A Europa das solucións

Ninguén pode dubidar da mala condución das políticas da Unión Europea durante esta Grande Recesión. A obsesión pola prevención da inflación e un deseño errado do Banco Central Europeo favoreceron a contracción económica e a crise. A lentitude na unión bancaria e na coordinación de políticas fiscais e a falla dun auténtico Orzamento Europeo agravaron os desequilibrios e empobreceron millóns de cidadáns europeos. A sobrecotización do euro prexudicou as exportacións e obrigou ás devaluacións salariais internas que arestora estamos a vivir.
Cómpre, pois, mudar as políticas europeas. Mais de ningún xeito orientarmos as solucións polos camiños de menos Europa ou por sairmos da Unión ou do euro. As solucións aos nosos problemas non están fóra da Unión Europea. Están dentro da UE e piden máis e mellor Europa. Piden avanzar na democratización das institucións europeas, até que o Parlamento desfrute do monopolio do poder lexislativo. Piden un Presidente eleito por sufraxio universal, unha única diplomacia e unhas únicas forzas armadas, como defende o flamengo Guy Verhofstdat, candidato polos demócratas europeos á Presidencia da Unión. Reclaman máis orzamento contra os desequilibrios, aproximación das polìticas fiscais e políticas de pulo ao crecemento e á investigación e atención real á cidadanía. Non foi Europa, senón o Goberno estatal do PSOE quen vendeu os intereses do naval ou da agrogandeiría galega. Non foi a Unión, senón o Goberno estatal do PP quen aceptou a prohibición para construír barcos civís en Fene. Non foi a Unión, senón os Gobernos estatais do PP e PSOE, os que gastaron un billón de pesetas de Fondos europeos á cohesión na nova terminal de Barajas.
E si foi a Unión quen lle deu pulo á igualdade laboral efectiva entre homes e mulleres e o seu Tribunal de Xustiza quen declarou ilegal o procedemento de execución hipotecaria para garantir os dereitos do consumidor e quen está a modificar substancialmente as regras do proceso civil español en beneficio do cidadán usuario.
Desconfiemos, logo, dos euroescépticos. Porque a Galicia convenlle, decididamente, máis Europa. E, de ser posíbel, sen intermediarios.