Putin é culpábel

É indubidábel que Vladimir Putin deu orde de desenvolver contra a Ucraína unha guerra total e xeneralizada, que atenta non só contra obxectivos militares, senón tamén contra obxectivos civís -mesmo escolas e complexos residenciais-. Para máis, o seu discurso autoxustificativo amosou grandísimas feblezas dialécticas. Se antes a culpa era da expansión da NATO e da vulneración polo Goberno ucraíno dos acordos de Minsk de 2014 e 2015, o mércores 24-F Putin negáballe á Ucraina o dereito á súa existencia como Estado, pretextando unhas fronteiras (adoptadas hai agora cen anos, cando a República Socialista da Ucraina foi cofundadora da Unión Soviética) que seica incorporan millóns de rusófonos ao Estado ucraíno rexido dende Kyiv.
Vaia por diante que as políticas de expansión da NATO cara ás fronteiras rusas desde a implosión da Unión Soviética (1991) contribuíron a incrementar substancialmente o nacionalismo agresivo ruso e que, nun xogo de equilibrios de poder nun mundo multipolar, semella pouco seguro para Rusia que despeguen avións norteamericanos ou españois de bases nas Repúblicas bálticas. Tampouco deixa de ser verdade que na Ucraína conviven millóns (quizais até un terzo) de rusofalantes e que moitos destes considéranse máis próximos aos seus veciños de Rusia e Belarús. Sen dúbida a Ucraína (independente desde 1991) non soubo ou non quixo construír un Estado federal que recoñecese o bilingüismo nas rexións orientais rusofalantes e hoxe Rusia é para millóns de persoas ucranianas do leste un referente máis próximo que Kyiv. Tampouco fixo moito por clarexar supostas mortes e abusos de extremistas ucraínos como o chamado Batallón Azov, malia que tampouco contemos con probas obtidas de xeito independente da responsabilidade dos Gobernos ucraínos e moito menos do actual do Presidente Zelensky.

Galicia, Galicia, Galicia

O martes de entroido o máximo órgano entre congresos do PP estatal convocará o seu Congreso Extraordinario para os vindeiros 2 e 3 de abril, abrindo un periodo até o 16 de marzo para a presentación de candidaturas á Presidencia estatal do partido. Polo que sabemos, xa se ten acadado un pacto entre os baróns territoriais para que non haxa máis candidato que Alberto Núñez Feijóo.
O cargo de presidente do PP estatal é incompatíbel coa presidencia do PP galego, polo que cómpre prover axiña a sucesión orgánica do Presidente da Xunta. E, ao tempo, a persoa que sexa elixida presidenta do PP galego enténdese investida de pleno Dereito como candidata á Presidencia da Xunta. Xa que logo, semella que a elección de Núñez Feijóo como presidente estatal do PP suporá a súa demisión como presidente da Xunta e mesmo como deputado no Parlamento de Galicia. Deste xeito ráchase o compromiso do Presidente Núñez Feijóo coa cidadanía galega. Cando dixo “…es mayor mi compromiso con Galicia que con el partido” (El País, 26.02.2020) seica non dicía a verdade.
Castelao -o líder político da Galicia moderna- adoitaba lembrar nos seus últimos anos esta idea do seu antigo amigo, galeguista de dereitas Vicente Risco: “Ti dis: Galicia é ben pequena. Eu dígoche: Galicia é un mundo… Non digas tampouco: Galicia é ben pequena; pequeno es ti, que endexamáis poderás concibir nada grande”. Porque, verdadeiramente, é chocante, despois de 13 anos de maiorías absolutas (a derradeira, cun 47,5% dos votos), dicirlle ao teu pobo, ás persoas que partillan canda ti a cidadanía galega: “marcho, que teño que marchar”. Chocante e triste.
Seica é verdade o que nos dicía o profesor Antón Losada (USC) no xornal Noticias de Navarra en xullo de 2020, poucos días antes das eleccións nacionais galegas, cando comentaba que Núñez Feijóo non había rematar o mandato cidadán de xeito ningún. E seica até podería ser verdade o que din outras persoas analistas que din que Núñez Feijóo volta a Madrid, onde en realidade pertence. Back where you belong.
Porque para unha persoa deste País non pode haber servizo público máis preciso, honesto e eficiente que servir no Goberno de Galicia ou en calquera das súas Administracións locais. Mais, se o Presidente do Goberno galego acredita que marchar para aló é o seu deber, principiamos a entender o que pasou coas Caixas, Pastor ou Gallego. E máis entender por que non se defendeu a lingua, cultura e desenvolvemento empresarial galegos e por que nin se reclamou nin se acadou ningunha competencia ou servizo adicional. Mesmo as/os que lle deixou o vicepresidente Anxo Quintana na mesa do agora vicepresidente Rueda en abril de 2009.

Inimigos das nosas liberdades

Nas rexionais de Castela e León, o domingo 13-F, Vox sobardou o 18% de votos, acadando máis do 20% nas súas principais cidades (Valladolid e Burgos). O fenómeno agravouse substancialmente días despois, coa implosión do PP por mor das denuncias de grave corrupción de Casado e García Egea contra Díaz Ayuso, que coincidiron coa actitude refractaria daqueles e favorábel desta a unha coalición de goberno do PP cos extremistas. Electomanía vén de publicar unha enquisa desenvolvida entre os días 14-F e 18-F que lle dá o primeiro posto ao PSOE e o segundo a Vox (quen seica lle daría o sorpasso ao PP) nunhas vindeiras eleccións estatais.
Non partillo esa espallada idea de que Vox sexa un partido fascista. É un partido de extrema dereita que amorea xente hoxe en día xa bastante diversa, mais coincidente nunha corrente central de franquismo sociolóxico. Porque tentan (canda un sector maioritario do PP madrileño, representado por Aguirre e Díaz Ayuso) liquidar os avances democráticos do réxime de 1978 -desde unha mutación constitucional pilotada polo Deep State– para voltar a unha sociedade española agresiva coa personalidade nacional galega (e contra calquera plurinacionalidade e pluriculturalidade), coa igualdade de xénero e coa integración das persoas inmigrantes. Porque tentan voltar a un Estado español que exclúa as persoas que exercemos unha identidade nacional incompatíbel coa deles, canda ás persoas feministas, ecoloxistas ou simplesmente progresistas.
A ideoloxía e a praxe política de Vox é unha ameaza para Galicia e para a economía e a sociedade galegas. Porque representan unha fracción das elites españolas que i) refugan de Europa como comunidade de dereito e liberdades e espazo de políticas sociais e económicas comúns, e ii) queren destruír calquera política autonómica e local que fomente a economía galega e xere oportunidades para as nosas empresas, mesmo impedindo as normativas europeas e galegas que favorezan a contratación de compañías locais para as obras e servizos públicos que precisan as Administracións Públicas.
Velaí que Galicia, onde Vox é aínda anecdótico, teña que desenvolver unha acción política e social coordenada para construír un valado contra esta clase de política antidemocrática que quere liquidar tamén o noso autogoberno. Un autogoberno que, malia as súas gravísimas feblezas, podería constituír unha potente ferramenta de defensa da nosa economía.
A extrema dereita franquista é inimiga dos intereses da empresa, economía e sociedade galegas, así como do noso autogoberno e mesmo existencia como País. E, tamén, constitúe unha fronte de millóns de persoas que non saben nin queren vivir en democracia e arelan destruír as nosas liberdades. As que nos pertencen como persoas e como cidadanía galega e europea.

Pérez Jácome e Núñez Feijoo

O alcalde ourensán, Gonzalo Pérez Jácome, quitou 2 sobre 27 concelleiros no 2011, 8 no 2015 e baixou a 7 no 2019, malia que desta vez quitou a alcaldía por vez primeira coa inestimábel colaboración do voto do PPdeG de Núñez Feijóo. E mantén esta alcaldía só con outros 3 concelleiros (4/27!!), logo de que os demais marchasen do seu partido localista (Democracia Ourensana -D. O.-) no primeiro ano da súa alcaldía, por mor de graves sospeitas de corrupción (suposta esixencia de peaxes a respecto dos soldos dos cargos de confianza).
Antes de entraren no concello e instrumentando a súa canle de TV e máis o seu partido, Jácome denunciara na xurisdición penal moitas das actuacións do goberno local de coalición PSdeG-BNG que gobernou Ourense entre xuño de 2007 e maio de 2015. Denuncias que ficaron todas en arquivos ou absolucións, malia que desfixeran daquela a gobernanza municipal ourensá.
Mais Pérez Jácome non estivo só nesta angueira, pois contou coa colaboración inestimábel do pasado fiscal provincial de Ourense, Florentino Delgado, que desenvolveu o cargo entre 1995 e primeiros de 2019 e que foi sancionado pola Fiscalía Xeral do Estado a 19 meses de suspensión pola comisión de dúas faltas moi graves e outras dúas graves (atrasos inxustificábeis no trámite de denuncia contra o antigo alcalde do PP de Ourense, Manuel Cabezas, e a outros 18 meses de suspensión por outras dúas faltas moi graves, por continuar no uso da súa vivenda ourensá con cargo á Xunta cando esta xa lle requirira a despexala).
Pérez Jácome está sendo investigado por un delicto de malversación de diñeiro público polo Xulgado de Instrución nº 2 ourensán, polo desvío ao seu propio patrimonio persoal de 50.000 € e ao da súa canle Auria TV polo pagamento da súa licenza á Unión de Televisións Galegas.
Este venres, 11-F, o alcalde ourensán botou fóra do Pleno arbitraria e ilegalmente ao voceiro do BNG, Luís Seara, feito que motivou o abandono do Pleno por parte dos grupos do BNG, PSdeG e PPdeG, canda os tres concelleiros non adscritos, no seu día elixidos pola candidatura da D. O.
O casco histórico ourensán agonía, amosando o meirande número de baixos comerciais baleiros de toda Galicia, mentres este alcalde transfire todos os recursos humanos municipais destinados ao casco histórico aos servizos xerais de Urbanismo. Tamén deixou sen orzamento nin xestión as principais actividades culturais que desenvolvía o concello, entre elas o Festival de Cinema.
E que di Núñez Feijóo? Que dí Tellado, secretario xeral do PPdeG? Só calan cando non celebran os desaquelados actos e falas desta catástrofe ourensá e galega.

Ensinanzas das Tanxugueiras

1.- Unha parte moi importante da cidadanía galega está a medrar substancialmente na súa autoestima, séntese solidaria coa súa lingua e cultura e converte a pertenza á galeguidade na súa referencia no mundo. A identidade nacional mantense e evolúe malia o proceso de globalización ou mesmo canda el.
2.- A música das Tanxugueiras, canda moitos outros produtos musicais e culturais galegos, son creacións dunha moi grande calidade, calquera que sexa a referencia (estatal, europea ou universal) coa que fagamos a comparanza. Elas amosaron que a música tradicional galega é unha creación popular e viva, que é quen de evoluír e se actualizar en interacción (que non mestizaxe) con outras achegas. Esta calidade comparativa é moi evidente, polo que no próximo futuro non haberíamos precisar da aprobación exterior para encher os concertos das nosas artistas e mercar a música e os libros das nosas creadoras.
3.- A lingua, cultura e música galegas son ben recibidas pola grande maioría da cidadanía do Estado español, como tamén no ámbito europeo e universal. O rexeitamento á nosa lingua e cultura, canda o encaixe nunha España plurinacional dunha Galicia de seu, non xorde dos pobos, senón da aparataxe do Estado, das estruturas do Deep State, das elites do palco do Bernabeu, do establishment cultural, musical e do espectáculo.
4.- O problema non é só político, senón económico. O xuri nomeado pola RTVE, expresión dese establishment do espectáculo, serviu aos intereses de determinadas produtoras do Madrid artístico. Chanel non tiña dereito a percebir diñeiro pola explotación económica dos dereitos de autor (que van ir para esas produtoras), mais as Tanxugueiras si. Un trunfo das Tanxugueiras, ademais, amosaría o bo acollemento do público español a produtos culturais e musicais en galego, catalán, euskera ou asturiano e iso non lles encaixa aos que só acreditan na España unilingüe, uninacional e unicultural que serve aos seus intereses económicos e á difusión dos seus produtos culturais.
5.- O Estado e as súas Institucións (tamén a RTVE) son moi dificilmente reformábeis e non dubidan, quer de mudar as regras de xogo á metade do partido, quer de revirar a aplicación destas normas, como fixeron as dúas persoas do xuri que votaron Tanxugueiras coas puntuacións de “2” e “4”, reservadas para a peor e a segunda peor escolla.
6.- O vivido habería valer para que centos de milleiros enxergásemos como funcionan tanto as institucións do Estado como as elites e conexións do Deep State e comprendésemos que a dificultade real de compatibilizarmos a galeguidade coa españolidade baséase só no concepto discriminador e supremacista co que a ideloxía dominante define España.