Ensino centralista e elitista

Patente a súa falla de ideas e incapacidade no eido da economía, o Goberno do Estado tenta substituílas contentando no político os sectores máis extremistas do seu electorado. Velaí as súas iniciativas sobre Poder Xudicial, aborto, réxime local e, agora, o proxecto de lei de modernización da calidade educativa (Lomce) do ministro José Ignacio Wert.
A proposta, máis ca modernizar ou incrementar a calidade do ensino, está pensada para elitizalo, investindo moitos menos recursos. Establecendo avaliacións (na primaria, fin da educación secundaria obrigatoria e remate do bacharelato) estrañas ás Administracións educativas autonómicas e afondando nos recortes orzamentarios ás bolsas e ao ensino en xeral, elitizará progresivamente o ensino superior, derivando os estudantes dos segmentos populares e das clases medias a outros itinerarios que impedirán toda promoción social.
Neste senso, o proxecto é moito menos incluínte e cohesionante socialmente cá Lei Villar Palasí do ano 1970 e, xa que logo, lembra a normativa do franquismo, reflectida tamén no cómputo da relixión para efectos de avaliación do aproveitamento na concesión das bolsas.
O outro vector que nos retrotrae ás épocas predemocráticas é a recentralización do ensino ou “españolización”, como dixeron explícitamente Wert e implícitamente María Dolores de Cospedal.
Seica o Estado non ten para bolsas nin para reformar a Formación Profesional (FP), mais terá para lle pagar os colexios privados aos que queiran estudar en castelán (fará o mesmo coas familias que queren unha praza de ensino infantil en galego?). E definirá contidos comúns nas materias troncais (50 por cento do horario lectivo), reducindo a marxe da Xunta para estruturar os seus contidos educativos.
A educación ten que garantir curricula compatíbeis no espazo europeo. Mais no pacto constitucional e estatutario de 1978-1981, definiuse como materia basicamente de competencia galega, catalá e vasca sen prexuízo da garantía dos dereitos fundamentais e do seu financiamento público.
Velaí o acerto da definición da consellera catalá de Ensino, Irene Rigau (CiU): “o proxecto é predemocrático e inexecutábel”.