Castelao, primeiro Presidente de Galicia

O vindeiro 15-N cúmprense 78 anos da constitución en Montevideo do Consello de Galiza, integrado polos catro deputados galegos eleitos nas derradeiras eleccións republicanas que, por residir na Sudamérica, desfrutaban de liberdade de acción: Alfonso R. Castelao, Elpidio Villaverde, Antón Alonso Ríos e Ramón Suárez Picallo. O 28 de xuño de 1936 a cidadanía galega aprobara o seu Estatuto de Autonomía, cunha grandisima maioría, mais a rebelión militar e fascista do 18 de xullo impediu que o mesmo fose aprobado nas Cortes. Xa que logo, Galicia non constituíra aínda as súas institucións autonómicas, mais si exercera inequivocamente o seu dereito a decidir. Velaí que fose ben decidido (ademais dunha xenialidade política de Castelao, seica suxerida polo lehendakari Agirre) que os seus representantes parlamentarios constituísen ese Consello de Galiza, como representante fideicomisario da dupla vontade do pobo galego: a electoral expresada en febreiro de 1936 e a estatuínte, expresada plebiscitariamente en xuño de 1936.
Castelao foi elixido Presidente do Consello e investido de poderes plenos para a negociación cos Gobernos vasco e catalán no exilio dunha acción política común, no seo de Galeusca. Das resultas deste labor Castelao fixo parte como ministro do Goberno republicano no exilio de José Giral (abril 1946-marzo 1947), con sede en París. Un Goberno que recibiu importante axuda económica e política do goberno francés, que chegou a pechar a fronteira co Estado español e debater unha acción armada que fose quen de restablecer a democracia republicana no Estado español. Mais Castelao non se integrou no Goberno republicano como home de partido, senón como representante do noso País, nomeado para o efecto polo Consello de Galiza.
Como resultado deste proceso, a Constitución española de 1978 recoñeceu un acceso privilexiado á autonomía para as nacionalidades que plebiscitaran no pasado cadanseus Estatutos (Galicia, Euskadi e Catalunya), negociando cadanseu Estatuto dun xeito paccionado entre os parlamentarios galegos e os representantes da Comisión Constitucional do Congreso. No noso Estatuto, aprobado no 1981, proclámase Galicia como nacionalidade que se constitúe en Comunidade Autónoma para acceder ao seu autogoberno. É dicir, recoñécese a preexistencia nacional, histórica e política, da Galicia, a respecto da Constitución e do Estatuto.
Como depositario da vontade autonómica e electoral da cidadanía galega, tendo en conta os longos anos de interrupción democrática, longa noite de pedra e goberno franquista de feito, o Consello de Galiza foi o lexítimo representante do noso Pais. Xa que logo, é aquelado dicir que o seu Presidente Castelao foi o primeiro Presidente da Galicia.

O líder político da Galicia moderna

Cumpriuse este venres, 7 de xaneiro, o 72 cabodano do pasamento en Bos Aires de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Castelao, canda Rosalía, son os principais persoeiros galegos da Idade Contemporánea. Rosalía como construtora espiritual da Nación. Castelao como líder político da Galicia moderna no século XX.
Malia as grandes remudas sofridas na Galicia e no mundo despois da súa morte, é abraiante a actualidade do seu pensamento político. Soubo distinguir entre os seus alicerces ideolóxicos (defensa da soberanía galega e do noso dereito a decidir) e a praxe estratéxica da conquista do Estatuto de Autonomía como solución do seu tempo ao encaixe autónomo de Galicia no Estado español. Defendeu un nacionalismo galego cívico e democrático, pacífico, integrador, europeísta e universalista, afastado de supremacismos e imperialismos. E, xa que logo, apostou pola unión confederal de Galicia, Euskadi, Catalunya, Castela e Portugal como parte constituínte duns Estados Unidos de Europa que construirían unha Unión Mundial desde valores de paz, humanismo, cooperación, multilateralidade e multipolaridade.
Comprendeu tamén Castelao cuestións tan actuais hoxe en día como a importancia de construír economía, Nación e sociedade democrática desde a industrialización e desenvolvemento económico baseado nos potenciais endóxenos galegos, a virtualidade do cooperativismo ou a importancia da recuperación do Dereito Civil galego. Defendeu sempre os valores da democracia liberal e refugou de solucións autoritarias de esquerda ou dereita, nunha época onde esa actitude política non era maioritaria.
Castelao é o grande líder pragmático que, canda Alexandre Bóveda, é quen de facer dun Partido Galeguista transversal e interclasista a vangarda que fixo posíbel conducir outras forzas políticas e sociais cara á aprobación plebiscitaria do Estatuto (28 de xuño de 1936) cun millón de votos favorábeis (case o 74% do censo electoral), superando os inxustos requisitos impostos polos gobernos republicanos de Azaña e Casares Quiroga.
No exilio bonarense Castelao fixo moitísimo con moi pouco. Soubo construír a alianza GALEUSCA con vascos e cataláns, dirixida a sobardar o marco constitucional republicano de 1931 para artellar unha República federal plurinacional. Constituíu o Consello de Galiza (novembro de 1944) cos deputados Elpidio Villaverde, Alonso Ríos e Suárez Picallo, como institución fideicomisaria da vontade cidadá galega expresada nas eleccións de febreiro de 1936 e no plebiscito estatutario de xuño de 1936. E esta institucionalización da vontade cidadá galega foi chave para que accedese como ministro representante de Galicia como país no Goberno republicano no exilio de José Giral (1946-47).
O pensamento e a praxe política de Castelao seguen vixentes.