Teimando na (i)lóxica represiva

A última reforma do Código Penal, que recibiu o apoio case total da maioría da investidura, suprimiu un delicto de sedición que non ten acollida no Dereito Penal común á maioría dos Estados da Unión Europea. Porén, introduciuse o delicto de desordes públicas agravadas, que pune coa cárcere durante tres a cinco anos a invasión de edificios e instalacións ou a obstrución ou corte de vías públicas cando se desenvolvan por multitudes nomeadamente aptas polo seu número, finalidade e organización para afectar de xeito grave á orde pública. A mesma reforma introduciu un delicto de malversación máis lene (punido con cárcere por tempo entre un e catro anos) cando non exista ánimo de lucro propio ou alleo, mais si unha xestión de fondos públicos afectándoos a finalidades distintas ás previstas legalmente.
Deste xeito abeirábase o Dereito Penal español ao ronsel dos demais Dereitos Penais europeos e da Convención das Nacións Unidas contra a corrupción de 2003, que non recoñece como delictos de corrupción as modalidades de malversación e prevaricación nas que non exista en acto ou potencia o arrequecimento proprio ou de terceiro.
Porén, Pablo Llarena —o maxistrado do Tribunal Supremo que instrúe a causa contra os políticos cataláns exiliados— deixou sen efecto as euroordes anteriores para o arresto e extradición destas persoas no ámbito da EU, ao considerar que a sedición xa está despenalizada. Mais mantivo a acusación contra Puigdemont, Puig e Comín polo delicto de malversación máis grave, que esixe ánimo de lucro e pode ser punido até con doce anos de cárcere. E xustifica esta desaquelada conclusión na suposta existencia do ánimo de lucro nos tres políticos por ter destinado fondos públicos a fins ilegais como o referéndum do 1-O de 2017, esquecendo que na sentenza definitiva dos xa condenados nin as acusacións nin o Supremo definiron unha malversación por desfalco, senón por administración desleal. Eis o partidismo da súa interlocutoria.
Esta tese foi asumida pola Fiscalía (seica co visto e prace do Fiscal Xeral promovido por Pedro Sánchez) e pola Avogacía do Estado, directamente dependente do Goberno central. Ambas as dúas acusacións chegaron máis aló, ao pedir o procesamento de Puigdemont, Ponsatì, Comín e Puig polo delicto de desordes públicas agravadas, descoñecendo que o próprio Llarena recoñece que iso non é posíbel por faltar en todos eles calquera conduta violenta ou intimidatoria.
O mesmo Goberno do Estado que promoveu a reforma legal desenvolve agora unha (i)lóxica represiva, tentando, quer unha moi improbábel extradición do president Puigdemont, quer o esquecemento por parte do seu electorado da devandita reforma, que seica lle ten xerado prexuízos en termos demoscópicos, malia que fosen mais ben produto da falla tanto de pedagoxía como do control dos tempos políticos.

Clarexarmos o da Lei do Litoral

As tirapuxas entre o Goberno galego do PPdeG e o Goberno do Estado do PSOE e Unidas Podemos constitúen xa un clásico. Velaí o proxecto de lei da Xunta de ordenamento do litoral, que tenta agachar o veto de Núñez Feijóo ao novo Estatuto (2007) e os case catorce anos de goberno da dereita non só sen novas competencias, senón sen traspaso ningún de medios e servizos, malia lle deixar encarreirado o vicepresidente Anxo Quintana (BNG) naquela primavera de 2009 a transferencia das bolsas e axudas ao estudo, inspección de traballo, museos, arquivos e bibliotecas. Fronte a este proxecto o Goberno do Estado, sempre ciumento das súas competencias, alcuma a proposta popular de inconstitucional. Outravolta as forzas políticas españolas amosando a súa incapacidade de resolver problemas, nomeadamente, de resolver os problemas de Galicia.
A cuestión competencial é nidia abondo e mesmo é recoñecido deste xeito polo proprio PSdeG. O Estatuto de Galicia atribúelle ao Poder Galego a competencia exclusiva no ordenamento do territorio e do litoral e esta ten sido recoñecida en varias sentenzas do Tribunal Constitucional (TC). Neste sentido, a atribución competencial do noso Estatuto é tan nidia como a catalá do Nou Estatut (2006) ou do vixente Estatuto andaluz (2007). Xa que logo, cumpriríanlle á Xunta as potestades todas da xestión do dominio público marítimo-terrestre, agás a definición do proprio réxime desa clase de dominio público, que lle cómpre ao Goberno do Estado. É dicir, as decisións sobre concesións no dominio público e de autorizacións no ámbito das servidumes de acceso ao mar haberíanlle pertencer ao Goberno galego.
Xa que logo, como vén de manifestar Luis Bará (BNG), o primeiro que cómpre é acadar na Comisión Mixta de Transferencias entre a Xunta e o Goberno do Estado o acordo para o traspaso dos medios e servizos estatais de xestión do litoral.
Canto aos propios termos do ordenamento do litoral proposto polo PPdeG, tempo haberá para debullárllelo, malia que adiantemos que amosa un modelo de sobreexplotación hostaleira que prioriza sobre as actividades vencelladas ao complexo mar-industria, ao tempo que tenta vencellar a planta de Lourizán de ENCE á idea dunha actividade económica só desenvolvíbel na costa, cando este feito foi proba concluínte avaliada na sentenza da Audiencia Nacional pendente de casación polo Tribunal Supremo para o vindeiro 7 de febreiro. Fronte a este modelo tan discutíbel e pouco consensuado do PP a esquerda española, quer do PSOE, quer da IU ou Podemos, exporta un modelo centralista que quere expulsar da costa toda actividade económica vencellada tradicionalmente á mesma e que, ademais e pola súa natureza, non se pode desenvolver en ningún outro lugar.

Tarefas urxentes para o galego. Reflexións desde a pandemia do 2020

Esta foi a achega ao libro colectivo Falando do Dereito, publicado por Galeguizar Galicia, publicado dixitalmente en agosto de 2020. O libro completo pode descargarse en formato .pdf aquí: Falando do Dereito, ou verse a continuación:

Roxelio Groba: o labor de universalización da música galega

Na miña nenez e primeira xuventude (épocas de transición política, social e cultural), Roxelio Groba Groba era un home moi coñecido na miña cidade da Coruña, onde exercía a dirección da Orquestra de Cámara Municipal e a dirección do seu Conservatorio Superior de Música.
Miña nai, afeccionada ao piano dende a súa xuventude, traía e levaba o meu irmán máis novo (único que lle seguiu na aprendizaxe do solfexo e do piano) ao devandito Conservatorio, onde Groba era o facho e a referencia do conxunto de profesores e alunos máis avantaxados. Foi para min, pois, un persoeiro que coñecía non só polas novas da prensa, senón no relato cotián da miña nai.
Groba naceu na parroquia ponteareá de Guláns en xaneiro de 1930, só dous anos antes do pasamento do grande músico ponteareán Rudesindo Soutullo (1880-1932) e cinco anos antes da outra grande referencia musical da Coruña da transición: Ramiro Cartelle (1935-2000). Na süa formación salienta a súa raigame coa música culta de interpretación popular das bandas galegas e, en concreto, coa Unión de Guláns. Mais tamén a súa moi esixente formación académica no Conservatorio Superior de Música de Madrid, onde chega despois de varios anos como director da Unión de Guláns e acada primeiros premios en harmonía, contrapunto e fuga.
Rematada a súa formación botará seis anos de moi esixente actividade musical en Suíza (1962-1968), onde desenvolve outra característica na súa biografía profesional: a apertura ás grandes correntes da música europea e universal (“naquela España non se coñecía o dodecafonismo”, chegou a dicir), que el logo reinterpretará coa creación das súas obras galegas.
Un Groba de 36 anos aveciñouse na Coruña onde desenvolveu -e non son fachendas de coruñés- os tempos fulcrais da súa carreira profesional. E, outravolta, desenvolve a súa actividade de difusión musical e afortalamento da música popular coa dirección das Corais Follas Novas e El Eco e da Banda-Orquestra Municipal da Coruña, compatibilizándoa coa docencia que tanto priorizou (dirixe por vinte anos o Conservatorio Superior de Música da Coruña, mentres da aulas de harmonía, contrapunto, fuga e composición no devandito Centro e funda varios outros Conservatorios galegos).
No 1972 estrea Nova Galicia, cantata que definiu semanas antes da súa morte como o berce da súa verdadeira evolución cara a súa definición como compositor de fondas raíces galegas das que xurde unha obra intregrada nas grandes correntes da vangarda europea e universal.
O seguinte chanzo é a súa achega á construción da grande orquestra de Galicia, fundando e dirixindo a Orquestra da Coruña que logo sería substutída pola Orquestra de Cámara Municipal. Promoveu de xeito sobranceiro a fundación da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG). Unha OSG da que foi compositor asociado, salientando a interpretación da súa Ultreia no seu primeiro concerto e, no seu 30 aniversario o 09.11.2022, a estrea da derradeira das súas obras, a Sinfonía nº 16 Voces da Terra.
Desde mediados dos 90 xubílouse da súa tarefa docente e de dirección de orquestra adicándose a un grandísimo labor compositor (o máis prolífico compositor galego, con máis de 700 obras). Un legado compositivo froito do amor a Galicia, como o definiu el tamén semanas antes da súa morte.
Roxelio Groba preocupouse tamén pola formación e espallamento da obra das persoas novas compositoras, dende a súa Fundación Groba e desde a organización na súa Ponteareas do Festival Groba. A súa filla Clara Groba Otero, violoncellista na Orquestra de Cámara galega e profesora de violoncello e música de cámara no Conservatorio coruñés do que o seu pai foi director, faleceu moi nova no 2020.
O seu fillo Roxelio, director da Orquestra de Cámara Galega e profesor de violín e música de cámara no mesmo Conservatorio, segue dende o Festival Groba e a Fundación Groba a desenvolver a tarefa da difusión como universal da música galega.
Fóisenos, pois (poucas semanas despois do grande barítono e investigador musical coruñés Antón de Santiago) un xigante da nosa música e cultura, que continuou o labor patriótico dos Marcial del Adalid, “Casto” Chané ou Pascual Veiga, mais dende parámetros coñecedores das máis avanzadas técnicas e pedagoxías e dende o coñecemento das correntes musicais máis avanzadas. Morreunos o primeiro galego dos grandes compositores europeos e universais e-tamén-o primeiro grande compositor universal dende a súa obra galega.

Murguía construtor da Nación

O vindeiro 1-F cúmprense cen anos do pasamento na Coruña de Manuel M. Murguia. Para entendermos o labor murguiano cómpre lembrar o fracaso da revolución galega de abril de 1846, que o mozo Murguía ollara nas rúas compostelás. Unha revolución democrática inserida na vaga das revolucións europeas desenvolvidas contra 1848 e non o adicional pronunciamento militar que a historiografía española nos conta. Entre 1850 e 1866 Modesto Lafuente escrebe a súa Historia General de España, que inventa unha inexistente nación española de 2.000 anos de antigüidade e agacha a existencia do Reino de Galicia como primeiro regnum de Europa e como potencia sobranceira no oeste da península ibérica (séculos XI-XIII), coprotagonista na construción europea a medio do camiño xacobeo. E no 1857 apróbase a lei Moyano, a primeira lei estatal que universaliza a instrución básica e que por primeira vez vai facer chegar ao conxunto da nosa cidadanía esa idea de España uninacional e monolítica no que Galicia nin existe nin xoga case rol ningún no contexto desa España única.
Europa progresaba mentres Galicia minguaba economicamente e non se albiscaba como suxeito político nin posuidora dunha cultura propia. E aí traballou arreo Murguía. Escrebe unha Historia de Galicia alicerzada na súa metodoloxía científica de arquiveiro que lle dá ao galeguismo as ferramentas para coñecer e reivindicar o pasado común que explica a Nación. Chama a atención sobre o substrato cultural común e as complexas e continuas relacións entre Galicia con Bretaña e as illas irlandesa e británica e publicita a vocación europea e atlántica amosada historicamente polas clases dirixentes galegas cando estas foron autónomas.
Constrúe un relato de Galicia como suxeito dende a historia, xeografía, economía ou Dereito, confrontando expresamente con proxectos subordinados e folklorizantes como o da Pardo Bazán. Sen el non se pode explicar o Rexurdimento literario que Rosalía, Curros e Pondal desenvolven desde a publicación dos Cantares Gallegos (1863) e que no tempo dos Xogos Florais de Tui (1891) constituía xa unha realidade vizosa que moi axiña comezaría ser coñecida por cada vez máis galegos, por moitos anos case ágrafos en galego e castelán.
Eses Xogos Florais sinalan o intre para priorizar o labor político sobre os alicerces do labor de recuperación cultural desenvolvido, tentando conciliar o galeguismo liberal-demócrata murguiano co galeguismo conservador-tradicionalista representado por Alfredo Brañas. Malia que non fosen quen de superar as súas tensións ideolóxicas para lle propor ao País un proxecto integrador e interclasista, o labor daría froito no 1916-1918, cando as Irmandades da Fala se autodefiniron desde o pluralismo como nacionalistas, naquel novembro de 1918 no que abrollaban as liberacións nacionais irlandesa e checa no contexto da doutrina de autodeterminación das nacionalidades do presidente USA W. Wilson.

Colonialismo eólico

O 28-D entrou en vigor o Decreto-Lei estatal de medidas contra a inflación, que introduciu unha extrema flexibilización dos trámites de avaliación ambiental e autorización administrativa de toda clase de instalacións de produción eólica de competencia da Administración do Estado (as de máis de 50 MW). Desde esa data e até a fin de 2024 esta clase de proxectos non precisarán da obrigada avaliación ambiental, agás se ubiquen no mar, na Rede Natura 2000 ou noutros espazos naturais protexidos ou consistan na construción de liñas aéreas cunha voltaxe de máis de 220kV e máis de 15 km de lonxitude. Nestes supostos, se a Consellaría de Medio Ambiente non informa da existencia de afección ambiental do proxecto que se lle remita a estudo, considerarase que esa afección non existe e, xa que logo, o Ministerio competente poderá autorizalo.
Xúntase esta reforma ás desenvolvidas nos últimos anos pola Xunta de Galicia a respecto das instalacións eólicas da súa competencia (as de menos de 50 MW), seguindo o ronsel dunha Unión Europea que percura maximizar a autosuficiencia enerxética europea multiplicando a produción eléctrica a medio de fontes renovábeis. Mais o que é lóxico e razoábel no contexto europeo require dunha emenda á totalidade no caso galego.
Porque exportamos máis do 35% da enerxía que producimos sen beneficio ningún para os nosos consumidores e empresas, que pagan igual que os da rexión de Madrid, que nin ten nin agarda pór ningunha instalación eólica. Ademais, das resultas da reforma da lexislación eléctrica de Rajoy no 2013, os promotores eólicos non están obrigados a investir na contorna local do parque, mentres se lles facilita a expropiación dos terreos precisos para a súa instalación. Para máis, os parques eólicos constitúen instalacións que requiren dun uso intensivo do territorio pouco compatíbel coas actividades agrograndeiras, turísticas e outras actividades económicas e mesmo coa propia habitabilidade rural. É dicir, non só non xeran emprego, senón que o dificultan. Na lóxica dun sistema de produción eléctrica baseado no transporte masivo aos grandes territorios consumidores (como Madrid), no canto do fomento do autoconsumo, a fixación da poboación no rural ou a diversificación das súas fontes de ingreso baten contra o criterio dun esquema de produción hexemonizado polas multinacionais e grandes distribuidoras eléctricas españolas, logo da liquidación por Feijóo da alternativa eólica decidida polo BNG no 2007, que esixía das promotoras compensacións a xeito de plans industriais e investimentos e remuneracións a prol das comunidades locais.
A lóxica que partillan dereita e esquerda españolas nesta cuestión é colonial. Velaí que o problema desta enxurrada eólica esixa unha resposta política de País que só o soberanismo galego pode propor á nosa sociedade.

Un Goberno sen pulo

A mensaxe da fin de ano do Presidente Rueda reflectiu moi a xeito esa falla de pulo, proxecto e mesmo de concepto que son características do seu Goberno desde que asumiu o cargo no maio último.
Probabelmente enchoupado no seguidismo a respecto da radicalizada polarización do PP estatal de Feijóo e, logo do evidente fracaso amosado na crise pandémica polas receitas da dereita neocon, Rueda semella non saber onde están os problemas, as prioridades e -sobre todo- os recursos deste País. Non existe un só proxecto de goberno que non sexa a continuidade co Xacobeo na súa actual fasquía, sen a máis pequena análise a respecto da súa fala de sostibilidade e do seu dano a medio prazo a respecto da promoción turística que precisa este País. Segue sen existir unha política industrial e o Presidente non foi quen de vertebrar, canda o tecido empresarial galego, proxectos Next Generation (alén do moi pouco definido de Altri para Palas de Rei) que teñan boa capacidade de tracción da nosa economía, que xa reflectiu no 3T de 2022 un crecemento menor (4,4%) que o estatal (6,8%). A inoperancia da Xunta agrava para Galicia as resultas da xestión centrípeta e centralizada deses fondos europeos polo Goberno do Estado.
A sanidade pública galega, nomeadamente a atención primaria, recolle as resultas de trece anos de desmontaxe do PP, que tensionou e chegou a mancar o seu esencial capital humano. Por outra banda, nun País cun peso cada vez máis grande da terceira idade, non existe máis plan sociosanitario que seguir a privatizar este servizo ás multinacionais e garantirlles negocio en troques da falla de esixencia dos parámetros de calidade mínimos na atención, alimentación e coidados das persoas usuarias. Canto á educación e ás nosas Universidades nada sabemos a respecto da análise da situación e solucións que propón este Goberno.
Mais o peor de todo é esa permanente actitude provincial e provinciana de quen (en estrita continuidade coa longa xestión de Feijóo) semella ter demitido das súas responsabilidades a respecto dos nosos problemas e intereses, agachado como está no coro do intérprete da rúa Xénova. Existe falla de proxecto, pulo e liderado, e isto recoñécese en privado por persoeiros de variadas ponlas do PP galego, conscientes de que os vindeiros meses poden ser os últimos da longa estadía dos populares na Xunta.
Velaí a necesidade e a urxencia de que Ana Pontón desde o BNG encha este baleiro con propostas e proxectos que xunten as luces longas da visión de futuro coa inmediata aplicabilidade de medidas que non poden agardar.