O Plan Urkullu e Galicia

O lehendakari Urkullu vén de propor unha fonda reforma do marco xurídico-político español para acadar o recoñecemento da plurinacionalidade do Estado e máis a capacidade de decisión e garantía dunha relación bilateral de Euskadi e Nafarroa, ao abeiro da normativa constitucional que abeira os dereitos forais destes territorios e, tamén, de Catalunya e Galicia como nacionalidades que decidiron democraticamente o seu autogoberno antes de que aprobasen a Constitución
A proposta elude unha reforma constitucional formal, consciente da falla estrutural dos 3/5 de deputados e senadores precisos para irmos á súa máis curta e limitada modificación e opta, xa que logo, por un acordo-marco que fixe os alicerces para este desenvolvemento, ao que seguiría unha convención constitucional. Despois -cómpre deducirmos- haberían seguir as leis orgánicas, novos Estatutos de autonomía e reformas das leis básicas precisas para estruturar esa modificación material do marco xurídico-político. Conxunto de reformas normativas que poderían chegar a descentralizar amplamente o goberno do Poder Xudicial e limitar substancialmente as competencias do Tribunal Supremo, canda ampliar e blindar as competencias de Galicia e modificar substantivamente o financiamento autonómico, mesmo coa posibilidade de lle atribuír ao País a recadación, xestión e liquidación fiscal.
A FAES, o PP e outros voceiros do unionismo centralista opoñen a esta mutación constitucional material os principios da soberania única do Estado e da súa unidade indisolúbel. O camiño cara a unha mutación constitucional que recoñecese a plurinacionalidade do Estado e o dereito de decidirmos requiriría, segundo estes desaquelados intérpretes, dunha reforma constitucional agravada (voto dos 2/3 das dúas Cámaras, disolución posterior das mesmas e referendum ratificatorio de toda a cidadanía española). Para eles a Constitución é irreformábel, mais nin Galicia, Euskadi e Catalunya nin a maioria cidadá no Estado haberíamos pasar por condena semellante.
A Sentenza 42/2014 do Tribunal Constitucional (que anulou a declaración de soberanía de Catalunya do Parlament de 23.01.2013, mais declarou a constitucionalidade do rcoñecemento do seu dereito a decidir dentro duns determinados parámetros) recoñece que o principio democrático esixe non só respectar, senón integrar as decisións das minorías (tamén das nacionalidades) a xeito dun proceso de negociación que pode, se non abeirar declaracións unilaterais de independencia, si excluír o rexeitamento a negociar decisións futuras constatábeis e democráticas da cidadanía galega, vasca ou catalá.
O BNG aínda non avaliou esta proposta, malia que encaixe ao cento por cento na súa, arestora, multifronte reivindicación (financiamento, autogoberno, infraestruturas, enerxía…) da axenda galega. O Presidente Rueda, pola súa banda, non refugou a proposta, o que de certo agoira tensións futuras do PdeG canto á cuestión nacional galega no caso de que Sánchez acadase a investidura nesta enleada conxuntura.
Como escrebiu esta semana José Luis Gómez, Urkullu vén de xerar un debate fulcral para Galicia.

O españolismo do A por ellos

Vaia por diante a miña falla de confianza a respecto das esquerdas españolas, que amosaron a súa radical inutilidade ao longo deste ano. Velaí a miña desconfianza de que cumpran a xeito os seus compromisos con Galicia, malia a boa xestión dos tempos e das súas estreitas oportunidades que vén de facer o BNG. Mais a coalición extremista das tres dereitas (nucleadas arredor de FAES e da Coroa) obrígame a lle dar a esta maioría (que non a este goberno) un voto temporal de confianza.
Por exclusión, certamente. Porque os discursos dos líderes da dereita extremista (Casado, Abascal e Arrimadas) amosaron o peor desa coalición entre o capitalismo castizo de amiguetes (o do BOE, o do palco do Bernabeu, sempre refractario á libre competencia) e o que o profesor da USC Antón Losada, sempre acaído nas súas definicións, alcumou de patriotismo de puticlub. Como dixo aqueladamente Aitor Esteban (PNV) as dereitas extremistas españolas son como aquel home WASP (anglosaxón, branco e protestante) que manifestaba fronte ás minorías que USA era dos WASP e as minorías todas estaban de visita. Pois iso. Seica o Estado é deles e os demais estamos de visita. Somos, pois, cidadáns e deputadas de terceira categoría. Para a tripla coalición da praza de Colón millóns somos malos españois e pertencemos á “cáscara amarga”.
Fronte a esta visión patrimonial, clasista e catastrofista da vida pública, as esquerdas españolas haberán decidir o que queren ser de maiores. Se seguen xogar a medoñentos progres que lle mercan a idea da España nación única ás dereitas ou se decatan de vez que sen o concurso do soberanismo galego, catalán, vasco ou canario non suman para afirmar e aprofundar as liberdades que este día negou o tripartito das dereitas.
Porque, ao longo da historia das nacións e pobos do Estado español, o progreso canto ao recoñecemento da plurinacionalidade do Estado e do dereito ao autogoberno e á libre decisión das súas distintas nacións foi sempre unido canda o progreso das liberdades e das políticas sociais.
Esta semana ábrese unha pequena xanela de oportunidade para que as esquerdas españolas, o progresismo territorial e máis os soberanismos galego, catalán e vasco poidan colaborar nun programa común para afondar nas liberdades e na democratización do Estado, pór a economía ao servizo das maiorías sociais e devolverlles ás nacións do Estado a capacidade real de autogobernarse e decidir o seu futuro.
Dende o fondo escepticismo deste desconfiado galego: vento nas velas…