Vacinación obrigatoria?

Hoxe é da máxima actualidade o debate sobre a vacinación obrigatoria, tanto no que se refire á obriga directa, baixo sanción, como á indirecta, cando estaríamos suxeitos a importantes limitacións na vida pública de non nos vacinar.
O primeiro sería fixar un marco legal que permita decidir, caso por caso, a posibilidade de distintas graduacións de obriga directa ou indirecta das vacinas. Coa información dispoñíbel consonte co estado actual da ciencia, semella que poden existir situacións epidemiolóxicas en abstracto que requiran desta obrigatoridade, directa ou indirecta, nomeadamente para determinados colectivos, que requiran que cedamos substancialmente no noso dereito fundamental á privacidade para garantir o dereito á vida e integridade física de moitos. Velaí a xustificación dunha reforma da Lei Orgánica 3/1986, de medidas especiais de saúde pública, facultando á Xunta de Galicia e demais Administracións autonómicas (titulares das competencias de Saúde Pública e únicas que teñen a información local epidemiolóxica para decidir aqueladamente) a lexislar distintos graos de vacinación obrigatoria, sempre suxeitas aos requisitos de proporcionalidade, necesidade e axeitamento das medidas ás súas fins sanitarias.
Despois sería o Parlamento galego quen habería reformar a nosa lei de saúde para regular un procedemento transparente e participativo para que a Xunta adoptase eventuais medidas de obrigatoridade da vacinación directa ou indirecta, onde a comunidade científica e médica, as forzas políticas e os axentes sociais poidan achegar as súas alegacións e suxestións. A resolución administrativa da Xunta, adoptada ao abeiro da así reformada Lei de Saúde de Galicia, sería revisábel polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ao abeiro do procedemento urxente de protección de dereitos fundamentais, no que pode suspender cautelarmente as medidas administrativas adoptadas. Nesa revisión xudicial o TSXG decidiría se as medidas de vacinación obrigatoria adoptadas pola Xunta serían legais, ao abeiro dos devanditos requisitos de axeitamento á súa fin sanitaria, proporcionalidade e necesidade.
É xustificábel adoptarmos na Galicia medidas de vacinación obrigatoria para a Covid-19? Ao mellor si para persoal da asistencia sanitaria primaria e hospitalaria e para traballadoras/es das residencias da terceira idade e dependencia, mais non con carácter xeral, pois: i) moi axiña estará vacinada voluntariamente máis do 90% da poboación vacinábel, polo que son innecesarias, e ii) non serían medidas proporcionais, tendo en conta que as empresas produtoras das vacinas de primeira xeración esixiron ser eximidas de toda responsabilidade por danos causados por estas.
Cómpre regular o marco para adoptar medidas desta clase no futuro, mais semella que na Galicia de hoxe non teñen encaixe.

O rato e a montaña

O sábado 27-F acadou vixencia a reforma da Lei de Saúde de Galicia aprobada pola maioría absoluta do PPdeG contra os votos do BNG e do PSdeG. A primeira na testa, porque unha lei desta caste cómpre acadala dende o consenso político e social e o Presidente que non o vexa amosa non ser estadista. O PPdeG optou pola proposición de lei urxente, sen lle outorgar ás forzas sociais e políticas a capacidade de achega e emenda propia dos proxectos de lei que promoven os Gobernos e non as súas maiorías parlamentarias.
Lembrarán tamén que xusto daquela falabamos que a devandita lei non era quen de marcar obrigatorias as vacinas no noso País, pois que unha decisión deste xeito requiría unha lei orgánica aprobada pola maioría absoluta do Congreso estatal. Canto ás vacinas a reforma é, só, propaganda.
Para alén diso, a reforma do PP alicérzase nunha doutrina trabucada de base: a que coida que hai que loitar contra as pandemias con medidas represivas que poñan o foco na responsabilidade individual da cidadanía, no canto de poñelo na adopción de políticas eficientes que lle dean á sanidade pública galega as ferramentas xurídicas, administrativas, organizativas e, por riba de todo, os medios materiais e persoais precisos para loitar contra a doenza. Outro erro gravísimo, moito máis nun País como Galicia, onde case o 40º% das mortes se produciron nas residencias de xestión privada, suxeitas á inspección e control da Xunta de Galicia. É dicir, onde os incumprimentos privados non tiveron case efecto.
Hai, tamén, outras cousas negativas nesta reforma, que veñen de reflectir dende a Asociación de Defensa da Sanidade Pública Galega. Como a advertencia da OMS contra a obrigatoriedade dos tratamentos e probas (agás circunstancias excepcionais pandémicas non definidas a xeito nesta reforma legal), o excesivo poder que se lle outorga, polo menos durante 48 horas, aos funcionarios policiais non sanitarios que poden mesmo pechar cautelarmente (un máximo de 48 horas) os equipamentos sociais e establecementos empresariais e máis a multiplicación de controis tecnolóxicos indefinidos sobre a cidadanía.
É dicir, a reforma da lexislación sanitaria galega do PPdeG non resolve problemas e pode afectar liberdades, constitúe unha operación de marketing e propaganda políticas e non quixo definir un marco legal galego acaído ás nosas necesidades. Outravolta, a vocación do Presidente Feijóo de lle botar a culpa aos demáis, facer oposición da oposición e aproveitar calquera oportunidade para facer propaganda política abrollou nesta oportunidade perdida.
Como dicíamos noutronte: a montaña pariu un rato.

É obrigatoria a vacina?

O Parlamento do noso País aprobou, só co voto da maioría absoluta do PPdeG e o  rexeitamento do BNG e do PSdeG, unha reforma da Lei de Saúde de Galicia de 2008 que sanciona como infracción a negativa ao vacinamento cando veña acordado polas autoridades sanitarias galegas.
De primeiras cómpre salientar a pouca vontade do Goberno do PP de se someter aos controis democráticos previstos para a produción lexislativa, ao optaren pola proposición de lei do seu Grupo Parlamentario no canto da fórmula do proxecto de lei, que é a que adoitan desenvolver os Gobernos democráticos. E que obriga a un conxunto de consultas a prol da meirande participación cidadá e garantía de proporcionalidade social e acerto xurídico.
Malia toda a literatura espallada estes días a norma non imporá o vacinamento obrigatorio. O único efecto desta lei é definir unha normativa represiva para o suposto que se determine esa obrigatoriedade no futuro.
Que esixe o réxime xurídico vixente para unha obrigatoriedaade do vacinamento? No que atinxe á obriga de determinadas persoas e colectivos, esta reforma legal non mudou nada. De feito, xa a Xunta xa requiriu con bo suceso dos Tribunais competentes da orde contencioso-administrativo, ao abeiro das competencias que lle outorga a Lei Orgánica 3/1986 determinados vacinamentos forzosos. Porque esta norma é a única que permite actuacións restritivas de liberdades con autorización xudicial, mais só para persoas ou colectivos concretos, atinxidos pola pandemia e non con carácter xeral.
E como obriga xeral? Non mudou nada. E que cumpriría para implantar xeralmente o vacinamento obrigatorio? Unha lei orgánica que definise os requisitos de proporcionalidade e necesidade para que a Xunta puidese acordar un determinado vacinamento xeral. Por que? Porque non hai normativa sobre doenzas infecciosas que determine a obrigatoriedade desta vacina e porque só a medio dunha lei orgánica pódese delimitar o exercicio dos dereitos fundamentais, entre eles os dereitos á liberdade, á integridade física e á intimidade persoal, que impiden un vacinamento obrigatorio xeral.
Velaí que esta lei, no ámbito do vacinamento obrigatorio, non achegue nada novo. E bótase a faltar, como ten sinalado aqueladamente a profesora Alba Nogueira (USC) que non se aproveitase esta oportunidade para regular cuestións que si admitían unha inmediata regulación en sede de Dereito galego, como a obrigatoriedade do vacinamento para o acceso aos centros de día ou outros centros e actividades sociais, educativas, culturais e de lecer.
A montaña, pois, pariu un rato. No canto de atendermos ao reforzamento do sistema público de saúde e ás responsabilidades públicas pomos o foco na restrición das actitudes persoais, na represión das liberdades. E, con todo este balbordo para nada práctico, estamos a afortalar os anticientíficos e negacionistas.