só o 3% dos recursos estatais para as Administracións locais, cando representamos máis do 5% da poboación do Estado (perdemos así 600 M€/ano). Acadarmos competencias exclusivas e excluíntes na organización territorial e réxime local permitiría suprimirmos as provincias, liquidando unha onerosa estrutura de Plenos, Presidentes e Subdelegacións do Goberno do Estado. Permitiría artellarmos un mapa territorial baseado nas áreas urbanas e na comarcalización funcional que consorciase os principais servizos entre os concellos da área próxima. Un mapa territorial que acompañase unha mellor asignación de recursos e servizos para xerar benestar. Cos 600 M€/ano máis que nos cómpren por poboación.
Que dicir dos cinco portos de interese xeral galegos! Tan privilexiados no eixo Canle de Panamá-USA-Europa e tan vencellados á desaquelada xestión centralista de Madrid. Coa transferencia destes portos pode ser revertida a magoante situación actual, na que o porto de Leixões duplica o tránsito de contedores dos cinco portos galegos de xestión centralista. E os tres aeroportos! Un sistema aeroportuario galego mellorará o turismo extracontinental e mesmo europeo arredor da Labacolla e aquelará as necesidades de mobilidade de Inditex, PSA e moitas outras empresas arredor de Peinador e Alvedro.
Cumpriría seguirmos coas competencias en política de promoción industrial, Banca Pública, política tarifaria enerxética, salvamento marítimo ou orde e seguranza públicas e tantas outras. Mais a conclusión é ben nidia: só con máis autogoberno Galicia xerará no futuro máis benestar e unha economía abastada e sostíbel.

Non hai política turística

Os dados de ocupación desta ponte festiva na Galicia foron arrepiantes, con só un 30-35%. Porque a queda do turismo peninsular (pola gravísima recesión portuguesa e española) amosounos que o emperador ía espido. Galicia, a pesares dos seus evidente atractivos e do grande coñecemento acadado polo camiño xacobeo, vai sendo excluída dos grandes circuitos turísticos. E semella que todo o traballo desenvolvido dende comezos da autonomía estase a esfarelar dende 2010.
É evidente que a alternativa é captar turismo europeo e transoceánico. Mais o principal problema para traelos é a nosa incomunicación aérea. O ineficiente centralismo de AENA potenciou Madrid como grande “hub” subordinando os aeroportos galegos a pasar en moitas ocasións por aí. E, independentemente que todo o que non sexan conexións directas con Galicia son moi pouco úteis, están a desaparecer tamén as conexións indirectas vía Madrid e Barcelona. Hoxe en día non é posíbel viaxar dende Barajas cara Alvedro ou Lavacolla dende as 15:45 h.
Xa que logo, semella que a política turística ha de se integrar coa política aeroportuaria. Só coa transferencia dos aeroportos á Xunta poderanse coordinar e especializar os tres aeroportos no marco dun sistema aeroportuario galego de noso. Nese marco, poderemos ter conexións que garantan un fluxo turístico continuado. De feito, arestora é o aeroporto Sá Carneiro do Porto quen está a cumprir como porta de Galicia, como ben sabe a Asociacián de Empresarios de Hostalería compostelá.
Mais tamén resulta claro que Galicia fracasa pola inexistencia de promoción real desque Carmen Pardo está á fronte do turismo galego. Fracasou a campaña de gárdame o segredo e fracasa, en xeral, unha política que nin aproveita o tirón xacobeo nin salienta os nosos caracteres nacionais diferenciais. As provincias e os territorios sen personalidade de seu non atraen aos visitantes.

A ARRINCADEIRA: ConsumoGustos etiquetados en galego.
A crise tamén esta a mancar os sectores galegos da produción alimentaria. Velaí a importancia de mercarmos produtos galegos. O Foro Peinador, incansábel axente de galeguización no ámbito da empresa galega, presenta este luns en Vigo unha campaña a prol do consumo neste Nadal de produtos galegos etiquetados en galego. Sen dúbida, un exercicio de consumo responsábel contribuirá ao tempo, a prol da nosa actividade empresarial e da vitalidade da nosa lingua nacional.