O bipartidismo imperfecto do novo Parlamento

O anuncio do BNG, no debate de investidura de Rueda, de que coordinaría o labor opositor que lle outorgou a cidadanía coas súas propostas de goberno alternativo seica estrañou algúns pouco coñecedores das dinámicas parlamentarias máis consolidadas. En realidade a decisión soberanista de xuntar oposición e propostas de goberno alternativo demostra que entenderon a xeito a mensaxe da cidadanía o 19-F.
No 2020 o PP acadou o 47,8% dos votos e 42/75 deputados, mentres que o BNG acadara o 23,5% e 19/75 deputados e o PSdeG o 19,4% e 14/75 representantes. É dicir, daquela o BNG acadara menos da metade dos votos do PP e o 122% dos socialistas.
Arestora a escena mudou substancialmente. O PP obtivo o 47,2% e 40/75 deputados, mentres o BNG quitou o 31,57 e 25/75 (un terzo da representación) e o PSdeG o 14% e 9/75 deputados. É dicir, o BNG quita agora case 2/3 dos votos populares e un 225%!! dos votos socialistas. Dunha Cámara tripartita evoluímos cara a un bipartidismo imperfecto. Nestas circunstancias a cidadanía confioulle ao BNG un rol xa non de simple oposición, senón de alternativa de goberno, o que lle esixe non só labor opositor, senón propostas de goberno alternativo para o que precisa a mellor información e coñecemento e dun grao esixente de concreción e determinación desas súas medidas alternativas. Esíxelle, logo, a visibilización da alternativa de goberno ata 2027-2028.
Canto a Rueda completou co nomeamento do novo Goberno a remuda dos vimbios que lle deixara Feijóo, cando principiara cos trocos que fixera no banco no verán de 2023 pola marcha dalgúns a Madrid. Mais agora terá que definir cal vai ser a liña que defina a súa gobernanza: a debullada hai algunhas semanas subordinando os intereses de Galicia e as competencias da Xunta para asumir un programa educativo e fiscal imposto desde a rúa Xénova a todos os gobernos autonómicos do PP ou unha liña de seu autónoma que poida achegar a viabilidade deses pactos de País que tanto lle compren á nosa Galicia.
Rueda habería xa de se decatar que os intereses no curto prazo de Núñez Feijóo como candidato á presidencia do Goberno do Estado pasan polo balbordo e o conflito. E os intereses deste País pasan por rachar co dependentismo, confiar nas nosas posibilidades e usar da negociación intelixente. Logo vaille ser difícil ficar na misa e repenicar a campá da igrexa ao mesmo tempo.

Os acertos estratéxicos de Puigdemont

É común na opinión publicada madrileña, omnipresente nos media de dereitas e ben repetida no de esquerdas, alcumar o presidente Puigdemont de “fuxido” ou “rebelde”. Mais, miren vostedes, coa lei na man non hai tal. O luns 30-Ou de 2017, 48 horas despois da súa destitución polo 155 aprobado no Senado polo PP de Rajoy e o PSOE de Pedro Sánchez, Puigdemont mantiña unha rolda de prensa en Bruxelas coa ampla maioría de consellers e conselleras do seu Govern. Na altura non había aínda acusación ningunha contra el.
Moi poucos días despois, o domingo 5-N de 2017, Puigdemont enfrontou unha euroorde do Tribunal Supremo polo delicto de rebelión que pedía o seu prendemento e extradición da xustiza belga. Antes que chegase formalmente esa euroorde a Bruxelas, Puigdemont presentouse perante o órgano xudicial competente. E foi liberado, sen ningunha clase de medidas cautelares, canda os demais conselleiros e conselleiras reclamados.
Comezaba entón a se definir o primeiro dos grandes acertos estratéxicos de Puigdemont: a aposta polo mantemento da lexitimidade da súa presidencia no exilio. Enténdaseme a xeito, aquelas persoas que decidiron ficar no seu país -ou voltar a Catalunya- tiñan motivos persoais e mesmo políticos moi potentes. Mais ninguén pode negar arestora, case seis anos e medio despois, que manter en Waterloo esa Presidencia de Catalunya revogada e removida por Rajoy foi un acerto de primeira orde, pois que: i) preso polos xuíces alemáns, Puigdemont acadou a súa liberdade por sentenza do Tribunal Superior de Schleswig-Hollstein ao consideraren que o delicto polo que era perseguido no Estado español non tiña correspondencia na República Federal alemá, ii) o president e os seus conselleiros e conselleira Clara Ponsatí obtiveron pronunciamentos análogos da xustiza belga e escocesa, iii) Puigdemont obtivo do Tribunal de Xustiza da Unión Europea unha sentenza, o 31.01.2023, que na práctica inviabilizou calquera nova euroorde contra el e calquera persoa exiliada do seu Govern, pois recoñecía que calquera xuíz europeo podía rexeitar unha euroorde se existían dúbidas racionais da existencia de deficiencias na administración da xustiza do Estado requirente a respecto das persoas afectadas pola súa pertenza a un grupo obxectivamente identificábel. Miren que casualidade que esta mesma doutrina sexa a que alicerza a proposición de lei de amnistía aprobada hai algunhas semanas no Congreso estatal. E iv) o Avogado Xeral da EU vén de dicir que tiña razón Puigdemont: non era preciso que fose por Madrid prometer a Constitución para ser legalmente eurodeputado.
Esta batalla desde o exilio mantivo viva a loita pola restitución daquel Parlament e Govern de 2017, cesados por unha autoritaria e centralista interpretación do 155.
Os outros acertos estratéxicos son moi recentes. O primeiro é botar fóra calquera consideración persoal, rexeitar a moi cómoda garantía de inmunidade como eurodeputado durante outro quinquenio (2024-29), refugando presentarse ás europeas do 9-X e, no seu canto, enfrontar a candidatura á Presidencia da Generalitat. O segundo foi amosar limpamente o seu xogo (moi conforme cos xeitos da política europea máis avanzada) e anunciar que se vai retirar da política se non é Presidente despois das eleccións do 12-M.