Aprendermos a historia de Galicia

A lexislación estatal distribúe as competencias para a fixación do currículum educativo ao 50% entre a Adminsistración do Estado e cadansúa Administración autonómica nos países con lingua propia. No exercicio desta competencia, o Goberno do Estado vén de fixar os contidos mínimos a estudar na historia española, cinguíndose exclusivamente á historia contemporánea, desde a aprobación da Constitución de Cádiz, priorizando deste xeito un relato de España como nación única e omitindo periodos históricos como o medieval ou o da Idade Moderna, que deixan moito máis patente a evolución da península ibérica como ámbito territorial dunha convivencia plurinacional.
Xa que logo, o lóxico sería que Galicia aproveitase as súas competencias para desenvolver estes mínimos curriculares inserindo o estudo da historia propia. Unha historia agachada pola historiografía española e descoñecida por unha grande maioría da nosa cidadanía.
Mais a Xunta non está por traballar na lóxica devandita. E velaí como o conselleiro de Educación demite da súa responsabilidade, promovendo contidos adicionais aos mínimos estatais precisamente dos períodos omitidos da historia española, no canto de pór os vimbios para aprendermos no bacharelato a historia de Galicia.
Sen o coñecemento do noso substrato celta, da romanización, das achegas sueva e britoa, ou da irrelevancia da invasión árabe, non se entende o xurdimento do reino de Galicia no século IX. Sen explicarmos o reino de Galicia non se entende o fenómeno xacobeo nin a prosperidade do noso país nos séculos XII e XIII, da que xorden a Catedral compostelá e o seu Pórtico da Gloria e máis a fundación de vilas e cidades portuarias como Baiona, Noia, Viveiro ou A Coruña. Sen explicarmos a trascendencia da separación de Portugal e da unión persoal do reino de Galicia e León co de Castela en 1230 non se entende a tendencia proportuguesa e anticastelá da meirande parte da aristocracia e do pobo galegos nos séculos XIV e XV, nin a represión dos Reis Católicos pola aposta galega pola lexítima raíña Xoana no canto da non lexítima Isabel.
Sen coñecermos a trascendencia da introdución dos cultivos da pataca e do millo e a funcionalidade do foro non podemos entender a prosperidade da agricultura galega nin a súa puxante demografía no século XVIII. Sen entender os efectos do centralismo e o fracaso da nosa revolución democrática de 1846 non podemos coñecer o porqué do noso empobrecemento e da emigración. Sen coñecer o labor do Partido Galeguista non entenderemos o plebiscito do Estatuto de 1936, de onde xorde, constitucionalmente, o noso recoñecemento como nacionalidade e, xa que logo, a legalidade autonómica que fai que Román Rodríguez sexa conselleiro.

Solucionarmos as interinidades delongadas

A expansión obxectiva dos servizos públicos autonómicos e locais (esixencia do Estado do Benestar), canda a normativa estatal que restrinxiu ferreñamente desde a Grande Depresión de 2008 a capacidade das autonomías e concellos para quitar ofertas públicas de emprego, xerou o fenómeno das interinidades delongadas. Persoas que de primeiras entran no emprego público (normalmente a medio dunha listaxe consonte criterios de mérito e capacidade) para cubrir unha vacante e continúan logo de varios anos prestando os seus servizos, fornecendo unha necesidade estrutural da Administración Pública na que serven e sen oportunidade para consolidar o seu emprego por mor da falla de convocatoria das precisas probas para esa fin.
O Tribunal de Xustiza da Unión Europea declarou ilegais estas interinidades delongadas e obriga estabilizar o emprego público e máis a adoptar solucións concretas, declarando a fixeza do posto ou, de non se considerar viábel xuridicamente, recoñendo unha dupla indemnización a prol da persoa interina, tanto pola súa delongada permanencia nesta cualidade como pola eventual perda do seu posto de traballo cando se cubra a vacante.
Na Galicia sofren esta caste de interinidades moitas persoas nas Administracións autonómica e locais, nomeadamente no SERGAS, nas Consellarías de Educación e Política Social e en varias compañías e axencias públicas, como o Consorcio Galego da Igualdade e do Benestar. Este Consorcio contratou pouco máis de 300 persoas con carácter temporal a medio de probas selectivas no 2007, tendo en conta o carácter experimental desta fórmula de cooperación interadministrativa entre a Xunta e os concellos para dotar de medios persoais o cobizoso plan de atención ás crianzas de 0 a 3 anos e persoas maiores e necesitadas de inclusión do vicepresidente Anxo Quintana (BNG). A fins do 2008 convocouse a oferta pública de emprego que habería cubrir de xeito estábel estes postos, mais foi revogada cando chegou o PP á Xunta no 2009 e até de agora non volveu ser convocada, remanecendo mentres estes centos de persoas na súa delongada interinidade.
O Goberno do Estado non quere recoñecer a declaración como fixos daquelas persoas que non superen os procesos selectivos de estabilización previstos na reforma legal que promove, pretextando unha suposta inconstitucionalidade que non é tal. Porque, xa no 1988, a lei galega da Función Pública do conselleiro nacionalista Pablo G. Mariñas declarou persoal laboral fixo a extinguir aos funcionarios interinos que non aprobasen os procesos de estabilización previstos na lei.
Velaí a solución para as interinidades delongadas