O erro Tellado

O filósofo Ortega y Gasset escrebiu o 15.11.1930 un artigo no xornal madrileño El Sol, no que dixo que o rei Alfonso XIII fixera un erro grandísimo ao lle encargar, en febreiro dese ano, ao xeneral Berenguer voltar ao réxime constitucional monárquico de 1876 de xeito normal, como se os sete anos da brutal ditadura de Primo de Rivera (1923-1930) puidesen pasar de esguello. Velaí porque o filósofo considerou Berenguer obxecto (non é o erro de Berenguer, mais si o erro Berenguer) e non suxeito, cualidade que lle pertencía ao malfadado rei Alfonso XIII. O artigo contribuíu á caída da Monarquía borbónica en abril de 1931.
Nesta fin de 2021 Núñez Feijóo está a facer o erro Tellado. O PPdeG, que acadou un 48% de votos en xullo de 2020, percebe desde o remate do verán de 2021 que o BNG segue tan forte como nas eleccións nacionais de 2020. Mesmo máis forte. Por primeira vez o PPdeG albisca a posibilidade real, mesmo a probabilidade, de perder as eleccións nacionais de 2024 fronte a unha coalición opositora liderada polo BNG. Quer dirixa ao PPdeG Núñez Feijóo, quer o dirixa calquera outro.
Fronte a este proceso, Núñez Feijóo anima un discurso Tellado, demonizador do BNG, que vai totalmente á contra do que pensa a xente, ademais de respostar a esquemas vellos e caducos. Porque o BNG definiu bastante a xeito na súa remuda congresual de novembro a dicotomía entre a ideoloxía de base (son soberanistas e defenden o dereito a decidir de Galicia) e a praxe que propoñen para a Galicia de arestora: un autogoberno blindado, a recadación e xestión de todos os tributos e unha lingua de uso preferente nun Estado transformado como plurinacional e nunha Unión Europea tamén transformada nunha Europa da cidadanía e dos pobos. É dicir, unha cosoberanía galega nun esquema confederal e plurinacional estatal e europeo.
Emitir mensaxes de medo a respecto do BNG como inimigo da convivencia non pertence a esta época, nin á nosa realidade. E enviar ao segundo Tellado para que os emita amosa que se está a perder o sentido da evolución dos tempos, mesmo que se está a perder o sentidiño. Ese sentidiño que a cidadanía galega esixe, agora e sempre, dos seus líderes.
A deputada do BNG Olalla Rodil, no Parlamento de Galicia, encaixou Tellado moi ben e máis ubicouno onde lle pertence: nos espazos da vella política dependentista que centos de milleiros deste País queren pechar, abrindo os que lles vencellen cos progresos da nova Europa, cos progresos do novo Mundo.

O dereito de vivirmos en galego

A lóxica do Estado español é beneficiar o castelán e limitar o galego e, tamén, ao euskera e ao catalán, malia que nestes dous casos cadanseu Poder autonómico compensa, nunha pequena parte, a abafante omnipresenza do castelán na Administración de Xustiza, no mundo empresarial, na publicidade e na comunicación e fición audiovisuais. Unha desaquelada desproporcionalidade, tendo en conta que somos un País no que sabemos falar galego o 89%, mentres un 53,3% aínda fala só ou nomeadamente galego e só o 24% fala sempre castelán.
O problema de base xurídica é que a Constitución só recoñece o deber xeral de coñecer o castelán. Mesmo o Tribunal Constitucional declarou inconstitucional no 1986 a obriga de coñecer o galego, euskera e catalán recoñecida en cadansúas leis de normalización lingüística. O mesmo Tribunal Constitucional e o Tribunal Supremo foron minorizando estas linguas cooficiais, impedindo que fosen de uso preferente e esixindo na práctica un uso subordinado e minorizado ao do castelán. Xuíces e fiscais poden exercer na Galicia sen coñecer o galego (velaí porque nun país con eses níveis de uso da nosa lingua só o 6-7% das sentenzas redáctanse en galego), mentres algúns médicos apelan a un suposto dereito á ignorancia que prexudica gravemente a relación coa persoa doente.
Son lexislacións, xuriprudencias e políticas baseadas na idea dunha España monolingüe na que as outras linguas constitúen unha incomodidade. Mesmo hai xente no centro peninsular que pensa que falamos galego (ou catalán) por amolar. E esta idea proxéctase nas persoas que veñen traballar a Galicia desde Hispanoamérica ou territorios monolingües do Estado. Hai poucos días, o porteiro de orixe mesetaria dun local de lecer nocturno dunha cidade galega espetáballe a dous meus amigos que presentaban o pasaporte Covid: “estamos en España y en España sólo se habla español”. Tamén hai poucos días unha mandadeira de orixe hispanoamericana, con varios anos de exercicio laboral na capital de Galicia, espetáballe a unha clienta logo de lle entregar o pedido “no me hables gallego que no te entiendo…”. Unha vez máis os preconceitos xerados en Madrid que se proxectan nas mentes de milleiros.
Para que se respecte o noso dereito de vivirmos en galego todas as persoas que aquí residen e traballan, cando menos, haberían amosar unha comprensión pasiva da nosa lingua. Mudar de código lingüístico é razoábel cos turistas e transeúntes, mais non se xustifica coas persoas residentes.
As persoas intelixentes ollan sempre para a lúa e non para o dedo que a sinala. No Estado español a lingua A, a privilexiada, é o castelán. Que o balbordo non nos confunda.

Deficitarios en dereitos humanos

Celebramos este venres 10-D o Día Internacional dos Dereitos Humanos nun intre no que os tres anos e medio de Goberno Sánchez non achegou avance ningún na normativa do Estado ao respecto.
Ollemos primeiro cara ao Código Penal (CP) español. Existen nel, arestora, delictos que xa non existen nos CP da Europa democrática, do que Rajoy chamaba países serios, mais non copiaba deles. A sedición que fixo primeiro vulnerar os dereitos fundamentais dos presos políticos cataláns e despois botalos ao cárcere é un delicto contra a orde pública que non conta con correspondencia ningunha na Europa democrática. Canto ás inxurias á Coroa permiten prender persoas que só desenvolven unha crítica política, contra da doutrina do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH), que é a nosa máxima autoridade xudicial neste eido.
En setembro denunciamos a inactividade do PSOE e da UP para derrogar a “lei mordaza” e darlle á vixente Lei de Seguridade Cidadá (LSC) unha organicidade democrática. Agora presentaron unha iniciativa que nos fará voltar á lexislación de 2015 só nalgunhas das cuestións obxecto de debate, sen lle dar ese enfoque orgánico e global aos problemas da LSC.
Unha democracia avanzada ten que defender os dereitos das persoas, mesmo a expresión dunha opinión colectiva de discrepancia radical, proa a quen lle proa, sempre que se desenvolva por medios pacíficos. Nesas cicunstancias, a policía non pode reaccionar se non hai danos ou riscos graves para as persoas, os servizos públicos ou o patrimonio público e privado e, mesmo nesas circunstancias, medíndose moito dentro dos criterios da proporcionalidade.
Quen, logo dunha reforma desta caste, agreda fisicamente ás forzas policiais habería pagar polos seus actos, mesmo cunha penalidade agravada, mais non tan gravosa como as dos vixentes e desproporcionados (en termos europeos) delictos de atentado, resistencia ou desobediencia do CP vixente.
Por outra banda, cando as ordes xurisdicional penal ou contencioso-administrativa xulguen procesos no eido da seguranza cidadá os relatorios dos policías e outras Autoridades ou axentes da Autoridade, haberían ser avaliados de xeito conxunto co resto das probas, sen lles dar ningunha caste de presunción, senón considerándoas manifestacións de funcionarios neutrais e especializados que, porén, haberán de enfrontar as regras xerais de análise da proba, mais que non poderán prexulgar de xeito ningún o resultado do proceso.
Esta reforma parcial da CP e da LSC só precisa dunha lei orgánica que as modifique, para o que abonda coa maioría da investidura de 2019. Se non o fan o PSOE e a UP é que non queren ou non son quen a facelo.

Eurorrexión e eixo atlántico

Nuns días chegará a alta velocidade ferroviaria desde Madrid até Ourense e, nuns meses máis, até Compostela e A Coruña. Isto xerará novas oportunidades de negocio para as actividades turísticas galegas, malia que a falla de encaixe do transporte de mercadorías no esquema do AVE limitará substancialmente as súas vantaxes a respecto doutras actividades económicas do País que, por outra banda, tenderá a se debruzar máis cara á complementariedade (turismo e lecer) co hub madrileño (tamén furado negro que baleirou a Meseta toda), que é o grande beneficiario dun AVE radial que quita recursos para outros eixos ferroviarios máis importantes para Galicia, como o corredor atlántico que leve as nosas mercadorías cara Europa ou a propia conexión de pasaxeiros e mercadorías con Porto e Lisboa, que reivindica o Goberno portugués como prioritaria a respecto da conexión Lisboa-Madrid.
Porque, como vén de explicar moi a xeito Antón Baamonde (Unha nova Olanda. De Ferrol ao Porto: as cidades galegas e o norte de Portugal no escenario global, 2021) Portugal rexeita construír as súas infraestruturas a medio dun esquema radial con centro en Madrid e iso constitúe unha grande oportunidade de futuro para Galicia. O Eixo Atlántico ferroviario A Coruña-Compostela-Vigo-Porto vertebraría unha eurorrexión de 6,5 millóns de habitantes, cun sistema portuario integrado co corredor ferroviario europeo atlántico de mercadorías que, xa que logo, podería competir na liga internacional do transporte marítimo, tendo en conta a nosa privilexiada posición xeográfica entre a Canle de Panamá e os portos do litoral atlántico europeo e do Mar do Norte. Un eixo atlántico que, polo seu carácter de integración europea interestatal, podería contar con abondos recursos da Unión Europea.
Galicia non é un país pobre nin despoboado, malia ter problemas de despoboamento e desequilibrio demográfico no interior do País. Na Galicia atlántica vive xa o 70% da poboación galega e, como escribiu hai poucos meses o economista Joám Lopes Facal, o percorrido urbano entre Ferrol e Setúbal constitúe un espazo fulcral da actividade económica e poboamento humano, quer no nível ibérico, quer no nível tamén europeo.
Semella chocante, pois, a baixa presenza na axenda galega deste debate, tanto a respecto da nosa integración na Eurorrexión como da conexión das nosas cidades e portos con Portugal e Europa, agás excepcións como as dos autores sinalados ou iniciativas como a empresarial da Rede Mundo Atlántico que empresarios galegos e portugueses fundaron hai poucos meses.
Arestora na beira portuguesa temos políticos tan a prol desta tarefa como o primeiro ministro portugués António Costa ou o alcalde portuense, Rui Moreira, promotor da Iberolux. Velaí que a oportunidade sexa única. Non haberá xa moitas máis.