Coñecermos a historia para xulgarmos o presente

Condenar a violencia terrorista tanto do Goberno sionista de Israel como dos islamistas de Hammas e Hezbollah esixe xulgar e xulgar esixe coñecer. Coñecermos o que pasou nos últimos cento vinte anos na Palestina (pois a historia comeza coa sistemática fundación polo movemento sionista de colonias xudías no territorio palestiniano pertencente ao Imperio otomano desde 1904) e, tamén, coñecer a diáspora xudía xerada polas invasións asiria (século VII a. de XC.), babilónica (VI a. de XC.), romana (anos 70 e 135), pola emigración a Alexandría do Exipto (III ao I a. de XC.) e polas múltiples represións, expulsións e pogroms antisemitas desenvolvidos na Europa, desde o século XIII até o holocausto nazi. Unha diáspora tamén acrecentada coa emigración dos milleiros de xudeus europeos que non tiñan xa moradía nin referentes despois do holocausto e coa expulsión de centos de milleiros de persoas xudías despois de 1948 de Marrocos, Exipto, Iraq e outros países árabes.
O antisemitismo padecido polos xudeus durante case dous mil anos fixo xurdir un proxecto nidiamente sionista que mercou terras, con fondos das grandes fortunas xudías (nomeadamente Rotschild), desde a fin do século XIX na Palestina aos grandes propietarios árabes, beneficiarios da política prolatifundista e anticomunal do Imperio Otomano. Esta colonización sionista perseguiu un Fogar Nacional Xudeu que tencionaba que nas terras mercadas traballasen só xudeus, impondo a previa expulsión polos latifundistas árabes dos arrendeiros ou aparceiros locais. O sionismo constituíu para os colonos xudeus na Palestina, asentados desde a fin do século XIX, o ADN da súa resposta a dous mil anos de discriminación e sofrimentos, máis extremos na Europa cristiá que no mundo musulmàn.
O mandato que recibiu o Reino Unido da Liga das Nacións para administrar Palestina (1919-1948) deu grande pulo a esta colonización xudía, até as serodias limitacións (1939-1946) que impediron a chegada de milleiros perseguidos polos nazis. Isto agravouse coa prohibición do Goberno laborista de Attlee de novas inmigracións xudías (1946), cando 250.000 supervivintes do Holocausto agardaban en campos de refuxiados na Alemaña e na Austria.
Mais o terrorismo sionista matou 92 persoas nun atentado contra a Comandancia británica de Palestina no hotel King David (22 de xullo de 1946) e Gran Bretaña renunciou meses despois ao seu mandato. En novembro de 1947 a ONU aprobaba unha Resolución na que propuña dividir case por metades o territorio do Mandato británico nun Estado de Israel e outro de Palestina. Os países árabes rexeitaron esta Resolución e non recoñeceron o Estado de Israel, proclamado en maio de 1948. Israel gañou a guerra que estourou entón e, no tempo do armisticio (1949), ocupaba máis terras das sinaladas pola ONU, expulsando do territorio uns 800.000 palestinianos, desde entón refuxiados. Nin eles nin os seus descendentes puideron voltar aos seus fogares.
Na vindeira semana seguiremos debullando a historia deste vello conflito.

Erdogan, o xenocida

A agresión imperialista define a historia do pobo turco, dende o seu berce na Asia Menor dos séculos XII e XIII. Agresión que se manifestou na conquista dos Balcáns no século XIV e de Constantinopla no 1453, onde ducias de milleiros de civís foron mortos e escravizados. No século XVII Grecia foi conquistada tamén. Dende fins do século XVI até 1830-1840 centos de milleiros de persoas europeas foron mortos ou cativos polos piratas de Alxer e da Berberia otomá coa finalidade de convertelos en escravos, chegando mesmo ás Illas Británicas, Países Baixos e Islandia. Galicia, desprotexida polo reino de Castela, pagou tamén o seu tributo de sangue coa destrución de Cangas (1617), que nos custou máis dun cento de mortes e douscentos cativos que nunca voltaron do Norte da África.
No 1908 os militares nacionalistas (Mozos Turcos) impuxéronlle ao Sultán otomán un Goberno que desenvolveu o xenocidio dun millón de armenios (1915). No 1922-1923 o Goberno leigo de Atatürk (que depuxera meses antes o Sultán) desenvolveu unha terríbel limpeza étnica da poboación grega da Asia Menor, o seu fogar por tres mil anos. No 1974 os turcos invadiron Chipre e ocuparon o seu terzo norte, onde seguen arestora, malia a condena internacional.
O Kurdistán é unha nación que se estende polo territorio dos Estados turco, sirio, iraquiano e iraniano. Foi formalmente recoñecido como Estado no Tratado de Sèvres (1920), nunca recoñecido por Atatürk, que acadou a medio da guerra das potencias europeas a anulación deste recoñecemento no Tratado de Lausanne (1923). As milicias kurdas, nomeadamente as femininas, foron as principais responsábeis da derrota no norte de Siria e Iraq do Estado Islámico (ISIS) no 2016. Tanto no norte de Siria como no norte de Iraq, os kurdos foron quen de crear estruturas de goberno que respectan (en liñas xerais) os dereitos humanos, a igualdade da muller e a liberdade relixiosa. En setembro de 2017 o Kurdistán iraquí aprobou a creación dun Estado independente no seu territorio autónomo con case o 93% dos votos.
Dende o 9 deste mes Erdogan e os seus aliados árabes islamitas masacran a poboación civil kurda coa pasividade de USA, que retirou da rexión as súas tropas e coa complicidade española. Si, leron vostedes ben. Unha batería de misís Patriot das FF.AA. españolas protexe a base aérea turca de onde saen os avións que matan os civís kurdos.
O Kurdistán non ten case altofalantes na Europa. Seguiremos a contar a súa loita desigual. A súa loita pola supervivencia contra Erdogan, o xenocida.

A unidade imposíbel

É moi difícil partillar un discurso común a respecto das causas e efectos do terrorismo islamita coa opinión publicada representativa da dereita española, inzada de islamofobia e catalanofobia.
O atentado do 11-M amosou a vinculación entre as políticas exteriores e militares occidentais e o terror yihadista. Esta caste de opinións da dereita española rexeitan considerar que a política exterior dos USA e os seus aliados en Iraq ou Siria alimente o yihadismo. Algúns mesmo seguen a defender exóticas teorías da conspiración a respecto daquel atentado.
Estas opinións negan tamén a simbiose ideolóxica de Arabía Saudí e algunha outra monarquía do Golfo Pérsico coas comunidades islamitas radicalizadas de onde xorden os terroristas e o seu apoio financeiro ás mesmas. Porque admitir esta realidade suporía unha recomposición xeral das relacións políticas e económicas (entre elas a venda de armas españolas) entre estes Estados e o Estado español, que defende unha tradicional amizade con estes réximes. Unha amizade que pasa pola proximidade á familia real saudí do anterior e do actual Xefe de Estado, mesmo na defensa dos intereses de determinadas grandes empresas. Diante desta realidade eran previsíbeis as críticas que algúns dos manifestantes lle dirixiron ao Rei na manifestación do sábado.
Esta caste de opinións despreza estes factores fundamentais e centra o seu relato na islamofobia. A apertura aos refuxiados propiciaría o terrorismo islamita e as comunidades musulmás europeas serían pasivas colaboradoras, cando non coadxuvantes, das accións terroristas. Esquecen que o 92% dos mortos do Estado islámico son musulmáns e que só dende o fundamentalismo wahabista (que interpreta o Corán a medio da tradición e da sharia) atopa xustificación a agresión aos non musulmáns.
E logo está a catalanofobia. Dende o minuto un tentouse vencellar as mortes coa xestión do Govern independentista, criticando a suposta acollida de musulmáns en Catalunya, a resposta policial da Generalitat e o uso parcial do catalán!!! nas roldas de prensa.
Dende as esquerdas asumiuse xa que a resposta inclúe a prevención e represión policiais e, nese senso, é paradigmática a xeral aceptación da proporcionalidade das intervencións letais dos Mossos. Mais a dereita española non avanza na súa visión do problema. Nestas circunstancias a unidade é moi difícil.

Verdades sobre o terrorismo islamita

Para enxergarmos a realidade do terrorismo yihadista cómpre enfrontar as solucións dende a perspectiva europea, desenvolvendo a escalas continental e local todas as actuacións de represión e prevención a curto prazo que sexan compatíbeis co Estado de Dereito e co contido esencial das liberdades. Urxe, neste senso, transformarmos a Europol nun auténtico FBI europeo que coordine as respostas de intelixencia ao terrorismo na Europa toda. Mais non haberá solución global e europea sen modificacións substanciais nas políticas de inclusión dos residentes musulmáns na Europa e sen unha remuda substancial das políticas exteriores europeas.
A case totalidade dos terroristas actuantes na Europa non son refuxiados da guerra de Siria, senón nacionais europeos ou, cando menos, residentes estábeis. Na súa conversión en terroristas adoita ser decisivo o discurso dalgunhas mesquitas adoito financiadas polo diñeiro saudí. De feito, wahabismo e dinastía saudí son inseparábeis dende o século XVIII e a aplicación radical da sharia e o concepto de yihad son semellantes en cadansúas cosmovisións do réxime saudí e do Estado Islámico. Arabia Saudí é socio comercial privilexiado do Estado español no que atinxe á merca de armas, construción de infraestruturas e venda de petróleo. Os intereses comerciais de determinadas grandes empresas españolas son alí moi importantes e mesmo o anterior Xefe de Estado foi quen garantiu a subministración de petróleo saudí naqueles anos 1977 e 1978. Por que non se curta o financiamento saudí a moitas mesquitas españolas?
Por outra banda, o apoxeo do Estado islámico veu da man da intervención militar dos USA, secundada polo Reino Unido, ao destruír a ditadura de Saddam Hussein en Iraq e financiar a oposición islamista á ditadura siria de Bashar al Assad. Os intereses petrolíferos occidentais preferiron Estados falidos que remataron co apoxeo dun Estado Islámico que vendía barato o petróleo de Mossul a través de Turquía. Unha Turquía que tampouco quere destruír de todo os yihadistas, porque non quere un Kurdhistan forte, reunificado e independente.
Non pode haber loita eficaz contra o yihadismo sen actuar sobre estes parámetros. Cómpre analisalos polo miúdo e non mercarlle aos de sempre explicacións islamófobas de todo a cen.