O fracaso de Feijoo

Escribo na mañá deste derradeiro domingo de setembro, no que o PP organiza un acto de masas en Madrid preventivo contra unha candidatura á presidencia do Goberno do Estado que non existe aínda e contra unha proposición de lei de amnistía que tampouco naceu á vida política nin mesmo ten sido concordada por unha maioría parlamentaria. Un acto que de seguro vai xuntar milleiros de persoas, mais en calquera caso un número moi inferior aos actos de avenidas ateigadas que organizou o PP de Rajoy contra o novo Estatut de Catalunya (2006) e contra as leis do aborto e do matrimonio homosexual propostas por ZP no tempo dos seus mandatos (2004-2011). E, desde logo, aos millóns de persoas que, votando as candidaturas das esquerdas estatais e dos soberanismos galego, catalán e vasco, rexeitaron nidiamente o 23-X a opción bipartita PP-Vox e a súa enxurrada de propostas reaccionarias.
O chocante desta situación é que o líder do PP estatal que convoca o acto vai presentar este martes 26 a súa candidatura á investidura. Que alugue autobuses para xuntar en Madrid aos seus convencidos no canto de tentar acadar os apoios parlamentarios precisos non fai máis que amosar o seu fracaso. Porque no mes decorrido desde que o Xefe do Estado, a medio dunha moi cuestionábel decisión, propuxo a súa candidatura non acadou un só voto máis dos que tiña. Feijoo só pode agardar unha milagre a xeito de votación transfuguista ou a repetición electoral. Se sae investido Sánchez a súa remoción ha ser cousa de semanas ou, como moito, duns poucos meses.
En realidade, o exótico acto de hoxe xa amosa esta probábel interinidade, porque a súa convocatoria non lle pertence, senón que lle foi imposta por Aznar e Díaz Ayuso. A liña máis extremista do PP desenvolve xa unha estratexia de impugnación institucional, coa inestimábel colaboración de Felipe González e Alfonso Guerra. Os seus obxectivos por orde cronolóxica son: i) presionar un tamayazo transfuguista, ii) evitar coa presión da rúa e dos despachos do deep state que o Xefe do Estado nomee candidato a Sánchez para repetir eleccións o vindeiro xaneiro e, de non se convocar estas polo apoio parlamentario a Sánchez, iii) considerar ilexítimo ese Goberno desde o minuto un.
De calquera xeito, a propia realidade do acto de hoxe e desa estratexia de impugnación institucional son as mellores probas do fracaso de Feijoo.

Entendermos a necesidade da amnistía

Semella que cada vez hai máis xuristas que recoñecen a plena constitucionalidade da amnistía. Agora mesmo un antigo presidente do Tribunal Constitucional como Pascual Sala considera indubidábel esa constitucionalidade formal que se alicerza na súa non prohibición constitucional (fronte á prohibición constitucional dos indultos xerais), na presenza da amnistía como causa de extinción da responsabilidade penal na vixente Lei de Axuizamento Criminal e na natureza esencialmente política e parlamentaria da amnistía (fronte á administrativa e gobernativa do indulto, que require dun procedemento regrado malia a ampla marxe de discrecionalidade da decisión do Goberno do Estado), que extingue a responsabilidade criminal, mentres o indulto só extingue a pena. Unha amnistía que habería de se aprobar a medio dunha lei orgánica para que teña efecto delimitador a respecto do Código Penal canto as condutas que xa non serían perseguíbeis.
Agora ben, recoñezo que, sendo constitucional, a aprobación dunha lei orgánica de amnistía constitúe unha grave excepcionalidade nun sistema democrático. Impedir a pescuda e axuizamento de condutas que poden constituír delictos só será compatíbel cun sistema democrático e cunha xustiza independente se existiu algunha clase de tratamento potencialmente discriminatorio ou desigual na represión das condutas investigadas conectadas coa reivindicación do dereito de autodeterminación de Catalunya posterior á convocatoria por Artur Mas da consulta de novembro de 2014.
O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (UE) ditou o 31 de xaneiro deste 2023 unha sentenza, xa definitiva, na que considerou que calquera órgano xudicial dun Estado Membro (EM) da UE poderá rexeitar unha euroorde de prendemento e extradición se coida que existen deficiencias no sistema xudicial do EM que reclama a euroorde que afecten á tutela xudicial efectiva dun colectivo obxectivamente identificábel de persoas ao que pertenza a persoa reclamada pola euroorde. E tamén considerou que a existencia de informes do Grupo de Traballo sobre o Prendemento Arbitrario da ONU (GT da ONU) constituiría, entre outros, un elemento acaído para que o órgano xudicial do EM requirido axuizase esa afección á tutela xudicial efectiva das persoas dese grupo obxectivamente identificábel.
O GT da ONU considerou en dous informes de 2019 e 2020 que a prisión acordada polo Tribunal Supremo a sete das persoas axuizadas no chamado xuizo do procès, constituíu unha vulneración do seu dereito á liberdade persoal. E o fenómeno seica se repetiu diante de desproporcionadas -e xeneralizadas- acusacións de terrorismo a activistas cataláns ou a moi recente e desaquelada condena de catro anos e medio de cárcere a respecto do conseller de Interior Miquel Buch.
Velaí a necesidade dunha amnistía para restablecermos a normalidade democrática e pasarmos páxina, non sen antes aprendérmola.

Sementan conflito e división

Van xa 40 anos desde que o Parlamento deste País, por unanimidade, aprobou a Lei de Normalización Lingüística, que constitúe unha lei de desenvolvemento básico do Estatuto de Galicia, suprema norma institucional e parte do bloque da constitucionalidade, segundo reiterada xurisprudencia do Tribunal Constitucional.
Esta lei dispón que o galego, como lingua propia de Galicia, é a nosa lingua oficial, sen prexuízo da oficialidade do castelán en todo o territorio do Estado disposta na Constitución. Tamén sinala que a toponimia de todas as vilas, cidades, territorios, concellos e entidades poboacionais de Galicia terán como única forma a galega e que, neste senso, a Xunta aprobará os nomes de todos eles. Estas son as denominacións oficiais a todos os efectos e toda a rotulación terá de concordar con elas.
A Lei é clara e foi aprobada por todos os representantes parlamentarios da cidadanía galega. Velaí que, neste contexto, as recomendacións da Academia da Lingua castelá (RAE) defendendo o uso de exónimos (traducións ao castelán) para nomear as vilas e cidades galegas, cando se usen en contextos non oficiais, constitúe unha conduta obxectivamente minorizante que descoñece o proprio ordenamento xurídico do Estado atribuíndolle á normativa galega un carácter provincial e á lingua galega un carácter subordinado.
Porque sería difícil entendermos a campaña deste verán da organización autonomeada Hablamos Español (que ten a súa orixe naquela Galicia Bilingüe de triste lembranza, que convocara aquela manifestación en Compostela de febreiro de 2009 baixo do falso leit motiv da imposición do galego) sen este apoio falsamente científico da RAE, que mesmo desatendeu os requirimentos de autoridade científica auténtica emitidos pola nosa Academia Galega (RAG).
Presentan esta campaña os seus voceiros e dirixentes como se Galicia fose un País no que se discrimina as persoas usuarias da lingua castelá, cando somos precisamente as persoas galegofalantes (entendendo aquelas que falamos sempre o de xeito cotián a lingua propia) as que sofrimos decote moi grandes inconveniencias, cando non a práctica imposibilidade, para vivirmos en galego. Galego que segue a ser lingua en absoluto minoritaria, mais si minorizada pola desigualdade xurídica que xera o deber constitucional de xeral coñecemento do castelán, que fornece de excepcións sen número o que debería ser unha obriga xeral de coñecemento para todos os empregados públicos e persoas que atenden os consumidores sen excepción ningunha.
A máis abastanza xerar controversia co nome legal e pacífico das nosas cidades e vilas supón xerar conflito e división na nosa sociedade a respecto dunha toponimia xeralmente aceptada.
Velaí que Hablamos Español estea a usar dos dereitos que lle outorga un sistema liberal e democrático no que, desde o seu supremacismo españolista, non acredita.

A oportunidade do Plan Urkullu

Escribiu hai moi poucos días o xornalista galego José Luis Gómez que o lehendakari Urkullu, coa súa proposta de mutación constitucional material cara ao Estado plurinacional do 30 de agosto, recoñecendo a preexistencia constitucional da foral Nafarroa, e das nacións vasca, catalá e galega por mor dos seus plebiscitos autonómicos dos anos 30 do século XX, fixera xurdir un debate fulcral para Galicia. Mais Gómez laiábase da falla de resposta da sociedade civil e do empresariado galego a respecto dunha proposta moito máis importante polo singular do seu contexto que polo limitado do seu texto. Mentres o profesor Miguel Anxo Bastos (USC) prognosticaba o futuro deseño de novas maneiras de relacionamento entre as nacións históricas e o Estado das resultas futuras do xogo político desta proposta.
O presidente Rueda, no canto de actuar a xeito de País, actuou en chave de partido. Galicia ten o 5,5% do PIB estatal e o 5,2% da nosa poboación. É dicir, só xogamos no cualitativo e nunca no cuantitativo. E o cualitativo hoxe é a fiestra de oportunidade que abre a actual conxuntura política e onde tamén se sitúa o plan Urkullu. Non era, pois, o intre procesual para advertir que vai loitar por evitar a desigualdade dos territorios, xa que o status constitucional de Galicia como nacionalidade e máis o seu acceso privilexiado ao autogoberno por ter plebiscitado o Estatuto de 1936 son xa singularidades en si propias, como o Dereito Civil, a lingua, a cultura, o espallamento poboacional ou uns sectores produtivos que para nós son esenciais e para o Estado prescindíbeis.
Pola súa banda, o Partido Galeguista (PG) avaliou moi positivamente a proposta, salientando que o esencial non é o texto constitucional como dogma, senón o seu contexto social, o seu carácter de “entorno con regras de diálogo político”, considerando que este diálogo e a busca dun novo consenso é esencial ao principio democrático presente na Constitución. Na orde práctica, o PG propón un Estado plurinacional confederal aberto á integración de Portugal no que os territorios non nacionais ou rexións seguisen a desenvolver unha “descentralización realista” que evite duplicidades administrativas “innecesarias”.
Mais fóra do Presidente da Xunta e do PG ningún axente político, social ou económico ten definido nestes 12 días o seu posicionamento a respecto do plan Urkullu, o que constitúe de certo unha anomalía nacional grave.
Tampouco se ten definido oficialmente o BNG, malia que vaia de seu que gosta da letra e da música desta proposta e que, pola súa representación no Congreso estatal e máis pola súa cualidade de alternativa de goberno ao PP no ámbito nacional, vaia ser o actor político con máis xogo ao longo do camiño que desenvolva no próximo futuro o plan Urkullu.

A axenda galega: as infraestruturas ferroviarias

Cómpre continuarmos a debullar a fenda de oportunidade que a conxuntura política actual xerou a prol da axenda galega. Falamos xa de financiamento autonómico e de autogoberno e agora correspóndelle a quenda ás infraestruturas ferroviarias. Velaí as prioridades:
1.- A conexión galega co Corredor europeo atlántico de mercadorías.
Ten dito Ana Pontón (BNG), xefa galega da oposición, que “quen non estea nas redes europeas de transporte será un cero á esquerda”. Porque en verdade quen non estea conectado á rede transeuropea de transportes, que integra nove corredores para o transporte de mercadorías e persoas, non existirá. É dicir, os portos da Coruña, Ferrol ou Vigo non existirán na Europa, malia o esforzo investidor das últimas décadas, se non acadamos este fulcral obxectivo conectando con León a medio do hub de Monforte de Lemos. A UE esixe o largo de vía europeo e máis o sistema europeo de seguranza ERTMS (que tería evitado o accidente de Compostela no 2013). Galicia pode contar aquí coa alianza con Euskadi, Aquitania, Bretaña, Asturies e Cantabria nunha aposta esencial polo noso futuro.
2.- A alta velocidade con Portugal.
Portugal desbota a conexión ferroviaria de alta velocidade con Madrid e prioriza a liña Lisboa-Porto-Braga-Valença-Galicia, que quere rematar cara o 2030. Até de agora Pedro Sánchez, sen desbotar frontalmente esta opción, defendía, canda o Madrid económico e demais elementos do deep state, a conexión Lisboa-Madrid. O Estado español ten de facer moi pouco nestes seis ou sete anos. Só 25 kms da saída sur de Vigo e 2,5 kms da parte que lle cómpre da nova ponte sobre o Miño. Arestora seica xa se está a redactar polos seus adxudicatarios o estudo informativo da devandita saída sur.
O espazo urbano entre Ferrolterra-Ortegal e Sétubal, con máis de dez millóns de habitantes, é dos tres máis poboados do Estado, canda o mediterráneo e o da rexión de Madrid. A integración deste espazo a medio da alta velocidade e a conexión dos portos da súa longa costa racharán o seu actual carácter semiperiférico no contexto europeo.
3.- Eixo Ourense-Monforte-Lugo.
A conexión ferroviaria Ourense-Monforte de Lemos-Lugo é moi importante para garantir a vertebración da Galicia interior tanto no que atinxe ás persoas viaxeiras canto ás mercadorías. Constitúe, ademais, unha infraestrutura complementaria e totalmente compatíbel co corredor europeo atlántico.
4.- Conexión A Coruña-Betanzos-Ferrol e liña Ferrol-Ribadeo
A área urbana de Ferrol precisa da súa conexión á alta velocidade que remata na Coruña e o seu porto da súa integración co Corredor atlántico europeo. Canto á conexión ferroviaria da costa norte (Ferrol-Ribadeo, actualmente incomunicada de feito pola catástrofe do servizo de FEVE) constitúe unha aposta de futuro esixida polo dinamismo da economía destas bisbarras e a súa vocación transcantábrica.

90 anos do recoñecemento da Galicia como nación europea

O 18 deste mes cúmprense 90 anos do recoñecemento da Galicia como nación europea polo IX Congreso das Nacionalidades Europeas, organismo adscrito á Liga das Nacións (SDN), precedente da actual ONU. A delegación galega estaba integrada por Plácido Castro, secretario de Relacións Internacionais do Partido Galeguista (PG) e presentou a súa candidatura considerando que “…Galicia é unha nación ben definida que se diferencia claramente dos outros pobos que habitan España..” e afirmando “…o dereito innegable do pobo galego a dispor de si mesmo”.
Cómpre recoñecermos que a asunción pola Liga das Nacións desta nosa cualidade nacional baseouse no intelixente traballo de relacións internacionais desenvolvido polo PG e por Plácido Castro, sendo o primeiro froito obtido pola colaboración estratéxica de Galicia, Euskadi e Catalunya desenvolvida por Galeuzca, pacto asinado en Compostela o Día da Patria dese mesmo 1933 no local do Seminario de Estudos Galegos (que este 2023 celebra tamén o seu centenario) entre o PG, Ultreya, PNV, ERC, os soberanistas vascos de centro-esquerda da ANV, os democristiáns cataláns da UDC, a Acciò Catalana Republicana (ACR) e a organización cívica catalá Palestra. A axuda de vascos e cataláns, neste senso, foi fulcral para o rápido recoñecemento nacional de Galicia pola SDN.
O precedente deste primeiro Galeuzca é a Tripla Alianza, que cumprirá tamén cen anos na vindeira Diada do 11-S, reivindicadora da plena soberanía das tres nacións (fronte á ampla autonomía no marco da Constitución republicana de 1931 reivindicada pola Galeuzca de 1933) e que tivo unha moi curta vida por mor do golpe de Estado de Primo de Rivera do 13-S daquel 1923.
A seguinte xeira de Galeuzca (1943-1946) vai facer posíbel un traballo conxunto que permitirá a constitución do Consello de Galiza presidido por Castelao (novembro 1944), como órgano fiduciario da vontade da cidadanía galega manifestada na elección parlamentaria de febreiro de 1936 e na amplísima aprobación estatutaria no plebiscito do 28-X de 1936. Unha actuación que determinará a aprobación daquel Estatuto de Galicia nas Cortes de México (1945) e máis a incorporación de Castelao como ministro representante da Galicia (e non só do PG) ao Goberno republicano no exilio de José Giral (1946-47).
Esta decisión plebiscitaria de 1936, o recoñecemento europeo e máis a hábil acción política do galeguismo político deses anos explica que a Disposición Transitoria Segunda da Constitución de 1978 facilitase o acceso inmediato ao máximo nível de autogoberno de Galicia, canda Euskadi e Catalunya e a súa definición como nacionalidade no vixente Estatuto. Mais tamén facilita, cara ao presente e próximo futuro, a apelación que vén de facer o lehendakari Urkullu ao noso dereito de decidir, como comunidade nacional previa á Constitución, na aplicación do principio democrático.

O Plan Urkullu e Galicia

O lehendakari Urkullu vén de propor unha fonda reforma do marco xurídico-político español para acadar o recoñecemento da plurinacionalidade do Estado e máis a capacidade de decisión e garantía dunha relación bilateral de Euskadi e Nafarroa, ao abeiro da normativa constitucional que abeira os dereitos forais destes territorios e, tamén, de Catalunya e Galicia como nacionalidades que decidiron democraticamente o seu autogoberno antes de que aprobasen a Constitución
A proposta elude unha reforma constitucional formal, consciente da falla estrutural dos 3/5 de deputados e senadores precisos para irmos á súa máis curta e limitada modificación e opta, xa que logo, por un acordo-marco que fixe os alicerces para este desenvolvemento, ao que seguiría unha convención constitucional. Despois -cómpre deducirmos- haberían seguir as leis orgánicas, novos Estatutos de autonomía e reformas das leis básicas precisas para estruturar esa modificación material do marco xurídico-político. Conxunto de reformas normativas que poderían chegar a descentralizar amplamente o goberno do Poder Xudicial e limitar substancialmente as competencias do Tribunal Supremo, canda ampliar e blindar as competencias de Galicia e modificar substantivamente o financiamento autonómico, mesmo coa posibilidade de lle atribuír ao País a recadación, xestión e liquidación fiscal.
A FAES, o PP e outros voceiros do unionismo centralista opoñen a esta mutación constitucional material os principios da soberania única do Estado e da súa unidade indisolúbel. O camiño cara a unha mutación constitucional que recoñecese a plurinacionalidade do Estado e o dereito de decidirmos requiriría, segundo estes desaquelados intérpretes, dunha reforma constitucional agravada (voto dos 2/3 das dúas Cámaras, disolución posterior das mesmas e referendum ratificatorio de toda a cidadanía española). Para eles a Constitución é irreformábel, mais nin Galicia, Euskadi e Catalunya nin a maioria cidadá no Estado haberíamos pasar por condena semellante.
A Sentenza 42/2014 do Tribunal Constitucional (que anulou a declaración de soberanía de Catalunya do Parlament de 23.01.2013, mais declarou a constitucionalidade do rcoñecemento do seu dereito a decidir dentro duns determinados parámetros) recoñece que o principio democrático esixe non só respectar, senón integrar as decisións das minorías (tamén das nacionalidades) a xeito dun proceso de negociación que pode, se non abeirar declaracións unilaterais de independencia, si excluír o rexeitamento a negociar decisións futuras constatábeis e democráticas da cidadanía galega, vasca ou catalá.
O BNG aínda non avaliou esta proposta, malia que encaixe ao cento por cento na súa, arestora, multifronte reivindicación (financiamento, autogoberno, infraestruturas, enerxía…) da axenda galega. O Presidente Rueda, pola súa banda, non refugou a proposta, o que de certo agoira tensións futuras do PdeG canto á cuestión nacional galega no caso de que Sánchez acadase a investidura nesta enleada conxuntura.
Como escrebiu esta semana José Luis Gómez, Urkullu vén de xerar un debate fulcral para Galicia.