Non hai fronteiras

Cómpre decatarse da potencia que acadou a iniciativa popular a respecto do tema Terra de Tanxugueiras para representar ao Estado na Eurovision e mesmo para gañala. Mesmo -ou nomeadamente- dos que nunca estivemos pendentes da Eurovision Fest. O pobo é quen máis ordena e vivimos unha revolución nas últimas semanas canto á reivindicación da lingua e produción musical galegas. Porque Tanxugueiras constrúe desde a fusión entre a nosa tradición musical e os elementos modernos e internacionais que elas mesmas escollen para construír a súa proposta.
Neste contexto, a proposta das Tanxugueiras é atómica, porque foi quen de tirar de ducias de milleiros de galegos (e doutros cidadáns do Estado, seica na súa meirande parte dos territorios e nacións con linguas de seu) para reivindicar a súa lingua, cultura e música.
Mais nesa mobilización popular insírese unha outra demanda: que o Estado español, nomeadamente o seu establishment político, cultural ou mesmo musical, fose quen de recoñecer que a lingua e a música tradicional galegas (ben que moi fusionada con outros elementos que actualizan e potencian a proposta Tanxugueiras) puidesen representar un Estado plurinacional, pluricultural e plurilingüe que, asemade, fracasa na Eurovision Fest desde o século XX.
Este día vimos como o xurado de 5 persoas que a RTVE nomeou para esta tarefa excluíu Tanxugueiras da final do sábado 29-X, con graves sospeitas a respecto das 3 persoas españolas do xurado, tanto polos seus vencellos con outros concursantes como por unha posta en escena ben agresiva a respecto das que sempre foron as gañadoras na democracia do público.
De seguro que Tanxugueiras compite -e ha competir- a noite do sábado con esa España que acredita ser unilingüe, unicultural e uninacional. Ao mellor sen se decatar que está dirixida en todos os seus ámbitos por un deep state que tamén existe no mundo cultural, musical e do espectáculo. Porque a loita non é só cunha lingua galega prohibida de facto para representar España, senón cun establishment musical que non acredita na música que se fixo, fai e fará na nosa Galicia. Nin na súa evolución no próximo pasado nin no próximo futuro.
Quizais este domingo constituirá un abrente para que loitemos sempre por obter o mellor recoñecemento aos produtos culturais galegos na escena internacional, mais para ir recoñecendo que, neste Estado español no que vivimos, o que compre é recoñecermos o valor destes produtos na propia Galicia, albiscando un mercado europeo e internacional para eles, ao mellor, sen ter que pasar -por forza- pola España.

Convenios colectivos galegos

O mesmo Mariano Rajoy vén de recoñecer que a reforma laboral do Goberno do Estado PSOE-UP (decembro de 2021) modificou dun xeito moi limitado a súa contrarreforma laboral de febreiro de 2012. Malia todo, cómpre recoñecer algúns avances substantivos: que pola vía da subcontratación non se degraden condicións de traballo ou reduzan soldos, que os convenios sigan vixentes mesmo despois de rematar a temporalidade pactada ou que os convenios de empresa non poidan reducir os soldos dos convenios sectoriais. Claro é que cómpre introducir reformas urxentes para sectores específicos que non se estudaron abondo no proceso dunha reforma planeada pola vicepresidenta Yolanda Díaz para a súa propia gloria, como a cuestión do persoal investigador, que precisa instrumentos contractuais específicos que substitúan á contratación eventual de obra ou servizo que agora fica proscrita.
O convalidamento do Decreto-Lei do Goberno do Estado no Congreso atópase en grave risco, pois semella que só conta con PSOE, UP, Más País, Teruel Existe, Cs e PRC (167), coa moi lonxana posibilidade que os 4 deputados do PdeCat escindidos do grupo de JuntsxCat puidesen pactar con Sánchez e Yolanda Díaz. Á marxe do voto en contra existencial do PP e Vox (141 deputados por xunto), para BNG, PNV, EH Bildu, JuntsxCat, CUP, ERC e Compromís (32 deputados) é fulcral a prevalencia dos convenios colectivos de ámbito autonómico (no noso caso, de ámbito nacional galego); non hai xeito de arrumbala ou esquecela. O que mesmo pode ser complexo para os 2 deputados da UPN elixidos canda Navarra Suma, para a deputada do centro-dereita canario de CC e máis para o deputado do centro-esquerda canario de NC.
Na Galicia o primeiro sindicato en votos e delegados é a CIG, mentres que en Euskadi ese posto perténcelle á ELA-STV que, canda a LAB, sobrancea maioritariamente nas representacións sindicais vasca e navarra. No sector público catalán tamén sobrancea La Intersindical. Velaí a realidade social que alicerza esa ferreña actitude do soberanismo plurinacional.
Pensando na realidade deste País, como xa escrebiu hai poucos días o profesor liberal Miguel Anxo Bastos (USC), as pemes galegas (mesmo determinadas empresas galegas sobranceiras, como as conserveiras) haberían preferir marcos laborais pactados a nível de País, onde puidesen negociar con bo suceso os seus intereses e non depender dos intereses da grande empresa que dirixe a CEOE, que segue con esa falsa ladaíña da unidade de mercado que só significa que as grandes empresas manden e lles quiten o mercado ás pemes locais.
Tanto ás empresas galegas como ás persoas traballadoras do noso País interésanos moito a prevalencia dos convenios colectivos galegos. E iso non llelo van dicir nin Pedro Sánchez nin Yolanda Díaz.

Galegofalantes nas Asturies

É unha realidade case tautolóxica que o uso das diversas linguas non se axusta con exactitude ás fronteiras administrativas. É unha evidencia científica, ratificada dende os tempos de Dámaso Alonso nos anos 40 do século XX por todos os dialectólogos, que o galego que falan uns 40.000 cidadáns asturianos (5% da poboación das Asturies) dos 19 concellos do oeste do Principado é unha variante dialectal do galego, o galego oriental, que partillan tamén os galegofalantes do Berzo e da Seara (administrativamente en Castela-León) e os galegos da parte máis ao leste da Galicia administrativa.
Velaí que a Real Academia Galega (RAG) cumprise coa súa obriga cando se dirixiu ás autoridades do Principado para que o galego fose recoñecido como lingua oficial na vindeira reforma do Estatuto asturiano, canda á llingua asturiana, falada no resto do Principado, no norte da provincia de León e na vila portuguesa de Miranda do Douro. Propuña a RAG o modelo da lingua occitana en Catalunya, chamada aranés no val de Arán. Na área territorial do val de Arán o occitano é oficial canda o castelán e o catalán, que son oficiais no resto do territorio. Mais as persoas falantes do aranés teñen dereito a se dirixir na devandita lingua ás autoridades da Generalitat, mesmo que estean fóra do val de Arán, por exemplo en Barcelona.
Contra toda evidencia científica, o discurso de determinados elementos asturianistas é negar a galeguidade da lingua falada no occidente astur, que no canto dunha variedade dialectal do galego sería unha fala de transición (eonaviego) hoxe e mañá, a pouco que aprofunden nesa ladaíña acientífica, unha fala máis ou menos conectada coa llingua asturiana. Unha teima semellante -e conexa- á de chamar ría del Eo á que sempre foi na cartografía internacional ría de Ribadeo. Esa galega vila de Ribadeo que constitúe o centro comercial e urbano de referencia para as xentes do Occidente astur, contribuíndo non pouco ao mantemento do galego nese territorio.
Ogallá a cidadanía astur sexa quen de introducir a oficialidade da súa llingua no seu Estatuto. Mais ogallá que as entidades que defenden a llingua deprendan a defendela en cooperación e nunca competición coa lingua galega. Señoras e señores asturianistas, non se trabuquen vostedes de inimigo.
Por certo, que Xunta ten competencias e responsabilidades canto á promoción e ensino do galego na Galicia exterior, consonte cos artigos 35 do noso Estatuto e 21.2 da Lei de Normalización Lingüística. Sabemos que estas competencias se exerceron no Berzo, mais nunca en Asturies. Que fixo ao respecto a Secretaría Xeral de Política Lingüística? É certo que os gobernos do Principado todos rexeitaron introducir o ensino do galego no Occidente astur?

O líder político da Galicia moderna

Cumpriuse este venres, 7 de xaneiro, o 72 cabodano do pasamento en Bos Aires de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Castelao, canda Rosalía, son os principais persoeiros galegos da Idade Contemporánea. Rosalía como construtora espiritual da Nación. Castelao como líder político da Galicia moderna no século XX.
Malia as grandes remudas sofridas na Galicia e no mundo despois da súa morte, é abraiante a actualidade do seu pensamento político. Soubo distinguir entre os seus alicerces ideolóxicos (defensa da soberanía galega e do noso dereito a decidir) e a praxe estratéxica da conquista do Estatuto de Autonomía como solución do seu tempo ao encaixe autónomo de Galicia no Estado español. Defendeu un nacionalismo galego cívico e democrático, pacífico, integrador, europeísta e universalista, afastado de supremacismos e imperialismos. E, xa que logo, apostou pola unión confederal de Galicia, Euskadi, Catalunya, Castela e Portugal como parte constituínte duns Estados Unidos de Europa que construirían unha Unión Mundial desde valores de paz, humanismo, cooperación, multilateralidade e multipolaridade.
Comprendeu tamén Castelao cuestións tan actuais hoxe en día como a importancia de construír economía, Nación e sociedade democrática desde a industrialización e desenvolvemento económico baseado nos potenciais endóxenos galegos, a virtualidade do cooperativismo ou a importancia da recuperación do Dereito Civil galego. Defendeu sempre os valores da democracia liberal e refugou de solucións autoritarias de esquerda ou dereita, nunha época onde esa actitude política non era maioritaria.
Castelao é o grande líder pragmático que, canda Alexandre Bóveda, é quen de facer dun Partido Galeguista transversal e interclasista a vangarda que fixo posíbel conducir outras forzas políticas e sociais cara á aprobación plebiscitaria do Estatuto (28 de xuño de 1936) cun millón de votos favorábeis (case o 74% do censo electoral), superando os inxustos requisitos impostos polos gobernos republicanos de Azaña e Casares Quiroga.
No exilio bonarense Castelao fixo moitísimo con moi pouco. Soubo construír a alianza GALEUSCA con vascos e cataláns, dirixida a sobardar o marco constitucional republicano de 1931 para artellar unha República federal plurinacional. Constituíu o Consello de Galiza (novembro de 1944) cos deputados Elpidio Villaverde, Alonso Ríos e Suárez Picallo, como institución fideicomisaria da vontade cidadá galega expresada nas eleccións de febreiro de 1936 e no plebiscito estatutario de xuño de 1936. E esta institucionalización da vontade cidadá galega foi chave para que accedese como ministro representante de Galicia como país no Goberno republicano no exilio de José Giral (1946-47).
O pensamento e a praxe política de Castelao seguen vixentes.

A esquerda española das promesas incumpridas

O ano 2022 comeza cos primeiros Orzamentos estatais aprobados desde 2018, cunha lixeira modificación da lexislación laboral xa vixente e cunha nova normativa que permite aos empregados públicos interinos con máis de cinco anos de antigüidade consolidar o seu emprego só a medio da avaliación dos méritos. Velaí a fachenda do Presidente do Goberno do Estado no seu discurso desta fin de ano.
Certo é que a solución para o emprego interino foi imposta pola xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da UE e pola decisión do PNV e ERC, que definiu unha resposta lexislativa que o antigo ministro Iceta rexeitaba. E certo é que as moi limitadas -malia que positivas- reformas da lexislación laboral manteñen o núcleo esencial da reforma de Rajoy de 2012, ademais de centralizar a negociación colectiva a nível estatal, impedindo que os convenios galegos melloren as condicións laborais. Velaí a oposición a esta reforma do soberanismo e sindicalismo galego, catalán e vasco. Cando a CIG é o principal sindicato en votos e delegados no noso País.
Despois de dous anos de goberno de coalición estatal PSOE-UP e de máis de tres anos e medio de Gobernos Sánchez, a esquerda española non foi quen de derrogar a chamada “lei mordaza” nin de reformar o Código Penal para suprimir delictos que xa non existen na Europa, como as inxurias ao Rei ou a sedición, que permitiu as desaqueladas condenas do Tribunal Supremo de 2019 ás persoas presas políticas catalás ou para suprimir unha prisión permanente que é incompatíbel cos principios de resinserción que alicerzan as lexislacións penais das democracias europeas. Tampouco cumpriu a súa promesa dunha reforma da lei educativa que lle devolvese aos Gobernos autonómicos a responsabilidade a respecto dos contidos educativos, nomeadamente nas nacións con lingua propia.
Pedro Sánchez conta xa coas ferramentas parlamentarias para agardar os menos de dous anos que fican de lexislatura e que en moi boa parte llelas deron de balde ERC e EH Bildu. Desaproveitouse e séguese a desaproveitar a capacidade de transformación normativa e da gobernanza da coalición parlamentaria que fixo posíbel en xaneiro de 2020 a investidura de Pedro Sánchez, mentres este e Yolanda Díaz impoñen unha axenda lexislativa moito máis próxima á continuidade monárquica da transición que á transformación pola que votou a maioría en novembro de 2019.
A esquerda española está a incumprir as súas promesas e non é quen de percurar novos alicerces que lle conecten coa cidadanía. Velaí que estean a desbotar unha oportunidade histórica que pode entregarlle as chaves do vindeiro Goberno do Estado ao dúo de dereita radical do PP de Casado e Ayuso e o Vox de Abascal.