Un arcebispo galego

O nomeamento como arcebispo de Compostela de Francisco Prieto (coñecido no seu Ourense como D. Paco) foi moi ben acollido por amplos sectores da sociedade galega, tanto eclesiais como alleos á Igrexa. D. Paco xunta unha ampla formación teolóxica, unha grande experiencia docente e pastoral (incluído o coñecemento da arquidiocese compostelá adquirido nestes case dous anos nos que foi o seu bispo auxiliar) e unha idade máis ben nova, vinte anos inferior á idade de xubilación canónica. E achega tamén unha especial sensibilidade coa lingua e cultura galegas e unha mensaxe social e antropolóxica aggiornada aos tempos e á mensaxe do papa co que partilla o nome do santo de Assisi.
Algunhas persoas cuestionarán a atención amosada a este nomeamento afirmando a total autonomía da Igrexa para resolver as súas cuestións privativas ou a aconfesionalidade da sociedade e dos Poderes Públicos, sen se decatar que a Igrexa Católica (en indubidábel devalo canto á súa influencia social) segue a ter unha presenza importante (quizais menos, mais segue a ser relevante) na vida de millóns, constituíndo a tradición grecolatinocristiá unha parte fulcral do noso substrato cultural como galegos e como europeos. Para máis, priorizar a conexión da Igrexa coa lingua e cultura do País e coa idea de Galicia como entidade social, territorial e política de noso podería reducir o impacto negativo de centos de anos de dependencia da Igrexa galega a respecto de centros de decisión e pensamento alleos ao País.
Tamén salientan os devanditos sectores a proximidade do arcebispo compostelán Francisco co bispo de Roma, o Pontífice Francisco. E a trascendencia dun tal nomeamento cando rexorde con forza o cuestionamento da liña eclesial do Papa arxentino, que ten moi ampla presenza no sector próximo a Rouco e Cañizares da Conferencia Episcopal española, aínda maioritario e moi presente na Galicia en sedes como a de Lugo. Un sector maioritario do Episcopado español ferreño na súa interpretación uninacional da realidade española e moi belixerante cos clérigos e leigos que defenden as realidades e linguas catalá, vasca ou galega, ao tempo que teimudo no seu aliñamento coas teses políticas da dereita e extrema dereita españolas, nomeadamente na súa oposición ás políticas transversais de xénero.
Velaí que o nomeamento de D. Paco xere boas vibracións e abra boas expectativas. Oxalá poida debullar unha delongada e eficiente xestión transformadora no ronsel dos bispos Lago González, Quiroga Palacios e Araúxo.

O capitalismo castizo

O modelo económico da dereita española non foi nunca, nomeadamente, o do emprendemento, a eficiencia e a libre concorrencia. Máis ben o que o distinguiu ten sido a confusión entre Poder político e oligarquía económica. O que un bo amigo de meu chama “o capitalismo castizo de BOE”. Exemplos na historia témolos a eito, entre eles o monopolio de petróleos de Calvo Sotelo, ou a privatización das empresas públicas do binomio Aznar-Rato nos anos 90 do século pasado. É ese capitalismo ineficiente que prioriza Rexistradores da Propiedade, basculeiros e listeiros a respecto dos investigadores, científicos e creativos. A mesma que historicamente cargaba as facturas co 13% de gastos xerais e 6% de beneficio industrial como se o BOE houbese definilos e na economía eficiente o prezo non fose produto dunha decisión de mercado e, dende logo, comprensivo dunha parte de custo e outra de beneficio.
O primeiro ano de Goberno Rajoy afondou nesta liña de distorsións á competencia e restricións á economía do coñecemento e da investigación. 34 Premios Nóbel veñen de lle dicir a Rajoy que os recortes á ciencia e á investigación botarán fóra á economía española dos círculos de progreso tecnolóxico e calidade. E que dicir do tarifazo do Ministro Soria? No canto de gravar o consumo excesivo de electricidade chega gravar a produción cargando os galegos cos custos fiscais á enerxía producida no noso país. Cando, en realidade, a nosa calidade de país produtor e os custos ecolóxicos que sufrimos xustificaría unha enerxía moito máis barata que a de Madrid, que non produce nin o 10% da enerxía que consume.
Mentres, o Ministro Soria segue coa súa política suicida, que teima tamén no illamento do sistema enerxético español a respecto do europeo, ao Ministerio de Industria veñen de lle retirar dende a UE as competencias sobre emisións de CO2, como ao Ministerio de Economía lle retiraron no verán as súas competencias de control sobre o Banco de España. Agora ben, diminuíu o orzamento e o persoal destes Ministerios? Non, o problema seica son os gastos da Generalitat ou da Xunta de Galicia.

A ARRINCADEIRA: Rouco Varela pontifica
O exemplo de Cáritas e doutras ONG cristiás na loita contra a exclusión social nestes tempos contrasta co discurso de Rouco Varela, a quen semella só preocuparlle o ensino en castelán ou a unidade de España. Cuestións estas que non sei que conexión teñen coa mensaxe de Xesús de Nazaret.