Un sistema político galego

Analistas como o profesor Miguel Anxo Bastos (USC) ou o xornalista catalán Marçal Sintes teñen sinalado nos últimos tempos que Galicia (como Catalunya, Euskadi ou Nafarroa) é un sistema político de seu e non pode ser analisado baixo os parámetros predeterminados desde o gran Madrid e a “España española”, en xenial definición do profesor Bastos. Despois de máis de doce anos do 15-M e de case dez da revolución da nova política (2014-2015), no sistema político galego que abrolla destas eleccións nacionais do 18-F salientan un PPdeG (47,3% dos votos) presente en todos os recunchos do territorio e da sociedade civil e un BNG (31,57% dos votos) que sobrancea nos ámbitos urbanos e nas persoas de menos de 45 anos, mentres consolida boas posicións no ámbito de idade entre 46 e 65 e no proprio medio rural. O BNG acada un resultado superior aos acadados polo Sinn Fein nas eleccións do Ulster (30%) ou da República de Irlanda. E só cede, na comparanza europea e a respecto doutras forzas soberanistas, co 46,4% dos nacionalistas escoceses do SNP no 2021 ou co 39,3% do PNV do 2020. Na Catalunya e na Córsega as forzas soberanistas obteñen por xunto máis escanos proporcionalmente que na Galicia, mais dividen a súa representatividade en varias forzas.
Mentres, o PSdeG sofriu as resultas da súa falla de proxecto de País e de mensaxe galega, asfixiado por un lote de ministros e ministras paracaidistas cando o certo é que o seu ben capacitado -malia que serodiamente presentado- candidato Gómez Besteiro tiña os seus mellores aliados ben a man, nos máis votados do partido nunhas eleccións nacionais galegas: González Laxe (1989) e Pérez Touriño (2005 e 2009), como Ana Pontón reivindicou Xosé Manuel Beiras e Anxo Quintana. Elixiron, pola contra, mensaxe madrileña e trabucáronse. Hoxe o PSOE devece polo escano número dez en Ourense e non dá xuntado nin o 45% dos votos dos soberanistas, que semella ser quen a ocupar os espazos, diferentes mais complementarios, do soberanismo, do galeguismo autonomista, da Galicia do cambio e da praxe socialdemócrata.
No sistema español de partidos Sumar e Vox son fulcrais e constitúen os aliados necesarios do PP e do PSOE no seu asalto ao Poder estatal. Mais neste 18-F levaron por xunto (incluídos no lote os disidentes de Podemos) un 4,2% (case un 25% sumados ambos os dous nas estatais do último xullo). As forzas estatais á dereita do PP e á esquerda do PSOE son absolutamente marxinais na Galicia. Que poden pensar arestora forzas achegadas a cadanseu país ou territorio como Compromís, Més por Mallorca, Més por Menorca ou a Chunta Aragonesista que, porén, partillan candidatura estatal cos de Yolanda Díaz?
Galicia demostrou ser unha nación de seu ao definir un sistema político de seu. Mais, no caso do BNG (bastante menos quizais no do PP), acrecentar os votos do 18-F vaille esixir afondar nesa transversalidade que chegou este 18-F a case todos os recunchos. Vaille esixir seguir a se situar, unha e outra vez (como adoita dicir Anxo Quintana) “no centro do seu electorado”.

Existe o PSdeG?

O PSOE na Galicia sempre funcionou como franquía. Na primavera de 1977 só militaban na entón federación galega do PSOE Paco Vázquez, Salvador F. Moreda e media ducia máis, mentres o PSG dirixido na altura por Xosé Manuel Beiras integraba centos de cadros e significativos profesionais e xeraba axenda nas redaccións xornalísticas. Sen raigame social, mais empoleirado polo apoio económico do SPD alemán e pola telexenia de Felipe González, o PSOE quitou seis deputados e acadou o segundo posto no podium electoral galego.
Despois, moitos cadros do PSG (Laxe, Rodríguez Pardo, González Amadiós, Ceferino Díaz) integráronse no refundado PSdeG constituíndo o seu núcleo substancial, mais axiña ficaron diluídos pola enxurrada de nova afiliación integrada despois da vitoria electoral de 1982 de Felipe González. Desde as eleccións locais de 1983 o PSdeG acadou importantes cotas de poder local e xogou en chave localista. Son os tempos da cidade-estado coruñesa de Francisco Vázquez, tempos nos que Felipe González deixou ao presidente Laxe ao pé dos cabalos (decembro 1989), facilitando unha maioría absoluta moi discutíbel de Fraga Iribarne, coa dúbida non resolta do deputado 38 do PP en Ourense. Decisións impensábeis en Catalunya ou o País Valencià e só posíbeis pola falla dunha organización autónoma no PSdeG, alicerzada pola falla dun proxecto común de País dos socialistas galegos.
A excepción foron os dez anos da dirección de Emilio Pérez Touriño (1999-2009), cesado por Pepe Blanco na noite electoral do 1-M de 2009. Desde esas datas un ronsel de secretarios xerais e candidatos autonómicos sen estabilidade. E unha enxurrada de primarias a cara de can, moitas veces sinaladas polo regate curto de líderes locais mudando tacticamente de alianzas e case sempre sen debate político de luces longas.
A nidia vitoria de Valentín G. Formoso sobre Gonzalo Caballero (58%-42%) nas primarias para secretario xeral do PSdeG alicerzouse na clara derrota electoral caballerista nas eleccións nacionais galegas de 2020 e no noxo xerado pola imposición das candidaturas destas últimas eleccións pola até agora dirección socialista galega. Mais semella difícil integrar á importante minoría e moito máis dotar de discurso e voceiro a un grupo parlamentario caballerista no que o pontés gañador ficará ausente até as vindeiras eleccións galegas de 2024.
O PSdeG gañou as estatais de abril de 2019 na Galicia e acadou unha importante cota de poder local en maio de 2019. Porén, foi terceiro na escolla autonómica e fica inédito no eido das propostas que enxerguen Galicia como país, alén do apoio acrítico ao Goberno do Estado de quenda.

O lugar do PSdeG

A resaca da batalla do comité federal do PSOE chegou a Galicia, onde Abel Caballero cuestionou xa a representatividade da xestora presidida por Pilar Cancela que goberna o PSdeG dende a demisión de Xosé Ramón Gómez Besteiro. Semella un chisco chocante esta preocupación do alcalde vigués, cando dez dos once membros galegos do comité federal votaron contra Pedro Sánchez, só dous meses despois que o conxunto da afiliación galega ratificase Xoaquín F. Leiceaga como candidato á Xunta, fronte ao candidato apoiado por eses dez membros.
Ao PSdeG ocórrelle algo semellante ao que lle ocorre a moitos outros partidos socialdemócratas europeos: non teñen unha diagnose da situación actual e, xa que logo, non poden achegar propostas de futuro viábeis. Na Galicia agrávase substancialmente esta indefinición pola absoluta inadecuación entre o sucursalismo amosado historicamente por boa parte do PSdeG e a necesidade dun proxecto propio e autónomo para este País.
Precisamente, os níveis máis altos de apoio cidadán aos socialistas nunhas eleccións nacionais galegas déronse cando foron quen a contar cun relato galego de seu. Eis os 28 deputados acadados por González Laxe no 1989 ou os 25 de Pérez Touriño no 2005.
As diferenzas estratéxicas entre ese sucursalismo, que adoita integrar tamén os sectores máis relativistas a respecto da corrupción e máis achegados a unha consideración inmobilista da Constitución, e os sectores renovadores, gañadores das primarias deste verán, xiran arredor da política de alianzas e, en concreto, sobre a necesidade de tecer alianzas naturais con En Marea (canda as distintas Mareas municipais) e BNG. O PSdeG nunca foi quen de ser alternativa por si só, porque na Galicia nunca existiu propiamente bipartidismo. Velaí que recoñecer esa circunstancia e construír acordos de goberno locais e, en diante, nacionais sexa absolutamente preciso para o PSdeG se non quere ser unha organización inútil.
As “vellas glorias” sucursalistas do PSdeG están hoxe en día fóra da realidade, como xa llelo manifestou a afiliación ao empoderar Leiceaga fronte a Méndez Romeu nas recentes primarias nacionais. Non velo sería inviabilizar unha alternativa ao PP por moitos anos.

Marca Galicia

Como nos vén de lembrar o estudo do antigo presidente da Xunta Fernando G. Laxe e o xornalista José Luís Gómez, a Marca-País é esencial para a identificación da economía e cultura dun país no contexto dos mercados internacionais. A Marca-País esixe de amplos consensos na construción dunha imaxe corporativa común, na que non só han participar os Gobernos e demais axentes institucionais e empresariais, senón as institucións cívicas e culturais. Porque a Marca Galicia require do consenso cos empresarios e demais sectores económicos, mais tamén do acordo coa sociedade civil e cos sectores máis dinámicos e activos da cultura e da cidadanía.
Malia que no noso País botáranse importantes alicerces para a Marca Galicia (Galicia Calidade foi a máis importante achega), moi decote esqueceuse tamén da proxección de Galicia non só como territorio de moi altas cualidades produtivas no sector agroalimentario, senón tamén da proxección doutros sectores produtivos vencellados con outras tecnoloxías, do seu turismo e da súa identidade cultural. Neste senso, os Centros galegos no exterior constitúen unha oportunidade moi aprezábel para espallar Marca-País, malia que haberíamos ter en conta o devalo demográfico e de actividades de moitos destes Centros, pezas esenciais para apoiar nesta rede de galeguidade e identidades partilladas parte destas estratexias.
Iberoamérica, a lusofonía, as Illas Británicas e a Europa central, setentrional e occidental, xunto co pulo do Camiño xacobeo (outro dos nosos principais recursos para presentarmos ao mundo) na Corea e no Xapón son os ámbitos máis permeábeis para espallar esta Marca-Galicia, esencial no que atinxe á nosa promoción turística (que non pode repenicar o modelo español de sol e praia), ás nosas producións alimentarias e forestais e á presentación das nosas realizacións no ámbito empresarial e institucional do coñecemento, incluída a acción exterior das nosas Universidades e demais axentes da investigación e innovación.
Mais a Marca-Galicia, como lembran Laxe e J. L. Gómez, precisará sempre dunha identificación cultural para sermos coñecidos como País. Sen a definición exterior da nosa identidade será imposíbel a identificación dos nosos produtos, recursos e realizacións humanas. O que sería fulcral para a nosa recuperación económica.