Freedom por Catalonia

Calquera sabe que os pasados indultos parciais e revogábeis non resolven máis -nin menos- que o inxusto prendemento dos nove presos políticos cataláns que, porén, van seguer inhabilitados e, algúns deles, suxeitos ás actuacións arbitrarias do Tribunal de Contas a respecto de cadanseu patrimonio. Dixemos xa nestas páxinas que os indultos -e moito menos estes indultos parciais e revogábeis- non eran solución ningunha, á vista das actuacións que segue o Tribunal de Contas a respecto de máis de 40 antigos cargos da Generalitat, das dilixencias penais abertas contra máis de 3.200 persoas en diversos Tribunais e das euroordes que reclaman prender ao president Puigdemont, á consellera Ponsati e aos consellers Comín e Puig. Non, de certo que o respecto polos dereitos fundamentais das persoas esixía e segue a esixir a amnistía.
Mais ninguén dotado da mínima empatía e sentidiño pode non celebrar a liberdade dos presos políticos cataláns Bassa, Cuixart, Forcadell, Forn, Junqueras, Romeva, Rull, Sánchez e Turull, malia a radical inxustiza de non se lles indultar a pena de inhabilitación que lles veta o acceso ás funcións e cargos públicos e malia a ilegal imposición dunha condición (non ser condenado por delicto con pena sinalada superior aos 5 anos de cárcere) que non encaixa de xeito ningún na interpretación conxunta dos artigos 16, 17 e 18 da vixente Lei estatal de indultos.
A simple recuperación da liberdade de movementos e da convivencia coas persoas queridas esixe de calquera persoa de ben un sentimento de solidariedade con todxs elxs e de noxo porque esta medida non chegase até vinte meses despois da sentenza, de xeito que a vida e os seres queridos que recuperan non son xa os mesmos que en outubro de 2017. As crianzas medrando sen ti, a parella visitándote na frialdade do cárcere, a represión económica que che quita os ingresos e mesmo che ameaza co embargamento do teu patrimonio e os teus pais e nais enfrontando os derradeiros anos de vida coa dor da privación da presenza do fillo ou da filla e coa dor de saber a magnitude de toda esa enxurrada de efectos negativos na túa familia e economía, consciente de estar condenado o seu fillo ou filla a máis anos de cárcere dos que sabes que podes vivir botando unha conta racional. Velaí o caso da nai do conseller Forn, falecida menos de vinte días antes do indulto ao seu fillo.
Os indultos non son, de certo, unha solución, e mesmo chegan tarde de máis para curar a dor e a xenreira que causou a Inquisición xudicial española. Mais chegaron sen que os presos políticos os pedisen e atoparon unha reacción ferreña, de homes e mulleres que recebiron a liberdade conscientes do seu deber histórico que ratifican a súa convicción de que só exerceron un dereito democrático e de que non vulneraron lei democrática ningunha. Ademais, chegan como contributo a unha certa mellora do clima social, sen que o soberanismo catalán asuma obriga ningunha á recíproca.
Semella, pois, que sendo comprensíbeis tanto as reaccións de ledicia como as de seriedade e silencio diante da liberación dos presos políticos, a mellor resposta no momento histórico foi a que desenvolveron os presos de Lledoners termando do cartaz “Freedom for Catalonia”. Porque afasta de vez o foco deles propios como persoas e o pono na idea de liberdade, que integra tanto os dereitos individuais das persoas como os dereitos colectivos da cidadanía catalá. Liberdade na súa dupla vertente de amnistía e dereito a decidir.
Deste xeito, o futuro esixe atender as dúas tarefas da loita pola liberdade: resolver a represión (a medio dunha ampla amnistía ou das fórmulas máis semellantes posíbeis, tamén na fronte complexa e revirada dun Tribunal de Contas que é aínda máis árbitro caseiro que o Constitucional ou o Supremo) e acadar a oportunidade acaída (no horizonte máximo de poucos anos de hoxe en diante) para exercer o dereito a decidir da cidadanía catalá. Porque, en realidade, os dous obxectivos atenden á esencia da cuestión catalá, que é unha cuestión de liberdade, de dereitos das persoas.
Mais cómpre dicir tamén que as últimas reaccións da Moncloa non permiten ser moi optimistas cara a afondar nun proceso de diálogo e negociación real. O Sánchez falando da oportunidade do castigo en 2017-2019 lembra de máis a ese político que defende os corruptos Borbóns, que integrou a coalición do 155 e que quería tipificar penalmente, outravolta, a convocatoria de referéndums non autorizados polo Poder central.
Velaí, pois, a evidencia de que este obxectivo parcial non se acadou nomeadamente polas necesidades parlamentarias do PSOE, senón por un traballo continuado do soberanismo catalán, polos presos e exiliados e os seus avogados e pola mobilización da sociedade civil. Traballo no que cómpre salientar o desenvolvido fóra do Estado español, no Parlamento e Tribunais europeos, na Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa, no Comité de Dereitos Humanos da ONU e en todos os foros europeos e internacionais que veñen de pór ao Goberno do Estado e, en xeral, á esquerda estatal diante da realidade dun rexeitamento case xeral tanto ao funcionamento da xustiza española como á reacción do Poder estatal diante do procès.

O patriotismo de Alfonso Paz-Andrade

De súpeto morreu Alfonso Paz-Andrade, transitando a contorna dos seus 80 anos, despois de facer moitas cousas boas a prol da lingua, da cultura e da economía deste seu, deste noso País, malia que nos seus últimos anos enfrontase problemas xudiciais que non foron nunca resolvidos a medio dunha sentenza definitiva pola súa morte accidental. Porén, o relatorio definitivo de feitos probados amosou a súa falla de participación na lea da conspiración delictiva do presidente de Pescanova, Manuel Fernández de Sousa Faro. Probabelmente -e vai ser esta a única e razoada crítica ao finado Paz-Andrade neste artigo- Alfonso nunca chegou a interiorizar a remuda das regras de xogo entre unha empresa cotizada no mercado de capitais e unha empresa partillada entre distintos socios e grupos familiares que non cotiza na Bolsa. Non se lle pode referir máis nada.
Mais, sen deixar Pescanova, cómpre lembrar ao Paz-Andrade de 2006, que rexeita a ofensiva de Fernández de Sousa contra o goberno de coalición BNG-PSOE por mor do desaquelado proxecto deste a respecto da factoría acuícola de Touriñán, logo fracasada na localidade portuguesa de Mira. Custándolle este enfrontamento a súa privilexiada posición na empresa, probabelmente. Ou a súa diplomacia a prol de Pescanova (aquela que non ten nin tiña Fernández de Sousa) para acadar recursos pesqueiros no mundo todo, nomeadamente na África.
Porque co seu sorriso, desde a súa galeguidade, desde a súa cultura local e universal, e co seu xorne liberal, Alfonso abriu portas para Pescanova. Mais tamén para o noso país, Galicia. Velaí a súa achega de tantos anos á revista Industrias Pesqueras, que fundou o seu pai, D. Valentín. E o seu esforzo que definiu a conversión de Vigo como capital galega e europea da pesca á fronte da World Fishing Exhibition.
Trabúcanse os que pensan que Paz-Andrade non desenvolveu proxectos empresariais liderados maioritariamente por el propio. Velaí a súa empresa Ibercisa Deck Machinery que, como nos lembra o profesor da USC Gonzalo Rodríguez, naceu da expansión da flota pesqueira galega da man de Pescanova, mais que con 25 M€/ano de facturación, é hoxe en día unha empresa dirixida aos mercados internacionais líder en maquinaria naval de cuberta. Creada, desenvolvida e dirixida desde Galicia.
Alfonso, ademais, contribuiu con todos os seus esforzos, desde proxectos como as Fundacións Castelao ou Neira Vilas, desde o Museo do Pobo Galego e desde moitos outros lugares a afortalar a nosa cultura e normalizar a nosa lingua.
Un País como Galicia non pode esquecer e ha sempre recoñecer o labor de Alfonso Paz-Andrade, como lembra e recoñece o labor do seu pai, D. Valentín.

A nosa vocación atlántica

Galicia carece de política exterior desde que goberna Feijóo e isto fainos máis periféricos e máis irrelevantes, pois que a España do réxime de 1978 alicérzase nun grande hub financeiro, institucional e político na rexión madrileña que baleirou a Meseta e vai camiño de baleirar as periferias peninulares. Madrid desfruta das vantaxes todas do efecto capital, de grandes investimentos públicos e do poder rexional para facer dumping fiscal.
Portugal refugou da rexionalización no 1998, mais arestora o bo facer municipal e institucional do Porto está a compensar parcialmente o centralismo lisboeta-lusitanista, facendo da cidade portuense un emerxente empresarial. Mentres, o país exerce unha gobernanza que abre Portugal aos investimentos empresariais e mellora as prestacións sociais e a calidade da democracia portuguesa. Portugal non quere apostar polo eixo ferroviario Lisboa-Madrid, senón polo Lisboa-Porto-Vigo-Compostela-A Coruña, que constitúe o primeiro repto para as infraestruturas dunha Eurorrexión, que con seis millóns de habitantes amosa unha dimensión acaída para a atracción do coñecemento e do investimento, arredor da área portuense, desde logo, mais apuntando cara a unha área Miño-Vigo que xoga a carreira da nova automoción e á área coruñesa que está a xerar un grande desenvolvemento das TIC desde a dixitalización do Grupo Inditex e outras novas iniciativas TIC das que haberemos falar polo miúdo.
Mais a nosa vocación atlántica non remata na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal nin na grande Portugaliza. Euskadi, Bretaña, Poitou, Aquitaine e Castela-León veñen de reclamar a necesidade da conexión dos territorios atlánticos todos ao Corredor europeo de mercadorías como acceso ao conxunto da Unión Europea. Un Corredor que viabilizaría a conversión dos nosos portos no grande hub do Occidente europeo entre Mar do Norte-Canle da Mancha e a nova Canle de Panamá.
Cómpre ollarmos máis cara Portugal e os territorios atlánticos europeos e menos cara Madrid e o seu centripetismo. Velaí, pois, a importancia de iniciativas como a da Rede Mundo Atlántico que vén de nacer, con sede na Coruña, Vigo e o Porto, partillando partenariado coa Associaçâo Empresarial Portuense (AEP), a primeira organización económica de Portugal e cunha tripla vocación: horizontalidade dixital en rede fronte á burocratización xerárquica, independencia dos Poderes políticos e creación de valor.
Precisamos de máis Rede e de máis integración con Portugal e o mundo atlántico e de menos sistemas de Poder nos que un só cerebro sabe e goberna todo.

“O que máis mira é o que menos ve”. A identidade e o autogoberno galegos no pensamento de Salvador de Madariaga

Artigo publicado no número 2 da segunda época da Revista do Instituto Cornide de Estudos Coruñeses, correspondente ao 2021. Pode descargarse aquí, ou lerse a continuación:

A violencia vicaria

O arrepiante crime da illa canaria de Tenerife amosa a necesidade de comprendermos o concepto de violencia vicaria ou violencia por persoa interposta, definida pola psicóloga clínica e forense Sonia Vaccaro como aquela exercida polo home violento contra os fillos e fillas para danar á nai. O cesamento da convivencia xerado polo divorcio ou separación entre a antiga parella afasta moitas veces (non todas as precisas, por desgraza) a muller do control do home violento, afastamento que, ás veces, refórzase, a medio de medidas xudiciais como as ordes de protección ou administrativas ou os subsidios para a inclusión social e empregabilidade das mulleres maltratadas (salario da liberdade), que foron incluídas na Lei galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero, aprobada no 2007 polo pulo do vicepresidente e da secretaria xeral de Igualdade da Xunta, os nacionalistas Anxo Quintana e Carme Adán. Unha lei a respecto da que se está a debater no Parlamento deste país unha proposta de reforma do BNG ampliando o concepto de vítima da violencia machista á vítima de violencia vicaria.
Neste contexto, coa potencial vítima da violencia machista máis ou menos afastada da súa antiga parella, esta (o home violento) aproveitará a única fiestra de relación con ela: a relación cos fillos e fillas comúns, chegando nalgúns casos, como os recentes crimes de Tenerife, Carmona ou Moraña, ao asesinato dos fillos coa finalidade de lle xerar un dano psicolóxico irreversíbel á nai. Un dano “aló onde máis lle doe” que vai continuar todos os días da súa vida. Velaí a certa coincidencia temporal entre o asasinato da/s crianza/s e o suicido do home violento, nunha clase de cruel sinatura do seu máis sobranceiro proxecto vital: causar o peor dano á súa antiga parella.
Mais a violencia vicaria non se desenvolve sempre en termos tan extremos, senón que existen outras formas menos graves que tamén están dirixidas á xeración dese dano psicolóxico continuo á antiga parella: o adiamento e falla de pagamento de pensións alimenticias por pais que poden facelo, o maltrato continuado, malia que aparentemente menor, dos menores no tempo de visitas ou custodia partilllada (alimentación curta, repetitiva, pouco variada ou desaquelada dieteticamente, falla de atención ás necesidades de vestido e hixiene, abandono consciente e innecesario dos fillos ao coidado de terceiras persoas…).
É precisa, pois, unha formación integral nas cuestións atinxentes á violencia machista e, en xeral, ás cuestións de xénero, das persoas que desenvolven roles neste eido (xudicatura, avogacía, psicoloxía forense, traballo social forense…) para evitarmos que os homes violentos poidan usar do seu poder sobre os fillos, nomeadamente nas tempadas de visitas e comunicación ou de custodia partillada, de xeito que avogados e xuízas sexamos quen de identificar as condutas de maltrato machista que xustifiquen, con total suxeición aos principios de proporcionalidade e presunción de inocencia, a suspensión ou privación do dereito de visitas ou custodia partillada desta clase de homes violentos coas súas crianzas para evitarmos traxedias evitábeis como a de Tenerife.

Enerxía pública e galega

Hai pouco máis dun mes escrebía nestas páxinas o artigo “Artellarmos outra produción eólica” no que advertía da enxurrada de proxectos que queren aproveitar as nosas óptimas condicións para a produción enerxética eólica sen respectar a lexislación ambiental nin de patrimonio cultural e sen compensar aos propietarios privados e comunais e aos concellos produtores. Advertía dun esquema colonial que quería facer de Galicia celeiro enerxético do Estado mesmo sen participar no desenvolvemento industrial do sector.
Voltamos tirar deste fío e tentamos albiscar o problema da enerxía na súa globalidade, produtiva e de consumo, xusto a poucos días de se implantar unha nova tarifa que penaliza nomeadamente ás familias, á hostalería e aos produtores leiteiros galegos, até con incrementos na factura dun 30%.
A enerxía eléctrica é un recurso esencial e un produto de primeira necesidade para a vida humana e económica. Xa que logo, o IVE ha de se reducir do 21% actual ao tipo máis baixo vixente doi 4%, como rexe en case toda Europa, mentres se suprime para evitar unha dupla imposición o seu Imposto especial.
Ademais, a enerxía ha ser un recurso público, o que obrigará a que os operadores privados se subordinen ao interese público e abrirá a posibilidade real (non a obrigatoridade) de que a Xunta e as Administracións locais poidan desenvolver operadores enerxéticos públicos. E para o interese público é esencial reducir os custos do transporte, polo que o os territorios haberían tender á autosuficiencia enerxética, como defende a asociación galega de consumidores ACOUGA. O que obrigaría moito menos a deseñar macroparques eólicos terrestres e mariños e máis a aproveitar a optimización da teconoloxía nos últimos tempos e inzar Galicia e todo o Estado de placas para aproveitamentos fotovoltaicos e termosolares nos edificios públicos, naves industriais e establecementos comerciais e vivendas unifamiliares e comunitarias. Velaí o exemplo da recente instalación de máis de 650 kw en 11 naves industriais no Novo Milladoiro-Ames, polo Grupo Vagalume Enerxía e Santiago Sur.
E, na lóxica de fomentar a autosuficiencia enerxética e reducir substancialmente o transporte, que é un dos principais factores do encarecemento da factura eléctrica, cómpre un reposicionamento global tanto dos retornos que a produción enerxética ha de lle xerar a Galicia como país, aos seus concellos produtores e aos propietarios privados e comunais como na compensación tarifaria que os consumidores domésticos e empresariais galegos haberíamos desfrutar polos custos ambientais e económicos que padecemos por mor dunha sobreprodución enerxética destinada a outros territorios, nomeadamente á rexión madrileña, que consome enerxía a eito sen producila.
Enerxía pública e galega, porque o modelo actual é exemplo de depredación oligopólica e explotación colonial.