Cómpre subir os tipos de xuro?

Neste mes de agosto tiven a ocasión de partillar co profesor Miguel Anxo Bastos (USC) dous faladoiros da actualidade na Radio Galega conducidos pola xornalista Silvia Pereira. E nas dúas ocasións, canda outros temas de actualidade, xurdiu o das medidas antiinflacionarias. Bastos confía nas medidas clásicas de restrición da liquidez e suba dos tipos de xuro, xa desenvolvidas en xullo polo Banco Central Europeo (BCE) e antes pola Reserva Federal dos USA e os Bancos Centrais suízo e xaponés. Eu, sen negar que existan xa algúns elementos de inflación na demanda post-covid, sigo a pensar que a actual inflación xorde nomeadamente dos graves desaxustes da oferta xerados pola queda produtiva da pandemia.
Semella que esta miña percepción, que contraría en parte opinións tan alicerzadas como a do profesor Bastos, conecta coa recentísima opinión (24-A) do antigo economista-xefe do Banco Mundial, o profesor Joseph Stiglitz. Cando hai quen desconta xa para o vindeiro setembro unha suba de 0,5 pontos do tipo de xuro do BCE (a lle engadir á suba doutro tanto neste último xullo), Stiglitz advirte que pode ser peor o remedio que a doenza. Advirte que, en realidade, sofrimos unha inflación xerada sobranceiramente polas restricións da oferta de alimentos, compoñentes electrónicos e enerxía, polo que subir os tipos de xuro non atende á raíz do problema e mesmo pode agravalo. As restricións de acceso ao financiamento dificultarían a implementación dos investimentos precisos para resolver eses estrangulamentos da oferta.
No caso do noso País, Galicia, as restricións crediticias dificultarían o proceso de reindustrialización e reagrarización que precisa a nosa economía e mesmo os investimentos en dixitalización, enerxía e habitabilidade que constitúen obxectivos fulcrais dos Fondos Next Generation da Unión Europea. Co que podemos enfrontar a treboada perfecta dunha inflación sen corrixir (malia a case segura queda substancial do consumo) á que se lle engadiría unha recesión no PIB que xere desemprego, redución da recadación fiscal e, xa que logo, necesidade ulterior de transferencias para pagar máis prestacións e subsidios sociais e máis xuros da débeda pública.
Cómpre, pois, esixir prudencia dos dirixentes do BCE (que non respostan politicamente diante do Parlamento Europeo) e lembrar, como ten dito o economista galego Marcelino Fernández Mallo, a necesidade cando menos de manter canles privilexiadas de financiamento para eses proxectos estratéxicos de reindustralización, infraestruturas, dixitalización e reagrarización. Porque unha segunda edición do austericidio de 2010-2013 xeraría uns custos non aturábeis para as clases medias e traballadoras.

Devalo electoral no PPdeG?

Electomanía vén de publicar unha nova edición do seu Galaicopanel que reflicte unha máis que probábel perda da maioría absoluta do PP e unha maioría alternativa de centroesquerda. Deste xeito, ao PP atribúenselle 37 escanos cun 42,3% dos votos (fronte a case o 48% e 42 escanos acadados nas nacionais galegas de xullo de 2020), mentres o BNG subiría tres escanos (de 19 a 22) e 2,4 pontos (do 23,8% ao 26,2%). O PSdeG mantería os seus 14 escanos, cun 19,4% dos votos, mentres Galicia en Común voltaría ao Parlamento, con 2 escanos, no limiar do 5% esixido legalmente e próximo a perder, xa que logo, a súa representación. Vox, cun 4,8%, non acadaría representación. Deste xeito, o conxunto das forzas progresistas quitarían 38 representantes fronte aos 37 do PPdeG, polo que Ana Pontón (BNG) podería ser a vindeira Presidenta da Xunta.
Cómpre dicir que esta enquisa ten un valor limitado, tendo en conta que cunha marxe de erro do 2,3% a adxudicacion dos restos podería dar uns resultados finais ben diferentes. Mais indubidabelmente sinala unha tendencia, pois achega 548 entrevistas novas a unha base previa moi superior. Serve, xa que logo, para estudar como evolúe a percepción do corpo electoral galego. Cun 50,6% de voto progresista fronte ao 42,3% do PP, a fenda semella abonda como para albiscar a probabilidade relativa dunha remuda no Goberno deste país.
Os case cen días do Goberno de Alfonso Rueda non lle serviron ao pontevedrés para mellorar de xeito significativo nin o seu coñecemento nin a súa avaliación cidadá. Tampouco semella que lle valesen para consolidar o seu liderado social nin no propio PPdeG. O 11,5% da inflación galega sobarda en case un ponto a estatal en en máis de tres a da UE, mais a cidadanía galega descoñece ningunha medida correctora adoptada pola Xunta, que mesmo suprimiu o bono de alimentos para persoas en risco de exclusión introducido no tempo da pandemia. A asistencia primaria e mesmo algúns servizos da hospitalaría, como a Medicina Interna, viven o seu annus horribilis mentres a peor campaña de lumes desde 2017 amosou a improvisación e falla de planificación diunha Consellaría do Medio Rural que o 10 de xullo non tiña operativas aínda as brigadas de extinción na Terra de Lemos, Val de Quiroga e O Caurel.
Velaí que esta falla de liderado e ideas estea a pesar como chumbo no ánimo de relevantes persoeiros populares que mesmo confían na eventual coincidencia das eleccións estatais coas nacionais galegas, contra a fin do 2023, para que Núñez Feijóo poida darlle a volta a esta onda devalante.
Neste senso, se Alfonso Rueda non é quen de mellorar susbstancialmente o mapa de gobernos locais do PP nas vindeiras municipais, esta indesexábel coincidencia electoral será aínda máis factíbel.

Normalizarmos o normal

O grande suceso de público dos recentes concertos das Tanxugueiras en Vigo (Castrelos, 30-X, máis de 40.000 persoas) e A Coruña (praia de Riazor, 12-A, arredor das 80.000 persoas) constitúen unha emenda á totalidade á política cultural da Xunta (nomeadamente dos promotores do Xacobeo) e á de moitos gobernos locais, adoito pendentes só da contratación de artistas foráneas no prexuÍzo das galegas. Indubidabelmente, o éxito do trío galego alicérzase na súa forza expresiva, na súa calidade técnica e artística e nunha feliz conxunción de modernidade e tradición. Mais este éxito non se pode explicar sen o traballo colectivo de máis de corenta anos de ducias de artistas e creadores galegos que desenvolveron -e seguen aínda a desenvolver- con extremas dificultades o seu traballo mentres o concelleiro de Festas ou o xerente do Xacobeo de quenda contrataban espectáculos cativos de serie C nun vergoñento espectáculo de cosmopailanismo. Semella que a veciñanza galega resposta ben á súa música e á súa cultura e as fronteiras mentais están inseridas nos miolos de moitos dos seus políticos.
Son as mesmas fronteiras e limitacións mentais que determinan o uso case exclusivo do castelán do alcalde de Vigo, Abel Caballero, como fixera noutrora o alcalde coruñés Francisco Vázquez. Que levaron á vicepresidenta do Goberno do Estado, Nadia Calviño, a usar case en exclusiva o castelán diante de 400 persoeiros como pregoeira do Día de Galicia de Vigo no mesmo Castrelos no que días antes 40.000 persoas celebraban en galego coas Tanxugueiras. Que lle dan pulo ao afastamento dos nosos creadores e artistas da axenda pública das festas de Ourense, Vigo e doutras cidades e vilas.
Teño escrito que o principal problema do galego é a súa desigualdade xurídica co castelán en dereitos. Velaí a importancia de acenos como do cidadán que obtivo xudicialmente a obrigatoriedade de que a Axencia Tributaria estatal se relacionase con el en galego ou da persoa que obtivo, non sen discusións, dunha doutora do SERGAS en Bueu un informe en galego que de primeiras ía ser redactado en castelán. Mais precisamos tamén que os referentes sociais e empresariais, os nosos políticos, científicos e deportistas usen o galego en público e reivindiquen a nosa lingua e cultura na súa praxe cotiá.
Porque o pretexto de que a cidadanía non quere contidos e espectáculos en galego xa non se sostén. Négano as enquisas e amósao a realidade. Cómpre, logo, normalizarmos o normal.

Turismo sostíbel para Compostela

No ADN compostelán están os seus Camiños. Eses Camiños ingleses, francés ou portugués que achegaron centos de milleiros a Galicia e construíron Europa na peregrinación a Santiago. No ADN dos compostelanos está, tamén, a hospitalaria recepción aos que visitan a Cidade, cumprindo o mandato do Papa Calixto II a mediados do século XII, a pouco da morte de Xelmírez e próximo o apoxeo do reino de Galicia que daría anos despois ao mundo a marabilla do Pórtico da Gloria. Por outra banda, desde a perspectiva de hoxe en día, cómpre lembrar que case un 20% do PIB compostelán alicérzase nas actividades turísticas.
Porén, a masificacion do turismo de peregrinación ten xerado efectos indesexábeis. Na convivencia cidadá, no custo prohibitivo dos alugueiros para os residentes e nos custos ambientais e de conservación do riquísimo patrimonio cultural compostelán, non sempre axeitadamente promovido nin avaliado. O centro histórico desertizouse de toda actividade comercial que non sexa hostaleira ou de venda de souvenirs. A falla de comercio de proximidade na améndoa e arredores expulsa da Cidade histórica os seus habitantes.
Esta fin de semana remata a Xornada Europea da Xuventude, que organizou o Bispado e trouxo a Santiago 10.000 mozos e mozas do resto do Estado canda 350 portugueses e uns 600 doutros países europeos. E, malia a longa experiencia desta clase de eventos que ten a Cidade, semella que existiron serios problemas de convivencia entre estes visitantes e moitas persoas residentes. Documéntanse casos de ruídos inadmisíbeis en horarios de descanso, curtes do tránsito no Ensanche e maltrato ao patrimonio. Polo menos ducias destes rapaces teñen amosado carecer dos mínimos de respecto pola cidade que te acolle e polos seus residentes, que constitúen os alicerces de calquera turismo sostíbel. Moitos composteláns teñen dito alto e claro que cómpre controlar eventos como este, que dificultan o desfrute da Cidade polos seus residentes e afastan da mesma ao turismo relixioso, cultural e gastronómico que gasta e que respecta.
O debate sobre a dimensión, fasquía e regulación do turismo sostíbel é urxente xa, para Compostela e para Galicia enteira. Sen dúbida haberá que falar da taxa turística, dos límites da accesibilidade a determinados espazos e tamén -e moito- das normas de comportamento para as persoas visitantes. Neste labor, a Xunta, o Concello, a sociedade civil e os partidos haberían formular axiña cadansúas propostas. Porque moita xente está a dicir que este modelo xa non é sostíbel.