Solución pública para Alcoa

A decisión da multinacional Alcoa de pechar na vila mariñá de San Cibrao a única fábrica de aluminio primario de Galicia -e da Península Ibérica- supón a perda de 534 postos de traballo directos e uns 280 indirectos, con gravísimos efectos a respecto de milleiros de familias na Mariña toda. Pensemos que o complexo de Alcoa (que integra esta fábrica coa moi rendíbel de alúmina que seguirá a traballar) supón o terzo do PIB da provincia de Lugo. Unha catástrofe económica para a bisbarra mariñá e para todo o Norte de Galicia.
Desde que chegou á Moncloa -hai xa dous anos-, o Goberno Sánchez non foi quen de aprobar un estatuto para a industria electrointensiva que reduza o elevadísimo custo da enerxía eléctrica para estas actividades. Na Galicia exportamos case o 40% da enerxía que producimos, sofrindo os seus custos ambientais e paisaxísticos. A falla de rendibilidade da fábrica de aluminio de Alcoa subvenciona o consumo doméstico do barrio de Salamanca e do resto de barrios de Madrid.
Canto á Xunta, Feijóo segue a facer o que mellor sabe: botarlle a culpa aos demais, demitindo das súas responsabilidades como presidente deste País. Mentres o president Torra está a abrir negociacións directas cos directivos da Nissan no Xapón, o dos Peares renunciou interpelar aos directivos norteamericanos de Alcoa. Como xa dixo cando se declarou o estado de “alarma” canda a pandemia da Covid-19 “é un problema do Goberno central”.
Mais non haberíamos esquecer a principal responsábel, que é a propia Alcoa. Unha multinacional que pecha a fábrica de aluminio de San Cibrao porque no contexto do oligopolio mundial lle é moito máis rendíbel producir noutros lugares do mundo. Mais neste contexto ao mellor non matinou en que no novo paradigma europeo postpandemia é factíbel asumir o control estatal en empresas estratéxicas. Para Alcoa producir aluminio en San Cibrao pode non ser moi rendíbel, mais non pode ser viábel outro actor internacional producindo aluminio desde San Cibrao?
Velaí que a proposta de estatalización desta actividade produtiva, formulada polo BNG, CIG, UGT e CC.OO., semella unha solución merecente de fondo estudo, tendo en conta que sería posíbel pór recursos enriba da mesa, como os 38 M€ achegados en axudas públicas á multinacional nos últimos anos para o mantemento dos postos de traballo e máis o orzamento de indemnización extintiva dos traballadores e do propio peche físico.
É urxente estudar unha solución pública que incorpore Alcoa ao sector público estatal, coa participación da Xunta no órgano de administración. Mais priorizando unha xestión profesional, mesmo procurando un socio privado industrial que poida viabilizar a fábrica de aluminio primario de San Cibrao no contexto dos mercados internacionais.

O ingreso mínimo da dignidade

O chamado Ingreso mínimo vital (INMIVI) que vén de aprobar con efectos deste 1 de xuño o Goberno do Estado non é, certamente, a renda básica universal que moitas persoas defendemos desde hai seis anos. Onde os que defendemos tradicionalmente esta renda vemos un dereito permanente da persoa, o Goberno do Estado ve unha axuda, quizais temporal, para unha familia.

O INMIVI vai xer xestionado pola Administración estatal da Seguridade Social no canto da Xunta de Galicia e demais Administracións autonómicas, agás no suposto dos territorios forais de Euskadi e Nafarroa. Esta decisión constitúe unha vulneración nidia e directa do noso Estatuto de Autonomía (EAG). Porque o artigo 27.23 EAG outórganos competencia exclusiva no eido da asistencia social e o 27.24 EAG a mesma competencia exclusiva no eido do desenvolvemento comunitario. Pola súa banda, o artigo 33.2 EAG confírelle ao Poder Galego competencias no desenvolvemento lexislativo e execución da lexislación básica estatal de Seguridade Social e competencias exclusivas no réxime económico da Seguridade Social. Xa que logo, quer por fas (asistencia social) quer por nefas (réxime económico da Seguridade Social) a competencia exclusiva na xestión deste ingreso, por norma constitucional, cómprelle ao Poder Galego.

Porén, o INMIVI apróbase por Decreto-Lei estatal por mor da súa urxencia, prevendo que desde 2021 se lle poida ceder a súa xestión ás Comunidades Autónomas. Como pasado servidor civil do Goberno galego (2007-2009) nas relacións institucionais co Goberno do Estado, desculparán que non acredite nesta previsión porque coñezo o Madrid político e administrativo. E, confíen en min, é moito mellor xestionar o diñeiro desde Galicia que desde Madrid.

Mais convén precisar que a decisión do Goberno do Estado recoñece unha necesidade fulcral de boa parte da cidadanía e persoas residentes do Estado español: enfrontar uns níveis inaturábeis de gravísima pobreza (12,6% fronte a menos do 7% de media na Unión Europea). Dende esta perspectiva e alén das anteriores -e importantes- consideracións conceptuais e político-territoriais, o INMIVI do Goberno do Estado é un grande paso adiante cara á remoción da pobreza. Da pobreza da exclusión, mais tamén desa pobreza compatíbel co traballo que se implementou en moitas actividades económicas desde a Grande Depresión. É un grande paso adiante para garantir unha vida digna para as persoas excluídas ou en risco de exclusión.

O que non ha prexudicar que Galicia esixa xestionar este INMIVI. Este Ingreso Mínimo da Dignidade.

“Os requisitos fixados para a moratoria hipotecaria son enleados para a xente do común”, entrevista en Diario de Ferrol

Entrevista en Diario de Ferrol, publicada o 28 de maio de 2020. A versión orixinal pode verse aquí.

“Xoán Antón Pérez-Lema cre que os empregados da banca non foron debidamente formados para tramitar estas solicitudes e informar aos clientes.
Os datos indican que só se está aprobando o 20% das moratorias solicitadas…
Os requisitos son enleados: hai que estar en desemprego ou ser autónomo cunha baixa de facturación de máis do 40%, que sexa vivenda habitual –para persoas consumidoras– e mais os requisitos de vulnerabilidade: ingresos de até tres Iprem –agora é 543 euros–, máis incrementos por fillos menores, persoas maiores, dependentes, etc. Ademais, a cota hipotecaria xunto cos gastos en subministracións básicas (electricidade, auga…) serán do 35% dos ingresos e que a cota medre un 30% sobre a súa participación nos gastos da unidade familiar. É dicir, nun contexto de confinamento, con millóns de persoas con baixa formación dixital e baixa comunicabilidade –Quen ten megas a todo filispín na wifi? Quen ten datos ilimitados?–, o Goberno do Estado optou por un sistema enleado. De todos os xeitos, cómpre dicir que o banco non pode rexeitar a solicitude se cumpres os requisitos. E se o fai, existe un procedemento xudicial sumario que se pode facer valer.
– Diario de Ferrol (DF): As condicións que recolle o real decreto son demasiado esixentes?
– Xoán Antón Pérez Lema (XAPL): Son condicións confusas e non doadas de interpretar para a xente do común. Velaí a necesidade de acudir ás asociacións de consumidores (en Acouga temos o email acouga@acouga.net para resolver estas cuestións) ou aos despachos da avogacía para coñecer ben os dereitos. Hai que dicir que, fóra das condicións de desemprego, rebaixa dos ingresos de autónomos, empadroamento e convivintes na unidade familiar, o resto dos requisitos poden ser excepcionados cunha declaración responsábel que di sinxelamente que nós mesmos aseguramos cumprilos. Ollo, no mes posterior a rematarmos o estado de alarma haberá que xustificar documentalmente o manifestado nesta declaración responsábel. Penso que o persoal das oficinas nin coñece ben os dereitos dos seus clientes neste eido nin recibe formación das entidades. A grave limitación dos contactos presenciais cos empregados bancarios tampouco axuda, nomeadamente a xente maior e os sectores sociais con menos formación dixital e medios para operar en internet. Mais cómpre dicir tamén que saír a facer esta caste de xestións á túa oficina bancaria está permitido pola lexislación que regula o estado de alarma.
– DF: Cre que a banca está a ser proactiva nesta crise?
– XAPL: Proactividade, dende logo, non. O que contrasta coa que se ve a respecto dos préstamos ICO ou Igape para pemes e autónomos. Quizais é por falla de formación dos empregados comerciais. Ditouse unha enxurrada lexislativa e isto require unha actualización diaria, como facemos os avogados. Se as entidades non forman os seus empregados comerciais, estes non poden asesorar os clientes. Velaí que aconselle a todas as persoas que podan ser titulares de novos dereitos derivados da lexislación excepcional promulgada nas últimas semanas contra as consecuencias económicas da Covid-19 –prórroga de cotas hipotecarias e alugueiros, prestación para empregadas de fogar e contratos temporais, Igape para pemes e autónomos, suspensión de pagamento de subministración eléctrica e de telecomunicacións, etc– porse en contacto con Acouga ou cun despacho de avogacía para obter a información precisa. Porque, sen información, non seremos quen nin de coñecer nin de exercer os nosos dereitos como consumidores.”

Favor libertatis

O Código Penal -CP- de 1995 suprimiu a redención de penas polo traballo. Desde entón foron continuas as reformas do CP e da lexislación penitenciaria agravatorias das penas canto á súa duración e e execución. No 2016 estudos moi asisados reflectían un índice de delincuencia inferior nun 27 % á media europea, moi por baixo de Estados tan seguros como Suecia, Dinamarca ou Finlandia. Mais a taxa de encarceramento era a segunda máis alta da Europa (133/100.000 persoas). As penas no Estado español duran un 900% máis ca na Dinamarca e máis do duplo da media da Unión Europea. As penas cumpridas en réxime aberto ou de semiliberdade son só do 17%, cando na media europea atinxen o 27%. Outravolta a Marca España.
A fins de marzo deste 2020 a comisaria de Dereitos Humanos da ONU, Michelle Bachelet, diante dos gravísimos riscos da pandemia, reclamaba a liberdade das persoas presas idosas, de pouco risco social e as que cumprisen delictos non violentos. Na Administración penitenciaria dependente do Goberno do Estado non se cumpriu este pedimento. Pola contra, a supresión das visitas e dos permisos penitenciarios agravou as condicións de vida das persoas presas.
A mesma Administración penitenciaria do Estado, moitas veces coa colaboración da orde xurisdicional penal e penitencial, deturpan a finalidade constitucional rehabilitadora das penas. A lexislación penitencial sinala que os permisos penitenciarios han ser outorgados desde o cumprimento do 1/4 da pena, mais son algúns os Tribunais (como a Audiencia de Lugo) que non outorgan estes permisos, malia o cumprimento dos esixentes requisitos legais e concorreren acordos favorábeis unánimes das Xuntas de Tratamento dos cárceres, mesmo até a metade do cumprimento da pena. Moitas son as penas que se cumpren até o derradeiro día en réxime ordinario, sen ningún beneficio penitencial.
A pena limita a liberdade da persoa, mais non pode gravar a súa contorna familiar e persoal. As persoas vencelladas á ETA (inoperativa desde hai nove anos e hoxe fóra da loita violenta), ao movemento independentista galego e máis todas as declaradas culpábeis de calquera delicto haberían cumprir a pena canda a súa familia e residencia. O espallamento das persoas presas é unha ferramenta represiva allea a un réxime penitencial democrático.
Logo está a cuestión das persoas presas políticas vencelladas ao soberanismo catalán. O seu caso non ten nada a ver na súa xénese cos casos aquí desenvolvidos. Mais cómpre falar deles. É absolutamente urxente por razóns humanitarias, políticas e xurídicas rematar coa vergoña do seu encarceramento (que atinxe máis de dous anos e medio nalgúns casos). Botando man do despenalizamento total ou parcial do delicto de sedición, ausente da meirande parte dos sistemas penais europeos. Ou decidindo un indulto total ou parcial “ad hoc”. Fose como for. Porque a súa situación hoxe en día constitúe un escándalo democrático.

A inacción financeira de Núñez Feijoo

A Xunta de Galicia foi quen de equiparar as axudas aos autónomos (persoas físicas ou societarias) afiliados ao Réxime de Autónomos (RETA) da Seguridade Social (SS) coas persoas asociadas ás Mutualidades alternativas á SS (avogacía e procura, enxeñarías e arquitecturas superior e técnica, medicina e química). Financia e financiará con nada (0,00 €) ás persoas autónomas afiliadas a unha ou á outra das devanditas modalidades protectoras. Unha moi aquelada igualdade de trato -por abaixo-, que se engade á deficiente cobertura financeira duns servizos da quenda de oficio dos avogados galegos que foi conxelada (aproximadamente) en 10 M €/ano dende 2010 malia o grande incremento da litixiosidade xurídica.
A 50 días das eleccións nacionais do 12-X, a achega orzamentada do Goberno galego á reconstrución ecoómica do País non sobarda os 40 M €: 30 M€ para unha liña do IGAPE de subvencións de xuros de préstamos para pemes (que complementaba as insuficiencias do Goberno central, sempre atento ás grandes empresas españolas) e outros 10 M€ da sociedade pública galega xestora de fondos de capital-risco, XESGALICIA. Unha cativeza.
Coinciden estas circunstancias preelectorais, xa que logo, coa absoluta inutilidade das ferramentas económicas, financeiras e tecnolóxicas do Goberno galego, na dupla consideración do que non fixeron dende a asunción do Goberno polo PP de Núñez Feijóo en abril de 2009 e o que non fan desde que se declarou o estado de emerxencia sanitaria galega o 12-13 M 2020. O IGAPE, malia a capacidade técnica do seu cadro de persoal, non é quen de estruturar unha resposta propia dunha Banca Pública galega, mesmo dun Instituto Galego de Financiamento, a esta xeira destrutiva. XESGALICIA semella que só atende proxectos escollidos dende o criterio parcial e partidista. E a Axencia Galega de Innovación (AGAIN), no canto de acompañar as nosas empresas tecnolóxicas, afógaas nun mar de papel e burocracia.
No entanto, Catalunya, Euskadi, o País Valencià, Madrid, as Illas Canarias, Nafarroa e Castela A Mancha decidiron axudas directas a estas persoas autónomas, a grande maioría ampliadas tamén ás autónomas societarias e ás mutualistas alternativas ao RETA da SS.
Autónomas e pemes na Galicia enfrontamos a crise económica derivada da Covid-19 sen complicidade ningunha dun Goberno que é merecente do alcume de dependentista e nunca mereceu chamarse autónomo. Nos once anos do Goberno Feijóo e na súa inacción actual na crise pandémica, autónomos e pemes na Galicia nin tivemos nin temos quen nos valla.

“Preparamos accións xudiciais moi potentes contra DomusVi”, entrevista en Nós Diario

Entrevista de Lucía Rodríguez en Nós Diario, publicada o 19 de maio de 2020. A versión orixinal pode verse aquí.

“O avogado Xoán Antón Pérez Lema é o asesor xurídico dos colectivos de familiares de persoas usuarias das residencias. No momento en que a problemática chega aos xulgados, analizamos as accións previstas polas vítimas e as responsabilidades das direccións dos centros de maiores e da Xunta.

– Nós Diario (ND): Unha vez que a Fiscalía admitiu a trámite diversas denuncias de familiares de persoas usuarias dos centros de maiores e que as diversas fiscalías manteñen abertas varias investigacións, cal é a situación neste momento no plano xudicial?

– Xoán Antón Pérez Lema (XAPL): A Fiscalía Superior da Galiza remitiu ás catro fiscalías provinciais e ás fiscalías de área de Vigo, Santiago e Ferrol as denuncias presentadas e estas abriron unha investigación previa e recadaron datos para o exercicio das accións legais que procedan. Esta é unha cuestión na que está traballando o ministerio público pero nós, por outra banda, sexan as propias usuarias sexan as titoras, estamos requirindo información de condutas abusivas para a saúde, de neglixencia no fornecemento de material de protección ou de abandono nas cuestións asistenciais.

– ND: Que iniciativas prevén a curto prazo no ámbito xudicial as asociacións de familiares diante da situación padecida?

– XAPL: A nosa idea é prestar todo o noso apoio ás entidades de familiares de usuarios na constitución dun colectivo de afectados polo coronavirus nas residencias da terceira idade da Galiza, unha iniciativa extensíbel ao conxunto do Estado, para que esta plataforma que xurda poida exercer accións non só penais senón tamén civís polo incumprimento de contrato contra as xestoras dos centros de maiores. Achegáronnos ao longo deste período informacións verbais moi graves, como que houbo ofrecemento de equipos de persoal de protección por parte do Concello de Cangas e que no caso da residencia de DomusVi Aldán se rexeitaron. Mesmo algunhas facultativas do Servizo Galego de Saúde (Sergas) indicaron que a situación de base neste xeriátrico era moi negativa. Por non falar do incumprimento das ratios de persoal, que axudan a explicar as razóns das traxedias vividas nos centros de maiores.

– ND: Semella que houbo cuestións que se fixeron mal nalgunhas residencias. En que supostos civís e penais puideron concorrer as direccións dos centros de maiores durante a xestión da pandemia?

– XAPL: Se hai comportamentos graves por parte das direccións das residencias e por parte dos directivos dos grupos titulares das mesmas e se se pode constatar que a neglixencia vén de ordes concretas ou dunha actitude pasiva ou neglixente na distribución de equipos de protección e da ausencia do persoal requirido -non só nas ratios da Xunta senón a respecto do que é preciso nunha situación de pandemia- pode haber evidentemente comportamentos de tipo penal, de homicidios ou lesións graves por imprudencia profesional. Por outra banda, pensamos que imos poder acreditar polo civil un incumprimento substancial das condicións de contrato e entón pódense reclamar danos, sexa por mortes, lesións graves ou contaxios e mesmo para as negativas polo incumprimento das condicións do contrato que esta traxedia botou á luz.

– ND: Ao Goberno galego correspóndelle tutelar o funcionamento das residencias e dispón de informes de Inspección que advirten do incumprimento da normativa. En que responsabilidades legais pode incorrer?

– XAPL: Hai unhas responsabilidades evidentes das persoas que son titulares dos centros directivos, nomeadamente da Dirección Xeral de Maiores, da Subdirección Xeral e da Xefatura de Servizo de Inspección correspondente. Se se demostra que tamén houbo pasividade ou neglixencia activa ou pasiva diante das denuncias que lles chegaron a estes órganos, entón haberá lugar a denuncias penais e incluso a causas de responsabilidade patrimonial da Administración a respecto das residentes e eventualmente a responsabilidades penais das persoas titulares destes órganos.

– ND: Que conclusións xurídicas se derivan das recomendacións recollidas no informe do Consello de Contas de 2017 e que Feixoo dixo non coñecer?

– XAPL: O presidente insulta a nosa intelixencia cando di que non coñece o informe. Un documento que recolle actitudes moi graves nos centros de maiores, á vista das actas de Inspección de 2015 e 2016 e tendo en conta que malia non corrixirse os procedementos de sanción non seguiron adiante. Alí fálase do incumprimento da normativa de apertura e das ratios legais de 0,35% nas residencias de xestión e titularidade privada, dos incumprimentos dos convenios asinados entre a Xunta e as residencias nos centros de propiedade pública e xestión privada e do incumprimento do réxime contractual naqueles xeriátricos obtidos mediante concesión da Administración.”

A catástrofe humanitaria de Domus Vi

Das 600 persoas mortas pola Covid-19 en Galicia, un 46% morreron nas residencias da terceira idade. E máis do 25% nas residencias de Geriatros e demais sociedades do grupo Domus Vi, sobranceando os 50 mortos dos 150 residentes de San Lázaro-Santiago de Compostela e as 29 persoas mortas na Residencia de Aldán-Cangas (dun total de 100 infectados sobre 142 residentes), e 27 de Barreiro-Vigo. A primeira non foi intervida pola Xunta e as outras dúas si.
Estes números chocan cos das residencias públicas onde case non houbo infectados nin, xa que logo, falecidos. E teñen moito a ver coa xestión do servizo sociosanitario que os distintos actores privados desenvolven no noso País diante da neglixente actuación da Xunta de Galicia, na súa tripla función de comitente dos contratos públicos de xestión das residencias públicas de xestión privada, concertadora das prazas financiadas con fondos públicos nas residencias de xestión privada e Administración competente para a autorización de apertura e inspección do funcionamento dos operadores privados neste eido asistencial.
Ademais, chove sobre mollado. O Consello de Contas denunciaba no seu informe de 2017 que no 2014 houbo 65 actas de inspección e no 2015 57 que constataron graves incumprimentos en residencias de xestión privada. Moitos destes incumprimentos atinxían o miolo da cuestión: o incumprimento das ratios mínimas de persoal (0,35 traballadores/persoa dependente usuaria). En ningún destes casos se resolvería a deficiencia nas seguintes visitas inspectoras. En ningún destes casos a Xunta seguiu un procedemento sancionador nin impuxo sanción nin medida correctora ningunha. Mentres, o presidente da Xunta, preguntado “ad hoc” no decurso das súas comparecencias cotiás durante esta tempada de pandemia, negou tres veces (como San Pedro no Evanxeo) coñecer un informe que constitúe de seu unha das preocupacións anuais sobranceiras das persoas que ocupan un alto cargo na Xunta de Galicia.
U-la causa da catástrofe humanitaria nas residencias de xestión privada de Domus Vi e doutros operadores fronte á ausencia de casos nas públicas do Consorcio Galego de Servizos Sociais? Porque no primeiro caso estase a gañar cartos, malia que non se cumpran as ratios de asistencia e no segundo estase a coidar das persoas usuarias.
Cando semella que o perigo desta primeira ondada da Covid-19 está a pasar falta aínda un mea culpa do Presidente da Xunta que permitiu, coa súa inacción, que existisen as circunstancias de base que permitiron esta catástrofe humanitaria. E falta tamén unha explicación pública do grupo Domus Vi e da súa CEO viguesa.
Geriatros obtivo no 2018 unha marxe positiva de explotación de 15 M € sobre os 85 M€ facturados. Gaña moito máis por usuario/a do que gasta na súa alimentación. Na vida existe moita máis causalidade que casualidades.

A trampa electoral

O Presidente Núñez Feijóo está a piques de convocar outravolta as eleccións nacionais galegas, interrompidas a fins de marzo por mor da pandemia da Covid-19. Considera Feijóo que cómpre facer as eleccións, quer o 12, quer o 19 de xullo, e para iso achega informes sanitarios e xurídicos opinábeis e ambivalentes.
O subdirector xeral de Epidemioloxía da Xunta, Xurxo Hervada, informou que os últimos días de xuño e primeiras semanas de xullo serían as épocas de menos risco de rebrote do andazo. Mais xuridicamente xa non son posíbeis eleccións anteriores ao 12 de xullo. Precisamente Hervada avisa do perigo de rebrote por mor da visita a Galicia de persoas doutros territorios estatais (supoñendo pechadas as fronteiras extraestatais até ese intre), mais tamén da carga recorrente de todos os veráns de españois non residentes en Galicia aa respecto dos servizos de saúde primaria, hospitalaria e de urxencias do noso País. Deste xeito, desde a terceira semana de xullo o risco incrementaríase substancialmente. Por outra banda, os outros informes médicos que Feijóo achegou aos partidos manifestan unha grande cantidade de dúbidas sobre a evolución da pendemia só con que mudase un dos principais factores actuais ceteris paribus.
Canto ao informe xurídico da Avogacía da Xunta que está a usar o Goberno Feijóo, concordo con que a vixencia formal dos estados de “alarma” ( en galego alerta) e de emerxencia sanitaria de Galicia poden ser salvados, desde a aprobación da vixente prórroga do estado de alerta que autoriza as eleccións galegas. Mais o grave problema é o da materialidade xurídica, o da plena vixencia dos dereitos políticos. Convocadas outravolta as eleccións e vixentes as restricións de dereitos fundamentais de mobilidade, reunión, manifestación e participación política que sen dúbida regula o estado constitucional de alerta…. que campaña e precampaña teremos? U-los mitins, entrega de publicidade electoral, percorridos electorais ou mailings? U-los debates electorais obrigatorios, nun País que lle nega á oposición o dereito a debater co Goberno saínte?
Non, miñas donas e meus señores. Non hai máis persoas en Galicia pendentes das eleccións galegas que Núñez Feijóo e a súa contorna. As prioridades de hoxe en día para a cidadanía galega son a saúde e a recuperación económica. As mesmas que motivaron a suspensión das eleccións previstas para o 5-A, nunha decisión consensuada co BNG, PSOE e Galicia en Común, que abría a porta ao reactivamento do proceso baixo os mesmos parámetros de acordo plural, malia que foran deficientemente recollidos -por confiadas de máis as forzas da oposición- no definitivo acordo de suspensión electoral.
Se Núñez Feijóo reactiva a convocatoria electoral demostrará a súa falla real de precocupación pola saúde pública e reconstrución económica e máis a súa preocupación -que sería lexítima noutras circunstancias- pola maior vantaxe do PP.

A ideoloxía por riba da eficacia

Nos Estados federais ou plurais da Europa (Alemaña, Suíza, Austria, o Reino Unido…) a xestión da pandemia axustouse á distribución do Poder entre os Gobernos centrais e os Gobernos territoriais, ao mandato xurÍdico e lóxico da subsidiariedade: os Gobernos próximos coñecen moito mellor os recursos e as necesidades do territorio e, ademais, son os que contan cos medios persoais para enfrontar o perigo (sanitarios, servizos sociais, bombeiros, policías ou Protección Civil).
O Estado español xestiona a sanidade descentralizadamente dende 2002 (1991 no caso de Galicia, 1982 no de Catalunya e 1988 no de Euskadi). Logo o Goberno central era consciente da falla de medios e de “expertising” do Ministerio de Sanidade para enfrontar a pandemia como Mando Único. Porén, acordaron esa desaquelada recentralización, que fracasou gravisimamente na súa política de centralización de compras.
No desconfinamento, Pedro Sánchez manifestou o seu propósito de continuar co estado de alerta até o 1 de xullo e de reter o Mando Único, malia que esta decisión lle obrigase a prescindir de moitos dos aliados da investidura (ERC, EH-Bildu, BNG) e botar man da dereita de Cs. Un troco de socios que vai dereitizar substancialmente a política social e económica contra os efectos financeiros da pandemia.
Por que o Goberno do Estado está a elixir políticas máis ineficaces? Por que arrisca a súa política social e de rendas? Primeiro, pola mentalidade centralista da esquerda española. Despois, pola ideoloxía unionista e recentralizadora da maioría das direccións do PSOE e do PSC. Non por acaso, o ministro Salvador Illa copresidiu como máximo representante do PSC a demostración unionista, nomeadamente monopolizada polo extremismo, do 8-Ou de 2017 en Barcelona.
O 27-Ou de 2017 os senadores do PSOE e PSC, canda os de Cs e PP, acordaron un 155 que supuxo a disolución do Parlament catalán e o cesamento do Presidente da Generalitat e do seu Govern. Daquela moitos constitucionalistas denunciaron esta decisión, porque o 155 podería, cando máis, limitar o autogoberno, nunca suspendelo ou suprimilo. A decisión do Goberno do Estado foi aprobada pola maioría do Senado (PP-Cs e socialistas)
A aplicación do 155 en 2017 e do estado de alerta de 2020 amosa de vez quen é o Poder Soberano para o Madrid político, no sentido que lle deu o xurista filonazi Carl Schmitt, amosa de vez o prescindíbel para ese Madrid político -e para o Deep State– da organización autonómica e, xa que logo, do dereito de Galicia a se gobernar por si propia.

Excepcionalidade por tempo indefinido

O Goberno do Estado acadou unha nova prórroga do estado de alerta desde a mensaxe que non había plan B e que era totalmente preciso non só por razóns sanitarias, senón tamén para manter as regulacións temporais de emprego con dereito a prestación (ERTE).
Mais a lexislación sanitaria, estatal e galega e máis a Lei de emerxencias de Galicia (2007) fornecen de case todos os instrumentos do estado de alerta constitucional (requisas temporais, posibilidade de prestacións persoais, medidas obrigatorias de control e monitorizamento de doentes, infectados asintomáticos e os seus contactos). O único que achega de seu o estado de alerta é a restrición universal da mobilidade.
Canto ao eido social e económico, os ERTES por forza maior estaban referidos á duración do estado de alerta. Mais o Goberno do Estado pode referir esta duración a calquera outro parámetro, pois que a causa da forza maior non é o estado de alerta, senón a pandemia da Covid-19. De feito hai xa un acordo coa CEOE, UGT e CC.OO para prorrogar os ERTES até o 30 de xuño.
É preciso o mantemento do estado de alerta? Por canto tempo? A resposta depende da necesidade desa restrición obrigatoria e universal da mobilidade, por non ser abondo o réxime de recomendación xeral, que por certo rexe xa na Alemaña ou Portugal. Lembremos que os Gobernos autonómicos manterían todos os demais instrumentos, mesmo os de regular as condicións de accesibilidade e estadía nos lugares de traballo, comercios, lecer, etc.
A cuestión afecta substancialmente ao ámbito da liberdade da cidadanía. O presente estado de alerta foi interpretado polo Goberno central máis como estado de excepción, suspendendo de feito as liberdades de reunión e manifestación e importantes espazos de control político (inactividade dos portais de transparencia, anonimato dos expertos asesores do Ministro de Sanidade…). Máis grave aínda é a posibilidade de convocar as eleccións galegas nestas circunstancias. Como se van desenvolver os dereitos dos partidos e da cidadanía galega nese proceso electoral?
Mesmo no suposto do mantemento futuro do estado de alerta para todo o territorio do Estado sería posíbel que o Mando fose asumido polo Goberno autonómico, que é o que coñece mellor a realidade do seu País. Está previsto que o Goberno do Estado poida nomear Autoridade Delegada aos Gobernos autonómicos.
Velaí que a abstención parlamentaria do BNG fose a única opción posíbel. De non ser que demitise do seu propio carácter de forza soberanista galega e da súa liña estratéxica de afirmación da capacidade de autogoberno deste País. Liñas básicas que non dependen da conxuntura e hanse manter goberne quen goberne.