O erro Tellado

O filósofo Ortega y Gasset escrebiu o 15.11.1930 un artigo no xornal madrileño El Sol, no que dixo que o rei Alfonso XIII fixera un erro grandísimo ao lle encargar, en febreiro dese ano, ao xeneral Berenguer voltar ao réxime constitucional monárquico de 1876 de xeito normal, como se os sete anos da brutal ditadura de Primo de Rivera (1923-1930) puidesen pasar de esguello. Velaí porque o filósofo considerou Berenguer obxecto (non é o erro de Berenguer, mais si o erro Berenguer) e non suxeito, cualidade que lle pertencía ao malfadado rei Alfonso XIII. O artigo contribuíu á caída da Monarquía borbónica en abril de 1931.
Nesta fin de 2021 Núñez Feijóo está a facer o erro Tellado. O PPdeG, que acadou un 48% de votos en xullo de 2020, percebe desde o remate do verán de 2021 que o BNG segue tan forte como nas eleccións nacionais de 2020. Mesmo máis forte. Por primeira vez o PPdeG albisca a posibilidade real, mesmo a probabilidade, de perder as eleccións nacionais de 2024 fronte a unha coalición opositora liderada polo BNG. Quer dirixa ao PPdeG Núñez Feijóo, quer o dirixa calquera outro.
Fronte a este proceso, Núñez Feijóo anima un discurso Tellado, demonizador do BNG, que vai totalmente á contra do que pensa a xente, ademais de respostar a esquemas vellos e caducos. Porque o BNG definiu bastante a xeito na súa remuda congresual de novembro a dicotomía entre a ideoloxía de base (son soberanistas e defenden o dereito a decidir de Galicia) e a praxe que propoñen para a Galicia de arestora: un autogoberno blindado, a recadación e xestión de todos os tributos e unha lingua de uso preferente nun Estado transformado como plurinacional e nunha Unión Europea tamén transformada nunha Europa da cidadanía e dos pobos. É dicir, unha cosoberanía galega nun esquema confederal e plurinacional estatal e europeo.
Emitir mensaxes de medo a respecto do BNG como inimigo da convivencia non pertence a esta época, nin á nosa realidade. E enviar ao segundo Tellado para que os emita amosa que se está a perder o sentido da evolución dos tempos, mesmo que se está a perder o sentidiño. Ese sentidiño que a cidadanía galega esixe, agora e sempre, dos seus líderes.
A deputada do BNG Olalla Rodil, no Parlamento de Galicia, encaixou Tellado moi ben e máis ubicouno onde lle pertence: nos espazos da vella política dependentista que centos de milleiros deste País queren pechar, abrindo os que lles vencellen cos progresos da nova Europa, cos progresos do novo Mundo.

Disparármonos ao pé

Nesta xeira do debate da nación, PPdG e PSdeG aprobaron no noso Parlamento unha proposta contra o dereito a decidir de Galicia, pois que “o futuro colectivo da nación española corresponde a todos os españois”. Cómpre respectarmos esta proposta, porque defender Galicia como parte inseparábel da indivisíbel España é absolutamente lexítimo.
Mais cómpre analisarmos fondamente esta idea. Pactarmos unha España unida desde a igualdade de dereitos e a garantía do noso benestar sería unha boa opción, se o facemos dende a cosoberanía, pactando unha unión desde unha mestura de ferramentas de federalismo asimétrico e confederalismo. É dicir, se pactamos a unidade do Estado español no contexto da unidade europea reservándonos un amplo autogoberno que garanta plenas competencias a respecto da nosa lingua, cultura, educación, Dereito Civil, ordenamento territorial e réxime local e o control das ferramentas para o noso benestar: os portos e aeroportos todos, as políticas de promoción económica e, por riba de todo, a normativa fiscal e máis a recadación, liquidación e inspección do conxunto dos tributos todos, porque non pode haber autogoberno sen financiamento nin descentralización do gasto público sen a parella descentralización do ingreso público.
Velaí que o aprobado este día polo Parlamento amose o peor dos dependentismos amosado nunca pola nosa Cámara ao longo dos seus case 40 anos de vida. Porque a proposta aprobada non defende a unidade do Estado no contexto da Constitución de 1978. Non. O aprobado é moito máis grave, porque demite dos dereitos históricos de autogoberno recoñecidos á Galicia ao abeiro do artigo 2 en relación coa Disposición Transitoria Segunda da Constitución que, incorporados ao Estatuto, esixen que calquera modificación do marco xurídico-político galego sexa aprobada polos representantes parlamentarios do Estado e de Galicia de xeito bilateral e paccionado.
O Parlamento de Galicia vén de recoñecer que o Estado español poida decidir el só a respecto do noso futuro político, sen nos consultar ao respecto. Esta decisión conecta coa recentralización adoptada a medio da mutación constitucional material levada adiante estes anos polo Tribunal Constitucional, desnaturalizando as fórmulas bilaterais da Constitución de 1978 e do Estatuto de 1981 e deixa á intemperie ao noso País.
Confunden o cu coas catro témporas o PPdeG e o PSdeG? Queren negar o dereito ao autogoberno galego? Ou queren definir xa de vez o Estatuto como simple carta outorgada e ao autogoberno como concesión española?
Velaí que o dependentismo sexa cativo, curto de ollada e prexudicial para o noso futuro social, económico e cultural.

Arredarnos do dependentismo

Hai dúas semanas escrebíamos nestas páxinas que o 2 de outubro principiará un proceso substancial de reforma constitucional do Estado e que Núñez Feijóo aposta polo dependentismo a respecto de Rajoy e Madrid para faceren deste país unha Rioxa ou Murcia un pouco máis grande.
O lehendakari Urkullu vén de anunciar este fin de ciclo e coida chegado o intre de construír un Estado confederal que recoñeza o dereito a decidir das nacións galega, catalá e vasca. Cando moitas acreditaban que o PNV sería o apoio do PP até o remate da lexislatura asistimos á confirmación dende Euskadi de que o proceso catalán moveu de xeito irreversíbel os marcos.
Que lle convén a Galicia? Dende logo non ser coma a Rioxa ou Murcia. Non lle convén o dependentismo, porque só achega pouco máis do 5% ao PIB e á poboación do Estado e porque as nosas bases económicas non son relevantes para este mesmo Estado. Ser un de tantos (o dependentismo) afonda na nosa subordinación económica, cultural e social. Cómpre, pois, arredarmos do dependentismo.
Mais Núñez Feijóo (que disque non recuncará nin seguirá carreira en Madrid) quitou hai un ano a única maioría absoluta do Estado e no ámbito do PPdeG non se move unha palla. Xa que logo, só poden tecer un relato as forzas políticas e sociais que acrediten nun proxecto de País distinto. Un relato para a sociedade galega que nos permita partillar o proceso que vai vir si ou si.
Velaí a necesidade urxente dunha unidade de acción de En Marea e BNG que tenda a mAn ao novo PSdeG (á marxe da desubicación da Executiva federal do PSOE) e ao mundo do galeguismo centrista e independente, que tenta arestora vertebrar Compromiso. Tamén á sociedade máis dinámica e aos axentes empresariais, que son os primeiros prexudicados da política económica dependentista do PP, como demostraron a revogación do concurso eólico, a liquidación das Caixas ou os efectos na recesión da falla dunha Banca Pública Galega que apostase polas nosas medianas empresas.
Semella, pois, o momento da intelixencia e da xenerosidade. O momento de que as forzas políticas e sociais galeguistas e progresistas que non partillan o relato dependentista do PPdeG deixen de ollar para cadanseu embigo e pensen nos intereses da cidadanía galega.