A hexemonía soberanista en Euskadi

Nas eleccións vascas de antonte PNV e EH Bildu quitaron máis dos dous terzos de votos (67,70%: 35,12% o PNV e 32,58% EH-Bildu) e 54/75 deputados, PP e PSE quitaron cadanseus 7/75 e 12/75, con cadanseus 9,15% e 14,2% de votos e pequenas subas a respecto de 2020, fronte á catástrofe de Elkarrin-Podemos, que perde os seus 6 escanos de 2020 dos que Sumar só foi quen de recuperar un. Mentres Vox mantiña o seu escano, malia o curto 2% de votos que quitou globalmente.
A comparanza destes resultados do soberanismo vasco cos que obtiveron historicamente é moi rechamante. Pensemos que PP e PSE no 2009 xuntaron maioría absoluta entre os dous (38/75), que baixaron no 2012 a 26, mentres agora só quitaron 19 por xunto. Velaí, evidentemente, unha das chaves da votación de antonte.
A segunda chave é que Euskadi se constitúe como comunidade política desde certo grao de confederalidade. Malia que Biscaia ten tantos electores (arredor de 950.000) como sumados os de Áraba e Gipúscoa, os tres territorios históricos elixen cadanseus 25 deputados. Isto permite que Áraba elixa un deputado de Sumar e outro de Vox cos resultados pouco superiores, nos dous casos ao 3% no territorio, moito máis baixos no conxunto do país. Na Áraba cómpre observar que o avance soberanista nestas eleccións e, moito máis en conxunto, nos últimos quince anos é moi potente.
A terceira chave é que o PNV gaña en votos polo seu liderado en Biskaia (39,6% PNV fronte ao 28,3% de EH-Bildu), mentres EH-Bildu, empatándolle en escanos, gaña con claridade Áraba (29,6% vs 27,3%) e Gipúscoa (40,4% vs 31,8%). De todos os xeitos, o empate a 27 partindo dos 31 do PNV e 21 de EH-Bildu no 2020 sinala unha evolución nidia. Malia que o PNV salve o liderado teórico e máis o Goberno que manterá co PSE, a remuda da representación, como pasou na Galicia, anuncia un probábel cambio político na contorna de 2027-2028.
O case nulo custo do grave erro de Otxandiano, o candidato abertzale, ao non condenar a violencia de ETA (en política democrática cómpre condenarmos a violencia sempre e en todo lugar) porén, reflicte que Euskadi mira cara adiante e que o desarme unilateral de ETA, sen lle quitar culpa ningunha polos seus asasinatos, marcou definitivamente a Euskadi moderna que xa considera o conflito parte do pasado.
Cara ás “batallitas” madrileñas, salienta a forza minguante das forzas estatais e unionistas: Sumar e Podemos afúndense e Vox sobrevive malia non representar case ninguén, mentres o PP non sae da irrelevancia e o PSE, cunha cota de votos semellante á do PSdeG o 19-F, cura parcialmente o desgusto das eleccións galegas en Ferraz e achega algo de oxíxeno a un Sánchez que continua a surfear as ondas montañosas da lexislatura.
Euskadi demostrou, como fixo Galicia o 19-F e demostrará Catalunya o 12-M, que a súa cidadanía vota unha axenda de seu e que o seu sistema político é substancialmente diferente ao da que definiu con acerto o profesor Miguel Anxo Bastos (USC) como “a España española”.

Un sistema político galego

Analistas como o profesor Miguel Anxo Bastos (USC) ou o xornalista catalán Marçal Sintes teñen sinalado nos últimos tempos que Galicia (como Catalunya, Euskadi ou Nafarroa) é un sistema político de seu e non pode ser analisado baixo os parámetros predeterminados desde o gran Madrid e a “España española”, en xenial definición do profesor Bastos. Despois de máis de doce anos do 15-M e de case dez da revolución da nova política (2014-2015), no sistema político galego que abrolla destas eleccións nacionais do 18-F salientan un PPdeG (47,3% dos votos) presente en todos os recunchos do territorio e da sociedade civil e un BNG (31,57% dos votos) que sobrancea nos ámbitos urbanos e nas persoas de menos de 45 anos, mentres consolida boas posicións no ámbito de idade entre 46 e 65 e no proprio medio rural. O BNG acada un resultado superior aos acadados polo Sinn Fein nas eleccións do Ulster (30%) ou da República de Irlanda. E só cede, na comparanza europea e a respecto doutras forzas soberanistas, co 46,4% dos nacionalistas escoceses do SNP no 2021 ou co 39,3% do PNV do 2020. Na Catalunya e na Córsega as forzas soberanistas obteñen por xunto máis escanos proporcionalmente que na Galicia, mais dividen a súa representatividade en varias forzas.
Mentres, o PSdeG sofriu as resultas da súa falla de proxecto de País e de mensaxe galega, asfixiado por un lote de ministros e ministras paracaidistas cando o certo é que o seu ben capacitado -malia que serodiamente presentado- candidato Gómez Besteiro tiña os seus mellores aliados ben a man, nos máis votados do partido nunhas eleccións nacionais galegas: González Laxe (1989) e Pérez Touriño (2005 e 2009), como Ana Pontón reivindicou Xosé Manuel Beiras e Anxo Quintana. Elixiron, pola contra, mensaxe madrileña e trabucáronse. Hoxe o PSOE devece polo escano número dez en Ourense e non dá xuntado nin o 45% dos votos dos soberanistas, que semella ser quen a ocupar os espazos, diferentes mais complementarios, do soberanismo, do galeguismo autonomista, da Galicia do cambio e da praxe socialdemócrata.
No sistema español de partidos Sumar e Vox son fulcrais e constitúen os aliados necesarios do PP e do PSOE no seu asalto ao Poder estatal. Mais neste 18-F levaron por xunto (incluídos no lote os disidentes de Podemos) un 4,2% (case un 25% sumados ambos os dous nas estatais do último xullo). As forzas estatais á dereita do PP e á esquerda do PSOE son absolutamente marxinais na Galicia. Que poden pensar arestora forzas achegadas a cadanseu país ou territorio como Compromís, Més por Mallorca, Més por Menorca ou a Chunta Aragonesista que, porén, partillan candidatura estatal cos de Yolanda Díaz?
Galicia demostrou ser unha nación de seu ao definir un sistema político de seu. Mais, no caso do BNG (bastante menos quizais no do PP), acrecentar os votos do 18-F vaille esixir afondar nesa transversalidade que chegou este 18-F a case todos os recunchos. Vaille esixir seguir a se situar, unha e outra vez (como adoita dicir Anxo Quintana) “no centro do seu electorado”.

Entrevista en Nós Diario: “A amnistía tamén salva o Supremo dunha decisión negativa nos tribunais europeos”

Entrevista feita por Xan Carballa para Nós Diario, publicada o 24 de novembro de 2023. Pode verse aquí.

“- Pregunta (P): Até que punto a lei de amnistía supón pór unha paréntese histórica que se iniciaría cando a sentenza do Estatut en 2010?
– Resposta (R): O primeiro é dicir que o conflito político catalán é lexítimo e nace dun Estatuto aprobado en referendo pola cidadanía en 2006. Despois o Constitucional, en xuño de 2010, atende parcialmente un recurso de inconstitucionalidade presentado polo PP e márcase unha liña de interpretación que fecha o proceso de encaixe singular da nación catalá que pretendía Zapatero co Pacto do Tinell. Ese día, sendo José Montilla (PSC) presidente, eu estaba nunha reunión en Barcelona cos empresarios galegos en Catalunya, dos que era vicepresidente Amancio López Seixas, e un taxista faloume dunha manifestación moi grande que se convocara dicíndome: “Que lle parece? Teño 71 anos, votei sempre PSC e por primeira vez penso que Catalunya debería ser independente”. Cando moitos opinadores din que iso non ten nada que ver, é falso.
Daquela é cando en 2012 Mas fai unha proposta de pacto económico, que é rexeitado, e prodúcese a primeira Diada realmente independentista. É unha resposta á imposibilidade dun cambio constitucional de facto e por vías políticas, porque sabemos todos que a Constitución formalmente é de moi difícil modificación, pero os Estatutos de Autonomía son parte dese corpus constitucional. Se se vise con perspectiva, como fixo Zapatero, o encaixe era posíbel. Pero tamén debemos lembrar que o Constitucional que adoptou aquela decisión tamén tiña un mandato caducado. Aí nace o conflito.
– P: E despois viñeron a consulta de 2014 e o referendo de 2017.
– R: Primeiro a convocatoria de consulta de Artur Mas do 9 novembro de 2014, que suscitou un procedemento e condena penal por desobediencia contra Mas, a vicepresidenta Joana Ortega e o conselleiro de gobernación Quico Homs. Despois, en 2015, refórmase a lei do Tribunal Constitucional, que non esquezamos que non é poder xudicial, que é un organismo de garantías de que as leis non van contra o pactado na constitución. A reforma permítelle actuacións que só corresponden a tribunais de xustiza, emitindo mandatos de execución de sentenzas cando non son a súa función. Até entón as decisión do Constitucional aparecían no BOE con efecto normativo, non xudicial. Só por esa mudanza foron posíbeis as sentenzas de desobediencia posteriores.
Con eses acontecementos chegamos ao 1 de outubro de 2017. Unha xornada con brutalidade policial importante dos corpos estatais, non dos Mossos d’Esquadra, e gran cantidade de lesionados. O día 2 o PSOE, con Soraya Rodríguez de voceira, formula unha reprobación do Goberno Raxoi, pero retíraa o día 4, porque o día 3 é a desaquelada e desproporcionada mensaxe de Felipe VI. O 27 é a fugaz declaración de independencia e de inmediato aplícase o artigo 155.
– P: E xa entra en funcionamento toda a cadea de decisións xudiciais que o independentismo, e non só, cualifica de lawfare.
– R: O 30 de outubro o fiscal xeral do Estado presenta unha querela criminal desproporcionada e faino no Supremo e na Audiencia Nacional, buscando que non se enxuizara no Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya (TSXC) –que para nada era proindependentista–, senón para levar un futuro xuízo fóra de Catalunya e alcanzar unha única sentenza non cuestionábel, evitando a segunda instancia penal, é dicir, eliminando un dereito que está na Convención Europea de Dereitos Fundamentais e que admite moi poucas excepcións. Detrás da imputación de rebelión –como na de terrorismo–, hai unha suspensión inmediata de dereitos como cargos electivos dos investigados. Coa acusación de terrorismo vaise á Audiencia Nacional, un tribunal continuador do TOP franquista, e cunha alambicada decisión interpretando que algunhas actuacións do procés ocorrían no estranxeiro levar toda a competencia ao Supremo, que ao final agrupou todo. Sen lembrar esta secuencia completa de acontecementos non podemos entender todo o que se vén falando de lawfare.
– P: Pensando a futuro, a aplicación da amnistía tamén lle permitirá salvarse a un poder xudicial que ben podería ser desautorizado polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea ou o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, como o foi xa en Bélxica, Italia ou Schleswig-Holstein na longa peripecia de Puigdemont.
– R: Varios recursos xa están neses tribunais europeos, e en xaneiro de 2024 remata para o Estado o período de alegacións. A pregunta é boa porque o máis afectado é o Tribunal Supremo pola posíbel asunción impropia de competencia nun enxuizamento que tocaría ao tribunal natural dos acusados que é o TSXC. A perda da dobre instancia é clave nese asunto, porque o da rebelión non entrou finalmente na sentenza, e iso evitou un problema aínda maior. No asunto do lawfare tampouco debemos esquecer que o delito de “referendo ilegal” fora eliminado no período de Goberno de Zapatero, polo tanto as persoas que convocaban esas consultas non podían incorrer en desobediencia como si podía substanciarse respecto ás decisións do Constitucional. Eu entendo que foi un aproveitamento de recursos xurídicos para unha auténtica desviación de poder.
– P: En todo caso a amnistía é un recurso excepcional, pero democrático?
– R: A amnistía é esquecer un delito e en democracia debe haber unha razón moi poderosa, que se argumente nun funcionamento anormal do Estado. É entendíbel que para parte da cidadanía do Estado español é duro admitir que parte da democracia funcionaba mal. Só parte do poder xudicial estaría “contaminado”. A inmensa maioría dos órganos xudiciais non están afectados por estas cuestións. Todo o que ten que ver co lawfare incumbe á Sala do Penal do Supremo no xuízo do procés e a sala da Audiencia Nacional de Carmen Lamela, porque despois pasou a unificarse todo no Supremo, ou a desaqueladísima cualificación como terrorismo dos feitos do Tsunami Democrátic.
– P: Até que punto esta situación ten que ver con que na restauración democrática de 1977 foi o xudicial un poder intocado?
– R: No poder xudicial houbo, transcorridos tantos anos, unha mudanza, aínda que só fose por razóns biolóxicas. É certo que hai continuísmos familiares, si, pero desde 1984 e 1985 a carreira xudicial é maioritariamente doutra fasquía en todo tipo de tribunais. O problema do lawfare estivo nos tribunais nos que permanece a facultade libérrima de nomear un xuíz ou tribunal discrecionalmente, a pesar da antigüidade ou dos méritos. Esa é unha facultade do Consello Xeral do Poder Xudicial, un órgano que desde os anos oitenta renóvase en función do poder alternante do PP e o PSOE. Cando manda a dereita, son máis executivos e cobren todas as prazas que poden.
Na Sala do Penal do Supremo non vou dicir que sexan maioría de adscrición PP/Vox, pero si que teñen unha mentalidade que se axusta aos criterios de que España é unha democracia “singular” que nace do pacto da transición, que non pode refugar valores da dereita do franquismo sociolóxico e cun pensamento sobre a unidade de España, que tolera os avances autonómicos como algo non desexábel, e consideran que o poder xudicial debe ser único cando en calquera organización federal hai descentralización (USA, Alemaña, Suíza,..)… Son visións moi enraizadas nos altos corpos de funcionarios do Estado e non só no poder xudicial. Sempre foron corpos moi reticentes ao proceso de desenvolvemento autonómico, querendo acaparar para si competencias que se foron transferindo. Esa mentalidade e capacidade de presión explica que seguisen intocadas nese proceso descentralizador as Inspeccións de Facenda, a Inspección de Traballo ou a Avogacía do Estado.
– P: Reclama o PP “independencia do poder xudicial” e mantén bloqueada a renovación do Consello Xeral desde hai cinco anos.
– R: A dereita sabe que esta situación actual non leva a ningures. E só se desbloqueará o CXPX se muda a lei para cubrir 12 postos. Os grupos parlamentarios poderían impulsar un cambio da lei para que poidan ser nomeados polo parlamento con maioría absoluta. É unha decisión complexa porque na UE hai temor a unha invasión da independencia xudicial, pero o que algúns descoñecen alí é este nesgo das institucións españolas. Desde o XIX, a maioría dos países europeos reformaron a xustiza que proviña do absolutismo monárquico para que non se puidese frear desde alí as determinacións do lexislativo que emanaba do poder democrático.
Pero non debemos esquecer que as mudanzas feitas por maiorías circunstanciais non son solucións estábeis. Neste caso, esa decisión de reformar a lei pode solucionar unha situación de bloqueo esaxerado: en seis meses o Supremo vai ter un 25% de vacantes pola imposibilidade de facer nomeamentos, e tamén hai moitos atrasos no penal, no social, no civil e no contencioso. Unha parte da solución podería ser o nomeamento dos consellos de poder xudicial autonómicos.
– P: Parece que a lexislatura vai ser polémica por estes aspectos, pero non é a economía a que vai determinar o éxito ou o fracaso?
– R: Vai ser fundamental. Por unha parte, hai un enflebecemento da economía europea, pero fálase dun crecemento anual do 1,6% no Estado e non parece tan grave como lle gustaría á dereita española. Os mercados descontaron favorabelmente a investidura. A débeda vai provocar que en 2024 haxa recortes, pero non podemos esquecer a capacidade de recadar, que pode e debe mellorar. Debéronse deflactar os impostos, porque non é o mesmo facelo sen considerar un 6 ou 7% de inflación. Polo demais, se os bancos seguen gañando tanto, o imposto aos beneficios, aínda que sexa temporal, suporá recadación segura. Sánchez en 2024 vai ter instrumentos que Zapatero non tiña en 2010 cando caían todos os mercados e ademais coas situacións de Francia e Italia non se vai volver ás receitas salvaxes da anterior crise.
O problema económico grave, e o que máis castiga a cidadanía, é a inflación e por iso é tan necesaria unha política de rendas e unha efectivización do ingreso mínimo vital que debe mellorar moito na súa xestión. A conversa que eu escoitaba eses días da investidura viaxando en autobús versaba sobre a promesa de transporte gratuíto. Iso é o que lle importa á xente. Porque a fluidez da creación de emprego non a pode negar ninguén, aínda que sexa en condicións salariais manifestamente mellorábeis, e máxime cunha inflación que non poderá durar eternamente. Fronte a esa situación global, en Galiza a Xunta promove sectores que non inciden en positivo para fixar emprego, como a minaría, o eucalipto ou a eólica e falta un instrumento público potente, porque se están a perder moitas oportunidades.
– P: A plurinacionalidade avanzará ou será coa lentitude inapreciábel da morrena dun glaciar?
– R: O PSOE é moi rápido para pactar e vai amodo á hora de cumprir os acordos. En xeral ningunha forza unionista española é cumpridora nesta materia, tampouco Sumar ou Podemos no seu momento. Mesmo está ben visto “enganar” porque na visión centralista os nacionalistas son “insaciábeis”. O mecanismo que opera en Madrid, algo menos nas Castelas, Cantabria e ultimamente con forza preocupante nalgunhas capitais andaluzas, é o que chama o profesor Bastos a intransixencia da “España española”.
O novidoso é que a xeometría variábel xa non é posíbel. Reconstruír as pontes entre PP e PSOE vai ser cousa de anos se é que se consegue. O compromiso inevitábel polos socios actuais está clara. Este esquema de mutación plurinacional pode comezar, aínda que tarde moito en culminar. O que deberían todas as forzas nacionalistas é ser colaborativas neste proceso, como deben selo no problema grave da débeda autonómica, porque este é un Estado que infrafinancia os servizos públicos.”

A oportunidade do Plan Urkullu

Escribiu hai moi poucos días o xornalista galego José Luis Gómez que o lehendakari Urkullu, coa súa proposta de mutación constitucional material cara ao Estado plurinacional do 30 de agosto, recoñecendo a preexistencia constitucional da foral Nafarroa, e das nacións vasca, catalá e galega por mor dos seus plebiscitos autonómicos dos anos 30 do século XX, fixera xurdir un debate fulcral para Galicia. Mais Gómez laiábase da falla de resposta da sociedade civil e do empresariado galego a respecto dunha proposta moito máis importante polo singular do seu contexto que polo limitado do seu texto. Mentres o profesor Miguel Anxo Bastos (USC) prognosticaba o futuro deseño de novas maneiras de relacionamento entre as nacións históricas e o Estado das resultas futuras do xogo político desta proposta.
O presidente Rueda, no canto de actuar a xeito de País, actuou en chave de partido. Galicia ten o 5,5% do PIB estatal e o 5,2% da nosa poboación. É dicir, só xogamos no cualitativo e nunca no cuantitativo. E o cualitativo hoxe é a fiestra de oportunidade que abre a actual conxuntura política e onde tamén se sitúa o plan Urkullu. Non era, pois, o intre procesual para advertir que vai loitar por evitar a desigualdade dos territorios, xa que o status constitucional de Galicia como nacionalidade e máis o seu acceso privilexiado ao autogoberno por ter plebiscitado o Estatuto de 1936 son xa singularidades en si propias, como o Dereito Civil, a lingua, a cultura, o espallamento poboacional ou uns sectores produtivos que para nós son esenciais e para o Estado prescindíbeis.
Pola súa banda, o Partido Galeguista (PG) avaliou moi positivamente a proposta, salientando que o esencial non é o texto constitucional como dogma, senón o seu contexto social, o seu carácter de “entorno con regras de diálogo político”, considerando que este diálogo e a busca dun novo consenso é esencial ao principio democrático presente na Constitución. Na orde práctica, o PG propón un Estado plurinacional confederal aberto á integración de Portugal no que os territorios non nacionais ou rexións seguisen a desenvolver unha “descentralización realista” que evite duplicidades administrativas “innecesarias”.
Mais fóra do Presidente da Xunta e do PG ningún axente político, social ou económico ten definido nestes 12 días o seu posicionamento a respecto do plan Urkullu, o que constitúe de certo unha anomalía nacional grave.
Tampouco se ten definido oficialmente o BNG, malia que vaia de seu que gosta da letra e da música desta proposta e que, pola súa representación no Congreso estatal e máis pola súa cualidade de alternativa de goberno ao PP no ámbito nacional, vaia ser o actor político con máis xogo ao longo do camiño que desenvolva no próximo futuro o plan Urkullu.

Verdades verdadeiras destas eleccións

1.- O Estado español, canda a nosa Galicia, enfronta a probabilidade dun xiro de 180 graos se o PP e Vox acadan xuntos o 23-X un resultado co que poidan gobernar. O deep state escolleu Feijóo como candidato, persoa sen contidos ideolóxicos de seu e, xa que logo, o mellor executor do programa doutros. Mais está decidido non só a que Vox partille a ecuación de goberno, senón que lidere desde o seu extremismo españolista e ultracatólico a xeración da axenda dominante desde a súa galegofobia, machismo, homofobia e xenofobia. Na axenda dese hipotético futuro goberno teremos de certo políticas económicas pensadas para as grandes fortunas, recorte substancial dos nosos dereitos e liberdades e agresión discriminatoria para a nosa lingua e cultura e a nosa economía e benestar.
2.- Os centos de milleiros que voten BNG e, en xeral, os millóns de cidadáns que votan polas distintas opcións soberanistas, son (somos) cidadáns de pleno dereito e os deputados que escollan teñen legal e moralmente o mesmo dereito das opcións unionistas españolas para decidir, no seu caso, o futuro Goberno do Estado. Non hai España viábel sen recoñecer a súa plurinacionalidade.
3.- Nas cuestións que se refiren aos dereitos e liberdades (velaí a continuidade na vixencia da prisión permanente, dos delictos de opinión e da “lei mordaza”) e, sobre todo, á política autonómica e territorial, o PSOE e o resto da esquerda española tenden a asumir o marco mental da España á forza unitarizada do PP da España española (en moi acaídas verbas do profesor M. A. Bastos) e de Vox. E estas cesións (mellor diríamos asuncións) retroalimentan unha e outra vez este marco mental. Velaí que non haxa solución política a respecto do dereito a decidir, só o castelán sexa realmente protexido e que o independentismo sexa continuamente criminalizado.
4.- PSOE, Sumar, BNG e as opcións soberanistas catalás e vascas concordan no seu común rexeitamento a esta ameazante regresión 50 anos atrás no tempo. Xa que logo, para a cidadanía demócrata deste País, o voto ao BNG ten a utilidade de impedir este salto regresivo e, ademais, a utilidade adicional da afirmación dos dereitos e intereses de Galicia e do benestar dos galegos, ausentes dos programas do PSOE e Sumar. Esta utilidade aplícase tamén nas circunscricións de Lugo e Ourense onde un hipotético primeiro deputado do BNG chimparíalle o terceiro ao PP en cadanseu territorio.
5.- Mesmo no suposto tan lesivo e indesexábel dun Goberno futuro PP-Vox, unha forte representación galega no Congreso constituiría unha acaída ferramenta para lle desenvolver unha ferreña oposición coordenada co traballo en positivo a desenvolver dende os Parlamentos de Galicia e Europeo e desde os gobernos locais progresistas cara reflectir a necesidade dunha inmediata remuda na Xunta de Galicia.

Cómpre subir os tipos de xuro?

Neste mes de agosto tiven a ocasión de partillar co profesor Miguel Anxo Bastos (USC) dous faladoiros da actualidade na Radio Galega conducidos pola xornalista Silvia Pereira. E nas dúas ocasións, canda outros temas de actualidade, xurdiu o das medidas antiinflacionarias. Bastos confía nas medidas clásicas de restrición da liquidez e suba dos tipos de xuro, xa desenvolvidas en xullo polo Banco Central Europeo (BCE) e antes pola Reserva Federal dos USA e os Bancos Centrais suízo e xaponés. Eu, sen negar que existan xa algúns elementos de inflación na demanda post-covid, sigo a pensar que a actual inflación xorde nomeadamente dos graves desaxustes da oferta xerados pola queda produtiva da pandemia.
Semella que esta miña percepción, que contraría en parte opinións tan alicerzadas como a do profesor Bastos, conecta coa recentísima opinión (24-A) do antigo economista-xefe do Banco Mundial, o profesor Joseph Stiglitz. Cando hai quen desconta xa para o vindeiro setembro unha suba de 0,5 pontos do tipo de xuro do BCE (a lle engadir á suba doutro tanto neste último xullo), Stiglitz advirte que pode ser peor o remedio que a doenza. Advirte que, en realidade, sofrimos unha inflación xerada sobranceiramente polas restricións da oferta de alimentos, compoñentes electrónicos e enerxía, polo que subir os tipos de xuro non atende á raíz do problema e mesmo pode agravalo. As restricións de acceso ao financiamento dificultarían a implementación dos investimentos precisos para resolver eses estrangulamentos da oferta.
No caso do noso País, Galicia, as restricións crediticias dificultarían o proceso de reindustrialización e reagrarización que precisa a nosa economía e mesmo os investimentos en dixitalización, enerxía e habitabilidade que constitúen obxectivos fulcrais dos Fondos Next Generation da Unión Europea. Co que podemos enfrontar a treboada perfecta dunha inflación sen corrixir (malia a case segura queda substancial do consumo) á que se lle engadiría unha recesión no PIB que xere desemprego, redución da recadación fiscal e, xa que logo, necesidade ulterior de transferencias para pagar máis prestacións e subsidios sociais e máis xuros da débeda pública.
Cómpre, pois, esixir prudencia dos dirixentes do BCE (que non respostan politicamente diante do Parlamento Europeo) e lembrar, como ten dito o economista galego Marcelino Fernández Mallo, a necesidade cando menos de manter canles privilexiadas de financiamento para eses proxectos estratéxicos de reindustralización, infraestruturas, dixitalización e reagrarización. Porque unha segunda edición do austericidio de 2010-2013 xeraría uns custos non aturábeis para as clases medias e traballadoras.

Convenios colectivos galegos

O mesmo Mariano Rajoy vén de recoñecer que a reforma laboral do Goberno do Estado PSOE-UP (decembro de 2021) modificou dun xeito moi limitado a súa contrarreforma laboral de febreiro de 2012. Malia todo, cómpre recoñecer algúns avances substantivos: que pola vía da subcontratación non se degraden condicións de traballo ou reduzan soldos, que os convenios sigan vixentes mesmo despois de rematar a temporalidade pactada ou que os convenios de empresa non poidan reducir os soldos dos convenios sectoriais. Claro é que cómpre introducir reformas urxentes para sectores específicos que non se estudaron abondo no proceso dunha reforma planeada pola vicepresidenta Yolanda Díaz para a súa propia gloria, como a cuestión do persoal investigador, que precisa instrumentos contractuais específicos que substitúan á contratación eventual de obra ou servizo que agora fica proscrita.
O convalidamento do Decreto-Lei do Goberno do Estado no Congreso atópase en grave risco, pois semella que só conta con PSOE, UP, Más País, Teruel Existe, Cs e PRC (167), coa moi lonxana posibilidade que os 4 deputados do PdeCat escindidos do grupo de JuntsxCat puidesen pactar con Sánchez e Yolanda Díaz. Á marxe do voto en contra existencial do PP e Vox (141 deputados por xunto), para BNG, PNV, EH Bildu, JuntsxCat, CUP, ERC e Compromís (32 deputados) é fulcral a prevalencia dos convenios colectivos de ámbito autonómico (no noso caso, de ámbito nacional galego); non hai xeito de arrumbala ou esquecela. O que mesmo pode ser complexo para os 2 deputados da UPN elixidos canda Navarra Suma, para a deputada do centro-dereita canario de CC e máis para o deputado do centro-esquerda canario de NC.
Na Galicia o primeiro sindicato en votos e delegados é a CIG, mentres que en Euskadi ese posto perténcelle á ELA-STV que, canda a LAB, sobrancea maioritariamente nas representacións sindicais vasca e navarra. No sector público catalán tamén sobrancea La Intersindical. Velaí a realidade social que alicerza esa ferreña actitude do soberanismo plurinacional.
Pensando na realidade deste País, como xa escrebiu hai poucos días o profesor liberal Miguel Anxo Bastos (USC), as pemes galegas (mesmo determinadas empresas galegas sobranceiras, como as conserveiras) haberían preferir marcos laborais pactados a nível de País, onde puidesen negociar con bo suceso os seus intereses e non depender dos intereses da grande empresa que dirixe a CEOE, que segue con esa falsa ladaíña da unidade de mercado que só significa que as grandes empresas manden e lles quiten o mercado ás pemes locais.
Tanto ás empresas galegas como ás persoas traballadoras do noso País interésanos moito a prevalencia dos convenios colectivos galegos. E iso non llelo van dicir nin Pedro Sánchez nin Yolanda Díaz.