A Constitución minoriza a nosa lingua

O réxime xurídico-lingüistico constitucional no Estado español alicérzase na oficialidade do castelán en todo o seu territorio e na minorización das outras línguas, que só poderán ser oficiais en cadanseu ámbito autonómico consonte co seu Estatuto. Para máis, a xurisprudencia constitucional (até de agora; cómpre mudar isto no próximo futuro) impide que por vía estatutaria se poidan equiparar xuridicamente galego, catalán e euskera ao castelán, único do que se pode esixir con carácter xeral a obriga do seu coñecemento.
Este réxime constitucional é totalmente oposto ao dos Estados plurais e/ou federais. Na Finlandia son oficiais en todo o territorio finés e sueco (falado só polo 5% da poboación) e este é o único idioma oficial nas illas Aland. Na Suíza son oficiais no conxunto da federación o italiano, o alemán e o francés, mentres o romanche (falado por só 60.000 persoas, o 0,8%) é cooficial canda o alemán e o italiano no cantón dos Grisóns e oficial no territorio todo canto as relacións da Administración federal suíza cos falantes desta língua. Os cantóns son libres de elixir a súa lingua oficial e todos escolleron o monolingüismo, agás os bilingües Bern, Fribourg e Valais, canda os trilingües Grisóns.
Na Bélxica son oficiais no conxunto do territorio francés, neerlandés e alemán, este falado só por uns poucos milleiros de persoas, En Flandres é só oficial o neerlandés e na Valonia só o francés, mentres na área de Bruxelas rexe o bilingüismo oficial francés-neerlandés. Canto ao Canadá o francés é oficial en todo o territorio desde 1867, malia que só sexa oficial na provincia autónoma de Quebec, onde o inglés non desfruta desa oficialidade.
Velaí este grande desequilibrio, que atenta contra as regras da democracia liberal, porque mentres un utente do castelán pode vivir na súa lingua en todo o territorio do Estado os utentes do galego non podemos vivir en galego no noso País, suxeito a un réxime de cooficialidade no que o galego ocupa un lugar secundarizado.
Para onde ir? Que facer? A presente crise de Estado puxo no foco esta desigualdade xurídica do galego, castelán e euskera cara a súa oficialidade no Congreso e na Unión Europea, mais estes positivos (e aínda non acadados) avances non abondan. O galego precisa dunha lei orgánica estatal que garanta o seu uso oficial nas relacións da nosa cidadanía con calquera institución e órgano da Administración Xeral do Estado, da Administración de Xustiza e das Administracións estatais tributaria e de seguridade social. Unha lei que tamén promova o estudo e coñecemento das linguas oficiais distintas do castelán fóra de cadanseus territorios como ferramenta acaída para superar o actual desleixo e descoñecemento da cidadanía española a respecto da nosa lingua.
O galego segue a estar minorizado no noso propio País e a base deste problema está na propia Constitución española.

A axenda galega: ampliarmos o autogoberno

Falabamos a semana última do financiamento do autogoberno galego como primeiro capítulo da axenda galega que cómpre levar ás negociacións previas á investidura. Hoxe é a quenda da propia ampliación das competencias públicas que alicerzan esse autogoberno.
O Estatuto de Galicia (EAG) recoñece a titularidade galega a respecto dalgunhas das competencias que non son efectivas pola falla do traspaso dos medios e servizos cos que o Goberno do Estado as xestiona.Velaí i) o ordenamento do litoral (artigo 27.3 EAG), ii) o traspaso da AP-9 e da AP-53 por decorrer integramente no territorio galego (artigo 27.8 EAG in fine), iii) as liñas de alta tensión (LAT) Mesón do Vento-As Pontes e As Pontes-San Cibrao (artigo 27.13 EAG in fine), o ordenamento do sector pesqueiro (artigo 28.5 EAG), a inspección de traballo (derivada doi artigo 29.1 EAG), competencias de execución en salvamento marítimo (artigo 29.3 EAG). inspección da Seguridade Social (artigo 33.2 EAG in fine) ou a xestión do seu réxime económico no territorio galego (artigo 33.2 EAG). Tamén a xestión de bolsas e axudas ao estudo e a xestión dos museos, bibliotecas e arquivos de titularidade estatal (traspasos de servizos pactados xa polo vicepresidente Anxo Quintana en decembro de 2008 e que Feijóo e Rueda nunca quixeron asumir nestes case 15 anos).
Por outra banda, precisamos dunha lei orgánica potente (promovida polo BNG e demais forzas soberanistas) para acadarmos a transferencia das competencias nos eidos do tráfico, da seguridade viaria, da policía de seguranza pública e das competencias do goberno e réxime local, a xeito de transformación estrutural do Estado para recoñecermos as competencias que todos os Estados federais e plurinacionais lles atribúen ás súas autonomías subestatais.
Mais as nosas competencias autonómicas coñeceron desde o ingreso nas Comunidades Europeas no 1986 un proceso de redución e homologación que ha ser freado de vez co gallo desta inusual oportunidade. Un proceso recentralizador sempre potenciado por eses árbitros caseiros que son os Tribunais Constitucional e Supremo que agora cómpre ser, primeiro denunciado, logo remitido, en último de contas desfeito.
Tamén cómpre blindarmos a nosa lingua propia como preferente no uso público e civil e máis como vehicular en toda caste de ensinos. A medio dunha lei orgánica de linguas oficiais, cos mesmos devanditos promoventes, ampliaremos as estreitas marxes da cooficialidade do artigo 3 da Constitución para equiparar de vez xuridicamente o estatuto xurídico-constitucional do galego e do castelán. Lexislando a obrigatoriedade de uso e coñecemento do galego para todos os empregados públicos na Galicia
Haberemos ter tempo abondo neste impasse político para analisarmos estas e outras cuestións.

Estado plurilingüístico, Estado plurinacional

O acordo acadado entre o PSOE e JxCat, apoiado ferreñamente e monitorizado polo conxunto dos soberanismos galego, catalán e vasco abre o camiño (nin moito menos percorrido) para garantirmos o uso da nosa lingua no Congreso e, das súas resultas, na Administración Central do Estado, canda na Unión Europea.
É evidente que o que nos cómpre á cidadanía galega (e penso que tamén á cidadanía vasca, navarra, catalá, valenciana e baleárica) é garantirmos o galego como lingua vehicular na Galicia no ensino e de uso preferente nas Administracións Públicas, canda a súa normalización real no eido empresarial, civil e no ámbito do lecer, cultural e deportivo. Mais estes acordos son moi potentes, porque teñen unha fasquía de insólito recoñecemento á plurinacionalidade do Estado. Ollen senón as análises e comentarios da prensa madrileña, que auguran a ruptura do Estado e demais catástrofes bíblicas se os nosos deputados falan a lingua de Rosalía no edifício dos leóns. Porque a unidade do Estado para moita desta xentiña (por non dicir xentalla) depende de se as persoas deputadas levan ou non un aparello de escoita traducida na orella.
En realidade esta reacción desaquelada da España unitarizante reflicte a existencia dunha dupla visión do Estado: a propia dos que negan a súa pluralidade consubstancial (pluralidade nacional, cultural e lingüística) e das que consideran esa pluralidade como un inconveniente máis ou menos grave que, como moito só se pode “conlevar” (Ortega y Gasset dixit). O certo é que como xa advertiu de esguello Josep Pla, esa clase de análise é tan propia do español de esquerdas como do español de dereitas. Hoxe a diferenza é que o español de esquerdas precisa da chamada terceira España (eufemismo que agacha o conxunto dos soberanismos GALEUSCAT) para continuar co seu proxecto político, co risco de ser botado fóra da Moncloa se non aquela este acordo histórico.
Cómpre lembrar que estas medidas conectan cos Estatutos e Leis de normalización lingüística de hai 40 anos, co artigo 27 do Pacto de Dereitos Civís e Políticos da ONU (1966), que recoñece o uso da lingua propia, tamén nos ámbitos todos da vida persoal, civil e administrativa e coa Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias de 1992, vixente no Estado español desde o 2004. Por certo, cómpre lembrar que o galego non é unha lingua minoritaria na Galicia, senón minorizada, como o castelán é nidiamente a lingua maiorizada na Galicia pola acción continuada e homoxeneizante do aparello estatal español.
Este habería ser o camiño para a plena introdución do galego como lingua preferente na Administración de Xustiza e na periférica do Estado e para garantir a súa presenza substancial no Instituto Cervantes, na Axencia Estatal Tributaria e na Administración da Seguridade Social, así como nas axencias e institucións europeas todas. Mais cómpre lembrar que temos adversarios moi poderosos.

A axenda galega: o financiamento

A febleza relativa tanto do bloque das esquerdas españolas (PSOE+Sumar=152/350 deputados) como do bloque das dereitas (PP+Vox+UPN=171/350 deputados) abriu unha fenda de oportunidade para que os soberanismos galego, catalán e vasco poidan introducir na axenda estatal importantes cuestións referidas á organización estrutural do Estado. Cada voto é fulcral, non só cara á investidura senón cara todas e cada unha das votacións da lexislatura. É, logo, o tempo da reivindicación da axenda galega. Neste senso, a negociación de JxCat co PSOE pola presidencia do Congreso apréndenos da importancia das ferramentas de convalidamento a respecto do cumprimento dos acordos acadados. Porque é de coñecemento xeral que o PSOE asina acordos moi rápido e para cumprilos incorre nunha preguiceira e fachendosa lentitude.
O financiamento autonómico é unha destas cuestións fundamentais, cun sistema caducado desde 2014 que non é quen de fornecer Galicia (nin territorio ningún común fóra de Ceuta e Melilla) dos recursos precisos para financiar a xeito os nosos servizos públicos, malia achegar no 2021 5.082 M€ máis dos que recibimos do Estado (recadamos 13.974 e só percibimos 8.892). Porque a centralización do ingreso nos territorios autonómicos de réxime común (todos agás Euskadi e Nafarroa) determina que o Estado conte cun excedente financeiro para os servizos da súa competencia, mentres que os principais servizos públicos (sanidade, educación, servizos sociais e cofinanciamento da dependencia), de prestación autonómica, son condenados a un delongado infrafinanciamento, que fana gravisimamente tanto unha gobernanza acaída canto un autogoberno real.
Certo é que, nestas circunstancias, Galicia precisaría reivindicar o sistema de cota (“cupo” no castelán) proposto, hoxe polo BNG, onte polo BNPG, EG e polo vicepresidente Carlos Mella no 1984 (Goberno Albor de AP-Independentes) seguindo a nidia e infalíbel lóxica de “primeiro recado e, se cómpre, despois pregunto”. Porque a centralización do ingreso é a chave do xogo de caloteiros que, no prexuízo da prestación dos servizos públicos galegos, adoita desenvolver o Goberno do Estado.
Malia esta verdade verdadeira é probábel que cumpra contar cun plan B neste eido, que só pode transitar polo afondamento na nosa autonomía financeira, incrementando substancialmente o 50% de cesión da recadación do IRPF e IVE e o 58% dos impostos especiais. E, nomeadamente, engadindo ao conxunto dos impostos cedidos o Imposto (directo) de Sociedades (IS), de xeito que o domicilio social (adoito madrileño) sexa substituído canto ao criterio para a imputación do beneficio fiscal polo do lugar de xeración do mesmo. De certo determinarmos o tal non ha ser automático, mais axiña contaremos con modelos matemáticos acaídos para saber que parte (90%, 94%…) do beneficio fiscal liquidábel no IS de ENCE, REPSOL e STELLANTIS se devindica no noso País.

A idoneidade da “taxa turística”

A masificación do turismo de peregrinación en Compostela ten chegado a níveis pouco aturábeis. A capital deste País recibe 1,15 visitantes/habitante, fronte a cadanseus 0,77 e 0,44 das ateigadas Palma e Barcelona. Para máis abastanza, o turismo concéntrase en zonas de alta fraxilidade patrimonial (catedral e contorna). Velaí que o Pleno aprobase en setembro de 2022, sen voto ningún en contra, a creación dunha taxa turística. Porque esta enxurrada de visitantes xera moi importantes custos adicionais nos servizos públicos (limpeza, mantemento de estruturas, protección patrimonial, calidade das augas…)
A alcaldesa actual, alicerzada na lexitimidade deste amplo acordo, vén de lle remitir unha iniciativa lexislativa á Xunta de Galicia redactada polo catedrático de Dereito Financeiro e Tributario da USC, César García Novoa, para crear este tributo.
Malia se denominar popularmente taxa o tributo que grava as pernoctas e estadías hostaleiras é un imposto indirecto. As taxas remuneran o uso privativo dun servizo público ou dun ben de dominio público (taxa de vado, taxa por licenzas…). Porén, este imposto aproxímase á idea da taxa no beneficio individualizábel que recibe o visitante co conxunto de servizos públicos da cidade, que á súa vez xeran na mesma eses problemas de masificación e eses custos adicionais.
O Concello compostelán non ten competencias para crear novos tributos. Velaí a razón da proposta á Xunta, para que presente no Parlamento galego un proxecto de lei regulando este imposto, que gravaría as estadías en toda clase de establecementos hostaleiros (mesmo albergues, campings, áreas de autocaravanas, casas de turismo rural e vivendas turísticas) que non tivesen unha finalidade sanitaria, educativo-formativa ou laboral. A proposta lexislativa regula entre 0,5 € e 2,5 €/día a cota tributaria, atendendo á categoría hostaleira da infraestrutura.
A proposta cinguiríase só aos concellos declarados pola Xunta de grande impacto turístico, esixindo para a devandita declaración o acordo de cadanseu Pleno. Deste xeito non se esixirá en concellos que non o acorden previamente. Os recursos obtidos integrarían un Fondo galego que se destinaría nun mínimo do 95% a estes concellos.
A proposta compostelá ofrécelles aos Concello da Coruña e Vigo a posibilidade de gravar atraques en tránsito de cruceiros, que xeran tamén estes custos adicionais.
A solución proposta por Goretti Sanmartín semella ben acaída, pois que: i) gravará só logo da demanda do concello correspondente, ii) esixirá cantidades moi moderadas que non prexudicarán a demanda turística, e iii) destinará os recursos xerados aos concellos que aturen este fenómeno. E ten, tamén, o mérito de substituír os discursos polas propostas concretas. Non se entendería, entón, o rexeitamento da Xunta a unha proposta semellante.

Unha amnistía precisa e constitucional

Os distintos Tribunais penais operantes na Catalunya, canda a chamada “Audiencia Nacional” e o Tribunal Supremo, coñecen de procedementos en curso por feitos conectados co chamado procès que atinxen 4.000 persoas acusadas, condenadas ou investigadas. Dende o president Puigdemont a ducias de alcaldes que colaboraron ao desenvolvemento do plebiscito do 1-OU ou activistas do chamado Tsunami Demócratico que organizou as demostracións cívicas contra a sentenza do Tribunal Supremo de 2019 que condenou Junqueras, Forcadell e outros dirixentes políticos e sociais soberanistas.
Esta enxurrada de procesos penais xurdiu dunha ondada represiva exercida dende a Fiscalía e determinados Tribunais de xeito que se vulneraron (como o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos rematará por decidir se non hai amnistía) normas procesuais e substantivas esenciais, definindo unha clase de Dereito Penal do Inimigo dirixido contra un colectivo concretamente identificábel, mesmo chegando a acusar de delictos como rebelión ou terrorismo a persoas que non exerceron violencia ningunha. Velaí a esixencia de Puigdemont e do seu partido (JxCat) dunha amnistía que arquive libremente todos os procesos e extinga as penas todas borrando todos os seus efectos. Unha amnistía social e politicamente necesaria se se quere restaurar a convivencia social e democrática na Catalunya.
Hai xuristas e políticos que desde o unionismo negan a constitucionalidade dunha eventual amnistía. Alicérzanse nomeadamente: i) na prohibición dos indultos xerais do artigo 62 da Constitución, e ii) na competencia exclusiva dos Tribunais para xulgar e executar o xulgado do seu artigo 117.3.
A prohibición constitucional dos indultos xerais non é aplicábel á amnistía. Os indultos son actos administrativos competencia do Goberno do Estado adoptados, si, con ampla discrecionalidade, mais dacordo cun procedemento regrado. Os seus efectos non acadan os antecedentes delictivos nin a responsabilidade civil derivada do delicto. Pola contra, a amnistía é un acto lexislativo competencia das Cortes Xerais do Estado que elimina todo efecto do delicto, sobresé libremente os procedementos en trámite e evita a incoación doutros novos polos delictos aministiados. A amnistía non atopa prohibición ningunha na Constitución e só require dunha lei orgánica que, tamén, habería reformar puntualmente o Código Penal para precisar que a amnistía extingue a responsabilidade criminal.
Tampouco se pode dicir que unha lei de amnistía vulnere a competencia exclusiva dos Tribunais para xulgar e executar o xulgado. O que fai a amnistía, como o Código Penal, é delimitar os feitos de transcendencia penal que poden ser axuizados, mais non interfire nos procesos xudiciais. Por outra banda, tamén os indultos afectan -regulándoa- á competencia de execución do xulgado, en canto non se poderán facer cumprir as penas impostas obxecto do indulto.
Estamos, pois, diante dunha medida lexislativa conveniente, mesmo moi precisa e nidiamente constitucional.

Promovermos a accesibilidade

Unha Galicia democrática, solidaria e moderna require do fondo respecto á diversidade. Diversidade non só sexual, cultural ou ideolóxica, senón orgánica e funcional. Require, xa que logo, entre outras moitas esixencias neste eido, dunhas cidades, vilas e entornos habitacionais accesíbeis para todas as persoas con discapacidade motora, visual ou auditiva. Porque a comunidade internacional ten lexislado para estas persoas dous principios fundamentais: i) o da autonomia persoal, e ii) o da acessibilidade universal. Unha Galicia democrática, solidaria e moderna e os seus concellos han levar estes dous principios á estrutura da súa lexislación positiva e das súas políticas.
Velaí a esixibilidade duns transportes públicos que garantan o acceso e uso das persoas con mobilidade ou visibilidade reducidas ou hipoacusia. O que quere dicir, en puro galego, que accedan doadamente as cadeiras de rodas ou persoas bipedestantes con mobilidade reducida e que os transportistas anuncien a xeito cadansúa parada con sinais visuais e acústicos.
Os edificios que acollan calquera servizo público e máis as áreas comerciais e de lecer e oficinas de toda clase han ser accesíbeis para estas persoas (accesibilidade que, en liñas xerais, constitúe arestora nesta Galicia nosa un nidio fracaso), quer desde a cadeira de rodas e a bipedestación reducida, quer desde a accesibilidade a medio do vehículo privado, quer artellando a acaída dispoñibilidade de aparcadoiros para persoas con discapacidade motora moi achegados a esa clase de edificios e áreas.
Mais cómpre tamén lembrar que moitas persoas con discapacidade, no lexítimo e prevalente dereito á súa autonomía persoal adoitan usar moitas veces o vehículo privado. Deste xeito, esa liberdade no acceso do transporte público ás zonas peonís, precisamente no beneficio prioritario de moitas destas persoas, habería combinarse coa accesibilidade ás mesmas zonas do transporte privado guiado por persoas de mobilidade reducida. Accesibilidade que arestora, por exemplo, en Compostela, A Coruña, Ourense e outras varias cidades e vilas galegas non está garantida.
Estas políticas requiren, si, dun importante esforzo orzamentario. Mais, nomeadamente, requiren da empatía da veciñanza e da proactividade do colectivo de empregados públicos municipais e autonómicos adscritos á mobilidade, seguridade pública e servizos sociais.

Aproveitarmos esta oportunidade

A experiencia aprendeunos que o Estado español, goberne quen goberne, ten unha lóxica unitarizante que tende a negar a súa indubidábel plurinacionalidade e os dereitos e intereses de Galicia, canda os doutros países e territorios. Nos tempos de maioría absoluta popular e socialista avanzou a recentralización política e económica, coa rexión madrileña como principal beneficiaria (beneficio que, porén, non acadou boa parte da súa poboación). Mais nos tempos nos que PSOE e PP dependeron dos nacionalismos (1993, 1996, 2004) e, nomeadamente, da achega fulcral do nacionalismo galego (2007, 2008, 2019) afrouxa esta tendencia recentralizadora e son tempos para acadarmos certas compensacións. No 2008 Anxo Quintana (BNG) quitou un acordo polo 8% dos investimentos em infraestruturas nos orzamentos estatais, mentres no 2019 o BNG de Ana Pontón acadaba unha substancial redución das peaxes da AP 9 e o saneamento integral da ría do Burgo, na Coruña.
O president Artur Mas vén de dicir que as forzas soberanistas catalás, galegas e vascas (26/350 deputados) haberían coordinar as súas negociacións co PSOE e Sumar na xeira aberta logo das estatais do 23-X. Isto non quere dicir que as cinco forzas concorrentes (JxCat, ERC, EH-Bildu, PNV e BNG) vaian defender os mesmos obxectivos, senón que han saber partillar unha común intelixencia a respecto da oportunidade tamén común de reverter esta ferreña recentralización que vivimos desde o felipismo. Unha oportunidade que habería de se proxectar sobre o estrutural: i) ampliar competencias e blindalas, ii) garantir un financiamento autonómico abondo para os servizos públicos dos territorios todos, quitando estes recursos dos medios económicos que retén o Goberno do Estado, e iii) recoñecer institucionalmente a plurinacionalidade do Estado de xeito que as Administracións autonómica e local constituísen as únicas Administracións operantes no territorio e cara ao cidadán (“máis Galicia e menos España”).
Para o caso do noso País cómpre negociar unha axenda galega potente, estruturada en reivindicacións de infraestruturas (alta velocidade ferroviaria con Portugal, corredor ferroviario europeo de mercadorías, transferencia e progresiva gratuidade da AP 9 e da AP 53, transferencia dos portos e aeroportos de interese xeral e extinción da débeda do porto exterior da Coruña), políticas enerxética e ambiental (recoñecer a tarifa eléctrica galega e vencellar o desenvolvemento das renovábeis ao beneficio das comunidades locais galegas e do País no seu conxunto), financiamento autonómico, dando pasos de autosuficiencia cara un sistema de cota semellante ao vasco e ao navarro que garanta que primeiro recademos e despois negociemos, ampliación e blindaxe do autogoberno e recoñecemento da igualdade xurídica real entre galego e castelán. Nas vindeiras semanas iremos debullando neste espazo esta posíbel axenda galega.
A febleza do Goberno central sempre é e sempre será a nosa vantaxe. Agora hai que agardar que o soberanismo galego xogue ben as súas limitadas cartas e tente multiplicar alxebraicamente a forza dos votos recibidos diante do extraordinario da actual conxuntura parlamentaria. Cómpre aproveitarmos esta oportunidade.