A idoneidade da “taxa turística”

A masificación do turismo de peregrinación en Compostela ten chegado a níveis pouco aturábeis. A capital deste País recibe 1,15 visitantes/habitante, fronte a cadanseus 0,77 e 0,44 das ateigadas Palma e Barcelona. Para máis abastanza, o turismo concéntrase en zonas de alta fraxilidade patrimonial (catedral e contorna). Velaí que o Pleno aprobase en setembro de 2022, sen voto ningún en contra, a creación dunha taxa turística. Porque esta enxurrada de visitantes xera moi importantes custos adicionais nos servizos públicos (limpeza, mantemento de estruturas, protección patrimonial, calidade das augas…)
A alcaldesa actual, alicerzada na lexitimidade deste amplo acordo, vén de lle remitir unha iniciativa lexislativa á Xunta de Galicia redactada polo catedrático de Dereito Financeiro e Tributario da USC, César García Novoa, para crear este tributo.
Malia se denominar popularmente taxa o tributo que grava as pernoctas e estadías hostaleiras é un imposto indirecto. As taxas remuneran o uso privativo dun servizo público ou dun ben de dominio público (taxa de vado, taxa por licenzas…). Porén, este imposto aproxímase á idea da taxa no beneficio individualizábel que recibe o visitante co conxunto de servizos públicos da cidade, que á súa vez xeran na mesma eses problemas de masificación e eses custos adicionais.
O Concello compostelán non ten competencias para crear novos tributos. Velaí a razón da proposta á Xunta, para que presente no Parlamento galego un proxecto de lei regulando este imposto, que gravaría as estadías en toda clase de establecementos hostaleiros (mesmo albergues, campings, áreas de autocaravanas, casas de turismo rural e vivendas turísticas) que non tivesen unha finalidade sanitaria, educativo-formativa ou laboral. A proposta lexislativa regula entre 0,5 € e 2,5 €/día a cota tributaria, atendendo á categoría hostaleira da infraestrutura.
A proposta cinguiríase só aos concellos declarados pola Xunta de grande impacto turístico, esixindo para a devandita declaración o acordo de cadanseu Pleno. Deste xeito non se esixirá en concellos que non o acorden previamente. Os recursos obtidos integrarían un Fondo galego que se destinaría nun mínimo do 95% a estes concellos.
A proposta compostelá ofrécelles aos Concello da Coruña e Vigo a posibilidade de gravar atraques en tránsito de cruceiros, que xeran tamén estes custos adicionais.
A solución proposta por Goretti Sanmartín semella ben acaída, pois que: i) gravará só logo da demanda do concello correspondente, ii) esixirá cantidades moi moderadas que non prexudicarán a demanda turística, e iii) destinará os recursos xerados aos concellos que aturen este fenómeno. E ten, tamén, o mérito de substituír os discursos polas propostas concretas. Non se entendería, entón, o rexeitamento da Xunta a unha proposta semellante.

Unha amnistía precisa e constitucional

Os distintos Tribunais penais operantes na Catalunya, canda a chamada “Audiencia Nacional” e o Tribunal Supremo, coñecen de procedementos en curso por feitos conectados co chamado procès que atinxen 4.000 persoas acusadas, condenadas ou investigadas. Dende o president Puigdemont a ducias de alcaldes que colaboraron ao desenvolvemento do plebiscito do 1-OU ou activistas do chamado Tsunami Demócratico que organizou as demostracións cívicas contra a sentenza do Tribunal Supremo de 2019 que condenou Junqueras, Forcadell e outros dirixentes políticos e sociais soberanistas.
Esta enxurrada de procesos penais xurdiu dunha ondada represiva exercida dende a Fiscalía e determinados Tribunais de xeito que se vulneraron (como o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos rematará por decidir se non hai amnistía) normas procesuais e substantivas esenciais, definindo unha clase de Dereito Penal do Inimigo dirixido contra un colectivo concretamente identificábel, mesmo chegando a acusar de delictos como rebelión ou terrorismo a persoas que non exerceron violencia ningunha. Velaí a esixencia de Puigdemont e do seu partido (JxCat) dunha amnistía que arquive libremente todos os procesos e extinga as penas todas borrando todos os seus efectos. Unha amnistía social e politicamente necesaria se se quere restaurar a convivencia social e democrática na Catalunya.
Hai xuristas e políticos que desde o unionismo negan a constitucionalidade dunha eventual amnistía. Alicérzanse nomeadamente: i) na prohibición dos indultos xerais do artigo 62 da Constitución, e ii) na competencia exclusiva dos Tribunais para xulgar e executar o xulgado do seu artigo 117.3.
A prohibición constitucional dos indultos xerais non é aplicábel á amnistía. Os indultos son actos administrativos competencia do Goberno do Estado adoptados, si, con ampla discrecionalidade, mais dacordo cun procedemento regrado. Os seus efectos non acadan os antecedentes delictivos nin a responsabilidade civil derivada do delicto. Pola contra, a amnistía é un acto lexislativo competencia das Cortes Xerais do Estado que elimina todo efecto do delicto, sobresé libremente os procedementos en trámite e evita a incoación doutros novos polos delictos aministiados. A amnistía non atopa prohibición ningunha na Constitución e só require dunha lei orgánica que, tamén, habería reformar puntualmente o Código Penal para precisar que a amnistía extingue a responsabilidade criminal.
Tampouco se pode dicir que unha lei de amnistía vulnere a competencia exclusiva dos Tribunais para xulgar e executar o xulgado. O que fai a amnistía, como o Código Penal, é delimitar os feitos de transcendencia penal que poden ser axuizados, mais non interfire nos procesos xudiciais. Por outra banda, tamén os indultos afectan -regulándoa- á competencia de execución do xulgado, en canto non se poderán facer cumprir as penas impostas obxecto do indulto.
Estamos, pois, diante dunha medida lexislativa conveniente, mesmo moi precisa e nidiamente constitucional.