Utilidade do autogoberno

É preciso influírmos en Madrid e Bruxelas cunha representación parlamentaria de noso e máis facendo lobby. Aló adóptanse decisións fulcrais para a nosa economía e benestar e máis asígnanse moitísimos recursos económicos. Galicia ten que estar aló onde se adopten esas decisións para defender os intereses da nosa xente. Uns intereses que non adoitan ser relevantes para o Estado nin para a UE. Velaí o problema da industria electrointensiva (Alcoa, Ferroatlántica ou Megasa) ou as recorrentes crises dos sectores leiteiro ou naval.
Mais con ser tan importante a presenza galega neses foros, máis importante é o autogoberno como instrumento para facermos xestión transformadora e construírmos unha economía solvente e sostíbel que sexa quen a xerar emprego de calidade e eficientes servizos públicos que garantan o noso benestar.
O marco xurídico-político español impón as provincias, interfire na gobernanza e autonomía dos nosos concellos e nos asigna só o 3% dos recursos estatais para as Administracións locais, cando representamos máis do 5% da poboación do Estado (perdemos así 600 M€/ano). Acadarmos competencias exclusivas e excluíntes na organización territorial e réxime local permitiría suprimirmos as provincias, liquidando unha onerosa estrutura de Plenos, Presidentes e Subdelegacións do Goberno do Estado. Permitiría artellarmos un mapa territorial baseado nas áreas urbanas e na comarcalización funcional que consorciase os principais servizos entre os concellos da área próxima. Un mapa territorial que acompañase unha mellor asignación de recursos e servizos para xerar benestar. Cos 600 M€/ano máis que nos cómpren por poboación.
Que dicir dos cinco portos de interese xeral galegos! Tan privilexiados no eixo Canle de Panamá-USA-Europa e tan vencellados á desaquelada xestión centralista de Madrid. Coa transferencia destes portos pode ser revertida a magoante situación actual, na que o porto de Leixões duplica o tránsito de contedores dos cinco portos galegos de xestión centralista. E os tres aeroportos! Un sistema aeroportuario galego mellorará o turismo extracontinental e mesmo europeo arredor da Labacolla e aquelará as necesidades de mobilidade de Inditex, PSA e moitas outras empresas arredor de Peinador e Alvedro.
Cumpriría seguirmos coas competencias en política de promoción industrial, Banca Pública, política tarifaria enerxética, salvamento marítimo ou orde e seguranza públicas e tantas outras. Mais a conclusión é ben nidia: só con máis autogoberno Galicia xerará no futuro máis benestar e unha economía abastada e sostíbel.

Menos deputados, menos democracia?

O PP ven de promover a redución dos deputados do Parlamento de Galicia dos 75 actuais a 61. O certo é que nas democracias occidentais téndese a que o Dereito electoral sexa materia consensuada e, de feito, moitos Estatutos autonómicos esixen maiorías de dous terzos para reformar as regras do xogo electoral, mais non é o caso de Galicia onde xa o Presidente Fraga limitara a proporcionalidade democrática ao esixir o limiar do 5% de votos para acceder ao Parlamento, no canto do 3% que existía antes do 1993.
O “leit motiv” da reforma disque é o aforro. 14 deputados menos poden ser, canto máis, 3M€ de aforro/ano, moi inferior ao que se acadaría de rebaixar a retribución dos 75 deputados a 3000 €/mes, como propuxeron os galeguistas de CXG en xuño deste ano. E, dende logo, de se tratar de eliminar duplicidades e afinar as nosas Institucións nada semellante ao aforro que acadaríamos de suprimirmos as Deputacións (30 M€/ano só en cargos representativos -108 deputados e 4 presidentes- e asesores), os Subdelegados e Delegado do Goberno ou os totalmente prescindíbeis -na súa función actual- senadores.
Ninguén pode dubidar da legalidade estatutaria da reforma, da súa presenza no programa electoral popular nin da súa conexión cidadá co falso “mantra” da austeridade. O que esixía outra axilidade política ás tres forzas da oposición parlamentar (PSdeG, BNG e AGE), quer pactando contraprestacións, como a rebaixa do limiar de acceso ao Parlamento ao 3 por cento ou unha mellora da proporcionalidade territorial, quer asumindo unha posición unitaria en contra da reforma que fixese ouvir que o seu obxectivo era degradar a representatividade electoral. Velaí como a oposición parlamentar amosou outravolta a súa incapacidade para xerar un relato alternativo, deixando a iniciativa no centro do campo ao PP de Feijoo.
As regras do xogo electoral serán, pois, menos xustas despois da Semana Santa. E o Dereito electoral galego agardará pola reforma que lle dea meirande proporcionalidade e representatividade, suprimindo eses inxustos limiares do 5 por cento e garantindo normas democráticas esenciais como as candidaturas abertas, a posibilidade de revogación a metade dos mandatos ou mesmo a circunscrición electoral única.

Recentralización e aleivosía

O estado xurdido da Constitución do 1978 presenta moi importantes duplicidades administrativas que xeran desbalde de recursos e graves ineficiencias. Alguén tan pouco sospeitoso de nacionalista como o Presidente Fraga, consciente do mantemento de estruturas estatais que xa non tiñan sentido no noso réxime de autogoberno, propuxo a Administración única como solución, para que só o Poder Galego tivese o monopolio da execución, reducindo substancialmente as funcións do Estado.
Neste contexto, as primeiras duplicidades que haberíamos suprimir son as caducas Deputacións (26 M€/ano de aforro só na Galicia), a Administración periférica estatal cos seus Delegado e Subdelegados e o 60% dos Ministerios e Axencias estatais.
Mais seica Rajoy vai por outro camiño e velaí o informe recentralizador de Moncloa, que lle pide ao noso País a supresión do seu Valedor do Pobo, do seu Consello de Contas e doutras institucións.
A teima en facermos suprimir MeteoGalicia é absurda. Os galegos ignoramos á Axencia Estatal de Metereoloxía (AEMET) e confiamos no noso servizo meteorolóxico. Se cadra por sucedidos como o publicado o 15.01.2010 neste El Correo Gallego, que contaba como AEMET esquecera dar a alarma dun grave trebón ocorrido o 10 dese mes que si fora alertado por MeteoGalicia.
Canto ao Consello de Contas, pídesenos substituir este organismo, que só demora 2 anos en avaliar as contas públicas autonómicas, pola incompetencia dun “Tribunal de Cuentas”, puro cemiterio de elefantes e cun funcionamento irregular e asistemático. Canto á supresión do Valedor do Pobo cumpriría preguntarmos cando se preocupou o lonxano “Defensor del Pueblo” polas deficiencias dos servizos públicos no noso País.
Suprimirmos o Valedor e o Consello de Contas sería suprimir controis a prol da transparencia e contra da inmunidade do Poder.
Rajoy tenta unha recentralización alevosa cando está máis que demostrado que o centralismo madrileño é ineficiente e prexudicial para o tecido social e económico galego. O autogoberno é moito máis xusto e eficiente. Alén de consagrar o dereito fundamental dos galegos a defender e gobernar o noso.