Solucionarmos as interinidades delongadas

A expansión obxectiva dos servizos públicos autonómicos e locais (esixencia do Estado do Benestar), canda a normativa estatal que restrinxiu ferreñamente desde a Grande Depresión de 2008 a capacidade das autonomías e concellos para quitar ofertas públicas de emprego, xerou o fenómeno das interinidades delongadas. Persoas que de primeiras entran no emprego público (normalmente a medio dunha listaxe consonte criterios de mérito e capacidade) para cubrir unha vacante e continúan logo de varios anos prestando os seus servizos, fornecendo unha necesidade estrutural da Administración Pública na que serven e sen oportunidade para consolidar o seu emprego por mor da falla de convocatoria das precisas probas para esa fin.
O Tribunal de Xustiza da Unión Europea declarou ilegais estas interinidades delongadas e obriga estabilizar o emprego público e máis a adoptar solucións concretas, declarando a fixeza do posto ou, de non se considerar viábel xuridicamente, recoñendo unha dupla indemnización a prol da persoa interina, tanto pola súa delongada permanencia nesta cualidade como pola eventual perda do seu posto de traballo cando se cubra a vacante.
Na Galicia sofren esta caste de interinidades moitas persoas nas Administracións autonómica e locais, nomeadamente no SERGAS, nas Consellarías de Educación e Política Social e en varias compañías e axencias públicas, como o Consorcio Galego da Igualdade e do Benestar. Este Consorcio contratou pouco máis de 300 persoas con carácter temporal a medio de probas selectivas no 2007, tendo en conta o carácter experimental desta fórmula de cooperación interadministrativa entre a Xunta e os concellos para dotar de medios persoais o cobizoso plan de atención ás crianzas de 0 a 3 anos e persoas maiores e necesitadas de inclusión do vicepresidente Anxo Quintana (BNG). A fins do 2008 convocouse a oferta pública de emprego que habería cubrir de xeito estábel estes postos, mais foi revogada cando chegou o PP á Xunta no 2009 e até de agora non volveu ser convocada, remanecendo mentres estes centos de persoas na súa delongada interinidade.
O Goberno do Estado non quere recoñecer a declaración como fixos daquelas persoas que non superen os procesos selectivos de estabilización previstos na reforma legal que promove, pretextando unha suposta inconstitucionalidade que non é tal. Porque, xa no 1988, a lei galega da Función Pública do conselleiro nacionalista Pablo G. Mariñas declarou persoal laboral fixo a extinguir aos funcionarios interinos que non aprobasen os procesos de estabilización previstos na lei.
Velaí a solución para as interinidades delongadas

A catástrofe das residencias galegas

Artigo publicado no número 85 de Luzes, en 2020. A versión orixinal pode verse e descargarse aquí: A catástrofe das residencias galegas.

Quen xestiona as residencias da terceira idade?

Desculpen que lles amole cunhas estatísticas arrepiantes. Das 726 persoas que, supostamente, morreron neste País dende o 13-M até o 25-S pola Covid-19, o 44% faleceron en residencias da terceira idade. Destes só unha persoa morreu nunha residencia de xestión pública, todas as demais en residencias de xestión privada. E, destas residencias privadas, as do grupo Domus Vi (11,54% das residencias na Galicia, 20,65% das prazas) xuntaron nada menos que o 42,30% das mortes.
Seguimos co grupo Domus Vi. Unha praza privada nas residencias deste grupo empresarial (moitas veces unha solución-ponte para as familias con maiores dependentes durante un ou dous anos até que acadan unha praza financiada pola Xunta) custa uns 2.400 €/mes. Destes 2.400 €/mes, Domus Vi inviste entre 4 e 5 €/día (menos de 150 €/mes) na alimentación da persoa residente.
No ámbito do Estado español Domus Vi é un grupo de 58 empresas, sendo as principais que explotan residencias da terceira idade a súa principal marca, Geriatros, de orixe viguesa e Sarquavitae, empresa de orixe barcelonesa mercada polo Grupo no 2017. A sociedade española matriz do Grupo é Geriavi. Geriavi tivo perdas no 2018 por mor das amortizacións e xuros aboados pola súa ampla política da merca de empresas prestadoras de servizos da terceira idade. Mais velaquí unha ferramenta de evasión fiscal que ten usado Geriavi. Para financiaren a adquisición desas novas empresas, Geriavi paga xuros anuais do 7,75% á súa matriz, a francesa Homevi, cando os xuros de mercado que abona non sobardan o 3,5-4%. Desde 2015 Geriavi asinou préstamos polos que pagou 55,1 M€ de xuros. Porén, máis ou menos 27 M€ constituíron gastos non xustificados. Velaí unha evasión fiscal duns 8-9 M€, máis recargas e multas.
Pois ben, con toda esta realidade por diante, coas catástrofes acaecidas e en proceso das residencias da Fundación San Rosendo de Celanova e d´O Incio, coa proba documentada da non hospitalización de doentes graves por Covid 19 das residencias de Domus Vi de San Lázaro (Santiago de Compostela) e Matogrande (A Coruña) o PPdeG vén de rexeitar unha comisión parlamentaria de investigación, xustamente cando veñen de cesar pola súa aberta incompetencia ao director xeral de Maiores até agosto de 2020, Ildefonso de la Campa, e outros cargos da consellaría de Política Social.
Cómpre construírmos un País para a xente idosa. Mais antes haberíamos pescudar en todas estas irregularidades e desmontar un sistema cheo de abusos. Porque o presidente Feijóo e a conselleira Fabiola García evitan a transparencia? A quen beneficia agachar os feitos?

A responsabilidade da Xunta nas Residencias

É indubidábel que o grave incumprimento das ratios legais de persoal (denunciado polas organizacións galegas de familiares de residentes e de traballadoras das Residencias ), a tendencia a empregar persoal menos formado e as carencias canto a fornecer as quendas de festivos e tempadas de feiras explica por que as Residencias de xestión pública non tivesen positivos nin mortos, mentres que máis do 25% do total de persoas mortas na Galicia fosen residentes dos centros de Domus Vi (51-53 en San Lázaro-Santiago de Compostela, 30 en Barreiro-Vigo e 27 en Aldán-Cangas). o modelo de maximización do beneficio de parte do sector privado residencial é corresponsábel da catástrofe humanitaria vivida en moitas das residencias da terceira idade de xestión privada neste país. A Xunta de Galicia, como Administración responsábel da súa inspección e supervisión, fallou evidentemente.
Mais tamén fallou a Xunta como Administración sanitaria. A lei prohíbe que ingresen doentes infecto-contaxiosos nesta clase de residencias, o que quere dicir que estes han ser evacuados tan axiña se detecte a súa doenza. Tamén constitúe unha realidade certa que a meirande parte dos residentes de prazas concertadas son dependentes en grao II (moderado) ou III (grave). Con menos grao de dependencia tes que pagar entre 1.900 e 2400 € para unha praza privada, porque os baremos legais impiden de feito o acceso a unha praza concertada. Por outra banda, a rede hospitalaria galega estivo lonxe do colapso, cunha ocupación máxima do 50% tanto nas plantas canto nas UCIs.
Velaí o contexto que determina a gravidade do protocolo da residencia integrada compostelá da Porta do Camiño (de xestión conxunta do SERGAS e da Consellería de Política Social, que constituía a referencia sanitaria intermedia para Galicia Norte, como a de Baños de Molgas para a Galicia Sur), en canto prohibía o ingreso na mesma de dependentes en grao II e III. Dependentes que, como dixemos, constitúen a meirande parte das persoas residentes que ocupan as prazas concertadas financiadas pola Xunta. Seica este protocolo era común á outra residencia integrada de Baños de Molgas.
A directora da residencia compostelá de Domus Vi en San Lázaro informou ás familias das persoas residentes que o SERGAS non admitiu a evacuación dos primeiros cinco casos de Covid-19, reportados na noite do mércores 18-M, até o domingo 23-M e manifestou que até a Semana Santa non recebiu axuda do SERGAS para medicalizar o centro. Durante 25 días coexistiron residentes infectados con negativos, sen presenza das Autoridades sanitarias da Xunta de Galicia.
A cidadanía e, nomeadamente, as persoas residentes e as familias dos falecidos teñen dereito a coñecer a verdade e a que se depuren xudicialmente as responsabilidades xudiciais que houber.

A responsabilidade da Xunta nas Residencias

É indubidábel que o grave incumprimento das ratios legais de persoal (denunciado polas organizacións galegas de familiares de residentes e de traballadoras das Residencias ), a tendencia a empregar persoal menos formado e as carencias canto a fornecer as quendas de festivos e tempadas de feiras explica por que as Residencias de xestión pública non tivesen positivos nin mortos, mentres que máis do 25% do total de persoas mortas na Galicia fosen residentes dos centros de Domus Vi (51-53 en San Lázaro-Santiago de Compostela, 47 en Barreiro-Vigo e 37 en Aldán-Cangas). o modelo de maximización do beneficio de parte do sector privado residencial é corresponsábel da catástrofe humanitaria vivida en moitas das residencias da terceira idade de xestión privada neste país. A Xunta de Galicia, como Administración responsábel da súa inspección e supervisión, fallou evidentemente.