O urxente e o importante

O Goberno do Estado teimou no seu erro e botou once días sen sentar coa plataforma convocante do paro dos transportistas. Ao tempo fallou tamén en agardar ao cumio do Consello Europeo para anticipar medidas fiscais e subvencións que varios Estados europeos levaban desenvolvendo dende os días 16-18 de marzo. Das resultas destes erros existiron graves problemas de desabastecemento na distribución alimentaria e peores tensións no sistema produtivo, pola falla de recollida do leite e peixe e falla de fornecemento de pensos.
Pedro Sánchez e as súas ministras non foron quen a distinguir entre o urxente e o importante, entre o curtísimo e o curto-medio prazo. A baixada xeral do IVE da enerxía eléctrica e dos carburantes e dos impostos especiais destes non constitúe unha solución estrutural, mais si conxuntural, temporal. Porque a inelasticidade no consumo destes recursos permite deflactar uns meses a tarifa no impacto da inflación e manter un gravame semellante en termos reais. Dicir isto non é asumir as teses da dereita nin da extrema dereita, partidarias, pola contra, de baixos impostos estruturais e do infrafinanciamento dos servizos públicos.
Tamén é urxente unha subvención directa aos transportistas nun mínimo de 0,30 €/l. E máis as reformas lexislativas que impidan traballar a perdas que xuridicamente poden ser aprobadas a medio de Decreto-Lei.
Canto ás actuacións a respecto do consumo eléctrico o Goberno do Estado acadou do Consello Europeo un marco para rebaixar o seu prezo, atendendo á cualidade de “illa enerxética” da península ibérica. Abondo para a redución substancial dos prezos no moi curto prazo, sen ningunha clase de escusas. E que habería de pasar tanto polos límites á produción con gas como con instalacións abondo amortizadas como as centrais hidroeléctricas.
Na axenda do importante, do curto-medio prazo, fica para maio-xuño a necesaria reforma europea dun absurdo sistema marxinalista de tarifación eléctrica. E na beira do Estado regular as regras da representatividade real dos sectores empresariais e da garantía da libre concorrencia, que impida que os grandes operadores loxísticos, a grande distribución alimentaria, as grandes distribuidoras eléctricas e os grandes lobbies construtores-concesionais impoñan as suas desaqueladas condicións aos autónomos e pemes e ás persoas consumidoras.
Ollando cara a nós, a consideración da península como illa enerxética obriga a pór outravolta na axenda o problema dunha Galicia que exporta o 40% da electricidade que produce, suxeita a elevados custos ambientais e económicos e que, pola contra, non pode subvencionar o consumo das súas empresas e familias.

Galicia á intemperie

Desculpará o noso Suso de Toro (Nunca Máis. Galiza á intemperie, 2003) que adopte o seu título para reflectirmos que nin o Goberno do Estado nin o galego existiran esta semana que rematamos, desde que no luns 14-M principiara o paro dos transportistas.
Na nosa Galicia a dependencia do transporte de mercadorías por estrada é ben superior que no resto do Estado e da Europa, polas graves limitacións do transporte ferroviario. Por outra banda, na Galicia a principal organización recoñecida de empresarios do sector (APETAMCOR-FEGATRANS; por certo nas antípodas da extrema dereita que o Goberno do Estado di que fomenta estas accións) está a apoiar esta folga, que tamén apoian no resto do Estado a maioría dos autónomos e pemes, mentres a organización patronal recoñecida, alicerzada nun conxunto de grandes operadores loxístícos que lle contratan o traballo ás pequenas empresas e autónomos que distribúen as mercadorías, rexéitaa. Deste xeito, han traballar a perdas, pois o prezo do gasóleo medrou nun 52% desde marzo de 2021.
Diante desta gravísima situación, o Goberno do Estado ficou preso do discurso da patronal dos grandes operadores loxísticos, negando a representatividade das organziacións convocantes. E prometendo medidas cara ao 29-30 deste mes, cando estas son inaprazábeis e xa foron adoptadas polos Gobernos portugués (devolverá o exceso de recadación fiscal polo incremento de prezos) e francés (subvencionará con 0,15 cts. por litro de gasóleo).
O Goberno do Estado trabucouse e ten de negociar axiña cos operadores do sector que amosaron ter a forza representativa, para adoptar esas medidas que non poden ser só fiscais, pois que teñen que it ao cerne e prohibir traballar a perdas, como lle obáis representativasrigan as industrias lácteas ao sector leiteiro galego.
E que fixo o Presidente da Xunta mentres? Campaña política cos afiliados do PP polo Estado español adiante, sen atender esta punxente realidade. E sen que a Xunta negociase tampouco coas organizacións galegas convocantes, que aquí si están recoñecidas como máis representativas. Semella que tampouco coñecía quen de verdade representa o sector, malia ter as competencias executivas e de xestión.
Nesta enésima edición de Galicia á intemperie soubemos, porén, de moi responsábeis actuacións da sociedade civil, como a que o mércores 16.M permitiu, pola mediación da organización agraria Agromuralla que os transportistas fornecesen as granxas con penso retido no peirao coruñés. Porque na Galicia estamos afeitos a autoxestionarmos as cuestións que desatenden uns Gobernos insensíbeis cos consumidores e pemes na esixencia normativa e pouco atentos aos seus problemas.

A Europa das liberdades

Os 27 Estados da Unión Europea (UE) partillan tamén uns valores xurídicos comúns, alicerzados nunha concepción comunitarista dos dereitos humanos contida na Convención Europea dos Dereitos Humanos (CEDH-1950), interpretada pola abondosa xurisprudencia do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) de Strasbourg e que constitúe a máxima instancia xudicial no eido dos dereitos das persoas, por riba dos Tribunais dos Estados membro todos e da propia UE. A devandita Convención reforzouse coa moito máis recente Carta de Dereitos Fundamentais da UE (2010), que rexe na UE e nos seus 27 Estados membro.
O artigo 11 da devandita Carta de dereitos da UE recoñece a liberdade de expresión, considerada como a liberdade de opinión e de recibir e comunicar información sen intromisións das autoridades públicas nin consideración de fronteiras. Tamén integra este dereito a liberdade e pluralismo dos medios de comunicación. Todo iso no marco dun sistema baseado na presunción de inocencia e na protección xudicial efectiva destes dereitos por xuices independentes aos que poden acceder as persoas todas e non só as que fan parte da cidadanía europea.
Velaí as regras de xogo da Unión Europea. E velaí que a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, ou o seu vicepresidente e responsábel da súa política exterior, Josep Borrell, non poidan apelar á prohibición das canles rusas Russia Today e Sputnik co Dereito europeo na man, malia que si acadasen parcialmente este efecto por mor da exclusión das mesmas na oferta dalgunhas plataformas de TV privadas e das redes sociais Facebook, Instagram e TikTok.
Arredor desta cuestión sucede o que sucedeu tamén na crise pandémica con novas que diferían de certa uniformidade de discurso a respecto das medidas sanitarias e de vacinamento, até o extremo que cuestionarmos os efectos positivos do pasaporte Covid semellaba para moitas persoas profesar o negacionismo máis revirado. O que pasou tamén nos medios do Estado español coa ilegalización do abertzalismo vasco ou, moito máis recentemente, co procès catalán.
Russia Today e Sputnik poden ser media propiedade dun Estado agresor e de seguro están a contar a realidade dun xeito deturpado, actividade na que por desgraza teñen parceiros en moitos sitios. Mais emiten consonte coas nosas regras de xogo. Rusia vén de expulsar indirectamente centos de xornalistas occidentais ao lexislar penas de cárcere para a emisión de novas falsas. De verdade queremos seguir ese camiño? Queremos actuar como o réxime autoritario de Putin, como a ditadura chinesa, como as monarquías represivas e feudais saudi e dos emiratos do Golfo? Semella que Borrell e outros malos políticos europeos si. E contra esta tendencia, que mesmo pode ser mainstream co tempo, habemos de loitar. Como loitamos contra a agresión rusa e pola paz.
Porque o único xeito europeo de triunfar contra a agresión rusa, como o único xeito europeo de garantir a loita contra a pandemia é o que se alicerza sobre as liberdades e as garantías democráticas. Se rachamos esta regra rachamos os nosos valores, o noso espírito, a nosa democracia.

Vox entra nos gobernos

Núñez Feijóo foi proclamado candidato único á presidencia estatal do PP. E este feito coincidiu no tempo co pacto de goberno entre o PP e Vox para gobernar Castela e León. Con 13 deputados sobre os 44 da maioría absoluta que ambos os dous partidos achegan Vox acadará, da man do PP, a vicepresidencia do goberno rexional e tres das dez consellarías, ademais da presidencia das Cortes (o Parlamento territorial).O pacto foi moi mal recebido polo presidente do PP europeo, Donald Tusk, pois que considera que os extremistas son aliados da francesa Marie Le Pen e do primeiro ministro húngaro Viktor Orban, tradicionais amigos de Vladimir Putin.
O pacto foi acordado polo propio Abascal con Mañueco, presidente popular castelán, polo que Núñez Feijóo non é responsábel no eido xurídico, ao non ser aínda Presidente do PP estatal. Mais todos sabemos que desde o mércores 3-M non se move unha palla na rúa Xénova sen que o aprobe Núñez Feijóo. Xa que logo, é evidente que este pacto tivo de ser aprobado implicitamente polo aínda presidente galego. Mal comezo para un presidente estatal do PP que racha o cordón sanitario que defende o PP europeo para evitar que a extrema dereita continental (tradicional amiga de Putin) marque aínda máis do que xa o fai, a axenda pública nos Estados da Unión Europea. En xeral de calquera botándolle a culpa aos outros. Neste caso ao PSOE por non investir incondicionalmente a Mañueco. Tamén amosou, no seu último debate parlamentario no pazo compostelán do Hórreo, outra destas cualidades (facerlle oposición á oposición), culpando Ana Pontón (BNG) dunha falla de consenso institucional da que só o PPdeG e o PSdeG foron responsábeis, ao substituíren a condea da agresión rusa asumida polos mesmos partidos e o BNG por unanimidade na Deputación coruñesa (ou o acordo unánime do Congreso dos Deputados) por un apoio expreso á NATO inédito nas outras declaracións institucionais das diferentes institucións e Parlamentos europeos.
Coincide a progresiva retirada de Núñez Feijóo das responsabilidades de goberno na Galicia cun prezo da enerxía eléctrica inviábel para a nosa industria, agricultura e gandería. E tamén imposíbel para as economías familiares galegas. Evidentemente Núñez Feijóo non é responsábel nin da guerra de Ucraína nin do desaquelado sistema marxinalista tarifario europeo, mais é certo tamén que nos seus trece anos de goberno sempre desbotou reformas tarifarias tanto deste sistema marxinalista como calquera outra no beneficio da Galicia. Porque cubrimos o 76% das nosas necesidades con enerxías renovábeis e exportamos máis dun terzo da enerxía que producimos sen poder subvencionarmos o consumo das nosas familias e empresas, que pagamos igual ou máis que os consumidores non produtores de Madrid. Asumindo, nós exclusivamente, os custos ambientais e económicos desta sobreprodución.

A indignidade de Juan Carlos de Borbón

A Fiscalía adscrita ao Tribunal Supremo estatal vén de arquivar as pescudas, abertas a respecto de indicios que incriminaban ao Borbón, en relación coa recepción, disposición e administración de determinados fondos. Considera a Fiscalía que non ha formular querela criminal por considerar que os feitos investigados non constitúen delicto. Nalgunha ocasión por non existir máis ca indicios non conexos ou por existir indicios de infracción tributaria administrativa e non de delictos fiscais. Noutras constátanse feitos constitutivos de delicto, mais decláranse prescritos. E noutras considérase que os feitos non poden ser obxecto de persecución penal por ter desfrutado de inviolabilidade o Emérito até o 18 de xuño de 2014, data na que cesou pola súa demisión, na Xefatura do Estado.
A investigación coida probado que o 08.08.2008 (data con evidentes evocacións esotéricas) a Fundación panameña Lucum (creada días antes tendo como beneficiario dos seus fondos ao Emérito e, faltando el os seus fillos, incluído o actual Xefe do Estado) abriu unha conta bancaria na banca Mirabeaud e que nesa mesma data o rei saudí Abdala bin Abduladiz transfería á devandita 100 M USD (algo menos de 64,9 M€) en concepto de doazón (agasallo, na suposta tradición das Monarquías árabes, segundo foi reflectido nunha memoria xustificativa da operación, simultánea á mesma). Tamén ficou probado que o Emérito ingresou en efectivo na mesma conta no 2010 algo máis de 1,4 M€, que lle foran achegados polo sultán de Bahrein, cantidade que levou no peto polos aeroportos ao abeiro do seu pasaporte diplomático. E tamén a transferencia dos activos todos da Fundación Lucum (saldos bancarios en euros, francos suizos, USD e valores mobiliarios) a unha conta bancaria nas illas Bahamas como “doazón irrevogábel a prol de Corinna zu Sayn-Wittgenstein”.
A Fiscalía considera que non existen indicios para considerar que a suposta doazón do rei árabe estea vencellada a supostas comisións pola construción da alta velocidade ferroviaria entre Makkah e Medinah, malia coincidir no tempo coa apertura da fase II do proxecto e as manifestacións da amiga alemá do Borbón, que declarou terlle ouvido que a el lle pertencían por comisións dese negocio “50 M€”. Xa que logo, non coida que este feito integre un delicto de corrupción nos negocios, mais si un delicto de suborno pasivo impropio, que pena aos funcionarios públicos que acepten agasallos de terceiro por mor de desenvolver o cargo que desenvolven. O agasallo de máis de 1,4 M€ do sultán de Bahrein tamén integraría este tipo delictivo, seguindo á Fiscalía. E, en último de contas, a transferencia de todos os activos da Fundación Lucum (65 M€) ao dispor da Sayn-Wittgenstein constituiría un delicto de branqueamento de capitais, ao “legalizar” fondos de nidia orixe delictiva.

A inviolabilidade do Xefe do Estado como garantía da súa impunidade
Malia existir indicios racionais e sostíbeis de dous graves delictos de suborno pasivo impropio e doutro de branqueamento de capitais, a Fiscalía mesmo constata que o delicto de branqueamento dos capitais achegados polos monarcas árabes, desenvolvido no 2012, resolvía o problema da prescrición dos dous supostos agasallos, por se tratar dunha eventual continuidade delictiva. Tiñamos, entón, a Juan Carlos de Borbón fronte á eventual imputabilidade de tres graves delictos, mais aquí batemos coa inviolabilidade do Xefe do Estado, recoñecida no artigo 156.3 da Constitución do Estado español.
Na doutrina xurídico-constitucional (e diso podemos dar fe todas as persoas que estudamos Dereito) considerouse case sempre a inviolabilidade como a imposibilidade de acusar ao Xefe de Estado de delictos desenvolvidos no exercicio do seu cargo, pois todas as súas decisións han ser sometidas ao refrendo, quer da Presidencia do Goberno do Estado ou dalgun/nha titular ministerial, quer das Presidencias do Congreso e dos Parlamentos territoriais, para elixir aos Presidentes dos Gobernos do Estado e autonómicos.
Mais a Fiscalía neste caso segue a doutrina do Tribunal Constitucional, que decidiu en dúas sentenzas de 2019 (cando xa caducaran ou estaban para caducar os mandatos de catro dos seus membros) estender o perímetro da inviolabilidade a todos os actos de natureza pública ou privada de El Rei mentres desenvolvese o seu cargo. Ou sexa, decidir que Juan Carlos de Borbón está exento de toda responsabilidade por calquera acto anterior ao 19.06.2014.
A vixente Constitución pois, valida todo comportamento delictivo do anterior Xefe do Estado e legaliza o seu ilexítimo enriquecemento. Mesmo se tivese matado alguén non habería pagar por iso. É moi difícil, desde logo, encaixar esta construción xurídica na arquitectura dun Estado democrático de Dereito.

O fondo da illa de Jersey
A Fiscalía desbota que a constitución no 2004 (e máis a súa administración e disposición posteriores) dun trust (fondo fiducario) na contía de 10,2 M€ por Romero Maura, amigo de Juan Carlos de Borbón poida ser delictivo, por considerar que o Xefe do Estado só sería beneficiario no suposto eventual do seu derrocamento. Malia esta aparente realidade e recoñecendo o xogo da prescrición, as pescudas xudiciais determinan a case total probabilidade de que os fondos de orixe para a dotación deste trust viñan doutros dous fondos, creados no 1995 e 1997, dos que Juan Carlos de Borbón era beneficiario.

Agasallos da Fundación Zagatka e doutras persoas
Inviolábel até xuño de 2014, é incríbel que Juan Carlos de Borbón aceptase posteriormente transferencias e agasallos en viaxes, gastos sanitarios, etc., sen liquidar as correspondentes cotas tributarias no Imposto de Doazóns. De non ser que se dean nel, ao tempo, a conciencia de delongar a súa impunidade e a convicción de que o diñeiro que lle enviaban era, en realidade, diñeiro da súa propiedade que outros administraban e que só voltaba a quen pertencía.
Allen Sanginés transferiu a prol do Emérito 1.019.000 € desde xuño de 2014 á fin de 2018. Juan Carlos de Borbón pagou en declaracións complementarias do Imposto de Doazóns algo máis de 559.000 € en decembro de 2020. Pola súa banda, o Borbón recibiu da Fundación Zagatka, administrada polo seu curmán Álvaro de Orleáns, máis de 10 M€ en viaxes, gastos sanitarios, etc.. O Emérito pagou en cadansúas declaracións complementarias do mesmo imposto e dos mesmos exercicios (2014 ao 2018) algo máis de 4,5 M€ a primeiros de febreiro de 2021.
Cando regularizou o Emérito estas débedas tributarias xa existía a investigación a respecto das contas da Fundación Lucum en Genêve e xa estaba notificada ao seu avogado (verán de 2020). Xa que logo, considerar que non existiu delicto fiscal (que esixe só 120.000 € por ano e imposto, pensemos que o Emérito regularizou case 5,1 M€ distribuídos en cinco exercicios) por ter regularizado antes do coñecemento polo suxeito pasivo das dilixencias de investigación constitúe un criterio certamente hipergarantista que deita dúas interrogantes: i) por que non se aplica cos demais contribuíntes? e ii) por que non se abriron polas Axencias Tributarias competentes procedementos de inspección ou actuacións de comprobación que interrompesen prescricións e evitasen o efecto das eventuais regularizacións?

Unha persoa indigna, unha Institución degradada, un Estado parcial e disfuncional
It´s good to be the king, dicía Louis XIV na longametraxe de Mel Brooks History of the World. O aparello do Estado funcionou ben para impedir a xustificada persecución penal do anterior xefe do Estado, tanto no que atinxe á Fiscalía (“la fiscalía te la afina”, conspirou o ex ministro Jorge Fernández Díaz contra as lexítimas institucións catalás) como ás Axencias Tributarias. Paira no ambiente que a Institución monárquica está fóra do control democrático e que a Lei non se aplica igual para todos. Que llelo digan senón aos presos políticos e exiliados cataláns, ao president Torra ou ao Pau Juvillà.
Pola súa banda a Institución monárquica, que constitúe o núcleo do propio Deep State confirmou a súa escolla pola opacidade, pola falla de respecto pola intelixencia da xente e pola parcialidade, mentres ningún partido do réxime propón regras claras que impidan outravolta a impunidade dun Xefe de Estado.
O que si ficou ben clariño é a indignidade de Juan Carlos de Borbón como Xefe do Estado, o que habería ser o primeiro funcionario público, o primeiro servidor da cidadanía. E seica só temos albiscado a parte emerxida do iceberg.

Perder a lexitimidade no exercicio

Dicíamos a semana última que Núñez Feijóo, por obriga estatutaria do PP, habería demitir como Presidente do PPdeG por ser este un cargo incompatíbel coa Presidencia estatal do PP, á que accederá no Congreso do 1, 2 e 3 de abril. Xa que logo, o PPdeG haberá elixir á persoa que desenvolva o cargo, para o que hai dúas vías: Congreso extraordinario ou elección por proposta da Executiva galega pola Xunta Directiva, máximo órgano entre Congresos. Esta persoa, despois de elixida, será, automaticamente -por disposición estatutaria interna do PPdeG-, candidata á Presidencia da Xunta.
Xuridicamente, en troques, Núñez Feijóo pode compatibilizar a presidencia estatal do PP coa Presidencia da Xunta até as vindeiras nacionais galegas (ás que concorrerá como candidata a persoa que o substitúa na presidencia do PPdeG). Non só isto, senón que podería manter este cargo e a súa cualidade de deputado no Parlamento galego e ser elixido senador pola Comunidade Autónoma, de existir vacante pola demisión dalgunha das persoas actualmente no cargo. Deste xeito podería debater co Presidente do Goberno do Estado no Senado, na súa cualidade de xefe da oposición.
Mais, sendo compatíbel xuridicamente, é incompatíbel na praxe política e Nuñez Feijóo xa o recoñeceu implicitamente, ao garantir que continuará no seu cargo á fronte da Xunta “polo menos un mes”. Xa que logo, demitirá á fronte da Xunta e será substituído por algún dos deputados populares no Parlamento, dos que só pertencen ao Goberno os seus vicepresidentes, Alfonso Rueda e Francisco Conde. O que sexa eleito (quer Rueda, quer calquera outra solución de síntese, mesmo temporal) gobernaría con maioría absoluta os máis de dous anos que fican por decorrer nesta lexislatura. Desfrutará, pois, dunha total leximidade de orixe, ao abeiro da legalidade estatutaria galega.
Outra cousa moi diferente sería a lexitimidade de exercicio dese hipotético novo Presidente da Xunta. Porque as eleccións galegas do pandémico 2020 formuláronse por Núñez Feijóo dun xeito absolutamente personalista, a xeito de referéndum sobre a súa presidencia e, nomeadamente, sobre a súa xestión da primeira ondada da pandemia. Formuláronse agachando da súa propaganda electoral tanto os líderes do PP estatal como a propia marca da organización política, o PP. Definíronse como Feijóo 2020.
Velaí que unha nova Presidencia da Xunta, con ser lexítima na súa orixe, estará falta de lexitimidade de exercicio. Esta circunstancia e máis a previsíbel falla de liderado global a respecto do PPdeG da nova Presidencia constituirá, de seguro, un grave factor de inestabilidade a respecto da política galega no resto da lexislatura.
A solución a este problema e máis á fidelidade na conexión da Xunta coa cidadanía requiren do adianto das eleccións nacionais galegas. A oposición do BNG e do PSdeG haberían mallar neste leit-motiv durante os vindeiros meses.