República Galega e Estatuto de Galicia

O 25 de Xuño de 1931 a cidadanía ourensá proclamou a República Galega. Dous días antes, o 23-X, no Carballiño, a veciñanza declarara o Estado galego. A ocasión para esta autodeterminación cívica fora a desaquelada decisión do ministro republicano Indalecio Prieto (PSOE) de amolar a nosa economía suspendendo as obras do camiño de ferro Ourense-Zamora, que comunicaría a Meseta e Madrid co noso País ao longo do eixo Ourense-A Coruña, botando fóra 12.000 traballadores. Xa que logo, tal fixo tamén a cidadanía compostelá o 27-X daquel ano.
A gravísima crise foi resolta polo mesmo ministro decretando a continuidade das obras, malia que estas se desenvolvesen logo moito máis a modo do previsto. Mentres, o Seminario de Estudos Galegos propuña un moi acaído Estatuto de Galicia que houbo ser diluído logo do rexeitamento das Cortes da República, que definiron o Estado español como “Estado integral”. Mais a habilidade e o sentido de país do Partido Galeguista (PG) canda socialistas, comunistas, anarquistas, republicanos liberais e mesmo monárquicos independentes como Enrique Rajoy Leloup, foron quen de que a Asemblea de Concellos da Galicia aprobase o Estatuto en decembro de 1932.
Moi logo esquerda e dereita españolas amosarían a súa falla de sensibilidade cos dereitos e intereses do noso País. Casares Quiroga, ministro do Interior no goberno Azaña do inverno de 1933, promulgou unha norma que impedía de feito a ratificación do Estatuto que a cidadanía e as Institucións galegas querían e a represión antipatriótica galega do “bienio negro” (outono 1933-inverno 1936), desterrou os líderes patrióticos galegos Alexandre Bóveda e Afonso R. Castelao e bloqueou a votación cidadá do Estatuto.
Mais o novo Goberno xurdido das eleccións de 1936 tivo de asumir a vontade cidadá e convocar a votación do Estatuto para o 28 deste mes de xuño de 1936. A decisión popular foi moi potente: un millón de votos a prol do Estatuto entre menos de 1.344.000 electores, sobardando con moito os inxustísimos limiares impostos polos gobernantes republicanos.
O golpe de Estado do 18 de xullo impediu a implementación do autogoberno no noso País, mais Castelao foi quen de acadar o recoñecemento do Estatuto polas Cortes republicanas no exilio, o que lexitimaría a formación en novembro de 1944 do Consello de Galiza, presidido polo patriota rianxeiro, que actuou até a aprobación do novo Estatuto de 1981 como fideicomisario da última vontade manifestada libremente polos galegos en febreiro de 1936.
Hoxe somos unha nacionalidade, recoñecida na Constitución, por mor da moi maioritaria vontade que os nosos avos/oas, e bisavós/oas, decidiron aquel 28-X de 1936. De certo que moitísimos deles, cando emitiron o seu voto, tiñan presente aqueles fulcrais feitos de xuño de 1931, cando se proclamou a República Galega.

A democracia iliberal ameaza a Unión Europea

Desde 1945 o consenso social europeo foi o propio dunha democracia liberal e atendeu ao propósito dunha sociedade garantista e plural, mais cohesionada arredor da economía social de mercado, a liberdade individual e máis a garantía do Estado do Benestar.
Na Grande Depresión (2008-2014) as forzas da dereita ultraconservadora europea de base chauvinista reinterpretaron o seu concepto de democracia nun sentido iliberal. Deste xeito, o primeiro ministro húngaro Viktor Orban refugaba no 2014 dos valores liberais e defendía unha democracia maioritaria non pluralista, baseada nuns supostos valores comúns da nación húngara. Chamou tamén a atención Orban a respecto da suposta falla de eficacia da democracia liberal europea fronte a sistemas autoritarios como o chinés, o turco ou o ruso.
Arestora a extrema dereita xa goberna na Italia, Polonia, Hungría e noutros lugares da Europa e o debate sobre a limitación das liberdades a prol da seguridade do Estado e dos intereses públicos xa enchoupa a nosa axenda política. Mais o centro-dereita liberal, o centro-esquerda socialdemócrata e mesmo a esquerda máis ortodoxa adoitan mercar dos ultraconservadores o seu marco mental.
Velaí como no Estado español as pescudas a respecto da espionaxe do software israelí Pegasus, que atinxiu 59 cidadáns catalás e 4 vascos (todos profesionais ou líderes sociais e políticos no lexítimo exercicio dos seus dereitos e tarefas, entre eles, por certo, varios avogados no exercicio do seu dereito-obriga de defensa) foron anestesiadas pola acción recíproca do PSOE, PP, Cs e Vox e a pasividade de Unidas Podemos e Comuns.
Arestora estamos a vivir na Unión Europea (UE) unha reasignación dos conceptos “seguridade nacional”, “interese público” ou “persecución dos delictos” para xustificar restricións nos nosos dereitos e liberdades fundamentais, nomeadamente o dereito á nosa privacidade, que inclúe o dereito ao segredo nas nosas comunicacións. Neste senso, a proposta de Directiva da Comisión Europea, que propuña prohibir softwares de espionaxe nos dispositivos electrónicos das persoas xornalistas vén de ser substancialmente reformado no Consello Europeo (CE), integrado polos 27 Xefes de Goberno dos Estados Membros (EM) da UE. Francia propuxo e ningún outro EM rexeitou que os propios EM puidesen usar desta software espía por razóns de “seguridade nacional”, “interese público” e “persecución dos 32 delictos incluídos na euroorde”. Cumpriralle, logo, ao PE, en canto que colexislador canda o CE, frear esta agresión aos nosos valores liberais, recuperando o texto proposto hai ben poucos días pola Comisión Europea.
O certo é que xa están ás portas, tanto nos procesos electorais locais, territoriais e estatais dos EM, canto nas europeas de 2024. E, alén diso, na asunción acrítica polos partidos liberais, democristiáns, socialdemócratas, verdes e esquerdistas europeos da maximización dos valores de democracia maioritaria e de seguridade do Estado fronte ás pluralidades territoriais e nacionais, ás minorias identitarias e idelóxicas e ás liberdades individuais e colectivas.

Aquí se parte el bacalao

Nos últimos días vivimos acontecementos, quer extraordinarios, quer demostradores da lóxica territorial do Estado e da aberta desconfianza, cando non ferreña oposición ás persoas que nos definimos nacionais galegos, vascos, cataláns ou valencianos e ás forzas políticas que con máis ou menos suceso ou acerto asumen o noso dereito á diferenza e os nosos intereses sociais e económicos, que son absolutamente fulcrais na axenda política actual. Moito máis na Galicia, onde non hai un problema de confrontamento entre clases sociais, senón un nidio problema de minorización nacional e, xa que logo, de dependencia política e económica.
Comezamos o relato na nosa Galicia, onde a EU de Mugardos, seica ben achegada a Yolanda Díaz, candidata ás estatais pola coalición multipartita da que é referente, permitiu cos seus votos a alcaldía do PP, impedindo a investidura da persoa candidata do BNG. Nada que non fixesen tamén os do PSdeG en Viana do Bolo e nalgún outro concello. En último de contas para as esquerdas e progres españois e os seus repenicantes galegos os soberanistas galegos son xente diferente. Non son da casa e din que falan de cousas raras.
Seguimos coas aliadas da política ferrolá. A que foi alcaldesa de Barcelona até o sábado, Ada Colau, votou polo candidato socialista, Jaume Collboní, para impedir o goberno do antigo alcalde Xavier Trias (JuntsxCat e outros), que foi o máís votado e tiña chegado a un acordo de goberno coa ERC de Ernest Maragall. O Maragall que no 2019 foi tamén o candidato máis votado, malia que a Colau acadase a alcaldía apoiándose no voto das concellerías do ex primeiro ministro francés Valls, nucleada arredor de Cs. Repítese a historia porque, xa saben, mentres algúns ollan para o dedo no canto de ollar para a lúa, para o deep state (“aquí se parte el bacalao y que nadie lo dispute porque todo va dabute“, que cantou Glutamato Ye-Ye hai algún tempo) o importante é ese grande negocio que chaman a unidade de España. E, por certo, non descansan nesa angueira nin sábados nin domingos.
Nesta andaina o PP puido xustificar apoiar ao socialista Collboní por mor de que os Comuns da Colau votaran tamén por el, mais renunciando ao goberno local. Porén, non hai tal. O novo alcalde do PSC manterá íntegra a estrutura de goberno da antiga alcaldesa, mentres en Barcelona corre o ruxerruxe de que haberá goberno local PSC-Comuns en setembro. “España, lo único importante”.
E temos o do País Valencià. Onde o mesmo PP que apoiou ao PSOE en Vitoria-Gasteiz ou Barcelona escrebe ao ditado de Vox e promete no futuro goberno de coalición entre ambas as dúas forzas suprimir as políticas de memoria histórica, igualdade e promoción da lingua propia. Pode Núñez Feijóo nun tal contexo defender o seu xorne moderado e centrista?
Algúns falarán da xeometría variábel. Mais teño para min que para eses do deep state que adoitan cortar o bacallau o que realmente lles preocupa é que teñamos axenda, intereses e marco mental de noso.

O PP fai Pérez Jácome alcalde de Ourense

No 2019 o PSdeG foi a forza máis votada nas eleccións locais de Ourense, con 9 concellerías, mentres a Democracia Ourensana (DO) de Pérez Jácome obtiña 7. Porén, Núñez Feijóo decidiu votar Pérez Jácome para evitar que o PSdeG quitase a alcadía, mentres en troques DO apoiaba na Deputación a elección de Xosé Manuel Baltar como presidente.
O 28-M DO quitou 10 concellerías, fronte a 7 do PP, 6 do PSdeG e 4 do BNG. Sendo 14 a absoluta precisábanse os votos todos do PPdeG, PSdeG e BNG para substituír Pérez Jácome na alcaldía. Mentres, na Deputación, o PP continuaba sen maioría absoluta.
Pérez Jácome foi denunciado perante Fiscalía polo PP, PSdeG e BNG por mor duns audios publicados no xornal ourensán La Región que semellaban achegar indicios de feitos que poderían ser constitutivos de delictos relevantes no ámbito da gobernanza pública.
O momento político esixía un acordo amplo de todos os partidos agás DO para substituír na alcaldía a persoa sospeitosa dunha semellante conduta. Mais estaba o problema de Xosé Manuel Baltar, tamén indiciariamente responsábel dun delicto de manexo temerario dun automóbil da Deputación ourensá, mentres se coñecía que a mesma viaxe e algunhas anteriores, pola súa eventual finalidade privada, poderían ser investigadas potencialmente como delictos de malversación de uso de vehículos públicos.
Entón X. M. Baltar renunciou á súa reelección, abrindo unha solución a tres bandas para a alcaldía, que pasaba polo apoio do BNG e do PP ao candidato do PSdeG, o ex alcalde Francisco Rodríguez. Na noite anterior á investidura o candidato do PP, o tamén ex alcalde Manuel Cabezas, ofrecía este apoio. E moi axiña sóubose que o BNG coincidiría no mesmo voto. Serían 17 concelleiros sobre 27, unha ampla maioría para lle dar estabilidade e dignidade á Institución local da terceira cidade do noso país.
Mais moi poucas horas antes da votación de investidura o PPdeG, seguindo ordes directas de Alfonso Rueda e Paula Prado, asinaba un pacto con DO acordando votar ambos os dous partidos aos seus propios candidatos para elixir ao candidato de cadansúa forza máis votada. O PP voltaba facer alcalde Pérez Jácome.
Tampouco ficou indemne o PSdeG. A súa Executiva Nacional careceu da intelixencia precisa para anunciar, logo da retirada de Baltar, que os seus deputados ían absterse para garantir a elección do candidato popular, para que o PPdeG perdese o argumento usado este sábado para defender o pacto. E o seu secretario provincial, Rodríguez Villarino, defendía hai días negociacións con Pérez Jácome que xeraban confusión a respecto da posibilidade dun acordo DO-PSdeG.
Só o BNG e o seu candidato Xosé Luís Seara mantiveron unha inequívoca actitude de oposición á investidura de Jácome, promovendo os medios precisos para elixir un alcalde alternativo a medio do seu voto ao candidato socialista. Semella, pois, que o futuro labor de oposición vai ser desenvolvido sobranceiramente polos soberanistas, mentres xulgados e fiscalía desenvolven as pescudas xa abertas a respecto da conduta de Pérez Jácome, prognosticando un comezo de lexislatura inestábel e probabelmente cheo de novas rechamantes.

Máis galego nos concellos

O triste espectáculo dos alcaldes en funcións de Vigo (PSdeG), Ourense (Democracia Ourensana) e do futuro alcalde de Ferrol (PP) comparecendo perante os media e público en xeral só en castelán na noite electoral do 28-M pon de manifesto a necesidade de esixir dos nosos alcaldes, alcaldesas e das nosas Administracións locais todas o cumprimento do mandado polo Estatuto de Galicia, pola nosa Lei de Normalización Lingüística (aprobada por unanimidade do Parlamento deste país hai agora 40 anos) e polo artigo 7 da vixente Lei de Administración Local de Galicia de 1997, que dispón que o galego, como lingua propia de Galicia sexa tamén a lingua propia da súa Administración local, e dispón que “todas as convocatorias de sesións, ordes do día, mocións, votos particulares, propostas de acordo, ditames das comisións informativas, actas, notificacións, recursos, escrituras públicas, comparecencias xudiciais e todos os actos de carácter público ou administrativo que se realicen por escrito en nome das corporacións locais redactaranse en lingua galega”. Mandato que tamén fixa e mesmo amplía a Ordenanza do galego da Coruña, declarada integramente legal por recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
En realidade, estas esixencias legais teñen un carácter claramente de mínimos. Porque a obriga de promoción da lingua galega referida aos concellos e deputacións esixe que a normalización do uso do galego non só na Administración local, senón na vida social e cidadá de cada vila, cidade ou localidade constitúa un eixo transversal da acción de goberno, canda a propia promoción da nosa cultura, as políticas de igualdade e máis as políticas de inclusión social. Velaí por que na negociación dos gobernos locais entre BNG, PSdeG e, no seu caso, outras forzas progressistas, cómpre estean presentes estes eixos transversais para que a eficiencia na xestión poida xerar tamén as transformacións requiridas, entre eles a mellora xeral da presente e cativa situación do uso do galego nos concellos.
Neste contexto, todos os alcaldes e todas as alcaldesas e máis as persoas que asuman os cargos de voceiros de cada grupo municipal e as concellarías delegadas haberían lembrar a súa obriga cívica co galego dando exemplo do seu uso constante e xeral ao persoal de cada Administración local, das súas empresas concesionarias e contratistas e á cidadanía en xeral. Porque é unha esixencia directa do espírito e finalidade da nosa legalidade e do compromiso cidadán co País que ha asumir cada cargo público.

A xustiza europea condena o Estado español

O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) é o supremo intérprete da Convención Europea de Dereitos Fundamentais (subscrita polos 47 Estados membros do Consello de Europa) e, xa que logo, ao abeiro do artigo 10.2 da Constitución, é a derradeira instancia xudicial española neste eido, con capacidade de corrixir mesmo ao Tribunal Constitucional.
Pois ben, o TEDH, como xa fixera noutras ocasións e como fixo no seu día o Tribunal Supremo USA (Texas vs Johnson, 1989, nunha sentenza na que mesmo manifestou que queimar a bandeira USA estaba abeirada na First Amendment da Constitución americana) vén de confirmar que a ofensa verbal á bandeira española non constitúe delicto ningún, senón que é unha manifestación da liberdade de expresión que abeiran a devandita Convención europea e a Constitución.
Os feitos ocorreron o 30 de outubro de 2014, no exercicio do dereito de libre manifestación pola CIG (sindicato maioritario no noso país) no Arsenal Naval de Ferrol na defensa dos dereitos laborais das persoas traballadoras da contrata que desenvolvía na altura o servizo público da limpeza do dique dese Arsenal. É dicir, nun contexto de exercicio cualificado do dereito á libre expresión e á protesta pacífica, como avalía agora o TEDH. O Almirante do Arsenal denunciou o sindicalista Paulo Fragoso Dacosta por ter manifestado, megáfono en man “aquí tedes o silencio da puta bandeira” e “hai que lle prender lume á puta bandeira”.
O Xulgado do Penal condenou Fragoso á pena de multa de 1.260 € con pena de cárcere substitutoria no caso de falla de pagamento, pena que foi confirmada pola Audiencia da Coruña. Fragoso recorreu en amparo perante o Tribunal Constitucional, que rexeitou o seu recurso por seis votos contra cinco logo de desbotar un relatorio do maxistrado conservador Andrés Ollero no que escribía o que declarou agora o TEDH: que condenar polo delicto de aldraxes á bandeira nestas circunstancias era desaquelado e vulneraba o dereito á liberdade de expresión do cidadán Fragoso Dacosta.
Agora o Estado español haberá devolver a devandita multa ao recorrente e indemnizalo con 6.000 € por danos morais. Mais a reacción pública habería ir máis aló. Habería de derrogar esta clase de delictos (aldraxes á bandeira, inxurias ao Xefe de Estado…) que son alleas ao Dereito das democracias occidentais, tanto coa doutrina da xustiza europea como coa da norteamericana.
Esta nova derrota internacional do Estado español, despois da sofrida pola suspensión nos dereitos do president Puigdemont como deputado de Catalunya acordada polo Tribunal Supremo español no 2018, anticipa outras que veremos nos vindeiros meses tanto no propio TEDH como no Tribunal de Xustiza da Unión Europea, e fai evidente que nos altos tribunais e institucións españolas é moito máis importante unha idea caduca da España única que o respecto pola liberdade e pola legalidade consagradas por esa Constitución coa que seguido enchen a boca.

A normalidade democrática das coalicións de goberno

Unha das características da falla de madurez e calidade da democracia no Estado español é a falla de entendemento a respecto das coalicións de goberno. En concreto, no noso País, sempre sobranceou a teima do antigo presidente Núñez Feijóo contra as solucións coaligadas de goberno, alcumándoas como “unións de perdedores”. Diríase que polo feito de obter un voto máis, un concelleiro máis, un deputado máis, a forza máis votada adquire a lexitimidade precisa para formar goberno.
E non hai tal. O noso sistema, no Parlamento de Galicia, nas Cortes do Estado e nos concellos é un sistema proporcional (fortemente corrixido pola inxusta lei D´Hondt e polos mínimos do 5% de voto), onde non se escolle directamente un alcalde ou un presidente, senón un conxunto de concelleiros ou deputados que despois votarán por un alcalde ou presidente que formará un goberno. Velaí que, diante da ausencia dunha maioría absoluta, as persoas eleitas non teñan outra que pescudar todas as posibilidades para que ese goberno se dea. Poderán optar por deixar gobernar en minoría á forza máis votada ou por pactar unha maioría alternativa se dúas ou máis forzas suman os seus esforzos arredor dun programa de goberno que xere unha síntese integradora dos propios programas dos partidos que dan orixe a esa maioría.
Velaí a praxe cotiá da meirande parte das democracias europeas… Suecia, Dinamarca, Finlandia, Italia, os Países Baixos, Bélxica, Escocia, o goberno federal alemán e os gobernos dos länder alemáns… O menos común na Europa democrática son os gobernos dun único partido.
En realidade o problema do PP é que na Galicia non ten socio de goberno posíbel, porque a nosa cidadanía tivo o bo criterio até agora de afastar Vox das nosas Institucións. Entón, cada vez que hai eleccións locais o PP adoece de ciúmes diante do entendemento (sempre mellorábel, sempre perfectíbel) de nacionalistas e socialistas que afasta o PP (canda as maiorías locais de Narón e Oleiros e a enxurrada de Abel Caballero en Vigo) de nove dos dez principais gobernos locais da Galicia.
Porén, hai liñas vermellas tamén para as coalicións de goberno. As que pactan partillalo con organizacións contrarias aos valores liberais e democráticos, aos valores da igualdade entre sexos e da memoria democrática. Neste senso, as futuras coalicións de goberno local e autonómico entre o PP e Vox carecen da precisa lexitimidade democrática, porque Vox arela substituír estes valores liberais e democráticos polo seu extremismo machista, xenófobo e galegófobo, pola desigualdade e pola inequidade social.

Que nos adebeda o Goberno do Estado?

Artigo publicado na versión en papel da revista Luzes número 116, en 2023. Pode descargarse en formato .pdf aquí: Artigo Luzes número 116, ou verse a continuación: