NCG: mercar o tempo

No prego de termos definidor do futuro de NCG Banco impóñense moi graves condicións para o seu futuro, en troques da achega que recebirá para compensar o burato producido pola louca carreira de financiamento da promoción inmobiliaria desenvolvida polos xestores das vellas caixas. Mais De Guindos propuxo e Bruxelas dispuxo que NCG non se considere unha entidade sistémica, como si definen a Bankia, a pesares de que máis do 40% dos créditos e depósitos galegos están vencellados á Novagalicia.
Malia a dureza dos termos impostos, recoñéceselle a NCG Banco a posibilidade de recapitalizarse fóra do seo do grupo bancario. A preguntas dos xornalistas, Almunia recoñeceu, como salientou case en exclusiva El Correo Gallego, que a venda a outra entidade bancaria podería substituirse pola venda a “investidores en xeral”, o que abriría o camiño para o plan Castellano: fondos foráneos que non condicionarían a xestión cotián do Banco e mesmo a posibilidade, á volta de 3-4 anos dunha recapitalización bursátil dirixida, en certo treito, ao aforro minorista, nomeadamente ao galego. Habería que resolver problemas tan graves como o descrédito reputacional xerado pola comercialización das preferentes, mais o tempo fai posíbeis escenarios hoxe dubidosos.
Pero certos tiburóns abanean preto do ministro De Guindos, conscientes da rendibilidade da rede galega de NCG Banco e da súa capacidade de negociación fronte á Moncloa na futura estruturación do banco malo –e para acadar os seus obxectivos queren unha adxudicación directa e rápida– porque os 4 ou 5 anos do prego de termos son tempo de máis que poderían salvar a autonomía do banco galego. O que non lle interesa aos grandes bancos españois nin a políticos como De Guindos ou Almunia, alérxicos a que Galicia conte cun banco propio.
A sociedade galega está a tempo de reaxir se sabe, por unha soa vez, enfrontar a manobra de De Guindos. Porque por dura que sexa a cirurxía, peor será a supresión de todos os servizos centrais e dos centros de decisión no País que suporía á venda ao Santander, BBVA ou La Caixa.
É a hora da política. E o primeiro é mercar tempo.