Hai partido

As enquisas electorais galegas publicadas no postconfinamento concordan en lle prognosticar ao PP de Feijóo unha cómoda maioría absoluta, que era moito máis dubidosa en febreiro, antes da emerxencia sanitaria. Porén, os dados dos que dispomos non son tan nidios nin unívocos. A radiografía electoral galega das eleccións estatais, europeas e locais de 2019 reflicten unha maioría de case dez pontos porcentuais entre os votos ás forzas de centro-esquerda a respecto dos obtidos polo PP, Cs e Vox. Mesmo na recente enquisa do CIS a suma de voto directo e proximidade do BNG, PSdeG e Galicia en Común sobarda á do PP, Cs e Vox. Está tamén a dúbida da participación nesta crise pandémica e, moi nomeadamente, a moi relativa fiabilidade das enquisas diante dunha porcentaxe de indecisos que sobarda o 30%. Fica case toda a campaña por diante, comezando polo debate do luns 29-X na CRTVG, que pode ser fulcral para confirmar se hai partido.
A enquisa do CIS reflicte dados moi importantes cara ao traballo futuro do galeguismo político, do soberanismo, nucleado arestora arredor do BNG. O 30% da cidadanía galega estaría por un Estado autonómico no que Galicia acadase máis poder (22,6%), até mesmo a posibilidade da súa independencia (7,4%). A maioría (40,7%) está polo actual Estado autonómico e só un 21,6% por un Estado autonómico con menos competencias para Galicia ou por un Estado unitario. Coas correccións que se tiran dos que nin saben nin respostan, un terzo da cidadanía galega está por máis autogoberno e case un 45% está por manter o limitado autogoberno actual. Un campo de traballo amplo, xa que logo, para o galeguismo.
Tendo en conta a enxurrada de mensaxes e propostas recentralizadoras dos últimos dez anos hai país abondo para que agrome o traballo político do soberanismo galego. Velaí que cumpra conectar autogoberno e máis e mellor autogoberno con máis benestar e calidade de vida. Que cumpra mallar na idea de que os elementos do binomio autogoberno-benestar medran en relación directa o un co outro.

A crise constituínte

Que democracia europea pode aturar a grave sospeita de que o seu Xefe de Estado durante 39 anos acadase unha fortuna da colusión comisionista? Que sistema inserido nas democracias dos “países serios” pode aturar a sospeita de que o seu Presidente do Goberno durante catorce anos dese a orde de argallar un grupo de mercenarios -o GAL- para executar crimes de Estado?
Que democracia europea pode aturar que unha ampla maioría parlamentaria -PSOE, PP, VOX, Cs- vete a posibilidade dunha pescuda parlamentaria sobre esta caste de condutas? Que democracia europea pode interpretar a inviolabilidade constitucional do Xefe do Estado coa exclusión do mesmo do sistema do Estado de Dereito de xeito que poida cometer calquera caste de delictos sen sanción?
Estas informacións non lles son cousa de George Soros ou dos perigosos soberanistas cataláns, vascos e galegos. Sonlles informacións do xornal conservador londinense The Telegraph, do New York Times e da Fiscalía de Xenebra. Constitúen o faladoiro cotián dos políticos en Bruxelas, Londres, Berlín ou París. O elefante está no cuarto e no Madrid político fan como se non se decatasen.
Os GAL déronlle vida adicional a ETA dez anos máis, por mor do gravísimo desprestixio do Estado, de súpeto conectado no 1983-1985 coa guerra suxa que desenvolvera o franquismo e postfranquismo polo menos até 1978. O cumio dos GAL foi axuizado e Barrionuevo (ministro do Interior na altura) e Vera (secretario de Estado de Seguranza) foron indultados no 1998, menos de tres meses despois de entrar no cárcere, despois de que Felipe González os despedise na súa porta cunha aperta de irmán. Uns anos despois, accións absolutamente reprobábeis, mais constitutivas dun grao de violencia menor e sen sangue do independentismo galego, foron condenadas definitivamente a penas entre seis e dez anos de cárcere.
Que dicir dos presos políticos soberanistas cataláns? Dende posicións de goberno, parlamentarias ou de activismo ONG (como os Jordis), sen xerar violencia ningunha e por apelar ao dereito a decidir da cidadanía catalá enfrontan por un delicto como é a sedición, expulso dos Códigos Penais democráticos europeos hai tempo, penas entre nove e trece anos, mentres o Tribunal Supremo que os condenou advirte da posíbel comisión de delictos de prevaricación á Administración penitencial catalá se lles outorga o réxime aberto do terceiro grao.
Agora soubemos, tamén polo The Telegraph, que 260.000 € do custo da viaxe de vodas do actual Xefe do Estado foron pagas por un testaferro do Emérito. Comprenderán vostedes, daquela, que a desafección cidadá a respecto deste réxime siga a medrar, mesmo en boa parte da base electoral do PSOE. Os seus dirixentes haberían comprendelo no canto de votar canda Vox na defensa da opacidade.

O mito do bo xestor

Despois de máis de once anos de mal goberno Alberto Núñez Feijóo aínda é percebido por unha importante minoría de galegos -por sorte minguante, malia o moi circunstancial reactivamento da súa imaxe na conxuntura pandémica- como un bo xestor.
Como ben coñece -ou polo menos intúe- a maioría social deste País, non hai tal. Desde que chegou ao Goberno (abril de 2009), ate o comezo da pandemia Feijóo pechou arredor de mil camas hospitalarias, reducindo a nosa ratio de prazas UCI/100.000 habitantes a 5,88, fronte ás 8,20 estatais ou as máis de 13 da Alemaña. No 2019 o noso país era o terceiro territorio do Estado -só a rastras de Andalucía e Estremadura- con menos camas hospitalarias (3,14/1000 residentes, fronte ás máis de 4 de Catalunya e Aragón). Mais xa dicía o noso conselleiro de Sanidade en xuño de 2016 que as camas “importan nos hoteis e non tanto nos hospitais”. Medre a boa gobernanza!
Na área dos coidados temos a actual catástrofe dos servizos sociais e da dependencia, logo de deconstruír o potente esquema prestacional público e social do BNG de Anxo Quintana no Goberno de coalición 2005-2009. En once anos abandonamos o coidado das nosas persoas maiores dependentes a multinacionais que seica contan coa inacción inexplicábel (agás probábel colusión) de altos cargos da Administración autonómica. Doutro xeito non se podería entender o informe do Consello de Contas do 2017 que denunciaba que nos anos 2014, 2015 e 2016 se constataran un grande número de incumprimentos da mínima ratio de 0,35 traballadores/residentes dependentes sen ningunha sanción posterior.
A catástrofe xerencial segue coa continua redución e precarización dos cadros de persoal dos nosos servizos sanitarios, educativos e sociais. Segue coa falla de política industrial (entre 2009 e 2014 perdemos todo o emprego industrial creado entre 2000 e 2008). Coa cativeza do noso investimento en Investigación e Innovación (I+D+i), onde presentamos os índices (0,84% PIB) menores da Europa toda, cunha Axencia de Innovación que só sabe pedir papeis e atrasar as axudas, por certo moi a carón da xestión autonómica da RISGA, renda que non foi quen de amortecer nin un chisco os nosos altos níveis de pobreza extrema.
Xunten vostedes, ao longo destes longos once anos, a deconstrución -sen alternativa- da política industrial e de fomento empresarial do Goberno de coalición (2005-2009), a desmontaxe dos instrumentos financeiros públicos galegos (IGAPE e XESGALICIA), a preguiza dos xestores e a falla de confianza dos que dirixen este País no instrumento do autogoberno e nun financiamento ao xeito.

Alcoa: dous gobernos inoperantes

O xornalista galego José Luis Gómez vén de explicar a xeito que o problema do proxectado peche da factoría de aluminio primario de Alcoa non é só -nin nomeadamente- un problema de tarifa eléctrica, senón unha decisión que xorde da nova fasquía de Alcoa desde o 2014, orientada estratexicamente cara á fabricación de motores para a industria aeroespacial e alúmina. Velaí que queira pechar a fábrica de aluminio de San Cibrao como pechou outras catorce no mundo. Mais quere manter a fábrica de alúmina (moito máis intensiva, por certo, no uso da enerxía eléctrica) e o uso excluínte dun porto público -o mariñao de San Cibrao-.
O eventual peche da fábrica de aluminio primario en San Cibrao xeraría un problema ambiental moi grave por mor da súa balsa de lodos vermellos, de 87,42 ha. de capacidade e xa case chea. A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) vén de denunciar os gravísimos riscos para a vida humana e animal, para o ambiente natural próximo e máis para as actividades acuícolas que se desenvolven na veciñanza.
Para máis, Alcoa recibiu nos últimos anos 38 M€ de subvencións públicas que poderían serlle reclamadas de volta no caso de pecharen a devandita fábrica de aluminio primario.
Con todos estes dados ,o Goberno do Estado semella non se decatar do contexto e non tira proveito das súas armas: uso excluínte por Alcoa do porto público para a súa actividade esencial de produción de alúmina, reclamación dos 38 M € achegados en axudas públicas e busca de socio industrial para unha estatalización viábel no novo marco xurídico da Unión Europea.
Pola súa banda, a Xunta de Núñez Feijóo semella non se decatar da forza que habería facer co eventual incumprimento ambiental de Alcoa. Tampouco que Alcoa podería ser suxeito esencial do Consorcio aeroespacial que se quere desenvolver (semella, tamén que sen alicerces estábeis) a medio da estrutura física de Rozas-Lugo e da titulación universitaria da Uvigo no campus de Ourense. Nin das posibilidades xurídicas de nacionalización desde as competencias industriais do Goberno galego.
Desde o coñecemento do contexto económico amosado polo xornalista José Luis Gómez e do contexto xurídico (europeo, estatal e estatutario galego) reflectido nas recentes manifestacións do profesor da UDC Carlos Aymerich, semella que a proposta de máximos do conxunto da sociedade mariñá e do BNG, UGT, CC.OO e CIG é a única viábel. E que os Gobernos galego e do Estado, desde a súa inoperancia industrial a respecto do problema de Alcoa, constitúen arestora parte do problema.
Certo tamén que a adicional inoperancia do Goberno do Estado a respecto do estatuto da industria electrointensiva é fulcral para a sobrevivencia de Ferroatlántica, Megasa e outras varias industrias galegas. Mais esta é outra historia.

O erro Pérez de los Cobos

O meirande erro do ministro Grande-Marlaska foi manter o coronel Pérez de los Cobos no seu cargo cando accedeu en xuño de 2018 ao Ministerio, o mesmo que fixo co resto da equipa do ministro Juan Ignacio Zoido nos postos máis salientábeis do cumio da Policía Nacional (PN) e da Garda Civil (GC). Mesmo mantivo moi boa parte da equipa da chamada “policía patriótica” (inserida no seu día na Dirección Adxunta Operativa -DAO- da PN) até cando menos o verán de 2019.
Neste contexto, é evidente que o cesamento do coronel é outro grave erro, pola súa evidente conexión co seu rexeitamento a dar conta dunha información da que non debería dispor, pois o capitán-xefe da policía xudicial operante no traballo da pericial requirida polo Xulgado de Instrución nº 51 de Madrid nas pescudas a respecto da relación entre o Delegado do Goberno e a demostración do 8-M dependía só desta xuiza ao abeiro do artigo 125 da Constitución. Porén, esta dependencia xudicial non xustifica a parcialidade e graves inexactitudes da devandita pericial. Mais esa é outra historia.
Porque agora abrollaron dous problemas. En primeiro lugar, a existencia dunha cadea de mando na GC (coroneis e xenerais retribuídos con grandes soldos, moi superiores aos dos comisarios e comisarios principais da PN) que reivindica a súa autonomía fronte ao Goberno do Estado, sen dúbida por se considerar parte dunha elite funcionarial integrante do poder real ou Deep State. Mais tamén abrollou o xogo ambivalente do PSOE, que usou desta cadea de mando cando lle pareceu rendíbel, ao longo de todos os seus gobernos desde 1982.
Pérez de los Cobos presentouse de camisa azul falanxista nun cuartel da garda civil o 23-F de 1981 para apoiar a enxurrada golpista. Foi absolto por falla de probas dunha moi grave acusación por torturas na Euskadi de 1992 (no xuízo foron condenados tres dos seus compañeiros) e dirixiu o dispositivo de represión do Ministerio do Interior contra o referéndum catalán do 1-Ou de 2017, que causou 1066 feridos e tivo de ser detido, contra as 15-16 h., por Mariano Rajoy diante do rexeitamento amosado pola chancelera alemá Angela Merkel. No xuízo dos soberanistas cataláns perante o Tribunal Supremo estatal construíu un relato abertamente parcial en contra dos presos políticos, incompatíbel coa documental achegada no caso, nomeadamente as ducias de videos dos incidentes ocorridos.
Se a esquerda española pensa que xente como Pérez de los Cobos ten oco nun seu Goberno teñen un problema moi grave. E amosa ser pouco confiábel.

A responsabilidade da Xunta nas Residencias

É indubidábel que o grave incumprimento das ratios legais de persoal (denunciado polas organizacións galegas de familiares de residentes e de traballadoras das Residencias ), a tendencia a empregar persoal menos formado e as carencias canto a fornecer as quendas de festivos e tempadas de feiras explica por que as Residencias de xestión pública non tivesen positivos nin mortos, mentres que máis do 25% do total de persoas mortas na Galicia fosen residentes dos centros de Domus Vi (51-53 en San Lázaro-Santiago de Compostela, 30 en Barreiro-Vigo e 27 en Aldán-Cangas). o modelo de maximización do beneficio de parte do sector privado residencial é corresponsábel da catástrofe humanitaria vivida en moitas das residencias da terceira idade de xestión privada neste país. A Xunta de Galicia, como Administración responsábel da súa inspección e supervisión, fallou evidentemente.
Mais tamén fallou a Xunta como Administración sanitaria. A lei prohíbe que ingresen doentes infecto-contaxiosos nesta clase de residencias, o que quere dicir que estes han ser evacuados tan axiña se detecte a súa doenza. Tamén constitúe unha realidade certa que a meirande parte dos residentes de prazas concertadas son dependentes en grao II (moderado) ou III (grave). Con menos grao de dependencia tes que pagar entre 1.900 e 2400 € para unha praza privada, porque os baremos legais impiden de feito o acceso a unha praza concertada. Por outra banda, a rede hospitalaria galega estivo lonxe do colapso, cunha ocupación máxima do 50% tanto nas plantas canto nas UCIs.
Velaí o contexto que determina a gravidade do protocolo da residencia integrada compostelá da Porta do Camiño (de xestión conxunta do SERGAS e da Consellería de Política Social, que constituía a referencia sanitaria intermedia para Galicia Norte, como a de Baños de Molgas para a Galicia Sur), en canto prohibía o ingreso na mesma de dependentes en grao II e III. Dependentes que, como dixemos, constitúen a meirande parte das persoas residentes que ocupan as prazas concertadas financiadas pola Xunta. Seica este protocolo era común á outra residencia integrada de Baños de Molgas.
A directora da residencia compostelá de Domus Vi en San Lázaro informou ás familias das persoas residentes que o SERGAS non admitiu a evacuación dos primeiros cinco casos de Covid-19, reportados na noite do mércores 18-M, até o domingo 23-M e manifestou que até a Semana Santa non recebiu axuda do SERGAS para medicalizar o centro. Durante 25 días coexistiron residentes infectados con negativos, sen presenza das Autoridades sanitarias da Xunta de Galicia.
A cidadanía e, nomeadamente, as persoas residentes e as familias dos falecidos teñen dereito a coñecer a verdade e a que se depuren xudicialmente as responsabilidades xudiciais que houber.

A responsabilidade da Xunta nas Residencias

É indubidábel que o grave incumprimento das ratios legais de persoal (denunciado polas organizacións galegas de familiares de residentes e de traballadoras das Residencias ), a tendencia a empregar persoal menos formado e as carencias canto a fornecer as quendas de festivos e tempadas de feiras explica por que as Residencias de xestión pública non tivesen positivos nin mortos, mentres que máis do 25% do total de persoas mortas na Galicia fosen residentes dos centros de Domus Vi (51-53 en San Lázaro-Santiago de Compostela, 47 en Barreiro-Vigo e 37 en Aldán-Cangas). o modelo de maximización do beneficio de parte do sector privado residencial é corresponsábel da catástrofe humanitaria vivida en moitas das residencias da terceira idade de xestión privada neste país. A Xunta de Galicia, como Administración responsábel da súa inspección e supervisión, fallou evidentemente.
Mais tamén fallou a Xunta como Administración sanitaria. A lei prohíbe que ingresen doentes infecto-contaxiosos nesta clase de residencias, o que quere dicir que estes han ser evacuados tan axiña se detecte a súa doenza. Tamén constitúe unha realidade certa que a meirande parte dos residentes de prazas concertadas son dependentes en grao II (moderado) ou III (grave). Con menos grao de dependencia tes que pagar entre 1.900 e 2400 € para unha praza privada, porque os baremos legais impiden de feito o acceso a unha praza concertada. Por outra banda, a rede hospitalaria galega estivo lonxe do colapso, cunha ocupación máxima do 50% tanto nas plantas canto nas UCIs.
Velaí o contexto que determina a gravidade do protocolo da residencia integrada compostelá da Porta do Camiño (de xestión conxunta do SERGAS e da Consellería de Política Social, que constituía a referencia sanitaria intermedia para Galicia Norte, como a de Baños de Molgas para a Galicia Sur), en canto prohibía o ingreso na mesma de dependentes en grao II e III. Dependentes que, como dixemos, constitúen a meirande parte das persoas residentes que ocupan as prazas concertadas financiadas pola Xunta. Seica este protocolo era común á outra residencia integrada de Baños de Molgas.
A directora da residencia compostelá de Domus Vi en San Lázaro informou ás familias das persoas residentes que o SERGAS non admitiu a evacuación dos primeiros cinco casos de Covid-19, reportados na noite do mércores 18-M, até o domingo 23-M e manifestou que até a Semana Santa non recebiu axuda do SERGAS para medicalizar o centro. Durante 25 días coexistiron residentes infectados con negativos, sen presenza das Autoridades sanitarias da Xunta de Galicia.
A cidadanía e, nomeadamente, as persoas residentes e as familias dos falecidos teñen dereito a coñecer a verdade e a que se depuren xudicialmente as responsabilidades xudiciais que houber.

“A tensión entre as achegas demócrata-progresista e conservadora-tradicionalista no ideario político, económico e xurídico da Xeración “Nós” (1916-36)”

Este artigo foi publicado no número de xuño de 2020 da revista Raigame, que pode descargarse en formato .pdf aquí (páxinas 49 á 57): Raigame nº 44. xuño 2020, ou verse a continuación: