A Coroa divide

O pasado xuño cumpriu cinco anos de mandato o actual Xefe de Estado e, diante da falla de enquisas “ad hoc” do CIS (é igual quen goberne, xa saben a substancial semellanza entre os españois de dereitas e os españois de esquerdas), a empresa IMOP Insights realizou para a revista Vanitatis unha enquisa na que se lle preguntou á xente pola escolla entre Monarquía e República.
Os resultados danlle unha lixeira vantaxe a nível estatal aos monárquicos (50,8%) fronte aos republicanos (46,1%). No noso país os resultados invértense: 51,6% de galegos pola República fronte ao 45,6% monárquicos. Os resultados amosan unha grandísima fenda territorial: 70,6% vs 24,7% para os vascos e 74% vs 21,6% para os cataláns, sempre a prol da República. No País Valencià empatan a 50%, mentres que na Andalucía, en Madrid e no resto de CC.AA. as porcentaxes de seareiros da Monarquía soben a cadanseus 75,1%, 62% e 56%.
A fenda tamén é xeracional: nos menores de 45 anos gaña amplamente a República e nos maiores desa idade a Monarquía. E ideolóxica: absoluta hexemonía de republicanos nos simpatizantes de Podemos, IU e forzas soberanistas fronte a unha absoluta hexemonía de monárquicos nos seareiros do PP, Vox e Cs. Nos seareiros socialistas hai maioría republicana (51,6% vs 44,5%).
Sen ánimo de facermos destes dados (semellantes, porén, a algunha enquisa do 2018) dogma de fe. é evidente que a Coroa non é unha Institución percebida como neutral polas maiorías sociais. E, despois de cinco anos de mandato de Felipe de Borbón, semella que o principal factor de filias e fobias monárquicas (sen desprezar problemas de lexitimidade de orixe evidentes como a orixe franquista da reinstauración de 1975 ou a falla dunha decisión popular independente a respecto exclusivamente da institución no referéndum constitucional de 1978) é o propio discurso, explícito e implícito, emanado dos actos de El Rei.
E neste eido é onde se explican os dados da enquisa e a terríbel fenda territorial, ideolóxica e xeracional entre seareiros e detractores da Monarquía. Porque o discurso do 3-Ou situou o Xefe do Estado fóra da súa función arbitral e fronte a cando menos a metade da cidadanía catalá. E porque a súa mensaxe, tamén implícita, neste quinquenio, debúxano como garante dos privilexios dos que compoñen o Deep State no canto dun árbitro facilitador de solucións máis democráticas aos problemas de exclusión social, desigualdade económica e parálise política.

Galicia 2020: superarmos o dependentismo

O unionismo en Galicia (chamado historicamente españolismo) desenvolveu sempre un discurso da dependencia. Galicia sería un país de economía e xentes atrasadas, que habería atopar apaños de subsistencia na emigración, na subordinación paifoca (as nosas elites colleron torcicolo de tanto ollar cara Madrid) e na esmola ou “solidariedade” estatal. Curtos períodos de relativa liberdade e aprezo polo propio, como o primeiro terzo do século XX ou a autonomía galega, nomeadamente os gobernos autonómicos tripartito (1987-1990) e de coalición BNG-PSdeG (2005-2009), amosaron que Galicia non era un país pobre, senón empobrecido pola súa dependencia política e económica a respecto duns intereses de Estado sempre alleos aos intereses galegos. Conectados, primeiro ás tradicionais oligarquías latifundistas castellanoandaluzas e, despois, ao capitalismo castizo xerado polo franquismo e enfortalado polas privatizacións felipistas e aznaristas.
A recentralización económica operada dende o aznarato (1996-2004), reactivada polo recorte de marxes da Grande Depresión e os case once anos de goberno de Núñez Feijóo, radicalizaron esta dependencia, até o ponto de impediren as posibilidades de desenvolvemento da burguesía produtiva galega (velaí o caso do eólico), desfaceren o noso subsistema financeiro (Caixas, Bancos Pastor e Gallego) e de prescindiren progresivamente, ao tempo, da intermediación subordinada da burguesía galega máis dependente. A obsesión das elites españolas pon barreiras á globalización europea e desmonta calquera política autonómica e local eficaz para reter parte do mercado e da contratación pública ás empresas de capital galego.
Velaí que sexa fulcral, neste 2020 electoral, que os sectores produtivos e as forzas políticas galegas que poden xerar a remuda no Goberno deste país sexan conscientes da emerxencia na necesidade de despregarmos novas políticas que troncen de vez este suicidio dependentista. Políticas de reactivamento industrial e empresarial, de potenciación das novas tecnoloxías e I+D+i, de autoxestión portuaria, aeroportuaria e das nosas estradas e ferrocarrís, de uso do déficit e da débeda pública como pancas de desenvolvemento sostíbel. Políticas soberanas que garantan o uso da nosa enerxía a prol da nosa industria e un modelo de desenvolvemento eficaz do medio rural. Políticas de financiamento baseadas na autoxestión e recadación tributaria. Políticas de promoción exterior que poñan en valor a nosa posición xeoestratéxica nas canles de comunicación marítima Europa-América.
Ducias de milleiros de persoas de distintos sectores políticos e clases sociais partillan esta análise. O benestar futuro da cidadanía galega depende de superarmos o dependentismo.

Quod erat demostrandum

Escribín hai días a grande probabilidade de que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) recoñecese a cualidade de eurodeputado do preso político Oriol Junqueras dende o intre da súa elección, sen ningunha caste de promesas nin requisitos adicionais. E mantiven esta tese na TVG hai poucos días fronte ao eminente catedrático de Dereito Constitucional da USC, quen defendía a soberanía da lei electoral española para lles impor esa caste de requisitos adicionais aos eurodeputados elixidos no Estado español.
Quod erat demostrandum, como quixemos demostrar, o TXUE dixo que Junqueras é eurodeputado dende a mesma proclamación dos resultados das eleccións pola Administración electoral estatal o 13.06.2019. Xa que logo, dende esa data desfrutaba de inmunidade parlamentaria.
Que efectos ten esta sentenza do TXUE? Para a corrente maioritaria publicada en Madrid, Junqueras xa foi condenado por sentenza definitiva do Tribunal Supremo (TS) e, xa que logo, a súa irregular estadía no cárcere como preso preventivo entre o 13 de xuño e o 14 de outubro deste 2019 xa está convalidada pola sentenza, aplícase esa tempada a pagar á pena total e non hai máis que dicir. Mais mesmo esta corrente recoñece que Puigdemont, Comín e Ponsatí, procesados en rebeldía, adquiriron a súa inmunidade parlamentaria o 13 de xuño, o que supón que non poidan ser encarcerados nin continuar o seu axuizamento sen a aprobación expresa do Parlamento Europeo.
Porén, outra corrente interpreta o Dereito moito máis consonte co principio democrático e considera que a sentenza de 14 de outubro é nula de pleno Dereito a respecto de Junqueras, por mor da súa inmunidade dende o 13 de xuño anterior. De feito, o TXUE dille ao TS que se quería prorrogar o cárcere preventivo dende o 13 de xuño habería pedirlle ao Parlamento Europeo o seu placet. Por que non agardou o TS a ditar a sentenza de Junqueras á resposta do TXUE á súa cuestión prexudicial?
Para rematarmos esta xeira, dúas conclusións de lóxica democrática: i) modifiquemos o Dereito electoral e os Regulamentos parlamentarios para facer efectivo o principio legal declarado pola TXUE: ningún concelleiro ou deputado precisa xurar nin prometer nada para adquirir a súa cualidade de representante cidadán, e ii) avaliemos as vantaxes de pertencermos a unha comunidade de Dereito como a UE, que corrixe cando cumpre os Tribunais e Autoridades de calquera Estado da Unión.

É deputada aquela que eliximos deputada

Non, non alucinen. Non me convertín á relixión tautolóxica do Rajoy (“un plato es un plato”). Se non lles acredito na miña -que é a unica verdadeira- para canto máis lles vou acreditar na súa. Vaites, vaites…
O caso é que en maio deste ano eliximos a nosa representación (MEP) para o Parlamento Europeo. Estes MEP son representantes do conxunto da cidadanía europea, tecnicamente non representan Galicia, Catalunya, Sardinia ou Bavaria. Tampouco ao Estado español nin á Dinamarca. As regras para a elección perténcenlle ao Dereito Europeo, malia que este permita a provisional aplicación subsidiaria dalgunhas normas do Dereito estatal á elección de cadanseus MEP de cada Estado. Estas regras regulan, no suposto español, os requisitos para poder ser candidatos (elixibilidade) ou MEP (compatibilidade). Son normas que poden ser discutíbeis e que, por mor da súa integración no Dereito Europeo, fican sometidas ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE).
Mais o Dereito estatal introduce unha regra (artigo 224 da Lei electoral estatal) incompatíbel coa soberanía popular e co mandato parlamentario: condicionar a efectividade do mandato do MEP ou eurodeputado ao previo xuramento da Constitución española (CE) perante a Xunta Electoral Central (XEC). É dicir, obrigarlle ao eurodeputado eleito pola cidadanía a un xuramento adicional para adquirir ao 100% a súa cualidade. O que supón limitar ou suspender o mandato cidadán. Incríbel.
Velaí porque o preso político Oriol Junqueras recorreu perante o TXUE a súa suspensión como eurodeputado por mor de non ter comparecido perante a XEC para xurar a CE. E o Avogado Xeral da UE considerou que este recurso xa non ten sentido por si mesmo (pois Junqueras foi condenado xa a unha sentenza penal definitiva que lle impide exercer o devandito mandato parlamentario) mais si ten interese xurídico xeral, por coidar que ese requisito adicional do xuramento vulnera o Dereito Europeo, que nega que aos MEP, logo de ser elixidos, se lles impoñan requisitos adicionais para adiar, suspender ou condicionar a efectividade do seu mandato.
Esta quinta, 19-D, o TXUE resolverá esta cuestión. E malia que a eventual decisión non atinxa na práctica Junqueras si poderá atinxir ao president Puigdemont e ao conseller Comín, dispoñendo a inmediata eficacia da súa elección popular.
É dicir, é posíbel e mesmo abondo probábel que o TXUE repoña no Parlamento Europeo aqueles que foron lexítima e legalmente elixidos pola cidadanía nas idus de maio.

A fin do Reino Unido?

O Reino Unido (UK) xuntou Inglaterra canda as outras tres nacións británicas (Gales por conquista violenta no século XIII e Irlanda e Escocia por acordos de cadanseus Parlamentos aristocráticos no 1801 e 1707). Dende 1922 a meirande parte de Irlanda é independente, agás os condados do Ulster que seguen a pertencer a UK. Dos 650 deputados (MP) que elixe o UK, 59 pertencen a Escocia, 17 á rexión irlandesa do Ulster, 40 a Gales e os outros 534 á Inglaterra.
A malleira do prime minister Johnson (43,4% dos votos e 363/650 deputados en Westminster) sobre o desaquelado laborista Corbyn (32,4% fronte ao 40% de 2017 e 202/650) confirma o Brexit a 31.01.2020 e máis a fin do periodo transitorio na fin do 2020, pechando de vez o revirado ciclo que abriu o referéndum de 2016. Desapareceu a facción conservadora pro UE e os neotories de Johnson acadaron a meirande maioría absoluta dende a época da Thatcher, gañando tradicionais distritos socialistas.
Na Escocia a malleira foi a dos independentistas do SNP sobre os unionistas, acadando 48/59 MP (35/59 no 2017). A first minister Nicola Stugeon xa reclamou a convocatoria dun segundo referéndum de independencia, competencia do Goberno Central cedida “ad hoc” e por esa única vez no 2014 e que arestora Johnson rexeita conferir. Mais a cidadanía escocesa demostrou de vez a súa desafección coa Union e co Brexit. 2020 será o ano do choque de trens entre os dous Gobernos gañadores deste 12-D.
Na rexión irlandesa do Ulster os seareiros da unidade da illa (8 MP do Sinn Fein e 1 do SDLP -a franquía laborista-) quitaron a metade dos MP fronte aos 8 unionistas do DUP. O outro MP norirlandés foi para a centrista e transversal Alliance Party (AP). Estes números achegan máis a posibilidade dun referéndum para decidir a reunificación do Ulster pertencente ao UK coa república de Irlanda, referéndum previsto como posibilidade nos tratados de paz asinados no Venres Santo de 1998.
En Gales os soberanistas do Plaid Cymru retiveron o 10% dos MP (4/40) e votos. Mais non haberíamos desprezar a conciencia nacional de Gales, que se amosará de xeito inédito nas vindeiras eleccións autonómicas.
Seica Inglaterra asume que o Brexit vai desfacer o UK. Probabelmente á meirande parte da súa xente non lle importe, apostando pola fin da Britania unida na Europa unida.

Fartas da burocracia en Galicia

A piques de entrar no 2020 a burocracia afoga a Administración autonómica e sobrancea en non poucas Administracións locais, sen que zafasen, neste senso, os gobernos locais dos alcaldes Caballero (Vigo), Ferreiro (A Coruña) nin o de Noriega (Compostela).
É verdade que o podium da ineficacia e da ineficiencia acádao por dereito propio a Administración que dirixe dende hai case once anos o presidente Núñez Feijóo, sobranceando a Administración de fomento industrial e empresarial, que dirixe o Conselleiro Conde. No 2018, de 89 M€ orzamentados para investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i) só demos investidos 21,9 M€ (menos do 25%). Relátanme casos de empresarios agardando pola cancelación de avais do IGAPE sen vixencia dende hai dous anos que, porén, lles recorta capacidade de endebedamento bancario. A outros, cumprindo obxectivamente os requisitos para obter axudas suxeitas a programas estábeis, díselles que a achega pode demorar tamén dous anos.
A Xunta dispón dunha rede de case douscentos axentes de desenvolvemento local cos que non sabe que facer. Haberíamos ser o país europeo onde máis doado fose crear unha empresa e somos campións europeos da burocracia ineficiente, mentres a poucos quilómetros Portugal amósase como referente industrial e tecnolóxico, malia os seus déficits formativos.
Que dicir dos servizos sociais? Na primavera de 2018 12.000 persoas galegas agardaban polas axudas da dependencia e 17.000 pola avaliación do seu grao de discapacidade. O trámite municipal e a decisión autonómica atrasa a concesión da renda social de integración (RISGA) na cidade de Vigo unha media de 106 días, cando os seus solicitantes son persoas en situación de extrema urxencia vital, sen ningunha caste de ingresos regulares para facer fronte á súa supervivencia. Persoas en situación de total vulnerabilidade sofren trámites longos, cando as novas tecnoloxías permiten resolver a concesión de axudas sociais dando unha única vez, a medio do cruzamento de dados (logo da atinxente autorización persoal) entre as Administracións.
Velaí, por certo, unha das vantaxes da renda básica universal: substitúe un conxunto de axudas e pagas de grande custo en xestión por unha renda de concesión incondicionada permitíndolle destinar os recursos materiais e persoais ocupados nestas xestións á detección temperá de toda caste de realidades ou riscos de exclusión social.

Que non rouben a nosa Historia

A pluralidade das Españas medievais foi teimudamente combatida dende a doma e castración de Galicia pola Raíña Católica e, nomeadamente, dende a recepción do centralismo borbónico de raigame francesa. Velaí unha historiografía española deturpada, que nega as realidades nacionais históricas: a galega, a euskalduna na súa dualidade navarro-biscaíña e a catalá.
Cinguíndonos ao noso, na provincia romana da Gallaecia abrollou no 411 o primeiro reino europeo baixo a dinastía sueva. Este reino chegou ocupar a metade da Península Ibérica, mais foi derrotado pols visigodos no 585. Porén, mantivo a súa autonomía até a invasión arábigobereber do 711 e constituíu o alicerce do grande reino de Galicia, o reino cristián occidental. Para os historiadores e navegantes europeos e musulmáns entre os séculos IX e XII a Península Ibérica dividíase entre a cristiá Gallaecia e a moura Spania.
Nos 1128-1137 o condado de Portugal separouse e, ao longo destes mesmos anos, Asturies e León foron emerxendo como realidades diferentes da vella Galicia, que viviría a súa idade de ouro no século XII e na primeira metade do XIII, cos seus grandes reis Fernando II (o rei do Pórtico da Gloria, que reinou nos 1157-1188) e Afonso VIII (1188-1230), fundador d`A Coruña, Betanzos, Viveiro, Baiona e Noia, e que abriu a catedral compostelá, faro da Europa toda, no 1211.
No 1230 o reino de Galicia pasou ao fillo do Afonso VIII, Fernando III, e Galicia esmoreceu, malia que se mantivo independente de feito até a doma e castración isabelina (1479-1490) e tentou varias veces (1296, 1345, 1479) a independencia total cunha nova dinastía real, tentando, quer a reunificación con Portugal, quer o achegamento á sempre próxima Britania.
No 1479-1486 a Raíña Católica esmagou a resistencia do País e someteuno brutalmente. Da fin do XV-primeiros do XVI até 1833 o Reino de Galicia constituiría unha provincia da Coroa castelá, de definida personalidade e con limitada autonomía. Despois, o Borbón dividiu Galicia nas catro provincias, como Murguía dicía que fixeran os romanos coa túnica de Xesús Cristo.
Pois xa ven. Esta historia real foinos agachada no colexio e segue a selo na sinaléctica da Catedral compostelá, que agocha a presenza nos seus muros dos restos dos Reis de Galicia.
Hai quen fala dende Madrid de evitar o adoutrinamento no estudo da Historia. Adoutrinamento foi o que sofrimos coa negación da nosa Historia moitas xeracións de estudantes na nosa Galicia.

A sentenza do procès

Artigo publicado na versión en papel da revista Luzes en 2019. Pode descargarse en formato .pdf aquí: A_sentenza_do_proces, ou verse a continuación:

O aberrante 155 dixital

O Goberno Sánchez en funcións, exercendo o máis baixo electoralismo dende a súa absoluta falla de lexitimidade (e moi probabelmente de legalidade), arrombou calquera criterio legal, ético ou estético para aprobar o 31 de outubro un Decreto-Lei que vén de ser agora ratificado pola Deputación Permanente do Congreso estatal disolto. Votaron a prol os deputados do tripartito do 155 (PSOE, PP e Cs) e abstivéronse os de UP, amosando outravolta que o máis semellante a un español de dereitas é un español de esquerdas.
Das resultas deste aberrante iter o Goberno do Estado poderá pechar ou intervir de vez, sen falta ningunha de autorización xudicial, calquera rede de comunicacións dixital por etéreas razóns baseadas en tres conceptos xurídicos indeterminados: a seguranza pública, a orde pública e a seguranza cidadá, o que de feito amplían ad infinitum as posíbeis causas de peche ou intervención do Executivo estatal e deixa o Estado español nos níveis de liberdade dixital da República Popular de China.
Pedro Sánchez propuxo esta aberración para lle amosar á cidadanía que era quen de se pór ao nível do PP ou Cs canto a medidas excepcionais contra as demostracións cidadás do movemento soberanista catalán. Así e todo, as medidas implementadas, como adoita pasar con todas as lexislacións excepcionais, poderán ser usadas hoxe en Catalunya, mañá en Galicia ou Euskadi e pasado mañá en Madrid ou Valencia.
O Decreto-Lei aprobado vulnera abertamente o artigo 86 da Constitución (CE), que regula esta caste de lexislación. Primeiro porque non existía motivo ningún de extraordinaria e urxente necesidade, esixida no devandito artigo para aprobar esta caste de instrumentos. Segundo por incidir na regulación dos dereitos e liberdades constitucionais (e non só nas liberdades públicas como as liberdades de expresión e manifestación), prohibida no propio artigo 86 CE. E terceiro por atinxir o contido esencial da liberdade de expresión do artigo 20 CE e, relacionadamente, de libre manifestación cívica do artigo 21.2 CE, vulnerando a prohibición do artigo 53.1 que reserva á lei a regulación do contido esencial destas liberdades.
Porén, non confíen vostedes en que o Tribunal Constitucional partille no futuro estas ideas tan nidias. Porque os seus membros foron elixidos polos políticos do PP (de xeito maioritario) e PSOE, que agora aprobaron canda Cs esta barbaridade. Demostrárono coa sentenza que declarou constitucional o abusivo exercicio por Rajoy (apoiado por Sánchez) do 155 e demóstrano día a día decidindo como deciden os árbitros de fútbol caseiros.