A mesquindade de Núñez Feijoo

No debate parlamentario do mércores 24-M Ana Pontón (BNG) e Gonzalo Caballero (PSdeG) preguntáronlle ao presidente Núñez Feijóo polos 2M€ de cartos negros á Caixa B do PP presuntamente fornecidos polo PPdeG, segundo a declaración testemuñal do antigo xerente do PP, Luis Bárcenas. O noso Presidente, revalidando outravolta o seu recoñecido liderado nos deportes de lle botar a culpa aos demais e de lle facer oposición á oposición rexeitou respostar aos devanditos inquéritos e, no caso do BNG, respostou dicindo que de catro conselleiros nacionalistas no goberno de coalición 2005-2009 o 25% (é dicir, o conselleiro Fernando Blanco) foi imputado xudicialmente, polo que seica o BNG habería ficar caladiño nos asuntos da corrupción.
Fernando Blanco foi imputado polo Xulgado de Instrución nº 1 de Lugo en abril de 2012 e foi liberado da devandita cualidade (agora investigado) no outono de 2018. Desde primeiros de 2014 ficou evidente que non había causa ningunha para manter as pescudas penais, polo que a súa defensa (partillada polos Despachos do prestixioso avogado galego Evaristo Nogueira e de quen asina) pediu o sobreseimento da causa. A xuíza De Lara, instrutora da pescuda penal, adiou estes pedimentos e botou man de subterfuxios ilegais para non pechar o proceso até o 2018, rematando por desestimar os nosos pedimentos en xuño dese ano, abrindo por primeira vez desde 2014 a porta para que a Audiencia, estimando o noso recurso, arquivase a investigación en outubro de 2018.
Núñez Feijóo coñecía todo isto e soubo, ademais, que a xuíza Pilar de Lara foi sancionada con sete meses de suspensión polos ilegais atrasos deste procedemento, entre outros. Velaí que, naquel outono, chamase ao conselleiro Fernando Blanco e lle parabenizase pola boa, malia que adiada, resolución do caso. É nidio que ningún Presidente de ningún país europeo parabeniza a ninguén que sae con bo suceso dunha investigación criminal se non acredita na súa inocencia e no acerto dunha tal decisión xudicial.
Poucos días antes do 24-M, o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) emitiu o informe preceptivo que a lei lle encarga para determinar se Fernando Blanco ten de ser indemnizado polo Estado polo anormal funcionamento da Administración de Xustiza e respostou afirmativamente, considerando que existiron atrasos gravísimos que dilataron moitos anos a única decisión posíbel dende moi axiña para pechar o procedemento: o seu sobreseimento. Os avogados e xuristas sabemos da dificultade dun tal informe, mesmo no caso de demoradas investigacións penais e mesmo periodos de sofrimento de medidas cautelares de cárcere preventivo. É moi difícil que o CXPX diga que ninguén ha ser indemnizado por sofrir a pena de banco. Mais fíxoo xa no caso de Fernando Blanco.
Velaí que a resposta na sé parlamentaria de Feijóo o 24-M sexa mesquiña e indigna da persoa que exerce a Presidencia deste País.

Xosé Ramón Barreiro, intelectual e patriota

Teño para min que amplos sectores da nosa Galicia aínda non avaliaron a modo o que supón o moi recente pasamento do seu fillo Xosé Ramón Barreiro (1936-2021). Porque persoas desta clase non xorden a eito nun pequeno País como este noso.
Barreiro construíu a historiografía política da Galicia contemporánea e fixo xurdir, canda o profesor Ramón Villares, as dúas potentísimas escolas de Historia Contemporánea da USC, que xerarían grandes historiadores galegos de hoxe en día, como os profesores Fernández Prieto e Núñez Seixas.
X. R. Barreiro, como adoita dicir precisamente o profesor Fernández Prieto, contribuíu a construír científicamente o relato da Nación galega, conectando a xeración de Antolín Faraldo e dos mozos protogaleguistas da revolución de 1846 co labor de tecelán do grande Murguía e, ao seu través, desde 1916, coas Irmandades da Fala e logo despois co Partido Galeguista. Contou, entón, o noso Barreiro a evolución da tese democrática, que deseñou o galeguismo liberal e social de Murguía. Barreiro relatou con autoridade científica como o pulo democrático dos mártires (e tamén dos intelectuais que os animaban) de Carral (1846) constitúen o facho que se lles traslada, desde o banquete de Conxo de 1856 á xeración de Murguía para construíren o galeguismo democrático. Ademais, Barreiro trasládanos a imaxe dun Murguía construtor do relato nacional, só comparábel con Castelao no éxito cidadán da proxección popular deste relato.
Barreiro comprometeuse coa galeguización e modernización da Universidade galega, desde o seu temperám uso do galego nas aulas até o exercicio do seu Decanato na Facultade de Xeografía de Historia da Praza de Cervantes (1982-1986) e dunha Vicerreitoría da USC canda á Reitoría de Ramón Villares (1990-91), colaborando outravolta ambos os dous catedráticos galeguistas con bo suceso naquelas tarefas de gobernanza universitaria.
No 1986 escribiu Barreiro unha Historia da Cidade da Coruña que deu comezo a unha etapa máis alicerzada na súa residencia coruñesa. Nesta andaina sucedeu a D. Paco Fernández del Riego na presidencia da RAG (2001-2010), potenciando e desenvolvendo o ronsel do mariñao na recuperación dunha RAG que Domingo García Sabell agachara nos faiados da coruñesa rúa Tabernas. No decurso desta andaina fixo parte do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses vencellando de vez a historia da Coruña coa de Galicia e esfarelando certas aproximacións a unha historia da Coruña como cidade castelá na Galicia que algúns -moi poucos- historiadores quixeron desenvolver na época de Paco Vázquez cun certo apoio dalgún voceiro mediático coruñés.
Xosé Ramón Barreiro foi un intelectual comprometido. É dicir, un científico vencellado aos ideais da democracia e da cidadanía. E, foi, tamén, un patriota galego que nos amosou unha historia política contemporánea que nos fixo -e mantén- Nación.

A kale borroka de ENCE

Só a medio da represión (ducias de mariscadoras foron prendidas e algunhas botadas ao cárcere) e da vía de feito propias da ditadura franquista foi posíbel a ocupación no 1958 de grandes e moi produtivas extensións de terreo de dominio público marítimo-terrestre na ría pontevedresa para construír unha celulosa promovida por unha empresa pública, despois privatizada. Esta celulosa fornecía e fornece dunha primeira transformación ao eucalipto galego, sen que nunca se construíse unha integración produtiva con ulteriores transformación que lle desen valor á cadea, como si fixeron outras madeireiras. É dicir, os gaños para ENCE e as perdas para as/os pontevedreses, tanto a xeito dos gravísimos custos ambientais que xera a celulosa como da servidume de non poder usar estes terreos públicos para outras finalidades social, ambiental, urbanística e economicamente máis úteis.
Dende 1999 Miguel Anxo Fernández Lores (BNG) é alcalde de Pontevedra, desenvolvendo un proxecto de cidade exitoso. O peche da actividade industrial de ENCE no seu emprazamento actual foi e é parte esencial deste proxecto e da axenda política e social do alcalde, do goberno local e da ampla maioría da cidadanía pontevedresa que ven anovando o amplo apoio ao BNG e aos seus socios de goberno desde 1999.
Velaí que ENCE declarase a guerra á cidade de Pontevedra, producíndose nestas últimas datas accións violentas abertamente delictivas que chegaron á agresión física ao Alcalde Lores e outros cargos municipais. Accións que contaron coa comprensión e falla de condena do PP e, quizais, cunha tolerancia policial que adoitamos non ver noutros conflitos.
O goberno Rajoy, de xeito abertamente ilexítímo por estaren en funcións, aprobou hai agora cinco anos unha prórroga até 2073 da concesión de ENCE a respecto dos terreos de dominio público que ocupa, que ía rematar no verán de 2018. O artigo 18 do proxecto de lei estatal para a Transición Enerxética quere reducir a un máximo de 75 anos as concesión desta caste de terreos de dominio público, co que a concesión de ENCE remataría no 2033.
ENCE tenta estas semanas confundir á opinión pública comparando o seu caso co doutras empresas galegas que si precisan do acceso ao mar e, xa que logo, da supresión deste malfadado artigo 18 deste proxecto lexislativo. Mais ENCE pode trasladar a súa actividade a outro lugar. Outra cousa é que prefira seguir a chuchar sen causa dos recursos públicos e non enfrontar unha lóxica de mercado na retribución dos seus factores produtivos.
ENCE quere tamén asociar o seu problema ao de desinvestimentos que atinxen actividades que si son estratéxicas, como a fábrica de aluminio de Alcoa en San Cibrao ou a de ferroaleacións de Ferroatlántica en Cee. A actividade de ENCE é viábel fóra da Ría de Pontevedra e, no nunca demostrado suposto de non selo, o que cumpriría é un rigoroso plan público-privado para a desmontaxe da factoría, rexeneración dos terreos e desenvolvemento das novas actividades produtivas que enfrontasen os efectos no emprego do eventual peche da factoría de Lourizán.

O PSOE, a Monarquía e a democracia

O segundo pagamento con fins de regularización fiscal do Emérito e máis a falla de civismo das súas fillas, visitándoo en Abu Dhabi a costa dos gastos de seguranza estatais e aproveitando para facer turismo de vacina, agravou substancialmente a xa mancada imaxe pública da Monarquía borbónica. Até as persoas coetáneas do anterior Xefe do Estado refugan nidiamente a súa conduta, mentres as xeracións intermedias e máis novas afástanse cada vez máis dunha institución monárquica que non dá reaccionado. Como vén de escribir o xornalista catalán Iu Forn: a “Monarquía española vive nunha realidade paralela e non deu entendido nada”.
Fronte a esta incapacidade de reacción monárquica, o BNG e as demais forzas soberanistas, canda Más País e Unidas Podemos tentan lexitimamente discutir destas cousas e pescudar nestas condutas aló onde cómpre, é dicir, no Parlamento do Estado, despois de sofrir as reaccións do parcial Tribunal Constitucional que ten prohibido investigar estes feitos dende Parlamentos autonómicos. Pola súa banda, a dereita tripartita ten reaccionado ferreñamente, rexeitando calquera destas iniciativas democráticas a xeito de fronte monárquica-cortesá.
E o PSOE? O PSOE sempre do lado da dereita, sempre agachando as miserias e eventuais condutas ilegais da institución monárquica, impedindo calquera pescuda, calquera debate. E, malia este feito evidente, as enquisas reflicten máis dun 60% dos votantes socialistas moi críticos con estes feitos e máis próximos a unha solución monárquica.
Así e todo, isto non ocorre só coa Monarquía. Mais aquí a responsabilidade é común do PSOE e de Unidas Podemos. A lei de seguranza cidadá, que penaliza o exercicio das liberdades de manifestación cidadá, segue vixente. Os delictos de sedición (que motivou as inxustas, ilegais e desaqueladas condenas das persoas presas políticas catalás), de inxurias e calunias ao Rei e aos membros da súa Familia, de inxurias e calunias aos Funcionarios Públicos e outros que criminalizan o exercicio da liberdade de expresión, seguen vixentes. A respecto da liberdade dos presos políticos cataláns nin un só aceno. E tampouco se avanzou un chisco na construción dun Estado plurinacional, malia que só fose construíndo a xeito de leis orgánicas e leis de transferencia ou delegación de competencias estatais.
Para máis, a burremia centralista da Administración do Estado xerou o naufraxio do Ingreso Mínimo Vital (IMV), que requiriría da súa xestión autonómica, mentres que a xestión dos fondos Next Generation-EU ameaza con deixar fóra a empresa galega e as pemes en xeral ao enfrontaren unha xestión centralizada que só agasalla ás grandes empresas do Ibex 35.
O PSOE habería decidir se está coa democracia e coa liberdade ou coa Monarquía, a grande empresa e o Deep State. E Unidas Podemos habería matinar se lle vai ser posíbel moito tempo isto de repenicar as campás mentres escoita a misa.

O rato e a montaña

O sábado 27-F acadou vixencia a reforma da Lei de Saúde de Galicia aprobada pola maioría absoluta do PPdeG contra os votos do BNG e do PSdeG. A primeira na testa, porque unha lei desta caste cómpre acadala dende o consenso político e social e o Presidente que non o vexa amosa non ser estadista. O PPdeG optou pola proposición de lei urxente, sen lle outorgar ás forzas sociais e políticas a capacidade de achega e emenda propia dos proxectos de lei que promoven os Gobernos e non as súas maiorías parlamentarias.
Lembrarán tamén que xusto daquela falabamos que a devandita lei non era quen de marcar obrigatorias as vacinas no noso País, pois que unha decisión deste xeito requiría unha lei orgánica aprobada pola maioría absoluta do Congreso estatal. Canto ás vacinas a reforma é, só, propaganda.
Para alén diso, a reforma do PP alicérzase nunha doutrina trabucada de base: a que coida que hai que loitar contra as pandemias con medidas represivas que poñan o foco na responsabilidade individual da cidadanía, no canto de poñelo na adopción de políticas eficientes que lle dean á sanidade pública galega as ferramentas xurídicas, administrativas, organizativas e, por riba de todo, os medios materiais e persoais precisos para loitar contra a doenza. Outro erro gravísimo, moito máis nun País como Galicia, onde case o 40º% das mortes se produciron nas residencias de xestión privada, suxeitas á inspección e control da Xunta de Galicia. É dicir, onde os incumprimentos privados non tiveron case efecto.
Hai, tamén, outras cousas negativas nesta reforma, que veñen de reflectir dende a Asociación de Defensa da Sanidade Pública Galega. Como a advertencia da OMS contra a obrigatoriedade dos tratamentos e probas (agás circunstancias excepcionais pandémicas non definidas a xeito nesta reforma legal), o excesivo poder que se lle outorga, polo menos durante 48 horas, aos funcionarios policiais non sanitarios que poden mesmo pechar cautelarmente (un máximo de 48 horas) os equipamentos sociais e establecementos empresariais e máis a multiplicación de controis tecnolóxicos indefinidos sobre a cidadanía.
É dicir, a reforma da lexislación sanitaria galega do PPdeG non resolve problemas e pode afectar liberdades, constitúe unha operación de marketing e propaganda políticas e non quixo definir un marco legal galego acaído ás nosas necesidades. Outravolta, a vocación do Presidente Feijóo de lle botar a culpa aos demáis, facer oposición da oposición e aproveitar calquera oportunidade para facer propaganda política abrollou nesta oportunidade perdida.
Como dicíamos noutronte: a montaña pariu un rato.

Catalunya votou por un goberno independentista

Convén lembrar a realidade das eleccións nacionais catalás do 14-F que os opinantes de quenda próximas aos partidos do goberno estatal (PSOE-Podemos) e as súas filiais (ou sucursais) catalás PSC e os Comuns queren reconducir a cousas que non son nin serán, sexa cal for o sistema métrico que usemos.
ERC (33), JuntsxCat (32) e a CUP (9) quitaron 74 dos 135 deputados do Parlament de Catalunya, fronte aos 61 unionistas (PSC 33, Vox 11, 8 os Comuns, 6 Cs e 3 PP). Ë dicir, que o independentismo quitou o 55% dos deputados. En votos o independentismo non sobardara nunca o 48% desde a consulta cidadá de 2014. Arestora quitou o 51,7%. E este suceso é tanto máis rechamante cando: i) o golpe de Estado do 155 encetou a anterior lexislatura disolvendo ilexítima e ilegalmente o Parlament o 27-Ou de 2017. ii) O Tribunal Supremo (TS) español impediu cadanseus debates de investidura do president Puigdemont e do preso político Jordi Sánchez e iii) o mesmo TS inhabilitou o president Torra por exercer institucionalmente a liberdade de expresión e deu cabo á lexislatura.
É dicir, que con máis de 3000 persoas condenadas, acusadas ou penalmente investigadas na Catalunya (todas de JuntsxCat, ERC, CUP, ANC, CDR e Òmnium, como vén de lembrar o intelectual e político catalán Agustí Colomines) o independentismo, que xogaba contra corrente, quitou os mellores resultados do procès.
Diante destes números… que é iso do efecto Illa? Que é iso que din Illa (PSC) e Albiach (Comuns) de que Catalunya votou por unha remuda e que os 41 deputados (só o 30% do Parlament) que apoian o Goberno do Estado haberían dirixir a política catalá no vindeiro futuro? De que mentalidade espelida xos rde a proposta Albiach dun goberno ERC-Comuns apoiado externamente polo PSC? Cando van chegar a ese pacto de lexislatura? Antes ou despois que os eurodeputados do PSC e PSOE voten a prol do suplicatorio ao president Puigdemont, á consellera Ponsatì e ao conseller Comín?
As forzas da esquerda española que apoian o Goberno do Estado teñen só o 30% dos escanos. Así e todo poderían ter iniciativa política. Mais non a teñen. Sabemos algo da amnistía? Sabemos algo da despenalización do delicto de sedición? Non, claro que non. O diálogo é unha actitude de suspensión mental que se move consonte os tempos de Sánchez e mesmo ás veces de Iglesias.
A cidadanía catalá votou independentista, mais nomeadamente votou por un goberno independentista. ERC terá que asumir que non ten máis socios ca JuntxCat e as CUP e que os primeiros haberán partillar de xeito case igualitario o Govern. JuntsxCat, malia ser a auténtica sorpresa positiva do proceso electoral- ao que concorría case desafiuzado-, terá que aceptar que a Presidencia do vindeiro goberno independentista será asumida polo vicepresidente Aragonès, malia saber que, no futuro, se saben integrar as bases territoriais e a moitos dos cadros e referentes do PdeCAT a súa aposta soberanista e transversal levaralles outravolta á primeira marca da pole position. Non por acaso a concorrencia conxunta teríalle outorgado a Junts 35 escanos fronte aos 32 de ERC e 32 do PSC.
JuntsxCat e ERC voltaron recebir o mandato do 21-D de 2017 para xestionar eficiente e transformadoramente os problemas do día a día de Catalunya, mais consonte coa folla de ruta da República catalá. Gañaron nidiamente as eleccións, é certo, mais a abstención de ducias de milleiros dos seus electores de hai tres anos amosa unha nidia mensaxe de advertencia. Quizais, como ten escrito o xornalista catalá Jordi Barbeta, os partidos independentistas catalás han enfrontar a derradeira oportunidade desta xeración. E esa apelación é a tres e non a dous: a CUP habería considerar que un terceiro veto, despois do de Artur Mas e Jordi Turull, podería ser letal para as posibilidades da axenda soberanista do vindeiro futuro.
De calquera xeito, nin a esquerda española, nin as súas sucursais catalás nin o Deep State outorgaron nin a máis cativa achega a unha nova convivencia catalá alicerzada na amnistía, na democracia e nunha solución para un exercicio próximo e regulado do dereito a decidir da cidadanía catalá.
Só é viábel arestora un Govern independentista, que foi, ademais, o que votou a ciudadanía catalá. Como cantou o portugués Zeca Afonso “o povo é quem màis ordena”.