Galicia como territorio de sacrificio eólico

A Unión Europea aprobou o 22 de decembro de 2022, por mor da crise climática xerada pola dependencia do gas ruso nas presentes circunstancias de guerra na Ucraína, un Regulamento de vixencia provisional (30 decembro 2022 a 30 xuño 2024) declarando de interese superior os proxectos para produción de enerxía eléctrica desde fontes renovábeis e máis a súa conexión á rede de distribución. Esta norma europea mesmo permite excluír da avaliación ambiental específica a repotenciación de parques eólicos existentes se o incremento da potencia instalada non sobarda o 15%, as instalacións de hortos solares e máis de bombas de calor. Tamén para novos parques eólicos sempre que o proxecto se ubique nunha zona específica de enerxías renovábeis e esa zona fose previamente estudada a medio dunha avaliación ambiental estratéxica consonte co propio Dereito europeo.
O Goberno do Estado (na altura PSOE-Unidas Podemos) aprobou tan logo entrou en vigor este Regulamento europeo un Decreto-Lei que eximiu un grande número de proxectos eólicos de máis de 50 MW (os que son de competencia estatal) da avaliación ambiental previa. E agora a Xunta presentou o proxecto de lei galega que acompaña os Orzamentos para o 2024, no que translada a flexibilización da normativa europea aos proxectos eólicos de menos de 50 Mw (os de competencia autonómica).
Cómpre salientar que tanto a normativa estatal como a futura normativa autonómica vulneran o marco lexislativo europeo, pois no noso País non existe unha delimitación operante de zonas específicas para a produción de enerxías renovábeis nin moito menos se ten sometido previamente parte ningunha do territorio galego a un proceso de avaliación ambiental estratéxica consonte co Dereito europeo.
Velaí como tanto o Goberno do Estado -sustentado nas esquerdas españolas- como a Xunta de Galicia -sustentado polo PP- consideran na práctica todo o territorio galego como susceptíbel de implantación de novos parques eólicos, fixando ademais un marco de prevalencia desta actividade fronte a outras esenciais no noso medio rural (gandería ecolóxica ou extensiva, produción agroalimentaria nos sectores primario e industrial, turismo rural e ambiental…) que xeran máis valor engadido e emprego no territorio e fixan poboación no medio rural.
Porque o exemplo do concello de Muras é nidio. Entre 1998 e 2009 instaláronse 20 parques eólicos cunha potencia instalada de 264,4 MW que xeraron (segundo as diferenzas de produción inducidas polo recurso eólico) entre 35 e 70 M€/ano de facturación. No 2000 tiña 1151 habitantes. No 2010, logo de se instalar todos eses parques 767. No 2020 619. Con semellantes investimentos Muras perdeu en 20 anos… un 46,22% da súa poboación!!
U-la creación de emprego no rural da que falan UXT, CC.OO. e a Asociación Eólica de Galicia? O que estas entidades, están a propugnar, canda os Gobernos do Estado e galego, é que toda Galicia sexa territorio de sacrifício eólico.

As Nacións Unidas e o conflito árabe-israelí

Dicíamos hai unha semana que desde 1904 até 1948 unha potente operación sionista asentou no territorio da Terra Santa centos de milleiros de persoas xudías. Dicíamos tamén que ese sionismo quería rachar cunha tradición de dous mil anos de submisión dos xudeus aos reinos e estados cristiáns e árabes da Europa, Norte de África e Próximo Oriente.
As Nacións Unidas (ONU) decidiron en novembro de 1947 o remate do mandato británico para a administración de Palestina encargado pola Liga das Nacións de 1919 e a división do territorio entre un Estado de Israel, poboado por 550.000 persoas xudías e 400.000 árabes e un Estado de Palestina poboado por 800.000 palestinianos e 10.000 xudeus. Xerusalén, Belén e outros lugares próximos, poboados por unhas 200.000 persoas, metade árabes, metade israelís, haberían ser administrados internacionalmente. Esta decisión foi rexeitada polos países árabes (erro criminal decidido sen consultaren cos palestinianos) e criticada polos sionistas, malia que foi aceptada polo Goberno israelí.
A guerra de 1948 exiliou entre 750.000 e 800.000 palestinianos e os xudeus ocuparon de xeito efectivo máis territorio que o definido como espazo físico para o seu Estado. Xa que logo, outravolta a ONU decidiu en decembro de 1948 o dereito dos palestinianos de escoller entre a súa volta en paz aos seus fogares ou recibir unha compensación económica pola privación das súas propiedades, vivendas e proxecto vital. Israel nunca cumpriu este mandato da ONU.
Despois da Guerra dos Seis Días, no 1967, Israel ocupou territorios (consonte coa resolución das Nacións Unidas de 1947) legalmente pertencentes aos palestinianos árabes (a franxa de Gaza, Xerusalén Leste e Cisxordania). Xerusalén Leste foi anexado a Israel (1980) e declarada a Cidade no seu conxunto como capital do Estado de Israel. Máis de 500.000 novos palestinianos ficaron exiliados dos seus fogares. A ONU, na fin de 1967, requiriu de Israel a fin da violencia e maila evacuación dos Territorios Ocupados. Mais o Goberno israelí incumpriu abertamente este mandato internacional desenvolvendo desde a fin dos anos 60 do século pasado unha política de asentamentos nos devanditos territorios ocupados, só parcialmente suspendida na área de Gaza e nalgunhas zonas de Cisxordania (1995-2005). As Administracións dirixidas polo Likud dos últimos vinte anos seguiron a potenciar esta política de asentamentos sionistas.
Xa que logo, Israel incumpre abertamente os mandatos da comunidade internacional desde 1949, tanto no que atinxe ao retorno das persoas exiliadas canto ao desaloxo das colonias xudías nos territorios ocupados. Como potencia ocupante, ademais, é responsábel de protexer as poboacións palestinianas na Franxa de Gaza, Cisxordania e Xerusalén Leste, mais case nunca adoitou distinguir entre poboación civil e belixerantes.

A chave da nosa caixa

O sistema de concerto económico no que Galicia recadaría os seus tributos todos e, xa que logo, tería a “a chave da nosa caixa”, como acaidamente definiu Ana Pontón (BNG) no recente debate do estado da nación, constitúe unha proposta que sería quen de garantir níveis acaídos para o funcionamento regular dos servizos públicos e, deste xeito, o benestar da cidadanía galega.
No outono de 1983, con níveis ben máis baixos de renda por habitante, servizos públicos e infraestrutura social básica, o vicepresidente económico da Xunta no segundo goberno de Albor, o independente Carlos Mella, propuxo unha reforma do Estatuto de Galicia para introducir este sistema, de xeito que recadásemos os tributos todos para despois lle pagar ao Estado unha cota polos servizos desenvolvidos directamente no noso País (policía, defensa, desemprego, xuros da débeda estatal…). Cómpre dicir que Carlos Mella, na altura, xa fora director xeral de Política Económica do Goberno do Estado, profesor de Economía Política da Universidade Complutense de Madrid e alto funcionario en París da OCDE. Ben sabía do que falaba.
Desde os partidos, persoeiros e entidades dependentistas é cotiá a crítica a este sistema dicindo que imos acabar por pedir polas portas, porque seica precisamos da solidariedade do Estado para nos manter. Malia que resulte que, segundo as contas do economista Xosé Díaz, no 2019 recadamos 13.222 M € e só nos devolveron 8.650 M€, xerándonos un déficit de 4.562 M€. Se a cota ou cupo a lle pagar ao Estado se fixase en termos de poboación (somos un 5,4% da estatal) pagaríamos uns 1360 M€ e os galegos gañaríamos para financiar os nosos servizos 3.200 M € (uns 1.183 €/ano por persoa) co que obteríamos un 40 % máis que os actuais 2.846 €/ano, por certo ben inferior ás demais autonomías do Oeste- Asturies, Cantabria, A Rioxa, Estremadura e Castela-León-, coas que seica partilla a Xunta do PP estratexias cara ao financiamento autonómico.
Outra crítica é que -seica- precisamos da caixa de solidariedade do estado para pagar as nosas prestacións contributivas de xubilación e incapacidade. Mais esquecen estes xenios das finanzas que os tributos son cuestión territorial e as pensións cuestión persoal. As prestacións contributivas dependen do que como persoas traballadoras coticemos e as empresas coticen por nós. Sexa na Galicia, for na Alemaña, Suíza, Catalunya ou Euskadi.
Pense vostede que a comunidade de propietarios do seu edificio partille coas doutros oito edificios veciños unha mancomunidade para mercar o gasóleo da calefacción e xestionar espazos comúns a eses edificios. Prefire que a súa comunidade recade as cotas dos seus comuneiros e máis as rendas dos paneis solares do tellado ou que o faga esa mancomunidade?

Coñecermos a historia para xulgarmos o presente

Condenar a violencia terrorista tanto do Goberno sionista de Israel como dos islamistas de Hammas e Hezbollah esixe xulgar e xulgar esixe coñecer. Coñecermos o que pasou nos últimos cento vinte anos na Palestina (pois a historia comeza coa sistemática fundación polo movemento sionista de colonias xudías no territorio palestiniano pertencente ao Imperio otomano desde 1904) e, tamén, coñecer a diáspora xudía xerada polas invasións asiria (século VII a. de XC.), babilónica (VI a. de XC.), romana (anos 70 e 135), pola emigración a Alexandría do Exipto (III ao I a. de XC.) e polas múltiples represións, expulsións e pogroms antisemitas desenvolvidos na Europa, desde o século XIII até o holocausto nazi. Unha diáspora tamén acrecentada coa emigración dos milleiros de xudeus europeos que non tiñan xa moradía nin referentes despois do holocausto e coa expulsión de centos de milleiros de persoas xudías despois de 1948 de Marrocos, Exipto, Iraq e outros países árabes.
O antisemitismo padecido polos xudeus durante case dous mil anos fixo xurdir un proxecto nidiamente sionista que mercou terras, con fondos das grandes fortunas xudías (nomeadamente Rotschild), desde a fin do século XIX na Palestina aos grandes propietarios árabes, beneficiarios da política prolatifundista e anticomunal do Imperio Otomano. Esta colonización sionista perseguiu un Fogar Nacional Xudeu que tencionaba que nas terras mercadas traballasen só xudeus, impondo a previa expulsión polos latifundistas árabes dos arrendeiros ou aparceiros locais. O sionismo constituíu para os colonos xudeus na Palestina, asentados desde a fin do século XIX, o ADN da súa resposta a dous mil anos de discriminación e sofrimentos, máis extremos na Europa cristiá que no mundo musulmàn.
O mandato que recibiu o Reino Unido da Liga das Nacións para administrar Palestina (1919-1948) deu grande pulo a esta colonización xudía, até as serodias limitacións (1939-1946) que impediron a chegada de milleiros perseguidos polos nazis. Isto agravouse coa prohibición do Goberno laborista de Attlee de novas inmigracións xudías (1946), cando 250.000 supervivintes do Holocausto agardaban en campos de refuxiados na Alemaña e na Austria.
Mais o terrorismo sionista matou 92 persoas nun atentado contra a Comandancia británica de Palestina no hotel King David (22 de xullo de 1946) e Gran Bretaña renunciou meses despois ao seu mandato. En novembro de 1947 a ONU aprobaba unha Resolución na que propuña dividir case por metades o territorio do Mandato británico nun Estado de Israel e outro de Palestina. Os países árabes rexeitaron esta Resolución e non recoñeceron o Estado de Israel, proclamado en maio de 1948. Israel gañou a guerra que estourou entón e, no tempo do armisticio (1949), ocupaba máis terras das sinaladas pola ONU, expulsando do territorio uns 800.000 palestinianos, desde entón refuxiados. Nin eles nin os seus descendentes puideron voltar aos seus fogares.
Na vindeira semana seguiremos debullando a historia deste vello conflito.

Ana Pontón acerta coa letra

Era o derradeiro debate do estado do País antes das eleccións nacionais galegas de 2024. E, xa que logo, unha das poucas ocasións coas que conta Ana Pontón (BNG) para achegar a súa mensaxe á sociedade sen a abafante vantaxe que adoito Rueda e o PPdeG posúen para transmitir o seu discurso. Pontón tiña que cuestionar a xestión deste ano e medio de Rueda como continuidade dos trece anos de Feijóo, mais non podia perder a oportunidade de proxectar as liñas fulcrais da súa alternativa. No lote da descualificación da gobernanza do PPdeG habería ir, de seu, a proxección da súa alternativa de goberno, tendo en conta que só fican poucos meses para rematarmos a lexislatura.
No que lle cómpre á ferreña oposición da trituradora do PPdeG (como aqueladamente definiu Pontón) que sofrimos desde a primavera do 2009 a mensaxe ficou dabondo nidia. Rueda é un presidente vigairo de Feijóo. Nin elixiu a fasquía, composición nin programa do seu Goberno nin conta como líder no contexto do actual PP estatal, definido polo seu extremismo dereitista e polo seu españolismo. “Nin manda vostede nin conta no contexto estatal para nada”. Non cumpría dicir moito máis.
Mais esta descualificación global ficaba núa e mesmo estéril sen lle ofrecer un pacto social á cidadanía galega arredor dunha outra proposta política. Dunha alternativa de goberno que a candidata soberanista nomeou “a Galicia posíbel”, xustificando que non se alicerzaba nos biosbardos, senón en realidades prácticas. Máis autogoberno (no horizonte do Estatuto de Nación) onde o PPdeG non acadou unha única transferencia en catorce anos, mellor financiamento (no horizonte do sistema de cota no que Galicia, recadando os tributos todos, teña “a chave da caixa”), garantirmos unha mellora substancial dos servizos públicos sanitarios, educativos e sociais dotándoos cun financiamento acaído, un desenvolvemento empresarial sostíbel afastado do actual modelo depredador nos eidos enerxético, forestal ou mineiro, promovermos a I+D+i investindo nestes fins o 3% do noso PIB, desenvolvermos potentes políticas de presenza europea e exterior e de promoción da nosa lingua e cultura…Velaí que a candidata soberanista a presidir este País fose quen de definir unha alternativa con virtualidade de sedución de amplos sectores da cidadanía, mesmo alleos ao soberanismo.
Ana Pontón acertou coa letra. Mais ainda precisará, nesta andaina, acertar coa música. Habería presentar socialmente -como polo de agora está a facer- esta alternativa desde parámetros de normalidade, amabilidade e tranquilidade. Acoller inclusiva e transversalmente as ducias de milleiros de cidadáns e cidadás que poden acordar con estes seus parámetros. E tentar evitaren as polémicas divisivas e o ruído.

Que Galicia xestione as infraestruturas todas

O Estado español é unha catástrofe en termos de xestión das infraestruturas viarias galegas. Catástrofe acelerada desde que no Estado non haxa xa quen lle escreba. No Goberno do Estado en Madrid, desde hai un lote de anos, hai só altos cargos e subdirectores xerais. Nada de ordenadores, elementos ofimáticos nin persoas técnicas. Só xerentes de empresas amigas no horizonte.
Velaí a grave inconveniencia de que infraestruturas fulcrais para este País como as autoestradas estatais AP-9 e AP-53 e as estradas estatais todas no seu percurso por Galicia (N-541 entre Ourense e Pontevedra, a N-120 desde Valdeorras a Vigo ou a N-VI entre Pedrafita e A Coruña, entre bastantes outras) sigan a ser xestionadas pola incompetencia do Ministerio estatal de Fomento. As Deputacións forais e máis o Goberno vasco decatáronse desta gravísima eiva estatal e xa acadaron hai tempo a transferencia das vías estatais nos treitos que decorren polo seu territorio, como en parte acadou tamén a Generalitat de Catalunya.
A incompetencia dos medios e servizos estatais canto ás estradas estatais fica ben nidia diante do desastre da N-541 ou o bloqueo á mobilidade da Coruña dunha N-VI a mantenta inoperante desde Perillo-Oleiros durante 20 anos.
Nos ferrocarrís constatamos a necesidade de nos transferir as liñas Ferrol-Ribadeo, Lugo-Ourense, Ferrol-A Coruña e A Coruña-Ourense, A Coruña-Vigo e Vigo-Ourense para podermos planificar a xeito a rede ferroviaria propia deste País e, no seu caso, o tren de proximidade que o Estado español nos negou durante 60 anos. Malia todo, é evidente que a transferencia non poderá ser efectiva se non se nos achegan os medios económicos precisos para xestionar esta rede, que a España administrativa mantén na máis dolosa inacción. O Estado español, entón, non é confiábel para xestionar os nosos camiños de ferro.
Precisamos tamén do inmediato traspaso dos nosos tres aeroportos de interese xeral (Alvedro-A Coruña, Compostela-Rosalía de Castro e Vigo-Peinador) e dos portos de interese xeral da Coruña, Ferrol, Marín, Vilagarcia e Vigo para nos desenvolver e sermos competitivos. A actual xestión aeroportuaria de AENA e portuaria de Puertos del Estado segue a eivar o desenvolvemento destas fulcrais infraestruturas. Das resultas disto o Goberno deste país nin pode nin poderá usar destas ferramentas aeroportuarias e portuarias como pancas do desenvolvemento sostíbel da Galicia do futuro.

O dereito a decidir dende o principio democrático

Como galego acredito que Galicia é unha Nación e considero que o seu dereito á autodeterminación é anterior a calquera lexislación constitucional española. Para máis, este dereito de autodeterminación está recoñecido para todos os pobos na Carta das Nacións Unidas (1945) e no artigo 1 do Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos (NU; 1966). Alén diso, Galicia (1933), Catalunya (1926) e Euskadi (1931) foron recoñecidas no seu día como nacións polo Congreso de Minorías Nacionais da Liga das Nacións (SDN), antecedente inmediato das actuais Nacións Unidas.
Porén, como cidadán, vencellado polas normas do Dereito Internacional Público, haberei conciliar esta definición co principio de legalidade, de non ser en situacións de moi violenta e aberta opresión nacional pola potencia dominadora. E velaquí a grande chata: a Constitución española, que blinda con desaqueladas maiorías dos 2/3 de cada Cámara estatal en dúas eleccións independentes e máis cun referendum estatal calquera reforma constitucional que recoñeza o dereito de Galicia, Catalunya ou Euskadi a decidir o seu futuro. Un principio de legalidade que bloquea de primeiras e, para calquera situación futura no marco da Unión Europea e da actual colectividade internacional, o exercicio unilateral do dereito á autodeterminación.
Mais, desde os mesmos alicerces, ninguén pode recoñecer a existencia dese pobo, desa minoría, desa colectividade nacional. A existencia, en último de contas, de Galicia como realidade de seu, non absorbíbel ou anulábel polo concepto de España.
E velaquí o xogo do principio democrático. Porque unha colectividade nacional, unha minoría nacional, unha nación sen Estado, ten unha existencia anterior ao principio de legalidade eventualmente oposto ao seu dereito á autodeterminación. Mais a nidia definición puntual ou repetición de decisións desa colectividade, nación ou minoria nacional expresa -expresará- unha vontade de decidir, que non pode ser descoñecida de non ser que derroguemos o principio democrático inserido no artigo 1.1 da Constitución estatal de 1978.
Entre os absolutos da letra constitucional (calquera ten dereito a propor unha reforma constitucional imposíbel de se aprobar de feito) e unha declaración unilateral de independencia xurdida dun mandato democrático, mais contrario á legalidade constitucional, primeiro a xurisprudencia do Tribunal Supremo canadiano (1998) e logo a súa propia lei federal (2000) recoñeceron que o mandato electoral de Quebec (hoxe Catalunya, mañá Galicia), como manifestación do principio democrático, obrigaba a un proceso de negociación que habería sobardar os estreitos e caducos marcos do principio de legalidade constitucional.
Entre os absolutos do “non, nunca” do principio de legalidade constitucional e a unilateralidade do dereito á autodeterminación, o exercicio do dereito a decidir nos marcos do principio democrático (enunciado recentemente no plan Urkullu presentado o 31 de agosto último) constitúe unha solución de consenso. Seremos -máis ben serán- quen de aproveitala?

A perda da centralidade do PPdeG

Dubido que a demostración preventiva do madrileño barrio de Salamanca do domingo 23-S -e máis o radicalizado discurso de Núñez Feijóo no debate da súa investidura- lle garantan a estabilidade no liderado estatal do PP no caso de que Sánchez acade o seu mandato presidencial. Porén, o que si ficou dabondo claro é que o dos Peares asumiu o diktat de Aznar, Díaz Ayuso e Miguel Angel Rodríguez canto ao consolidamento dunha fronte españolista PP-Vox na que Vox impón a súa axenda e cosmovisión. A prensa europea coincidiu de xeito bastante unánime neste xuízo.
Rueda convocará as eleccións nacionais galegas para o 14-X (2024) se coinciden as estatais nesa data. Mais o presidente habería decretar a disolución o máis tarde no 21-N (a lei electoral galega garante un mínimo de 54 días entre a disolución e as eleccións), mentres que a presidenta do Congreso podería convocar unha segunda xuntanza (ou quizais a primeira) para a investidura de Sánchez na que se presentase o programa o sábado 23-N e se votase primeiro o luns 25 e despois o martes 27. É dicir, Rueda podería ter que decidir disolver ou non disolver sen coñecer de certo se haberá estatais o 14-X. A coincidencia dos dous procesos electorais, malia a súa esencial diferenza, é moi tentadora para o PP, que definiría a súa campaña en clave nidiamente estatal, case a xeito de referéndum para aceptar ou rexeitar Núñez Feijóo como vindeiro presidente do Goberno do Estado aceptando implicitamente que na oferta electoral vai de seu Rueda como Presidente de Galicia.
Mais no caso de que o 14-X non haxa estatais, o PPdeG sufrirá as resultas electorais do afastamento da centralidade e transversalidade xerado desde a súa subordinación á nova estratexia da dirección estatal de Madrid que insire Vox a xeito de parte fulcral na coalición que constitúe a alternativa de poder no nível estatal, radicalizando, xa que logo, a súa axenda nos eixos lingüístico-territorial, equilibrio social, igualdade-atención ás minorías e ambiental-sostibilidade do desenvolvemento.
Velaí a oportunidade do BNG (e agardemos que tamén do PSdeG na parte que lle cumpra) de se instalar nesa centralidade e transversalidade para atender os problemas sociais, infraestruturais, empresariais, sanitarios e educativos da nosa cidadanía desde propostas alicerzadas nos distintos sectores e sensibilidades presentes na nosa poboación desde un relato que apele ao autoaprecio, á confianza no futuro e aos pactos de País.

Libres e iguais

O PP ten asumido un discurso nado de determinados voceiros e organizacións sociais do españolismo (Cayetana Alvarez de Toledo, Arcadi Espada, Hablamos Español, Societat Civil Catalana…) que concibe España como unha única nación de cidadáns “libres e iguais” sen consideración ningunha á súa pertenza obxectiva ou referencia subxectiva a outras nacións (catalá, vasca, galega) ou a minorías secularmente discriminadas, como os inmigrantes ou o colectivo LGTBI. Xa que logo, esta construción teórica reflicte un único xeito de exercer a cidadanía sen ter en conta a identidade da persoa cidadá, o que anticipa xa o fracaso desta idea para integrar a sociedade.
Porque a identidade alicerza a cidadanía. Karl Dahrendorff, desde os parámetros do liberalismo progresista e da dimensión social da economía, advertiu da necesidade de que os Estados europeos modernos garantisen non só as liberdades individuais, senón as liberdades da persoa como integrante dunha comunidade cultural e a estrita neutralidade do Estado a respecto de todas elas. Velaí a súa teoría do “Estado nacional heteroxéneo”, perfectamente aplicábel canto á devandita neutralidade do Estado ao Estado plurinacional. E oposto, en calquera caso, ao Estado uninacional, unilingüe e alicerzado no unionismo centralista que propugna o españolismo.
Libres e iguais? As persoas que temos como lingua propia o galego, catalán ou euskera non somos iguais en dereitos a respecto dos que teñen por propia o castelán e non somos libres dabondo para vivirmos en galego, catalán ou euskera na nosa Terra. Porque a Constitución, refugando as solucións democráticas de Bélxica, Canadá, Suíza e Finlandía de oficializar todas as súas linguas, só recoñeceu a oficialidade en todo o territorio do Estado do castelán, minorizando o galego, catalán e euskera á mera oficialidade en cadanseu territorio autonómico. A xurisprudencia constitucional agravou esta definición impedindo que os Estatutos e leis autonómicas equiparasen cadansúas linguas oficiais co castelán canto á súa obriga xeral de coñecemento. Das resultas desta interpretación os empregados públicos da Administración de Xustiza e da Administración do Estado (incluídas a Axencia Tributaria estatal e máis a Seguridade Social) non teñen a obriga, agás excepcións, de coñecer máis lingua que o castelán. Por outra banda, a xurisprudencia contencioso-administrativa refugou en moitas ocasións lexislar obrigas de xeral coñecemento e uso das linguas distintas do castelán no consumo, empresa e contratistas e concesionarios das Administracións. Mesmo o dereito de falar galego, castelán ou euskera no exercicio da actividade laboral ou profesional está ben limitado ou subordinado na práctica, fronte á absoluta normalidade do castelanfalante cando opera en todos estes ámbitos.
Sermos libres e iguais? Só será posíbel garantindo que toda a cidadanía do Estado, tamén á que fala linguas distintas do castelán e refire outras identidades nacionais ou culturais, exerza igual en dereitos aos “españoles y mucho españoles”.

O erro de Rueda e do PPdeG

O presidente Rueda rexeitou, no nome do Goberno galego e do PPdeG que dirixe, a aprobación da reforma do Regulamento do Congreso estatal para recoñecer na devandita Cámara a oficialidade da nosa lingua propia. Deste xeito, os ‘populares’ galegos e o Goberno que exercen, amosan a súa oposición ao simbolismo do empoderamento dunha lingua constitucionalmente minorizada e, como vén de escribir o profesor Carlos Aymerich (UDC), á “…conquista dun novo espazo para o galego despois de moitos anos de retrocesos legais”.
Que o galego –presente nas nosas rúas, escolas e Universidades e normalizado nos nosos concellos, Administración autonómica e Parlamento– sexa normal tamén no Congreso conecta cunha ampla maioría da sociedade galega que apreza a nosa lingua e quere para ela novos espazos e máis uso, mesmo tratándose de persoas que, polas razóns que for, tenden máis a usar o castelán na súa vida cotiá. E conecta Alfonso Rueda coa malfadada foto do 3 de febreiro de 2009, na que amosou o seu apoio ao extremismo supremacista de Galicia Bilingüe (precedente da actual Hablamos Español), convocante dunha demostración alicerzada na mentira da suposta imposición do galego no ensino polo Goberno de coalición BNG-PSdeG que rexía na altura.
Velaí como Rueda e máis o PPdeG están a se afastar da centralidade e da transversalidade. Da capacidade de conexión coa maioría social que sexa quen de se converter nese 44, 46 ou 48 por cento dos votos que, dependendo da súa distribución global, poidan darlles esa maioría absoluta que requiren para gobernar logo das eleccións nacionais galegas de 2024.