Do prexuízo ao odio

O asasinato de Samuel Luiz na Coruña puxo no foco os delictos de odio e agravados polo odio, ao se amosar probábel que a homofobia fose determinante deste crime. É cedo de máis para determinarmos esta cuestión, porque o caso está aínda sob o segredo da investigación. Só os Tribunais penais competentes poderán enxergalo. Mais do mesmo xeito que cómpre pedirlle acougo á opinión pública antes de anticipar veredictos de odio, tamén compre lembrarlle a moitas persoas que refugaron da existencia desta caste de agravante (entre eles o Presidente Núñez Feijoo) que existen pegadas importantes que esixen investigar esta hipótese, no canto de desbotala sen máis.
Os delictos de odio (chamados speech crimes ou bias crimes, é dicir delictos de discurso discriminatorio) e os delictos cualificados polo odio (é dicir as lesións, asasinatos, violacións, danos dolosos ou outros crimes executados por razóns de odio discriminatorio a un colectivo minorizado), defínense por escoller a vítima non por ser quen é como persoa, senón polo colectivo ou minoría a quen pertence, ou sexa, por razóns de homofobia, transfobia, aporofobia, discafobia, racismo ou calquera outra circunstancia que emita a mensaxe de que, en realidade, o grupo social ou minoría á que pertence a vítima non é merecente de se integrar na sociedade ou, seica, a sociedade debería excluír ou discriminar tal grupo ou minoría, de xeito que non puidese partillar a vida social en réxime de igualdade cos demáis cidadáns e grupos sociais.
O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, máxima Corte xudicial no eido dos dereitos fundamentais para os 27 Estados da Unión Europea e outros 20 que partillan canda eles o Consello de Europa, considera que o discurso do odio non pode abeirarse na liberdade de expresión por abusar claramente dos límites da mesma. E constitúe abuso da liberdade de expresión por deitar a idea de que o grupo minorizado ao que pertence a vítima do delicto de odio é prescindíbel socialmente. Segundo esta caste de discurso, os negros, os homosexuais, os ciganos, os pobres ou as persoas discapacitadas non han integrar a nosa sociedade, polo menos iguais en dereitos e visibilidade. Velaí por que o sistema xurídico democrático europeo non é neutral e si belixerante contra esta clase de discurso.
Clarexar tamén que o delicto de odio contra policías, funcionarios e Autoridades non é posíbel, por ser colectivos neutrais por Lei, non minorizados e que desfrutan da protección penal propia de seren Autoridade, o que permite acusar polo grave delicto de atentado a quen lles agreda, desbotando o delicto de odio.

O noso Día Nacional

Acredito que todas as persoas somos cidadás do mundo. Mais, como xa escrebín hai anos nestas páxinas, o patriotismo non bate co universalismo. Para sermos persoas precisamos raíces e para pensarmos globalmente precisamos actuar localmente. Somos europeos e cidadáns e cidadás do mundo por sermos galegos.
Dixen cidadanía. A Patria, ou Matria, é un proxecto cívico, unha vontade colectiva e dinámica non pechada nas esencias. Mais definirmos desde a vontade de sermos Nación no canto de facelo dacordo cunhas supostas esencias definidas hai cen anos, non quita para que avaliemos en todo o seu significado o que fixeron polo País os nosos devanceiros, ao lle dotar a unha Terra derrotada e sometida en tantas ocasións (incorporación do Reino de Galicia ao de Castela no 1230, derrotas do partido galego a prol da independencia e da unidade con Portugal nos 1369 e 1374, doma e castración do Reino de Galicia pola raíña Isabel a Católica entre 1479 e 1486, división do Reino en catro provincias en 1833, sanguiñenta represión da revolución nacional de 1846…) de nidios sinais de identidade. Velaí o Himno Nacional Galego de Veiga e Pondal (1907), o primeiro recoñecemento oficial da bandeira galega (A Coruña, 25 xullo 1921), ou a consideración polas Irmandades da Fala do 25 de xullo como Día de Galicia, como Día da Patria (1920).
Como vén de escrebir Manuel Veiga Taboada, cómpre distinguirmos moi nidiamente o Santiago adoptado como Día da Patria do Santiago obxecto de homenaxe polo Estado español na Ofrenda do 25 de xullo. O primeiro é ese Santiago Peregrino protagonista da construción do Reino de Galicia como Estado europeo entre os séculos IX e XIII, a fin dos camiños xacobeos no cabo da Europa. Un referente dunha Galicia de seu no contexto dunha universitas christiana europea, fronte á realidade dunha España nomeadamente musulmá até o século XIII. Mentres que o Santiago da Ofrenda é o Matamouros que a Coroa de Castela quixo promover, con pouco suceso, como referente das Españas fronte a xudeus, mouriscos, mozárabes e conversos. E moi axiña contra cataláns e portugueses.
O Santiago do Pórtico da Gloria é o Santiago que conecta coa realidade de Galicia como nación europea, que conecta mesmo coa actual realidade leiga e pluricultural da Europa, mentres o Santiago Matamouros da Ofrenda semella cada vez máis fóra de tempo.
Velaí que o Goberno do Estado habería ter a sensibilidade de non nos impor no ceo compostelán bandeiras moi queridas -si- para unha parte dos galegos, mais que non integran, como si integra a nosa, o conxunto da cidadanía. Ademais, hai días abondo para reivindicalas fóra do noso Día da Patria.

A derrota xudicial de ENCE

ENCE vive xa o tempo de desconto. A chamada “Audiencia Nacional” (AN) estimou o recurso do Concello pontevedrés e de Greenpeace (o da Asociación pola Defensa da Ría vaise resolver axiña) e anulou a prórroga até 2073 que lle outorgara en xaneiro de 2016 o Goberno Rajoy cando estaba en funcións. Das resultas desta sentenza ENCE ocupa terreos de dominio público sen concesión válida dende 2018 e ten que marchar da ría de Pontevedra.
A sentenza aínda non é definitiva e pode ser recorrida en casación perante o Tribunal Supremo (TS). Mais este só admitirá para estudo o recurso se existen razóns ben alicerzadas para requirir unha sentenza que unifique a aplicación do Dereito Administrativo estatal, neste caso o artigo 32.1 da Lei de Costas, que dispón que só se pode permitir ocupar terreos de dominio público marítimo-terrestre para aquelas instalacións ou actividades que, pola súa natureza, non poidan ter outra ubicación.
Velaí que a interpretación das actividades e instalacións inviábeis fóra do dominio público marítimo-terrestre pertenza á AN, neste caso, sendo o concepto a aplicar claramente restritivo, á vista tanto dos seus termos literais, como da xurisprudencia interpretativa do propio TS. Calquera recurso que presente ENCE sobardaría a estreita marxe do recurso de casación, que non pode corrixir as conclusións da AN sobre a proba practicada e os feitos probados.
E a AN avaliou a proba practicada dun xeito ben concluínte, ao constatar que as fábricas de pasta de papel Kraft precisan grandes cantidades de auga doce e capacidade de evacuación a masas importantes de auga, o que desenvolven sen problemas fóra do dominio público marítimo-terrestre varias factorías en Euskadi, Aragón e en Navia-Asturies (esta da propiedade da propia ENCE).
Non se albisca, pois, unha solución acaída no marco do Estado de Dereito para que ENCE siga a producir na Ría de Pontevedra. Deste xeito, a lei e máis a vontade cidadá (desde 1999 Pontevedra vota amplas maiorías contra a permanencia en Lourizán da pasteira, como escrebíamos previamente en marzo de 2021) esixen que a empresa e máis as Administracións Públicas atinxidas comecen deseñar a desmontaxe de ENCE na súa actual ubicación.
Cómpre lembrar, tamén, que ENCE fica obrigada a repor os terreos ao seu estado natural e que pode reclamar da Administración do Estado a indemnización polos investimentos que fixo desde xaneiro de 2016, ao abeiro da prórroga da concesión outorgada polo goberno Rajoy cando estaba en funcións.

Solucionarmos as interinidades delongadas

A expansión obxectiva dos servizos públicos autonómicos e locais (esixencia do Estado do Benestar), canda a normativa estatal que restrinxiu ferreñamente desde a Grande Depresión de 2008 a capacidade das autonomías e concellos para quitar ofertas públicas de emprego, xerou o fenómeno das interinidades delongadas. Persoas que de primeiras entran no emprego público (normalmente a medio dunha listaxe consonte criterios de mérito e capacidade) para cubrir unha vacante e continúan logo de varios anos prestando os seus servizos, fornecendo unha necesidade estrutural da Administración Pública na que serven e sen oportunidade para consolidar o seu emprego por mor da falla de convocatoria das precisas probas para esa fin.
O Tribunal de Xustiza da Unión Europea declarou ilegais estas interinidades delongadas e obriga estabilizar o emprego público e máis a adoptar solucións concretas, declarando a fixeza do posto ou, de non se considerar viábel xuridicamente, recoñendo unha dupla indemnización a prol da persoa interina, tanto pola súa delongada permanencia nesta cualidade como pola eventual perda do seu posto de traballo cando se cubra a vacante.
Na Galicia sofren esta caste de interinidades moitas persoas nas Administracións autonómica e locais, nomeadamente no SERGAS, nas Consellarías de Educación e Política Social e en varias compañías e axencias públicas, como o Consorcio Galego da Igualdade e do Benestar. Este Consorcio contratou pouco máis de 300 persoas con carácter temporal a medio de probas selectivas no 2007, tendo en conta o carácter experimental desta fórmula de cooperación interadministrativa entre a Xunta e os concellos para dotar de medios persoais o cobizoso plan de atención ás crianzas de 0 a 3 anos e persoas maiores e necesitadas de inclusión do vicepresidente Anxo Quintana (BNG). A fins do 2008 convocouse a oferta pública de emprego que habería cubrir de xeito estábel estes postos, mais foi revogada cando chegou o PP á Xunta no 2009 e até de agora non volveu ser convocada, remanecendo mentres estes centos de persoas na súa delongada interinidade.
O Goberno do Estado non quere recoñecer a declaración como fixos daquelas persoas que non superen os procesos selectivos de estabilización previstos na reforma legal que promove, pretextando unha suposta inconstitucionalidade que non é tal. Porque, xa no 1988, a lei galega da Función Pública do conselleiro nacionalista Pablo G. Mariñas declarou persoal laboral fixo a extinguir aos funcionarios interinos que non aprobasen os procesos de estabilización previstos na lei.
Velaí a solución para as interinidades delongadas

Igualdade, mérito e capacidade

A Constitución baséase no principio de igualdade de todas as persoas, tamén no acceso á función pública e ao emprego público en xeral. As Administracións Públicas serven con obxectividade os intereses xerais con suxeición total ao Dereito. Velaí que para poder acceder ao emprego público (quer como persoal laboral, quer como funcionario, quer como sanitario estatutario) se requira de procesos selectivos que garantan a publicidade e o acceso das persoas candidatas en condición de igualdade, só atendendo aos requisitos de mérito e capacidade do xeito que se regule pola normativa da convocatoria. Unha normativa que non pode favorecer “a priori” persoas concretas para que sexan as que accedan aos empregos públicos convocados.
No caso das Autoridades Portuarias esíxese, ademais, a transparencia, independencia, capacidade técnica, imparcialidade e profesionalidade dos membros dos Tribunais de selección e máis que os contidos dos procesos selectivos sexan axeitados a respecto das funcións e tarefas dos postos a desenvolver nos postos de traballo suxeitos ao proceso de selección correspondente. Deste xeito, cómpre priorizar as oposicións a respecto dos concursos e concursos-oposicións que avalian méritos e entrevistas persoais, agás para prazas que requiran coñecementos moi específicos.
Mais a política de selección de persoal da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao vulnera todos estes criterios normativos. Noméanse case sempre Tribunais compostos polas mesmas persoas da Autoridade Portuaria. Abúsase de concursos e concursos-oposición mesmo para funcións xenéricas. Adoitan fixarse prazos moi breves para a resolución do proceso selectivo, o que ten esixido historicamente o recurso dalgúns candidatos aos Tribunais do contencioso para repor a legalidade. No concurso-oposición para a cobertura dunha praza de técnico económico-financeiro, convocado no 2018, o Xulgado do Contencioso de Ferrol anulou por sentenza de 18.09.2020 a adxudicación da praza a C.CH.L. por non lle ter avaliado o tribunal selectivo catro pontos á recorrente V.G., atribuíndolle a esta persoa a praza.
Mais agora, case un ano despois, convocouse un simple concurso de méritos para a cobertura doutra praza de técnico económico-financeiro (por que non un concurso-oposición como o do 2018 para unha praza que require coñecementos tan usuais?). Un concurso de méritos que fontes ferrolanas coñecedoras do caso coidan compatíbel de máis co curriculum vitae da persoa candidata escollida no 2018 á que privou da praza a sentenza xudicial.
Cómpre agardar que estas fontes estean trabucadas polo ben do interese público.