As Nacións Unidas e o conflito árabe-israelí

Dicíamos hai unha semana que desde 1904 até 1948 unha potente operación sionista asentou no territorio da Terra Santa centos de milleiros de persoas xudías. Dicíamos tamén que ese sionismo quería rachar cunha tradición de dous mil anos de submisión dos xudeus aos reinos e estados cristiáns e árabes da Europa, Norte de África e Próximo Oriente.
As Nacións Unidas (ONU) decidiron en novembro de 1947 o remate do mandato británico para a administración de Palestina encargado pola Liga das Nacións de 1919 e a división do territorio entre un Estado de Israel, poboado por 550.000 persoas xudías e 400.000 árabes e un Estado de Palestina poboado por 800.000 palestinianos e 10.000 xudeus. Xerusalén, Belén e outros lugares próximos, poboados por unhas 200.000 persoas, metade árabes, metade israelís, haberían ser administrados internacionalmente. Esta decisión foi rexeitada polos países árabes (erro criminal decidido sen consultaren cos palestinianos) e criticada polos sionistas, malia que foi aceptada polo Goberno israelí.
A guerra de 1948 exiliou entre 750.000 e 800.000 palestinianos e os xudeus ocuparon de xeito efectivo máis territorio que o definido como espazo físico para o seu Estado. Xa que logo, outravolta a ONU decidiu en decembro de 1948 o dereito dos palestinianos de escoller entre a súa volta en paz aos seus fogares ou recibir unha compensación económica pola privación das súas propiedades, vivendas e proxecto vital. Israel nunca cumpriu este mandato da ONU.
Despois da Guerra dos Seis Días, no 1967, Israel ocupou territorios (consonte coa resolución das Nacións Unidas de 1947) legalmente pertencentes aos palestinianos árabes (a franxa de Gaza, Xerusalén Leste e Cisxordania). Xerusalén Leste foi anexado a Israel (1980) e declarada a Cidade no seu conxunto como capital do Estado de Israel. Máis de 500.000 novos palestinianos ficaron exiliados dos seus fogares. A ONU, na fin de 1967, requiriu de Israel a fin da violencia e maila evacuación dos Territorios Ocupados. Mais o Goberno israelí incumpriu abertamente este mandato internacional desenvolvendo desde a fin dos anos 60 do século pasado unha política de asentamentos nos devanditos territorios ocupados, só parcialmente suspendida na área de Gaza e nalgunhas zonas de Cisxordania (1995-2005). As Administracións dirixidas polo Likud dos últimos vinte anos seguiron a potenciar esta política de asentamentos sionistas.
Xa que logo, Israel incumpre abertamente os mandatos da comunidade internacional desde 1949, tanto no que atinxe ao retorno das persoas exiliadas canto ao desaloxo das colonias xudías nos territorios ocupados. Como potencia ocupante, ademais, é responsábel de protexer as poboacións palestinianas na Franxa de Gaza, Cisxordania e Xerusalén Leste, mais case nunca adoitou distinguir entre poboación civil e belixerantes.

Coñecermos a historia para xulgarmos o presente

Condenar a violencia terrorista tanto do Goberno sionista de Israel como dos islamistas de Hammas e Hezbollah esixe xulgar e xulgar esixe coñecer. Coñecermos o que pasou nos últimos cento vinte anos na Palestina (pois a historia comeza coa sistemática fundación polo movemento sionista de colonias xudías no territorio palestiniano pertencente ao Imperio otomano desde 1904) e, tamén, coñecer a diáspora xudía xerada polas invasións asiria (século VII a. de XC.), babilónica (VI a. de XC.), romana (anos 70 e 135), pola emigración a Alexandría do Exipto (III ao I a. de XC.) e polas múltiples represións, expulsións e pogroms antisemitas desenvolvidos na Europa, desde o século XIII até o holocausto nazi. Unha diáspora tamén acrecentada coa emigración dos milleiros de xudeus europeos que non tiñan xa moradía nin referentes despois do holocausto e coa expulsión de centos de milleiros de persoas xudías despois de 1948 de Marrocos, Exipto, Iraq e outros países árabes.
O antisemitismo padecido polos xudeus durante case dous mil anos fixo xurdir un proxecto nidiamente sionista que mercou terras, con fondos das grandes fortunas xudías (nomeadamente Rotschild), desde a fin do século XIX na Palestina aos grandes propietarios árabes, beneficiarios da política prolatifundista e anticomunal do Imperio Otomano. Esta colonización sionista perseguiu un Fogar Nacional Xudeu que tencionaba que nas terras mercadas traballasen só xudeus, impondo a previa expulsión polos latifundistas árabes dos arrendeiros ou aparceiros locais. O sionismo constituíu para os colonos xudeus na Palestina, asentados desde a fin do século XIX, o ADN da súa resposta a dous mil anos de discriminación e sofrimentos, máis extremos na Europa cristiá que no mundo musulmàn.
O mandato que recibiu o Reino Unido da Liga das Nacións para administrar Palestina (1919-1948) deu grande pulo a esta colonización xudía, até as serodias limitacións (1939-1946) que impediron a chegada de milleiros perseguidos polos nazis. Isto agravouse coa prohibición do Goberno laborista de Attlee de novas inmigracións xudías (1946), cando 250.000 supervivintes do Holocausto agardaban en campos de refuxiados na Alemaña e na Austria.
Mais o terrorismo sionista matou 92 persoas nun atentado contra a Comandancia británica de Palestina no hotel King David (22 de xullo de 1946) e Gran Bretaña renunciou meses despois ao seu mandato. En novembro de 1947 a ONU aprobaba unha Resolución na que propuña dividir case por metades o territorio do Mandato británico nun Estado de Israel e outro de Palestina. Os países árabes rexeitaron esta Resolución e non recoñeceron o Estado de Israel, proclamado en maio de 1948. Israel gañou a guerra que estourou entón e, no tempo do armisticio (1949), ocupaba máis terras das sinaladas pola ONU, expulsando do territorio uns 800.000 palestinianos, desde entón refuxiados. Nin eles nin os seus descendentes puideron voltar aos seus fogares.
Na vindeira semana seguiremos debullando a historia deste vello conflito.

A democracia iliberal ameaza a Unión Europea

Desde 1945 o consenso social europeo foi o propio dunha democracia liberal e atendeu ao propósito dunha sociedade garantista e plural, mais cohesionada arredor da economía social de mercado, a liberdade individual e máis a garantía do Estado do Benestar.
Na Grande Depresión (2008-2014) as forzas da dereita ultraconservadora europea de base chauvinista reinterpretaron o seu concepto de democracia nun sentido iliberal. Deste xeito, o primeiro ministro húngaro Viktor Orban refugaba no 2014 dos valores liberais e defendía unha democracia maioritaria non pluralista, baseada nuns supostos valores comúns da nación húngara. Chamou tamén a atención Orban a respecto da suposta falla de eficacia da democracia liberal europea fronte a sistemas autoritarios como o chinés, o turco ou o ruso.
Arestora a extrema dereita xa goberna na Italia, Polonia, Hungría e noutros lugares da Europa e o debate sobre a limitación das liberdades a prol da seguridade do Estado e dos intereses públicos xa enchoupa a nosa axenda política. Mais o centro-dereita liberal, o centro-esquerda socialdemócrata e mesmo a esquerda máis ortodoxa adoitan mercar dos ultraconservadores o seu marco mental.
Velaí como no Estado español as pescudas a respecto da espionaxe do software israelí Pegasus, que atinxiu 59 cidadáns catalás e 4 vascos (todos profesionais ou líderes sociais e políticos no lexítimo exercicio dos seus dereitos e tarefas, entre eles, por certo, varios avogados no exercicio do seu dereito-obriga de defensa) foron anestesiadas pola acción recíproca do PSOE, PP, Cs e Vox e a pasividade de Unidas Podemos e Comuns.
Arestora estamos a vivir na Unión Europea (UE) unha reasignación dos conceptos “seguridade nacional”, “interese público” ou “persecución dos delictos” para xustificar restricións nos nosos dereitos e liberdades fundamentais, nomeadamente o dereito á nosa privacidade, que inclúe o dereito ao segredo nas nosas comunicacións. Neste senso, a proposta de Directiva da Comisión Europea, que propuña prohibir softwares de espionaxe nos dispositivos electrónicos das persoas xornalistas vén de ser substancialmente reformado no Consello Europeo (CE), integrado polos 27 Xefes de Goberno dos Estados Membros (EM) da UE. Francia propuxo e ningún outro EM rexeitou que os propios EM puidesen usar desta software espía por razóns de “seguridade nacional”, “interese público” e “persecución dos 32 delictos incluídos na euroorde”. Cumpriralle, logo, ao PE, en canto que colexislador canda o CE, frear esta agresión aos nosos valores liberais, recuperando o texto proposto hai ben poucos días pola Comisión Europea.
O certo é que xa están ás portas, tanto nos procesos electorais locais, territoriais e estatais dos EM, canto nas europeas de 2024. E, alén diso, na asunción acrítica polos partidos liberais, democristiáns, socialdemócratas, verdes e esquerdistas europeos da maximización dos valores de democracia maioritaria e de seguridade do Estado fronte ás pluralidades territoriais e nacionais, ás minorias identitarias e idelóxicas e ás liberdades individuais e colectivas.

Unha agresión sionista a Galicia

A eurodeputada Ana Miranda (BNG-Alianza Libre Europea) foi expulsada do territorio israelí o martes 21-F despois de aterrar en Tel Aviv facendo parte da delegación oficial de relacións coa Palestina do Parlamento Europeo, sendo posuidora dunha autorización expresa do Ministerio xudeu de Exteriores, canda as demais persoas da delegación europea. Porén, o Ministerio do Interior xudeu anulou ilegalmente o acordado polo seu proprio Goberno e impediu o seu ingreso en Israel, deportándoa cara á Unión Europea (UE).
O Goberno sionista israelí ratificou deste xeito o seu xorne autoritario e a súa falla de respecto polas máis elementais regras do Estado de Dereito e da convivencia diplomática que xorde do Dereito Internacional Público. Porque a expulsión de Ana Miranda non é só unha agresión ao noso País, á Galicia, senón ao conxunto da Unión Europea. Velaí as protestas da propia presidenta do Europarlamento.
A UE (principal cooperante internacional da Autoridade Nacional Palestina) habería asumir un rol moito máis activo na condena e mesmo illamento internacional do goberno Netanyahu, que integra o seu sionista Likud con outros partidos de extrema dereita, tamén sionistas e/ou ultraortodoxos. Un Goberno que atenta decote contra os dereitos humanos da poboación palestina e mesmo comeza a limitar os dereitos da cidadania árabe israelí, mentres tramita unha reforma lexislativa que sometería aos Tribunais de Xustiza ao Executivo e penaría coa pena de morte os ataques palestinos ás forzas israelís.
Netanyahu sempre foi aliado de Trump e fixo o posíbel por desfacer o pacto antinuclear asinado co Irán polo presidente Obama mentres impón unha ferreña neutralidade no conflito ucraíno xerado pola agresión do réxime autoritario de Vladimir Putin. Que é o outro vello amigo do líder sionista.
O incidente, en chave de País, lembra que o Parlamento Europeo é un factor de equilibrio corrector dunha Europa dos Estados que sofre de non poucos déficits democráticos. Malia todo, a actual arquitectura institucional dalle á Eurocámara un moi importante papel de codecisión a respecto da Comisión Europea e do Consello Europeo que habería de se desenvolver en termos de contrabalanceo aos intereses das multinacionais para acadarmos mais protección ás pemes, ás minorías e ás persoas consumidoras e unha mellor defensa dos valores da igualdade, protección ambiental e pluralidade territorial e nacional.
Precisamente eses teñen sido os vectores do traballo que ten desenvolvido decote Ana Miranda ao longo dos seus máis de vinte anos traballando para o noso País no Parlamento Europeo. Desde o seu traballo a prol dos intereses da nosa pesca, gandería ou sector naval, da conexión ferroviaria con Portugal e do corredor atlántico ferroviario ao seu rol fulcral na investigación pola Axencia Ferroviaria Europea do accidente do Alvia en Compostela no 2013, que contribuíu que se estea a desenvolver un xuízo minimamente xusto.