Indultos? Non, amnistía

Mentres a dereita española, extremista e supremacista, convoca os seus seareiros á Praza de Colón, canda a bandeira da España única e intolerante, o Goberno do Estado prepara os indultos para os presos políticos. Indultos probabelmente parciais, que lles perdoen os anos de cárcere xustos para que saian axiña do seu inxusto prendemento, malia que seica non resolverá nin a súa inhabilitación para desenvolver cargos e funcións públicas, nin a contía da indemnización de responsabilidade civil polo delicto de malbaratamento dos cartos públicos para o que foron condenados o vicepresidente Junqueras, os conselleiros Forn, Turull, Rull, Romeva e máis a conselleira Bassa, que resolverá o “Tribunal de Cuentas”.
Velaí como este indulto non resolve a cuestión. Seica non o resolve nin para os presos políticos. E malia esta cativeza, que amosa a mínima xenerosidade posíbel para reconstruír un tecido social san, a dereita extrema e supremacista, canda a vella garda do PSOE (Felipe González, Alfonso Guerra, os presidentes manchego e estremeño, Nicolás Redondo, Joaquín Leguina…) rexeita os indultos malia apoiar, no seu día, os indultos de golpistas como o xeneral Armada ou de convictos de terrorismo como os antigos membros do Goberno González, José Barrionuevo e Rafael Vera.

Os nove indultos ás persoas presas políticas nin resolven o problema nin o axudan a resolver
Ademais do problema xa sinalado (subsistencia quizais de moi onerosas e artificiosas indemnizacións por unha malversación que non existiu e falla de remisión das penas de inhabilitación), os indultos parciais proxectados para as nove persoas presas políticas non resolven os casos das máis de 3.200 persoas investigadas por distintos Tribunais cataláns e estatais (Xulgados de Instrución 1 e 13 de Barcelona, Tribunais varios de Catalunya, Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya, Audiencia Nacional…) por feitos de natureza política e fasquía pacífica posteriores á convocatoria do referéndum do 1-Ou do 2017. Mais, o que tamén é fulcral, non resolven o problema da acusación e eventual orde de prendemento internacional contra o President Puigdemont, os consellers e conselleras no exilio, a secretaria xeral de ERC, Marta Rovira, e máis a antiga voceira parlamentaria das CUP, Anna Gabriel.
O indulto na Constitución do Estado (CE) é un acto discrecional de Goberno, que só pode beneficiar casos concretos, pois que están prohibidos constitucionalmente os indultos xerais (artigo 62.4 CE). Neste contexto, o indulto ás nove persoas presas políticas remata no seu efecto nelas mesmas. Despois vai continuar a represión xudicial, mentres a dereita acusará ao Goberno do Estado de filoterrorista.

A amnistía é o acaído e, ademais é constitucional
A única saída que abre a porta á concordia que di querer Sánchez é a amnistía. Unha amnistía constitucionalmente posíbel, sempre que se aprobe a medio de lei orgánica que precisa da maioría absoluta do Congreso dos Deputados. A maioría da investidura, precisamente. Saber é querer. Querer é poder.
Os indultos xerais están prohibidos na Constitución, mais non as amnistías, malia que estas requiran a mesma lei orgánica que regula os dereitos fundamentais e crea, modifica e derroga os tipos delictivos do Código Penal. Unha lei orgánica de amnistía podería extinguir todas as responsabilidades criminais e civís derivadas non só para as persoas condenadas por delictos políticos posteriores á convocatoria do referéndum do 1-Ou de 2017, senón mesmo das persoas investigadas arestora por estes delictos, ao tempo que pecha de vez calquera instrución ou xuízo futuro por estes feitos. É, pois, a solución para restablecer un clima de concordia cara a un proceso de negociación bilateral que habería rematar nunha solución plebiscitaria pactada que consulte á cidadanía catalá.
De xeito que a amnistía, en realidade, habería ser un prerrequisito, mesmo para o xogo da táboa de negociación GeneralitatGoberno do Estado. Se a esquerda española quere obter o respecto e a confianza negociadora do soberanismo catalán, a amnistía é unha condición previa para enfrontar a negociación.
Poderíaseme respostar que parte substancial do Deep State, a dereita española, a caverna dos vellos rockeiros do PSOE e seica o Xefe do Estado rexeitan radicalmente a amnistía. Mais resulta que todas estas forzas e persoas rexeitan con forza e acenos semellantes os propios indultos parciais, que non resolven o problema.

Moi probabelmente sexa o intre de que os soberanistas vascos, galegos e valencianos e cantas máis voces honestas haxa nos demócratas españois, expoñan esta necesidade e pechen as fileiras cara á treboada cando decargue.
Porque sen dúbida ha descargar, for cos indultos parciais, sexa coa lexítima e constitucional amnistía.

PSOE e Unidas Podemos contra o autogoberno galego

O Congreso dos Deputados vén de aprobar o proxecto de lei contra a fraude fiscal que penaliza no IRPF as vendas dos bens que recebimos dos nosos ascendentes ou cónxuxes a medio de pactos sucesorios (de mellora ou apartación) se as facemos antes da morte das persoas que nolos transmitiron. Deste xeito haberíamos pagar como incremento patrimonial no IRPF pola diferenza entre o prezo polo que vendemos e polo que adquiriu o noso pai ou avó, no canto de facelo polo valor consignado no pacto sucesorio.
A reforma atenta contra un principio básico da propia lei do IRPF: que non sexan gravados no IRPF feitos impoñíbeis xa gravados noutro Imposto, como neste caso o de Sucesións. Porque someter a unha dupla imposición (IRPF e Sucesións) este suposto incremento patrimonial, ademais de atentar contra este principio esencial do IRPF, vulnera o artigo 31 da Constitución, en canto trata diferente a quen adquire por negocio xurídico sucesorio entre vivos (pactos sucesorios) e a quen adquire por causa de morte, contra o que dispón o Dereito Civil galego, que é quen determina os feitos impoñíbeis para os efectos fiscais.
Até hai poucos anos a Axencia Tributaria Estatal obrigaba tributar por incremento patrimonial no IRPF ás persoas que transmitían os seus bens ás descendentes ou cónxuxes a medio de pactos sucesorios, aplicando a norma das doazóns e descoñecendo a plena aplicabilidade do Dereito galego, que recoñece a posibilidade de transmitir bens en vida (descoñecida no Dereito Civil estatal) e suxeita esta transmisión sob a norma fiscal da sucesión no canto da norma fiscal da doazón. O traballo do Despacho que dirixo, en coordinación coa Asesoría Bieito de Ourense, foi determinante para que, primeiro o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e, despois, a decisiva sentenza do Tribunal Supremo de 09.02.2016, determinasen que os pactos sucesorios non eran doazóns e, xa que logo, que as persoas transmitentes dos bens obxecto de mellora ou apartación non pagarían por incremento patrimonial no IRPF.
Mais agora, partindo dunha desaquelada presunción de fraude, preténdese facer pagar por incremento patrimonial no IRPF a quen venda un ben en vida da persoa que llelo transmitiu por pacto sucesorio, o que supón unha emenda á totalidade á autonomía lexislativa do noso país. Porque temos autogoberno abondo para definir as consecuencias xurídicas do noso Dereito Civil e máis a súa fiscalidade sucesoria.
A agresión ao autogoberno galego é moi grave, porque na práctica trátase de inviabilizar o dereito que temos de recebir a nosa herdanza en vida e actuar como donos desde o primeiro momento. Latexa ese espirito xacobino da esquerda española, que desconfía da pluralidade lexislativa das distintas nacións que compoñen a irresolta plurinacionalidade española.
Rematamos preguntándonos, canda Julio Iglesias, esgrevio xurista e alcalde de Ares: u-la opinión do PSdeG?

O Govern que elixiu a cidadanía catalá

O 14-F deste ano a cidadania catalá escolleu 74 deputados indepes (34 ERC, 33 JuntsxCat -Junts- e 7 CUP) aos que lles outorgou o 52% dos votos, por 61 unionistas (os 53 do 155 -PP, PSC, Cs e Vox- e máis os 8 comúns, que vetaron ao candidato Pere Aragonès -ERC- canda Illa, Garriga, Carrizosa ou Fernández).
Até este venres 21-M decorreron case cen días sen acordo entre Junts e ERC, malia a claridade do diktat cidadán, que quería un goberno independentista, na práctica ao 50% entre Junts e ERC, pois que os votos emitidos non se poden interpretar doutro xeito.
Contra o que opinaron a eito os media estatais-madrileños non pairaba só a cuestión do reparto das áreas de goberno, senón a posición relativa do president Puigdemont e do Consell de la República, a estratexia a desenvolver perante os Parlamentos estatal e europeo e máis a opción pola táboa de diálogo proposta pola ERC ou polo confrontamento intelixente proposto por Junts.

Fumata bianca
Ningúen poderá negar que os partidos atinxidos negociaron con seriedade, intensidade e dedicación, defendendo cadansúas posicións de parte, mais tentando reconducir cadansúas posicións ao mandato cidadán que quería Govern independentista en pe de igualdade entre Junts e ERC. Acadado o acordo, porén, semella fume de pallas aquela teoría dalgúns republicanos de que Junts habería dar de balde os seus votos a prol don goberno disque de esquerdas.
Porque para construír República cómpre contar con toda a cidadanía, ou, polo menos, cos máxima xente posíbel. Xa que logo, non se pode construír a República só coa participación das autodenominadas esquerdas, porque a República ha levar a semente dun sistema pluralista de xogo de gobernos e oposición. Neste senso, Junts ten sacrificado ao longo do seu proceso de creación algunhas das tácticas máis gobernamentais para servir de encaixe a sectores da Catalunya transversal historicamente non interpelados de xeito directo por CDC e PdeCAT. Mais este achegamento ao talento do país (que permitiu a incorporación ás súas ringleiras ao senlleiro avogado, antigo cabezaleiro da avogacía barcelonesa e catalá, Jaume Alonso-Cuevillas, ou do empresario e recente president da Cambra de Barcelona, Joan Canadell) precedeu á segunda tirada desta fichaxe de talento, integrando no Govern ao novo conseller de Economía, Jaume Giró (director xeral até 2019 da Fundació La Caixa d`Estalvis, socio fundador e de control de Caixabank, cesado por se opor ao traslado da súa sede fóra do Principat), ao epidemiólogo Josep María Argimón ou á nova consellera de Acción Exterior, Victòria Alsina.
Dixo o preso político Jordi Sánchez, secretario xeral de Junts e máximo responsábel da negociación canda o novo president Pere Aragonès, que a fichaxe de Giró situaba aos soberanistas transversais ao epicentro do mundo económico. Á vista dos primeiros dados sobre a composición da súa parte do Govern e do seu Grupo Parlamentario poderían avanzar cara ao epicentro de moitos sectores da cidadanía catalá, sempre que medren de xeito equilibrado, xeneroso e intelixente.
Mentres, ERC acadou unha Presidencia xurídica e políticamente fulcral, malia que sometida ao réxime primus inter pares que a cidadanía catalá escolle dende as eleccións do 21-D de 2017, as que convocou ilegal e ilexítimamente o Goberno do Estado a medio do autogolpe do 155. Sen dúbida Pere Aragonès amosou, malia a súa xuventude, experiencia política e coñecemento das Administracións abondos para coordenar unha andaina de común gobernanza que ten no peche da crise sanitaria, na reconstrución económica e nas crises ecolóxico-enerxética e social os seus principais eixos de gobernanza.
Cómpre dicir que o xogo caloteiro do Madrid político e xudicial e a arbitraxe caseira do Tribunal Constitucional deixa o autogoberno catalán ferramentas limitadas para enfrontar estes catro reptos. Mais estas limitacións non poden facer esquecer a importancia dunha boa gobernanza, dunha xestión eficiente e razoábel, primeiro e, de poder ser, transformadora despois. Porque cómpre lembrar que son as pemes e emprendedoras, as clases medias, as persoas traballadoras e as persoas excluídas e en risco de exclusión as que primeiro sofren da ineficiencia xestora.
Que o nou Govern administre e xestione acaídamente é preciso para unha boa gobernanza e para acadaren a República. Mais non é abondo.

O papel do president Puigdemont e do Consell per la República Catalana
ERC reivindicou nesta andaina negociadora que o Consell per la República catalana non habería “titorizar”, de xeito ningún, o Govern e o seu president. A proposta ten certa forza tautolóxica, malia que -mesmo analisada desde fóra do territorio catalán- non deixe de ser algo equívoca.
Claro é que a tarefa do día a día na xestión, na gobernanza catalá non pode ser titorizada por ninguén. Mais cómpre lembrar que a lexitimidade institucional e política que conciben as persoas que están pola República baséase no mandato do 1-Ou e na lexitimidade continuada do Govern e do Parlament ilexitimamente cesados polo 155 o 28-Ou de 2017. Neste senso, as eleccións do 21-D de 2017 elixiron un novo Parlament malia que ningún President convocara lexitimamente estas eleccións, como as recentes eleccións do 14-F de 2021 non foron convocadas tampouco lexitimamente, pois que foron anticipadas polo cesamento xudicial -tamén ilexítimo- do president Torra.
Velaí que a lexitimidade do actual Govern e Parlament estea moi vencellada á lexitimidade das institucións arbitrariamente removidas en outubro de 2017. Lexitimidade encarnada no President Puigdemont e, de primeiras, confiada no Consell sen oposición de ERC nin das CUP. Mais a cuestión non é só de lexitimidade de orixe, senón de eficacia no exercicio. A República catalá precisa da tarefa que na Europa e no mundo teñen desenvolvido e desenvolven o President Puigdemont, os consellers e conselleras no exilio, a representación no Parlamento Europeo e máis o propio Consell per la República.
A estratexia do exilio e da internacionalización xurídica e política do conflito tense amosado moi acaída para o mantemento na axenda internacional e europea da cuestión catalá e para identificar as fendas xurídicas e de praxe democrática do Estado español e expoñelas á opinión pública europea e mundial.
Para Catalunya gañar a súa República, a boa gobernanza da Generalitat é precisa, máis non é abonda. Cómpre a acción exterior, no ámbito simbólico e democrático, do president Puigdemont e dos outros actores depositarios da lexitimidade do 1-Ou.

Dous anos de cheque en branco en Madrid?
Outro dos pontos fulcrais do pacto atendía ao priorizamento da táboa negociadora Generalitat-Estado que propuña ERC vs o confrontamento intelixente que defendía Junts, constituído nun auténtico leitmotiv de campaña pola súa candidata e hoxe presidenta do Parlament, Laura Borràs.
O acordo outorga un máximo de dous anos para que a política de diálogo dea froito, sempre no horizonte da amnistía e do referéndum pactado. Decorrido este prazo priorizaríase o confrontamento pacífico e intelixente que nos desbotaría as vías unilaterais.
O pacto acadado quizais era o único pacto posíbel nesta altura, malia que o tempo outorgado (dous anos) semella longo de máis na actual conxuntura do Estado e, nomeadamente, dos partidos que integran o seu Goberno. A resolución da recente crise norteafricana e máis o parálise dos indultos aos presos políticos e da rebaixa penolóxica do delicto de sedición no Código Penal amosan que o cheque case en branco outorgado estes últimos meses por ERC e máis EH Bildu nin obtén contrapartidas políticas nin mesmo modifica os marcos mentais das esquerdas españolas. O voto en contra dos comúns á investidura do president Aragonés reflicte a unidade de destino no universal dos unionistas todos.
Dous anos de negociación baleiras complementadas por un apoio sen contraprestacións ao Goberno do Estado no Congreso semellan moito tempo. Os partidos do Govern, os outros partidos independentistas e as organizacións da sociedade civil haberían cumprir co seu rol fulcral de análise, pulo social, crítica construtiva e mobilización social.

O papel da sociedade civil
Neste senso, ANC e Òmnium son fulcrais. O remate da crise sanitaria habería sinalar tamén a época na que o soberanismo catalán volte demostrar a súa pacífica forza e razón na rúa. A sociedade civil haberá seguer a construir país, dende a defensa dos seus intereses sectoriais, mais tamén dende a defensa do conxunto da sociedade catalá.
Velaí a conquista para o empresariado pequeno e mediano da Cambra de Barcelona pola candidatura de Joan Canadell ou a desputa da dirección do Colexio de Avogados de Barcelona pola candidatura anovadora de Gonçal Oliveros e Anna Boza fronte á candidatura continuista de Maria Eugènia Gay nas vindeiras eleccións da fin de xuño. Como moi ben definiu o ex decano e deputado Jaume Alonso-Cuevillas a renovación é obrigada para que o Colexio barcelonés volte defender os intereses da sociedade, dos pequenos e medianos despachos xurídicos e da cidadanía, fronte unha Xunta de Goberno actual defensora dos privilexios do Poder.
Nas últimas horas a involución unionista segue a enchoupar as devanditas e outras institucións da sociedade civil catalá. O xornal La Vanguardia vén de pechar a colaboración nas súas páxinas de Pilar Rahola, presente nelas dende 2007.
O nou Govern, os partidos soberanistas, a ANC, Òmnium e as institucións fulcrais da sociedade civil catalá teñen tarefa abonda por diante. E van precisar a axuda e comprensión das persoas e dos pobos amigos. A suposta equidistancia remata sendo incompatíbel coa ecuanimidade democrática propia do sentidiño.

Precisamos da nosa Policía (2)

Dicíamos na primeira xeira desta análise que, no tempo da aprobación da lei de Policía de Galicia (2007) e da proposición de lei orgánica para a transferencia das competencias de tránsito e seguridade viaria a Galicia (2008) eran maioría os funcionarios da Garda Civil de Tráfico (GCT) no noso territorio (e moitos galegos de orixe con destinos fóra do País) que desexaban integrarse nunha nova Policía, civil e galega, para cumprir o seu traballo nas nosas estradas. Na altura a Unión de Gardas Civís de Galicia (UGCG) criticaba, ao tempo, a arbitrariedade dos mandos militares da GCT na Galicia ao executaren un sistema puramente recadatorio no exercicio da policía de tránsito que, ademais, resultaba discriminatorio salarialmente para os axentes que non propuñan sancións en grao abondo para os criterios da superioridade.
Velaí que, na altura, o modelo proposto polo vicepresidente Anxo Quintana no goberno de coalición para o exercicio das competencias de tránsito fose moderno, democrático e acaído ás necesidades de Galicia, xa que atendía tamén á nosa amplísima rede de estradas secundarias, priorizaba a formación no manexo do vehículo a “quitar o carnet” e proxectaba botar os alicerces para que os axentes da GCT, ao se transferir á Policía autonómica, puidesen exercer con plena profesionalidade e sen presións militares as súas moi competentes capacidades.
No 2021 segue a ser evidente a necesidade dunha política de Tránsito galega, lonxe da xestión militarizada das multas, que gravan desaqueladamente en termos comparativos á nosa Galicia. Lonxe da burocracia de pólizas e exames das Xefaturas galegas de Tráfico e concorde coa acaída dispoñibilidade do sector galego da formación viaria, nas nosas autoescolas.
Mais non só a Policía Administrativa habería ser a tarefa da Policía de Galicia, que tamén ha ser, no seu tempo, unha policía integral, tamén no eido da seguranza pública. Tempo que podería ser máis cedo que tarde, porque (como dicíamos noutronte) xa temos a Policía de Galicia creada por lei, temos por lei regulada unha coordinación de policías locais con vocación de se integrar na nosa futura xestión da seguranza pública galega e temos operante unha moi boa Academia Galega de Seguridade Pública na Estrada que pode fornecer moi aqueladamente as necesidades de selección e formación das Policías de Galicia.
Porque a nosa Policía ha ser unha Policía civil e democrática, unha Policía do século XXI. Garantista, dialogante, rigorosamente proporcionada no uso da forza e sempre atenta á cidadanía a quen serve e quen lle paga.
Unha Policía da escola da Estrada, non da de Ávila nin da de Valdemoro.

O Patrimonio da Igrexa Católica en Galicia. Os seus límites fronte ao patrimonio demanial público e comunitario

Artigo publicado no número 22 da Revista galega de pensamento cristián Encrucillada, correspondente a marzo-abril de 2021. Pode descargarse aquí, ou lerse a continuación:










Conferência Quando os grupos vulneráveis são feridos. A figura jurídica dos crimes de ódio, o 20 de maio às 19:30 h.

O 20 de maio, às 19:30 horas, na Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos (“Circo de Artesáns”) da Corunha, na Rua Santo André, número 36, terá lugar a conferência Quando os grupos vulneráveis são feridos. A figura jurídica dos crimes de ódio, por Xoán Antón Pérez-Lema, que servirá de apresentação do seu livro homónimo, publicado por Através Editora.
Apresenta Teresa Moure, professora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), escritora e ensaísta.
O acto será público, aberto a toda a cidadania, sendo obrigatório o uso de máscara FFP2. Tem praças limitadas. Para reservar, chamem ao telefone da sociedade: 981-222976.

Como se pode conciliar a liberdade de expressão e os direitos humanos e a dignidade dos grupos que sofrem algum tipo de discriminação?
Quais são os limites da liberdade de expressão?
Qual é a diferença no tratamento dos “delitos de ódio” nos distintos países?
São questões importantes e plenamente atuais que provocam um profundo debate.

Os crimes de ódio passam a mensagem de que a vítima e o seu grupo não são bem-vindos e não vão estar seguros e salvos. Eis que os crimes de ódio neguem a dignidade individual e a igualdade de todas as pessoas perante a lei e, deste modo, constituam graves violações objetivas dos direitos humanos. Os crimes de ódio dividem as comunidades, porque, em geral, são cometidos contra grupos que sofrem, ou sofreram historicamente, alguma forma de discriminação. Portanto, exigem uma resposta proporcionada e suficientemente eficaz para que os poderes públicos não emitam uma mensagem de tolerância face aos mesmos. Essa tolerância quebraria a coesão social e daria impulso à repetição das condutas, até mesmo ao nível do confronto civil.

De Xela Arias ao algoritmo de Internet

Malia que cumpra facermos Día das Letras aos 365 do ano, esta data sempre é boa para facermos balance e tentar albiscarmos un futuro. Un futuro dubidoso, marcado pola omnipresenza mediática do castelán, pola ruptura da transmisión xeracional e mesmo polas chatas de coñecemento da lingua por parte dun importante sector da xente nova educada en castelán, como veñen de reflectir os estudos da Real Academia Galega.
Fronte a esta situación cómpre usar das ferramentas usadas con bo suceso noutros países do mundo. Na educación inmersión lingüística para garantirmos un coñecemento abondo da nosa lingua para todo o alumnado. Na función pública a obrigatoriedade de acreditar un nivel de coñecemento activo abondo, tamén para fornecermos as vacantes na Administración de Xustiza e na Xeral do Estado. Na actividade económica garantirmos os dereitos lingüísticos das persoas traballadoras, consumidoras e usuarias a empregarmos o galego. Na esfera do público a máxima esixencia normalizadora, mesmo a contratistas e concesionarios e no privado a máxima amabilidade e flexibilidade, porque o peor galego é o que non se fala. E todos estes vectores dotados dun orzamento abondo, no marco dun pacto de País pola lingua que transversalice tamén o achegamento cultural e económico á lusofonía e o coñecemento acaído do padrón portugués.
Mais, con todo, o galego hoxe en día precisa doutras ferramentas fundamentais, que pasan pola súa aptitude de contar o que ocorre hoxe, de ser instrumento para que a cidadanía do século XXI faga a súa vida, como foi quen de contar a nosa vida durante os séculos que fomos nomeadamente unha sociedade agraria. E velaí a necesidade de conectar xeracionalmente coa Galicia urbana e de existir nos contidos audiovisuais e nos buscadores de internet.

Xela Arias
A poeta e tradutora Xela Arias (Sarria, 1962-Vigo, 2003) reflicte moi ben na súa obra e mesmo nas súas opinións e xeito de vivir e estar no mundo esta conexión xeracional. Arias constrúe un futuro para a lingua como lingua de prestixio desde o seu traballo editorial e tradución ao galego de obras senlleiras como o Drácula de Bram Stoker, O derradeiro dos mohicanos de James F. Cooper ou Dublineses de James Joyce. Como autora faise vangarda fusionando os poemas coa fotografía de Xulio Gil (Tigres coma cabalos, 1990) ou coa música de Fernando Abreu (Vencerse é cousa de se tratar). Mais a súa vangarda non é só estilística, senón que conecta coas angueiras da súa xeración, ás persoas que éramos novos a fins dos 80 e nos 90, facendo presente a droga que esnaquizou xeracións anteriores e o desemprego industrial que marcou a historia contemporánea de Vigo. Máis tarde (Darío a diario, 1996) Arias trata a maternidade (pouco presente na literatura galega até entón) desde valores de autonomía persoal propios do seu humanismo feminista.
Porque Xela Arias, muller, moderna, independente, rebelde, pluridimensional… recoñecíase nacionalista e feminista, como lle manifestou a Manolo Rivas na súa mítica entrevista dun domingo de marzo de 1990 en La Voz de Galicia: “…Deixarei de ser nacionalista cando as nacións oprimidas non o sexan e cando as mulleres discriminadas non o estean”.
Xela Arias morreu moi nova (como moi novos morreron Manoel Antonio, Lois Pereiro, Luísa Villalta e Begoña Caamaño) en novembro de 2003, case un ano despois do afundimento do Prestige, poucas semanas despois de publicar o seu derradeiro libro de Poemas Intempériome e de contribuír xenerosamente no amplo movemento Nunca Máis, que marcou de vez a súa xeración na Galicia.

A necesidade da Canle Xabarín
Se Xela Arias conectou o galego coas angueiras xeracionais da xente nova dos 80 e 90 o fenómeno Xabarín foi fulcral para entendermos como un programa da TVG puido integrar nun relato en galego a milleiros de rapaces e rapazas da seguinte xeración, os millenials, aínda nomeada na Galicia xeración Xabarín. O proxecto de Suso Iglesias, ademais, serviu para seguir a visibilizar grupos musicais dos 80 (Siniestro Total, Aerolíneas Federales) canda novos grupos de pop, nomeadamente a xeración bravú na que salientaron Heredeiros da Crus ou Os Diplomáticos de Monte Alto.
Mais o grande suceso do Xabarín foi a súa estrutura de club (que chegou ter 130.000 socios), que Suso Iglesias inspirou no Cartoon Network e na moi boa dobraxe das mellores teleseries xaponesas, que normalizaron e prestixiaron o galego na xeración dos millenials. Ademais de algo moi europeo e pouco frecuente no Estado español: tratar as crianzas como seres intelixentes que son.
O galego hoxe está ausente dos contidos televisivos para o público infantil e xuvenil. E se as nosas crianzas e rapazada non ven e escoitan contidos en galego agravarase aínda máis a percepción da nosa lingua como lingua estranxeira. Reservar espazos infantís e xuvenís por lei na grella da TVE e mesmo das privadas (suxeitas ás regras de Dereito Público de calquera concesión) e potenciar a franxa correspondente na TVG son decisión acaídas, mais para nada son abondo e mesmo tampouco as máis importantes. Porque onde cómpre levar o novo Xabarín, segundo o ronsel da proposta unánime que vén de aprobar o Parlamento de Galicia, é ás plataformas televisivas (Netflix, HBO…) que vehiculizan a meirande parte do consumo televisivo actual, onde TV series galegas e en galego xa saben o que é o éxito, como O sabor das margaridas.
Nos vindeiros anos integrar nas plataformas televisivas unha programación infantil e xuvenil moderna e digna será un dos principais obxectivos para a normalización da lingua.

Integrar o galego nos buscadores de Internet
En termos comparativos sempre houbo importante presenza do galego en Internet, mesmo máis que na actualidade, onde segue a ser importante, tendo en conta as feblezas do noso modelo normalizador. Mais o verdadeiro problema, como publicaba hai uns meses o Blogue Reizentolo, é que o algoritmo de Google non nos recoñece.
Google Ads non permite enfocar os anuncios das empresas ás persoas que usan na web o galego, mais tampouco lels permite mesmo escribir os seus anuncios en galego. Se o tentan o sistema espétalles “idioma no disponible”. Tamén Alexa discrimina negativamente a nosa lingua. Recoñece textos en castelán e en portugués, non en galego.
Hai moitas persoas que opinan que poderíamos resolver esta cuestión redixindo os contidos cara ao portugués. Semella unha solución non moi acaída, mais si podería constituír un comezo cara a unha solución operativa se Google Ads admitise o galego como variante lingüística autónoma vencellada co portugués brasileiro e co portugués europeo, como fai co francés québécois.
De calquera xeito, visibilizar o galego nos buscadores de Internet é unha cuestión de País, como tamén é unha cuestión de País traducir todas as aplicacións precisas para navegar por internet e accedermos ás redes sociais. Proxecto que habería constituír unha das prioridades nas TIC a desenvolver polos proxectos galegos Next Generation. Para iso compren todas as ferramentas; xudiciais, de relacións públicas, promoción económica…
Neste Día das Letras 2021, ás ferramentas de normalización no ensino, na actividade económica, nas Administracións Públicas ou na publicidade haberíamoslle engadir, coas luces longas que amosaron Xela Arias e o Xabarín Club, as da conexión no estilo e na mensaxe coas novas xeracións, os contidos audiovisuais infantís e xuvenís nas canles e plataformas televisivas e máis a presenza do galego nos buscadores de Internet.

Precisamos da nosa Policía (1)

A recente admisión para trámite polo Parlamento da iniciativa lexislativa do BNG para lle transladar ás Cortes do Estado a solicitude de transferencia das competencias de tránsito e seguranza viaria vén de nos lembrar que o mesmo Parlamento aprobou en maio de 2007, a Lei 8/2007, de Policía de Galicia, que constitúe Dereito vixente e que dispuña unha integración inmediata da Unidade Adscrita da Policía Nacional a Galicia (500 prazas das que menos de 400 están cubertas, por mor da neglixencia da Xunta e do Goberno do Estado) que non executou Núñez Feijoo ao longo de doce anos de goberno, en claro incumprimento da lei e frustración da carreira profesional da policía que serve na Unidade Adscrita, dependentes orgnicamente do Goberno do Estado e funcionalmente da Xunta e, xa que logo, sometidos á indefinición normativa e ao absurdo da dependencia de discrecionais comisións de servizos, cando non á perda de dereitos laborais.
O recente protagonismo da Xunta como Autoridade Sanitaria común amosou a necesidade dunha Policía Administrativa que garanta o cumprimento das ordes e resolucións da Administración Galega nos seus eidos competenciais (saúde pública, ambiente natural, medio rural, urbanismo, xogo, violencia machista, ordenación do territorio,protección de menores e incapacitados…). E amosou as graves limitacións de medios humanos da actual Unidade Adscrita para server as necesidades integrais do Goberno galego, como peches perimetrais complexos.
Galicia ten tres níveis de Poder: estatal, autonómico e local. Xa que logo haberíamos ter tres policías: estatal, autonómica e local, como teñen en Catalunya, Euskadi, Navarra e Canarias e nos sistemas federais e plurais todos (Reino Unido, Alemaña, Suíza, USA, Canadá, México, Arxentina ou Australia). O outro, o de agora, é unha auténtica disfuncionalidade.
A lei de 2007 enxergaba tamén que a Policía de Galicia asumise as competencias en tránsito e seguranza viaria e, xa que logo, por iniciativa do vicepresidente Anxo Quintana, PSOE, PP e BNG aprobaron por unanimidade no 2008, sendo presidente do PPdeG Núñez Feijóo, unha proposición de lei orgánica para transferir estas competencias a Galicia, que as forzas estatais traizoaron coa súa abstención (PP) ou voto en contra (PSOE) no Congreso en setembro de 2010.
Existía daquela o consenso de facilitar o traspaso das persoas que servisen en Galicia na Garda Civil de Tráfico (GCT) á Policía de Galicia, mesmo de abrir a porta a que centos de persoas galegas con destinos policiais fóra do País puidesen optar ás prazas da Policía autonómica. Naquel entón, organizacións representativas da GCT na Galicia amosaban o seu total apoio á integración na Policía autonómica, pois que o traspaso favorecería as condicións salariais e de servizo dos funcionarios policiais de tráfico, malia que advertían tamén que os mandos militares da Garda Civil seica non estaban tan dacordo.

Escocia cara á súa independencia

Os soberanistas do Scottish National Party (SNP) gañaron as súas cuartas eleccións seguidas ao Parlamento nacional escocés (2007, 2011, 2016 e agora 2021) acadando 64/129 escanos, un menos da maioría absoluta. A maioría independentista completouse cos 8 deputados dos verdes Scottish Green (gañan 2), fronte aos 57 deputados unionistas (31 tories -gañan 1-, 22 laboristas -perden 2 e acadan os seus peores resultados desde que o Parlamento escocés foi restaurado no 1997- e 4 liberal-demócratas -perden 1 e acadan tamén os seus peores resultados en comicios escoceses recentes-). Os 72/129 deputados a prol da independencia escocesa sobardan os 71 de 2016 e constitúen o mellor resultado da historia para os seareiros da soberanía da vella Caledonia.
Na votación ao Parlamento escocés emítense dous votos: un para escoller 73 deputados polo sistema maioritario de distritos uninominais (constituency vote) no que gaña o escano o que quite máis votos (“The winner takes it all”) e outro para escoller outros 56 deputados elixidos en 8 circunscricións plurinominais rexionais por sufraxio proporcional. Nesta segunda escolla penalízanse os partidos máis votados, para acadar unha corrección proporcional potente ao sistema. Deste xeito, a first minister Nicola Sturgeon, cun resultado moi parello en proporción de votos ao de Núñez Feijóo de xullo de 2020, fica un deputado por baixo da absoluta, no canto dos 42/75 de Feijóo 2020. Verdadeiramente hai países que traballan a serio a proporcionalidade electoral.
O SNP acadou os seus mellores resultados da historia das eleccións escocesas en termos absolutos e relativos na escolla de distritos uninominais, cun 47,7% de votos (case 1.300.000, un 46% máis que os 900.000 de 2011) e 63/73 constituencies. Mais na votación por distritos plurinominais rexionais baixou ao 40,3% e case 200.000 votos (o seu terceiro mellor resultado), sendo os grandes beneficiarios desta dupla escolla os verdes, que acadaron o 8,1%. O partido soberanista Alba, do antigo first minister Alex Salmond, ficou fóra do Parlamento de Holyrood, cun 2.3% nas eleccións por distritos plurinominais, pois non se presentou ás constituencies. Como manifestou a analista galega, experta na política escocesa, Pilar Aymara Fernández, a táctica do SNP de desaconsellar o voto dual a prol dos nacionalistas do Alba evitou unha supermaioría de 80 ou máis deputados soberanistas.
De calquera xeito, os resultados foron moi bos para o independentismo escocés. Velaí que a oportunidade dun segundo referéndum de independencia, do indyref2, sexa evidente, tendo en conta tamén a máis alta participación na historia recente das eleccións nacionais escocesas (63% fronte ao 55,8% de 2016 e o 50,3% do 2011). Nicola Sturgeon ten un mandato nidio da cidadanía escocesa para convocar un novo referéndum de independencia tan logo como llelo permita a pandemia, e tamén ten un nidio mandato para usar todos os medios legais ao seu dispor que posibiliten este referéndum, que conta coa oposición do prime minister británico Boris Johnson. Neste senso, é moi rechamante a opinión de Kirsty Strickland, este domingo no xornal unionista escocés The Scotsman, suxerindo que lib dem, tories e laboristas haberían gañar o relato a prol do voto negativo nese indyref2 no canto de se opor á súa celebración. Verdadeiramente hai países onde prohibir votar considérase pouco democrático.
As eleccións escocesas amosaron outravolta unha tendencia xeral europea: as distintas nacións e territorios votan cada vez máis de xeito distinto, como vimos de observar no caso das eleccións nacionais vascas, galegas e catalás e nas rexionais madrileñas. Neste 6-M electoral no Reino Unido, o avance conservador nas eleccións locais inglesas (e na parcial de Blackpool) contrasta co grande trunfo independentista en Escocia e coa rechamante vitoria laborista (quitou 30/60 deputados) en Gales, onde os soberanistas do Plaid Cymru avanzan, cun 20,7% de votos e 13/60 escanos (fronte aos 12 de 2016 e aos 11 de 2011). Mais estas eleccións galesas ben merecen un artigo de seu.