Proxecto de país

Galicia está a vivir un momento histórico marcado pola gravísima recesión económica, pola remuda do paradigma social e institucional e por unha fonda crise moral e de confianza nas propias capacidades. Xa que logo, nunca tan preciso foi pensarmos o País. E actuar, dende parámetros de responsabilidade, apertura social e un pragmatismo non exento de sólidos alicerces éticos. Nunca tan precisa foi a política, para estruturarmos as angueiras da maioría social galega nun sólido proxecto de País. Proxecto que habería basearse en catro piares.
O primeiro destes piares é salvarmos e consolidarmos o Estado do Benestar. E para isto hai que frear este proceso salvaxe que está a deconstruílo e a destruír as nosas amplas clases medias de onte. Garantir (a medio das reformas na fiscalidade e financiamento autonómico que sexan precisas) a calidade e universalidade da educación, sanidade, xustiza e servizos sociais constitúe unha condición esencial para convivirmos baixo os parámetros da inclusión e cohesión social. O outro é barbarie.
O segundo sería o de consolidarmos o autogoberno e ampliármolo substancialmente, para converter a Xunta e os concellos nas únicas administracións canto a execución e para deseñar España como Estado plurinacional e en rede, no marco dunha Europa unida, federal e democrática. Máis Galicia, máis e mellor Europa e menos España.
O terceiro piar é a renovación democrática, para implementar reformas electorais e políticas que garantan a participación cidadá, a proporcionalidade electoral, as candidaturas abertas, unha meirande independencia xudicial e a fin da actual burocracia bipartidista que degradou deste xeito a democracia.
E o cuarto grande alicerce sería o da promoción da iniciativa empresarial e da creación, para facer de Galicia un País aberto, no que sexa viábel investir e crear, no marco do respecto á legalidade fiscal, ambiental, laboral e urbanística vixente. Un País para o emprendemento, no que as Administracións galegas non controlen nin suplanten a iniciativa, senón sexan quen de alentala e acompañala.