Alba de Compostela

…Hoxe as campás de Compostela anuncian algo máis que unha festa litúrxica no interior da Catedral…hoxe as campás de Compostela…anuncian unha festa étnica…
Afonso Rodríguez Castelao, “Alba de Gloria”.

A chamada “Ofrenda Nacional (sic) al Apóstol Santiago” con constituír tamén un acto nidiamente litúrxico, é dicir confesional, non xurdiu dunha iniciativa da Igrexa compostelá nin das peregrinacións da Europa toda. Tampouco ten as súas raigames naqueles reis de Galicia (Afonso VII, Fernando II e Afonso VIII) que fixeron a Catedral o seu Pórtico da Gloria nin nace dos Camiños Xacobeos. Non. Nace dunha decisión adoptada no 1643 pola Monarquía castelá-hispánica, no tempo de El Rei Filipe IV de Habsburg, que enfrontaba unha dupla guerra da independencia contra o Principat catalá e o reino de Portugal, xeradas pola política centralizadora e procastelá do seu valido, o conde-duque de Olivares. A devandita Ofrenda constitúe, pois, a expresión dunha asunción pola Monarquía castelá do referente do Santiago guerreiro para xustificar unha política militarizada moi concreta e, desde logo, allea á prosperidade e intereses de Galicia e á potenciación do Apóstolo como referente de paz e de convivencia europea.
Neste contexto (maximizado polo xorne claramente partidista da tripla ofrenda do actual rei Filipe VI nos anos 2020, 2021 e 2022), que a alcaldesa da capital de Galicia concorrese a un acto litúrxico desta clase significaba non só rachar a neutralidade do Estado aconfesional senón mesmo validar implicitamente o sentido restauracionista dun acto que reflicte un nacional-catolicismo claramente oposto á plurinacionalidade do Estado e ao recoñecemento nacional da Galicia que construíu Compostela e a súa Catedral.
Mais o principal acerto da alcaldesa foi transcender esta institucionalidade neutral para deseñar unha Festa (moito máis cívica que étnica) de Santiago para Santiago. Unha Alba de Compostela que reivindicase atender a propia cidade desde a propia cidade, no contexto dunha sociedade civil moderna, vizosa, solidaria e que olla ao futuro, recoñecéndose esencialmente como capital do País do que xurdiu e que a fixo como é: a Compostela de Galicia.
Unha sociedade civil que fai cidade desde os barrios, deporte, patrimonio cultural e desenvolvemento de actividades económicas e profesionais, cun meirande protagonismo feminino e no que a propia Igrexa compostelá (dirixida por un novo arcebispo que semella coñecer mellor que os anteriores o País, a sociedade e máis os tempos) ha ter o seu lugar sobranceiro.
Desta volta a cidadanía, malia o balbordo xerado polo PP, PSdeG e algún voceiro mediático, semella que conectou coa mensaxe da súa alcaldesa, alicerzado no respecto, no pluralismo, no sentido cívico de cidade e na galeguidade.

Respectar Junts, respectar Puigdemont

Seica a investidura de Pedro Sánchez dependerá non só da abstención de JxCat (Junts), senón do seu proprio voto positivo, se o escrutinio xeral lle da ao PP o deputado 137 no canto do 122 do PSOE na rexión de Madrid. O grao de incerteza a respecto desta investidura é moi importante. Cómpre, logo, non darmos nada por feito.
En calquera caso ha ser un proceso bastante demorado polo que sería bo aproveitar o tempo para crear as condicións dese pacto de investidura entre as esquerdas españolas (PSOE e Sumar) e os soberanismos galego, catalán e vasco que constitúe o único xeito de evitarmos novas eleccións estatais cara fin de ano. No que atinxe á relación entre o PSOE e Sumar (Comúns na Catalunya) e Junts hai moito por amañar, moitas desconfianzas por superar. Velaí a fachenda reincidente de Pedro Sánchez prometendo acadar a extradición do president Puigdemont para ser prendido e xulgado, a última vez este 5 de xullo. Ou a operación deseñada en Madrid para que os comúns de Ada Colau, canda o PP e o PSC, fixesen alcalde de Barcelona o 17 de xuño a Collboní, no canto do candidato máis votado Xavier Trías (JuntsxCat).
A ecuación require agora que as esquerdas españolas respecten o que representa Junts o que significa Puigdemont. Junts é o único partido catalán posterior ao procès e definido como unha forza transversal, que integra sensibilidades de esquerdas, socialdemócratas e social-liberais, que quere xuntar a experiencia institucional e de goberno local de moitos cadros que pasaron pola antiga CDC canda vocacións políticas nadas da sociedade civil catalá vencellada á reivindicación nacional, social e cultural.
Pola súa banda Carles Puigdemont non é un prófugo da xustiza, senón un lexítimo president cesado polo PP e PSOE no 2017 que xa recibiu resolucións xudiciais belgas, europeas e alemás favorábeis á súa tese de que nin cometeu delito ningún homologábel aos delitos europeos nin tivo unha instrución nin terá un xuízo xustos. Fico ao seu dispor para ampliar e xustificar máis a xeito este razoamento cando vostedes dispoñan.
Seica temos un problema. Mais podería ser unha oportunidade se as esquerdas españolas dialogan con Junts e coas forzas todas dos soberanismos galego, catalán e vasco de xeito leal. Sen “colegueos”, mais desde a convicción de que non hai democracia e liberdade no Estado español se non hai liberdade, democracia e dereito a decidirmos o futuro na Catalunya, Euskadi e Galicia. O president Mas vén de recoñecelo nunha moi recente entrevista, salientando o carácter fulcral de Junts neste diálogo e promovendo o GALEUSCAT canto menos na plataforma negociadora.
O Estado español constitúe un problema complexo. E os problemas complexos requiren de solucións consensuadas e intelixentes. As esquerdas españolas non haberían seguer alicerzar as súas propostas nas antigas e caducas, antidemocráticas e iliberais solucións unionistas da España unitarizada á forza das dereitas españolas.

Leccións do 23-X na Galicia

O 23-X a nível estatal amosou un afortalamento do bipartidismo, canda a nidia realidade de que nin o bloque da extrema dereita e dereita dura nin o das esquerdas españolas suman abondo para gobernar por si propios e que, mesmo nunha conxuntura electoral de claro nesgo estatalista, os soberanismos catalán, galego e vasco reflicten a plurinacionalidade do Estado e mesmo poderán decidir o seu Goberno. Se JuntsxCat non se abstén Pedro Sánchez non será Presidente. Se o fai, entón o BNG poderá decidir desempatando na segunda votación a igualdade a 171 deputados (PP+Vox+CC+UPN fronte a PSOE+Sumar+ERC+EH Bildu+PNV) e a axenda galega estará riba da mesa.
Mais os resultados destas estatais neste país depréndennos tamén outras leccións. Esta votación non só non se pode comparar coas próximas ou pasadas eleccións nacionais galegas, senón que tampouco se pode comparar con outras eleccións estatais. Nos 700.000 votos do PP (43%) inflúe a potente estrutura electoral dos conservadores, mais acada un valor especial a candidatura de Feijóo, que foi quen de volver sumar todas as distintas sensibilidades sociais que tenta acoller electoralmente a estrutura conservadora galega, o que non foi quen de facer no Estado. Dificilmente haberá unha conxuntura semellante no futuro. De todos os xeitos o voto ao bloque de dereita (48,7% engadíndolle 4,8% de Vox, que segue sen representación) é inferior ao conxunto do voto do bloque de esquerda máis BNG (51,2%), facendo da Galicia un dos poucos países e territorios onde non gañaron as dereitas.
O PSdeG amosou peor comportamento a respecto do conxunto do PSOE, mantendo o seu voto agás en Pontevedra, no que a súa suba impediu por algo máis de 5.000 votos que o BNG duplicase a súa representación. Os resultados semellan amosar un mellor comportamento electoral das áreas menos vencelladas ao secretario xeral V. G. Formoso, o que xera máis incerteza cara ás primarias que elixirán o candidato a San Caetano para as vindeiras nacionais galegas.
O BNG, malia subir 32.000 votos (+25%) non acadou máis que o deputado que xa tiña, o máis custoso (case 153.000 votos) dos 350 eleitos. Nunha campaña mediatizada polo eixo esquerdas-dereitas e polas televisións estatais o BNG ficou privado dos principais espazos para facer chegar a mensaxe, onde si concorreron PP, PSOE, Vox Sumar e mesmo até EH Bildu, PNV e ERC. Cómpre entendelo neses parámetros, mais cómpre tamén matinar no preciso afortalamento do eixo nacional Galicia-Estado nesta classe de eleccións para que unha forza da pegada nacional e local do BNG teña a presenza no eido estatal que esixen esas mesmas circunstancias. Malia todo, o deputado acadado pode ser moi rendíbel por ser o que poida dar a eventual maioría simple.
Cara ás nacionais galegas de 2024 a case segura ausencia de Núñez Feijóo da Moncloa prexudicará as expectativas de recuncar de Rueda. Ana Pontón mantén e mesmo acrecenta as súas expectativas, malia que de certo lle cumpra (como cantaron os nosos Siniestro Total) reflexionar.

Decidirán os soberanismos

Fronte ao prognosticado pola meirande parte das enquisas o PP (136 deputados, 47 máis dos que tiña) e Vox (33 deputados, perde 19, malia manter o terceiro posto estatal) non deron sumado maioría abonda para governar nas eleccións estatais deste 23-X. Mesmo com cadanseus deputados obtidos por Coalición Canaria (CC) e Unión del Pueblo Navarro (UPN), Núñez Feijóo como líder do bloque de dereitas non poderá ser investido ao recibir os 179 seguros votos en contra do PSOE (122, gaña 2 deputados e 3,5 porcentuais), Sumar (31, perde 7 a respecto da suma dos seus coaligados IU, Podemos, Más País e a valenciana Compromis), ERC (7, perdendo 6), JuntsxCat (empata con ERC a 7), EH Bildu (6, subindo un e obtendo o sorpasso en Euskadi fronte ao PNV, que perde un e fica en 5) e do BNG, que repite resultado malia medrar nun 25% dos votos emitidos.
Mais tampouco o vai ter doado Pedro Sánchez con estes vimbios. Con Sumar e os seus recorrentes aliados da última lexislatura PNV, EH Bildu e ERC podería contar cos mesmos 171, mais require polo menos a abstención de JuntsxCat, pois que se estes votan en contra (e teñen manifestado que así o van facer agás se avance nas cuestións do referendum de autodeterminación e da amnistía) a única saída sería a repetición electoral, de non ser um -polo de agora- improbábel pacto de grande coalición PP-PSOE que o xornal de Pedro J. Ramírez, no ronsel dos intereses do Ibex 35, xa pedía este luns. Porén, de se acadar a abstención das juntaires na segunda votación, o deputado do BNG terá a chave da investidura na mesma e a axenda galega terá presenza nas negociacións.
A estatalización da campaña e o medo a un goberno da extrema dereita e da dereita dura déronlle pulo á mellora do voto do PSOE, no prexuiío duns mellores resultados do soberanismos catalán (fanado tamén pola campaña abstencionista de milleiros de indepes descontentos cos seus partidos), vasco e galego. Mais en último de contas, os resultados electorais amosan o que moitos non ven: que a cidadania que vota (que votamos) por forzas soberanistas elixe deputad@s en pé de igualdade e que estes representantes, nun sistema parlamentario, xogan na conformación das maiorías de investidura e de goberno ao mesmo nível das representacións das forzas unionistas. É dicir, que constitúen para cadanseus países e territorios un voto ben útil. E, sobre todo, lembran continuamente a existencia dunha plurinacionalidade adoito negada e nunca ben resolta.
Aprenderán desta vez as esquerdas españolas que só lles dá para sumar con acordos coas forzas soberanistas? Ou seguirán a asumir o marco mental das dereitas españolas? Velaí a chave desta lexislatura que comeza.

O lobby eólico presiona a Xustiza galega

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) é o máximo órgano xudicial do noso País e mesmo a súa derradeira instancia en casación no eido do Dereito Civil e Administrativo galegos. Lembremos que a lexislación que regula a produción eólica e, substancialmente, lexislación galega.
Nos últimos anos o TSXG declarou ilegais s parques de Sasdónigas, Sasdónigas 1 (os dous en Mondoñedo), Campelo e Bustelo en Bergantiños e a repotenciación de Corme na Costa de Morte. E tamén acordou suspender cautelarmente as autorizacións dos parques da Lagoa en Zas e de Monte Corbal en Bergantiños, pois que doutro xeito a construción dos devanditos parques podería xerar moi graves prexuízos ao ambiente, actividades económicas e poboación da contorna atinxida.
Foron decisións xudiciais todas adoptadas consonte claras regras xurídicas. Mais o lobby eólico (CEG, a patronal eólica galega e o sindicato CC. OO) vén de dirixir unha desaquelada e ilexítima ofensiva contra o máis alto Tribunal do noso País pretextando… falla de seguranza xurídica!! Mais son precisamente os Tribunais os que interpretan e aplican a Lei nos Estados de Dereito. Velaí a ferreña e inédita reacción da propia Sala de Goberno do TSXG rexeitando estas indignas presións.
Cómpre lembrarmos as causas polas que se están a recorrer as autorizacións da Xunta (e moi axiña do Goberno central): prexuízo aos acuíferos, á flora, fauna e patrimonio ambiental, dano ao patrimonio cultural, incompatibilidade dos parques proxectados coas actividades empresariais (gandería, agricultura, turismo rural…) da contorna atinxida, prexuízo aos residentes (ruído, exceso de luminosidade…).
Europa precisa xerar electricidade de fontes renovábeis. Máis a nosa Galicia xa sobardou no 2021 en máis dun 57% os obxectivos da UE para o 2030. Non se nos poden pedir máis sacrificios ambientais, demográficos e económicos, agás que se dea unha reviravolta na lexislación e xestión desta clase de instalacións enerxéticas, de xeito que se nos compense abondo, tanto ao País en xeral como as comunidades que sofren esta enxurrada. Senón mellor vai ser que leven os muíños para a serra madrileña, onde non hai nin un por elementais razóns de protección ambiental.
Cómpre lembrarmos, tamén, que ningún programa electoral dos partidos unionistas (PSOE, PP, Sumar) achega solución ningunha para esta enxurrada eólica nin tampouco para o control da eólica mariña no prexuízo da nosa pesca e do noso sector mar-industria. De certo que só o BNG recolle no programa electoral a defensa dos nosos intereses fronte a este lobby. O mesmo lobby que integra arestora ás mesmas CC.OO., que seguen a apoiar a exacción colonialista de ENCE na ría de Pontevedra.

Verdades verdadeiras destas eleccións

1.- O Estado español, canda a nosa Galicia, enfronta a probabilidade dun xiro de 180 graos se o PP e Vox acadan xuntos o 23-X un resultado co que poidan gobernar. O deep state escolleu Feijóo como candidato, persoa sen contidos ideolóxicos de seu e, xa que logo, o mellor executor do programa doutros. Mais está decidido non só a que Vox partille a ecuación de goberno, senón que lidere desde o seu extremismo españolista e ultracatólico a xeración da axenda dominante desde a súa galegofobia, machismo, homofobia e xenofobia. Na axenda dese hipotético futuro goberno teremos de certo políticas económicas pensadas para as grandes fortunas, recorte substancial dos nosos dereitos e liberdades e agresión discriminatoria para a nosa lingua e cultura e a nosa economía e benestar.
2.- Os centos de milleiros que voten BNG e, en xeral, os millóns de cidadáns que votan polas distintas opcións soberanistas, son (somos) cidadáns de pleno dereito e os deputados que escollan teñen legal e moralmente o mesmo dereito das opcións unionistas españolas para decidir, no seu caso, o futuro Goberno do Estado. Non hai España viábel sen recoñecer a súa plurinacionalidade.
3.- Nas cuestións que se refiren aos dereitos e liberdades (velaí a continuidade na vixencia da prisión permanente, dos delictos de opinión e da “lei mordaza”) e, sobre todo, á política autonómica e territorial, o PSOE e o resto da esquerda española tenden a asumir o marco mental da España á forza unitarizada do PP da España española (en moi acaídas verbas do profesor M. A. Bastos) e de Vox. E estas cesións (mellor diríamos asuncións) retroalimentan unha e outra vez este marco mental. Velaí que non haxa solución política a respecto do dereito a decidir, só o castelán sexa realmente protexido e que o independentismo sexa continuamente criminalizado.
4.- PSOE, Sumar, BNG e as opcións soberanistas catalás e vascas concordan no seu común rexeitamento a esta ameazante regresión 50 anos atrás no tempo. Xa que logo, para a cidadanía demócrata deste País, o voto ao BNG ten a utilidade de impedir este salto regresivo e, ademais, a utilidade adicional da afirmación dos dereitos e intereses de Galicia e do benestar dos galegos, ausentes dos programas do PSOE e Sumar. Esta utilidade aplícase tamén nas circunscricións de Lugo e Ourense onde un hipotético primeiro deputado do BNG chimparíalle o terceiro ao PP en cadanseu territorio.
5.- Mesmo no suposto tan lesivo e indesexábel dun Goberno futuro PP-Vox, unha forte representación galega no Congreso constituiría unha acaída ferramenta para lle desenvolver unha ferreña oposición coordenada co traballo en positivo a desenvolver dende os Parlamentos de Galicia e Europeo e desde os gobernos locais progresistas cara reflectir a necesidade dunha inmediata remuda na Xunta de Galicia.

O noso voto útil

Desde que convocou estas eleccións estatais do 23-X, o líder do PSOE, Pedro Sánchez, anda a dicir seguido que cadanseu voto é a garantía para que o chamado bifachito do PP de Feijóo e do Vox de Abascal non acade esa maioría abonda que lles permita gobernar dun xeito desaquelado, desigual, ineficiente, machista, antieuropeísta, españolista e galegófobo. Adxectivos que moitos programas comúns da extrema dereita e da dereita extrema manifestan compatibilizar. A mesma mensaxe de alarma emite Yolanda Díaz, líder de Sumar.
Porén, nin socialistas nin yolandistas amosan razóns abondas para que a cidadania galega que votou galeguismo político nas nacionais de 2020 e nas recentes municipais do último maio muden o voto, nin mesmo para que ducias de milleiros de cidadáns que votaron forzas estatais neses procesos non poidan optar por un voto en clave galega que, ademais, defenda os seus intereses individuais, os intereses colectivos da Galicia e máis os dereitos xerais da nosa cidadania.
Cómpre lembrar que nestas eleccións estatais na Galicia, a menos de dúas semanas das votacións, é ben nidio que só o PP entre as forzas da extrema dereita e da dereita extrema pode acadar representación, mentres que na esquerda estatal só a poden acadar o PSOE e máis Sumar, mentres que no galeguismo político só a pode quitar o BNG.
Principiaremos polo PSOE de Sánchez. Felipe González e bo número dos líderes socialistas do seu momento histórico reclaman do PSOE que, para o caso que non quite o PP maioría absoluta, substitúa coa súa abstención (como xa fixeron a primeiros de 2016) a necesidade de botar man de Vox. Ou sexa que se eu ou vostede votamos este 23-X PSOE e, 4-6 semanas despois, os xefes do PSOE que eventualmente substituirían no caso dun fracaso electoral a Sánchez, mandan parar e fan a grande coalición dos soños húmedos do IBEX-35 ímoslles ben apañados.
Analisamos arestora Sumar, coalición de 15 partidos estatais e territoriais que seica está a minguar no seu apoio cidadán na Galicia. Semella que, quizais, porque o electorado galego sofriu desde o outono de 2015 unha praxe política desde ese espazo político (da que é super-responsábel Yolanda Díaz desde o minuto un) que sacrifica os dereitos e intereses da Galicia, os dereitos e intereses da nosa xente, pola sempre omnipresente razón de Estado. Fíxoo Yolanda Díaz no outono de 2015 frustrando o grupo galego no Congreso e na fin de 2019 rexeitando a emenda que aprobara En Marea democraticamente na Galicia e só apoiara entre os deputados a entón deputada estatal mareante (hoxe no BNG) Alexandra Fernández. Teñen vostedes razón. Seica coñécemolos -coñécemolas- de vello.
Non hai galeguista nin soberanista que non critique cousas que non poida mellorar o BNG. Agora ben, as preguntas que cómpre facermos hoxe em día son: i) confían nel@s para que non voten nunca a opción estatal do PP e Vox?, ii) confían neles para que miren sempre polo País?, iii) Están certos de que poden confiar para iso mesmo no PSOE e en Sumar?
Velaí as preguntas do voto útil. As respostas pertencen á decisión de tod@s @s galeg@s.

Ciao arquitecto. Adeus, Luisiño!

Se non sapete cosa fare date palla a Suárez.
Helenio Herrera.

O meu amigo Rubén García-Loureda vén de me contar que morreu o noso Luisiño Suárez e que o FC Internazionale Milano (a súa Casa, como o Dépor era a Casa de Arsenio Iglesias) puxo no seu Twitter de relembranza as acaídas verbas de Helenio Herrera, o mister co que Luisiño foi o único galego Balón de Ouro e mellor futbolista europeo: “Se non sabes que facer dálle o balón a Suárez”.
Claro é que o Rubén e máis eu falamos de ouvidas. Das que sentimos contar a carón nosa polos pais, nais e achegados, na Coruña e na Galicia toda (velaí as homenaxes neste domingo do Celta e do Racing). Daquelas mozos e mozas dos anos 50 e 60, privados de súpeto do xogo do Luisiño (eles que foran antes privados de tantas cousas), que só pertenceu ao Dépor unha única tempada (1953-54) antes do traspaso do de Monte Alto ao Barça.
Velaí que me haberán permitir a lembranza dunha conversa que tiven co meu pai, Juan Antonio, a primeiros deste século: “Foi moi bo para o noso Deportivo que Fran ao final quedase aquí. Na nosa época ninguén evitou que Luisiño Suárez fose para o Barça”. Sen dúbida meu paiciño falaba, con licenza do grande Chacho, de dous dos mellores xogadores galegos da historia do fútbol, Luís Suárez Miramontes e Fran González Pérez. Sexa como for, non falou de ningún terceiro naquela conversa.
Na Europa dos 50 e 60 o coruñés serviu como xogador sete tempadas no Barça (1954-1961), nove no Inter (1961-1970) e tres na Sampdoria xenovesa (1970-1973). Co Inter (mal que nos sinta, a súa Casa) gañou dúas Copas de Europa e tres campionatos italianos.
Despois Luís Suárez foi adestrador seis meses do Dépor (1978-79) e chegou adestrar á selección estatal, primeiro sub 21 e despois a absoluta (1988-1991). Nesta andaina, como como tantos galegos e cidadáns do Estado español que non desenvolven a súa actividade ou non son visíbeis en Madrid e no palco do Bernabeu, foi inxustamente criticado pola prensa da capital do Estado, liderada na altura polo asturiano José María García.
E, ao mellor, esa etapa na selección estatal danou inxustamente a súa imaxe e arrefriou o recoñecemento que o Dépor como clube, A Coruña como cidade e Galicia como País lle adebedan ao noso Luisiño.
Velaí que sexa urxente reparar esta inxustiza co noso único Balón de Ouro.
Ciao, arquitecto. Adeus Luisiño!

Feijóo escribe ao ditado de Vox

Despois das eleccións locais e, en doce territorios do Estado, autonómicas do 28 de maio PP e Vox pactaron para gobernaren xuntos en 140 concellos importantes e chegaron a pactos de lexislatura no País Valencià, Illes Balears e Estremadura. Vox terá a vicepresidencia da Generalitat valenciana canda as consellerías de Cultura, Interior e Xustiza e Agricultura. Tamén a consellería de Medio Rural no Goberno de Estremadura, e a Presidencia do Parlament das Illes Balears, onde partillará o goberno dos Consells insulares de Mallorca, Menorca e Eivissa-Formentera.
Mais con ser importantes as cotas de poder que Vox vai ter nos gobernos locais e autonómicos o máis rechamante son os contidos programáticos de cadanseu pacto. O PP, é dicir, Feijóo, asume acriticamente as ladaíñas mentireiras de Vox e acorda: i) desprotexer a lingua catalá como cooficial nas súas variantes territoriais do País Valencià e de las Illes Balears, ii) derrogar a normativa de protección ao colectivo LGTBIQ+, iii) negar a violencia machista, desenvolvendo políticas baseadas nese relato e iv) promover como principal manifestación cultural as touradas. Por outra banda, na selección dos seus perfís para consellerías e presidencias de Parlamentos Vox promoveu a mantenta as persoas máis extremistas no seu machismo, españolismo, homofobia e negacionismo do cambio climático.
O de Estremadura foi nomeadamente grave. En primeiro lugar, porque demostrou que esa desaquelada proposta de Feijóo de que goberne a candidatura máis votada (que en Estremadura foi a do PSOE) depende da conveniencia propia, sendo como é Feijóo reincidente no principio “lo mismo que te digo una cosa te digo la otra“. Mais tamén por proxectar que non había dous PP (un de dereita radical e outro máis centrista) canto á definición dos programas da gobernanza local e autonómico. Non, non hai tal. Só hai un, o PP que por gañar o poder pacta programas de goberno baseados no supremaciscmo españolista, no antieuropeísmo, no produtivismo non sostíbel ambientalmente, no machismo e na homofobia. Evidentemente gañou a doutrina de Díaz Ayuso, Esperanza Aguirre, Miguel Ángel Rodríguez e da prensa de dereitas de Madrid.
Son dos que pensa que Alberto Núñez Feijóo non ten unha ideoloxía nomeadamente españolista nin de dereita extrema. Tampouco centrista ou mornamente galeguista. O seu é o puro pragmatismo na linde do cinismo político, porque sempre cumpre o encargo dos que moven os fíos, dos que “parten el bacalao“. E para que dean os números seica estes pensan que non se pode reflectir dúbidas no pacto cos extremistas, como vén de denunciar o xornalista Enric Juliana.
Diante destas evidencias non sei que pensarán agora aqueles que coidaban que Feijóo como líder do PP garantía diálogo, moderación e xorne centrista. Porque o certo é que, no Estado español, nunca a extrema dereita españolista e retrógrada marcou nos últimos cincuenta anos de tal xeito contidos, relato e axenda.